Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

29.12.16

A que ando...?

Pois ando a mil cousas, para variar, claro que si.
Este curso está sendo totalmente diferente do anterior, por varias razóns, non é nin mellor nin peor, pero si ben diferente.
Para comezar, durmo e xanto na casa (á hora da merenda, pero vaia), e iso xa é unha tranquilidade, aínda que teña que exercer de automobilista forzada parte da miña xornada laboral.
O alumnado é moi diferente, son rapaces da cidade, castelanfalantes en todos os ámbitos e circunstancias, en moitos casos con bastante prexuízo, noutros sen prexuízo pero con moitas dificultades para as destrezas básicas da lingua, pero, por outra banda, son rapaces que manexan as tecnoloxías, teñen moita cultura xeral, case todos están preocupados pola súa formación e implícanse nela.
Así que refacemos os esquemas, reformulamos os obxectivos, cociñamos coa LOMCE unha estratexia decente para todos e dándolle duro.
Recoñezo que os pequenos de primeiro este ano son a miña gran felicidade, porque me seguen en todas as miñas propostas. Sempre van máis alá das miñas expectativas, sorprendéndome co moito que se implican en todo canto se me ocorre propoñerlles. Son entusiastas e apaixonados, algo que xa pensei non ver máis ca en fabas contadas.
En canto ás relacións, este ano xa non se dan as circunstancias do anterior, así que paso máis tempo traballando ao meu, non teño tanta ansia por socializar. Ía dicir que estaba mantendo o perfil baixo, pero iso en min, xa só polo ton de voz de gaita que gasto, é difícil ou imposible. Así que tenteando aínda o terreo e ensarillándome tamén un pouco, non podo mudar así do día para a noite, o ensarille ten que saír por algures.

As nenas volveron ao seu cole. Estou descontenta. Profundamente descontenta. Por todo en xeral. E oxalá as circunstancias nos tivesen obrigado a envialas a un cole menos masificado. Eliximos este por ser o próximo, o dos veciños e veciñas, e cada día que veñen con historias para non durmir del voume envolvendo máis e máis na caca de decisión que tomamos matriculándoas nel.

A súa rutina redúcese a facer cola para entrar. Entrar. Traballar nas materias a partir de libros de texto. Saír ao recreo. Entrar. Seguir traballando. Saír.

A cuestión da lingua galega é para ir mexar e non botar gota. Iso é un feito. Se teñen un plan de normalización queda na cartelería que hai polos corredores. Non hai outra implementación del.

E doutras cousas xa non vou falar, pero parece que se conxurasen os deuses para xuntar a fame e mais a gana de comer da docencia aí dentro. En fin.

Ao final nin considerei o do preparador nin teño ansia por preparar.  As oposicións, se asoman, colleranme entre a impotencia de ver un sistema que me expulsa cuns exames de "chapatoria" absurdos e a mala conciencia de saber que en ningún momento debín baixar a garda. Creo que no fondo do meu corazón xa asumín que mentres o sistema non pase por avaliarme o meu traballo na aula e me avalíe a miña capacidade de tirarlle o po a uns apuntamentos xa esquecidos vou ser a eterna interina ou substituta, no peor dos casos. Iso si, creo que vou estudar maxisterio, polo si ou polo non, penso que o meu espírito vai máis acorde coa docencia en niveis máis baixos, penso que eu podería facelo mellor e que iso sería bo para todos. Iso si, íase acabar o puto reggeatón nos festivais dos centros polos que pasase.

Ais, acaba o ano e o meu blog desatendido pasa polas súas horas baixas. Creo que para o ano que vén voulle remozar a cara, cambiar de temática e todo. O descoido non é só desidia, é que a miña listaxe de tarefas calquera día bota mans e arréame unha losqueada. O de procrastinar dáseme de carallo e medio.

Hoxe está un dos rebentos pochiña. Houbo que botar o freo ás ceas, comidas e quedadas variadas. A min se hai algo que me guste para poñerlle o ramo ao ano é ver a xente que me presta. E botar con ela un conto. E, ao final, saber que non estás soa cos teus pensamentos, que hai moito quen pensa de maneira semellante.

Este 2016 saíu así daquela maneira en moitos planos, confiemos que no que entra, polo menos, arredemos de cousa mala. O resto irémolo xestionando como se poida.

Un bico a tod@s, espero poder estar para vós cando me precisedes.

