Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

1.1.17

Revisando os danos e a polo 2017

Un sempre quere que veña o mellor, que haxa un cambio, un disparo de neve...
Pero a verdade é que iso non adoita suceder, case sempre todo é continuidade de inercias, de rutinas e de vicios.
O ano que foi tróuxonos de todo. Bo, malo e pichí-pichá, como din as miúdas.
Rir, rin moito e moitas veces.
Chorar só máis ben pouco ou apenas nada. Porque me fixen menos chorona e tamén porque a resilencia cada vez acompaña máis. Ao final, os problemas do primeiro mundo vanse relativizando e só se chora cando algo doe moito de verdade.

Para o 2017 pido amencer tantos días (ou máis) ca este catro nunha cama. Porque esa caloriña que só se sente neses momentos entra por todos os poros e é algo así coma a verdadeira felicidade.

Eu intentarei non procrastinar e poñerlle máis ansia aínda para chegar con ben á meta. Pero non quero deixar nada importante polo camiño. Ás veces hai que ser consciente que a todo non se pode chegar, non pasa nada, hai que recoñecer as limitacións con humildade e boa disposición.

E quero ler, ler, ler e volver ter a mesa de noite con moreas de novelas comezadas.

Agora mesmo, volvendo revisar a Doris Lessing. Despois deste nadal así daquela maneira batín hai uns momentos co parágrafo que di exactamente o que me viña dicindo de volta no coche a min mesma:

Esiximos demasiado. Rexeitamos sempre comportarnos segundo as regras. Por que, daquela, nos alarmamos cando o mundo non nos trata conforme a elas? Iso é o que acontece.

E si. Se é que hai consecuencias, hai que aceptalas.

Que vostedes teñan fortaleza para asumir as consecuencias das súas opcións. A madureza é un estadio que eu nunca dou alcanzado de todo, talvez este sexa o ano de esforzarse por iso.

Que a vida lles depare risas e calor, ao final, o amor é o que move o mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...