Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

16.10.17

dous coles, dous estilos

O insti deste ano está no meu concello. Viva! O que cambia a vida non tendo que viaxar 2 h diarias para ir ao traballo, xa vas con outro ánimo.
Este novo insti gústame por moitas cousas, por moitas, a verdade, pero a máis importante é o lema que impera: todos e todas temos o dereito a ser felices, a estar ben no centro no que pasamos tantas horas.
Existe responsabilidade (co traballo a todos os niveis, fundamentalmente), seriedade (á hora das prioridades) e respecto (en todas as direccións). A acción titorial é de poñer unha alfombra vermella. O equipo directivo ten toda a miña admiración nese labor tan ingrato e que non moita xente é quen de afrontar. E o traballo de orientación é exemplar. Orientación é un faro. De verdade.
E o alumnado, diverso, vario, coma en calquera outro centro, sente que non pode ser opresor, nin tampouco ser oprimido.
Inténtase traballar a diversidade desde múltiples frontes, para que non se descolgue ninguén dese dereito á educación de calidade. E iso para min é honesto, porque os resultados sempre son positivos, porque hai equidade.

O meu outro cole é o das nenas. Tamén está no meu concello. E é ese cole no que non acabamos de encaixar. Nin nós nin elas. Ese que me quita máis o sono.Pero é o que hai. Supoño que o exceso de todo nalgún momento conduciu a que se coutase todo neste momento:
-non pasemos da porta
-non entremos a acompañar nunca
-depositemos as crianzas a 200 metros da porta
-non fagamos nin o menor xesto por nada
-comunicación só presencial, con cita previa e un mes de antelación

Supoñamos que foi iso. Que nalgún momento alguén abusou e agora estamos pagándoo...

O meu insti é o que desexo para todos os rapaces e rapazas do mundo, aquel no que ninguén é infeliz se está da man dos adultos que os rodean que non sexa así.