24.8.16

Realidade versus realidade

Agosto toca fin. Xa sei, estou ata a rabiza do tema de que por fin se nos acaban as vacacións aos que nos dedicamos á docencia (canto boto a faltar os memes con cara de noxo na vida real). Non vou expoñer aquí un alegato a favor do corpo docente. Quen non o quere entender, non o entende.
Só digo que nesta vida, nada é regalado.
Vou aforrar tempo en todo o demais, outro día con máis gana explico aquí a parte que esa xente non ve ou non quere ver.
O caso é que ao final pillamos as tres mulleriñas da casa algo que aínda non sabemos o que é. Empezou como tose, arrefriado de verán, farinxite, larinxite... e seguimos probando tratamentos porque non hai xeito de sacalo de enriba.
Así que non acampamos, por non saber se iría a peor, ou se a noite se faría máis longa fóra da casa e quedando sen respiración a cadora.
Así que non descansei nin durmín ben. Obxectivo 1 sen cumprir

Ademais, enfangueime cun choio que pensaba que me levaría pouco e ao final faime facer xornadas laborais bastante intensas. Tiña moita máis "chicha" da que prevía e estame levando moito do tempo que ía dedicar a ler.
Así que non lin por pracer todo o que teño na cola. Obxectivo 2 sen cumprir

Non vou esquecer que coa lectura ía acompañada unha boa hamaca á sombriña no noso futuro lugar de felicidade. Ao final o lugar de felicidade segue sendo as mesmas pedras estragadas e cheas de humidade e a mesma tella con amianto. Nada que ver coas fotos de Pinterest que xa proxectara sobre el.
Obxectivo 3 sen cumprir

Tampouco me deu moito tempo de quedar con ninguén. Tal como está o tema tose, non vou embarcarlle as churumbelas a ninguén por aí. Xa dabondo teñen. Tampouco eu estou con moita gana.
Obxectivo 4 sen cumprir

O meu firme propósito de ser boezinha por riba de todo estame custando un carallo cumprilo. Eu son rabuda por natureza, inda que me empeñe non selo. As cousas que me fan mal vénseme na cara e tería que facer un intensivo de teatro para que non se me notasen. Hai xente que non merece que a queira, aínda que vexa que xa dabonda penitencia están carrexando con ser como son e co que lles pasa na vida. Ais. Este obxectivo non sei se continuar intentándoo ou riscalo da lista, que total, ao final as que se queiman son as miñas enerxías e xa unha vai sendo señora maior...

Inda con todo, a realidade anódina déixame conversas marabillosas con xente estupenda, ver como van razoando as churumbelas, con todas as súas ocorrencias, os meus sobriños coa vida toda por diante e con tanta enerxía desde a mañá á noite, os amigos que van asomando de cando en cando por diferentes vías e pequeniñas cousas que te fan sentir viva e con  ganas de vivir.

E os obxectivos, os que se poida, ímolos procrastinando... Que o inverno é longo e tampouco é apuntar tan alto.

Iso si. Creo que vou tentar o das opos. Así que se algún preparador me le e me quere guiar... Acepto propostas de bo grao. Prometo non procrastinar.

8.8.16

Provisionalmente provisional aprovisionémonos!!

Xa temos destino provisional, a ver se con sorte non piora e este curso durmimos na casiña todas as noites, bra-va!!!!
Teño o blog moi descoidado, seino, e moitas outras cousas tamén, comecemos polo propio pelo que medra polo corpo (cabeza, tronco e extremidades) e acabemos por moitas outras cousas que nin nomeo porque me dá o arreghicho.
Síntoo moito xentiña do mundo, son unha prosma de baixón. As forzas que me acompañaron para moitas outras frontes abandonáronme coma un cadáver a mercé dos preeiros que me veñan furar a barriga.
Pasan os días e o inmobilismo aquí me ten presiña, empalmando un día con outro sen outro horizonte que vivir, que xa dabondo é.
Xa sabedes que me pasaron moitas cousiñas do nososiñor nestes últimos tempos e que en fin, iso tiña que pasar a factura nalgún momento.
Estou facendo exame de conciencia para poñerme a andar e no que resta de vacacións dar máis mostras de que non me aparasitei definitivamente.
As pequerrechas están feitas dous conguitos, todo o día na praia e na auga. Iso si, contaxiáronse do meu tuzarismo, agora xa nin saúdan a xente pola rúa. Estamos nunha batalla que imos perdendo. Canto máis nos amola, máis o fan. Xa non queren falar por teléfono, saír en vídeos, saír en fotos, dialogar con alguén que non sexa do seu estrito interese... Dúas terroristas sociais é o que son ultimamente. E nós teremos que roelo. É o que hai.

