Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

28.1.17

A paz no mundo e o galego

Ultimamente moita xente coméntame que lles sorprende ver como as pequenas aínda continúan "resistindo" falando o galego cos iguais na escola. Non sei o que pode durar, talvez un tempiño máis, non son moi optimista, mal que me pese.
Desde que comezamos o trimestre non fago máis que recibir pais/nais que veñen xustificar os seus rebentos ante o tema "de lo del gallego".
Suspender calquera outra materia xustifícano (si, é unha triste realidade, xa recibo a diario pais/nais que xustifican ata o inxustificable coas máis rocambolescas escusas que xamais pensei escoitar), pois iso, calquera outra xustifícase co: le cuesta mucho, es muy difícil, no tiene buena base, está perdido/a, no es capaz de esquematizar, no se organiza, no tiene tiempo, tiene muchas actividades que le exigen... Pero o tema da lingua é fariña doutra muiñada, non de lingua castelá, claro, esa está ben aprendela para non ser un ignorante e expresarse ben (non falemos de inglés, que vai ser a salvación do mundo), pero é que a outra...
Ao comezo do curso sempre vou moi mentalizada para estas ocasións, sei que a miña materia vai moito máis alá do que van as demais, porque teño que "xustificala". É así. Teño que xustificala a todas as horas do día. Esgótame xustificala tanto. En serio.
Pois moitos pais/nais obríganme a xustificala. Sempre me visitan con trampa. Comezan cos seus argumentos, pídenme ver os traballos (menos mal que son a raíña da documentación, das probas variadas, das axendas electrónicas, das aulas virtuais, das pescas e das repescas, da comprensión e da expresión escrita e oral, o positivismo e a bondade coas avaliacións elevada ao súmmum...).
Entón sempre me convenzo de que o racional se ten que impoñer, veo calquera, calquera ve que a calidade do que non chega aos mínimos é terriblemente escasa, móstrolles incluso eses mínimos, esas actividades adaptadas ás circunstancias, ábrolles ata o meu corazón de abnegada docente...
Pero nada, sempre sae a mesma tipoloxía de prexuízo camuflada nun discurso que xa sei de memoria. E eu, escoito, poño cara de circunstancias, vólvolle explicar a LOMCE, vólvolle sinalar como traballamos a competencia lingüística de maneira organizada, colaborativa entre as diferentes materias, o enfoque comunicativo, vólvolle insistir nos obxectivos, nas dinámicas de grupo.
E si. Moitos recoñecen que lles gusta o traballo que facemos, pero es que...
Es que...
Es que...
...el gallego, la verdad, siempre lo vimos inútil y al niño/a no le hace falta para la vida, por eso si pudieras ser un poco más flexible. Porque es una pena que un/a niño/a que saca tan buenas notas, tenga ese feo en el medio.

chis pum parabí chis pum

E iso non unha, nin dúas, nin tres...

E entón teño que concienciarme que o rapaz ou a rapaza trae na mochila, á parte de todo o material que carrexa, tamén un peso moito máis pesado, un que lle impide ver máis alá, un que non lle deixa apreciar que 1+1 son 2 en todos os casos, e que calquera coñecemento é positivo.
Dáme mágoa pensar que moitos dos meus alumnos e alumnas non melloran as súas destrezas lingüísticas non porque non poidan, senón porque non queren ou non lles deixan querer.
Os máis grandiños ven con bos ollos a lusofonía, entenden os artigos que lemos sobre as bondades do bilingüismo, ata os resultados de PISA nas comunidades con dúas linguas xogan ao noso favor na aula!, pero os pequenos son o espelliño das súas casas...
Nas titorías cos adultos dáme carraxe ter que explicar que se llelo enzoufan, veñen con el enzoufado e nada novo se pode reflectir nel. A min dálles igual "defraudarme", aos seus pais e nais non, a eles si que non os queren defraudar.

Pais e nais do mundo, gardade os vosos prexuízos para vós, que xa é un mal bastante penoso, non llelo contaxiedes aos rebentos, só lixades a sociedade con eles e impedides que medren. Dígovolo sen acritude ningunha, só pola miña humilde experiencia.

Teño rapaces e rapazas na aula absolutamente marabillosos, cun potencial tremendo para que cheguen a onde queiran na vida, e ás veces cuns discursos (e non falo só da lingua, senón doutras actitudes, porque normalente un prexuízo chama por outro e enchen un saco) que dan algo de carraxe.

Eu quero facer ben o meu traballo, poño todo o meu empeño nel. E bótolle as horas que ninguén imaxinaría, para que cada día sexa un reto para todos eles, un gran máis facendo o seu celeiro para pasar a vida... Así que non me mandedes os ratos mentres o estou enchendo. Non é por me facer un favor a min, é por facérllelo a eles, que son o futuro de todos nós.

E non se trata dunha nota numérica, a nota é o de menos, asegúrovolo.

Así que cando chego á casa despois de romper moito a cabeza, recollo as pequenas e danme os traballos que estiveron facendo para o día da paz na escola.

E xa me dan a solución. O seu lema é unha mestura do que me escoitan falar na casa, do orgullo que sinto porque intentamos que valoren cada unha das aprendizaxes que calquera persoa que se cruza nas súas vidas con boa vontade ten a ben transmitirlles. As que nos gustan máis e ata as que nos gustan menos. Porque o seu camiño é seu, só seu, e nós debemos acompañar para que nos sintan preto, pero non facerlles arrastrar as nosas pedras atadas cunha corda.
E de verdade que o intentamos. 

Polo momento, o estado de paz para unha delas é aquel no que ninguén sente que a lingua sexa un motivo de disputa.

Déixovolo aquí. Porque un sentimento tan positivo non podía quedar esquecido nun cartafol.





Ningún comentario:

Publicar un comentario

Como as entradas están escritas desde o respecto, agradécese que os comentarios tamén o sexan...