E pouco máis que contar. Facendo as contas da vella para o curso que inicia, intentando malabares coas circunstancias de que probablemente non teñan bus escolar e con total seguridade non teñamos comedor, unha delas entrou na escola de música, a outra non... E así todo :____________
Problemas do primeiro mundo, como di o outro. Que se o pensas, dá vergoña contalo.

Un bico a tod@s, oxalá o verán vos estea proporcionando bos momentos. Lembrade que se vos volvedes zulús, non manquedes a ninguén polo camiño, ou, polo menos, poñédelle remedio en canto teñades a ocasión.

16.7.16

Resurrection Fest

E fun ó Resurrection. Non son eu fan do hardcore, pero moitas veces cando saio das aulas teño que poñer o volume a tope e ir tronando a tope.
As estrelas eran os Iron Maiden, pero eu en realidade fun por Offspring. Quen me ía dicir a min nos 90, cando era tan seguidora deles, que vinte anos despois os vería nun festival. Paseino ben, lóxico, foi un dejá vu en toda regra, agora... velos vestidiños tal cal hai vinte anos foi como un pouco de guasa, as cousas como son.
O meu ránking queda así:
1. Bad Religion, moi dignos e xeniais, había como millóns de anos que non os escoitaba e gustoume moito.
2. Offspring por divertido o concerto, pouco máis.
3. Volbeat, para min a gran revelación. Xa son fan deste grupo, gustoume moitísimo o seu directo e agora non deixo de poñelos na casa.
4. Iron Maiden. Si, o espectáculo ben, e cantaron algunhas das míticas, pero creo que debían algo máis. Había alí un lote de incondicionais que, facendo un concerto máis revival ían mexar por eles, debíanllo ao público un pouco pero vaia...

O resto tamén o pasei un pouco cos tapóns postos nos oídos e oíndoos desde a praia, que me chegaba ben. Xa son unha señora, estes festivais e durmir na furgalla xa me rebenta o corpo. Iso si, leveino con máis dignidade da que esperaba :D

Déixovos unha ligazón, para os que gostedes:


15.7.16

Facendo sombreiros de papel con fado de Ana Moura de fondo...

Miña nai educounos a golpe de Juan Pardo, Rocío Jurado, Isabel Pantoja e Julio Iglesias... dous fillos saíronlle fans de Combo Dominicano, outras dúas non seguiron esa esteira.
Inda con todo, moito xogo dei eu nos karaokes, coa miña voz de galiña choca pero sabendo a letra da primeira á última.
Así que cando teño as nenas pola casa ao meu arredor, sempre procuro poñer música variada e diferente que lles poida gustar.
Agora mesmo temos unha chea de revistas vellas abertas, e estamos facendo gorros e barcos de papel... Ben, eu fago e elas pegan gomets e desfán un pouco o choio...
Onte merquei parte dos seus libros de texto do ano que vén... Teñen elas máis libros en primeiro de primaria ca a miña titoría de 1º de ESO, que só tiñan 3... Aquí ímonos a 8...
Vaia, pasamos dunha unitaria en que aprendían a bailar, cantar, relacionarse e traballar por proxectos que eles mesmos ían construíndo a 8 libros de texto, bravo polo cambio!!! (é ironía, claro), iso que eu aprecio e valoro o traballo (moitas veces excelente) que hai detrás dun libro de texto.
E sei que os cartos que custan están en boa parte xustificados (o resto é para manter a industria, o que tamén é lexítimo), hai moitos autores, correctores, editores, ilustradores, deseñadores, tradutores, etc., que poñen o seu labor diario para facer un material xeitoso e ben pensado.
Iso si, tamén me encantan os macarróns ao forno e miña nai inviste horas en cociñalos e non os comería 5 veces ao día 7 días á semana... Enténdeseme, non?
Sei que a LOMCE é un despropósito. Sei da terrible ratio nas aulas de primaria (e nas de infantil, e nas de secundaria!), sei do precario traballo en cadros de persoal que se moven de curso para curso... Ben sei de todo iso e por iso non digo nada, que a sorte nos acompañe.
O meu disgusto é co despropósito de educación que se preconiza desde a administración. É así.
Estes dous pelouros que non saben ler, escribir e que debuxan coellos que parecen churros e persoas que parecen alieníxenas mirándose a espellos da risa... E agora vexo ese tocho de libros que deben pesar 4 quilos e as horas que se supón que van investir sentadiñas facéndoos e cáeme a alma aos pés.
Roubámoslles a infancia, apurámoslles contidos que teñen moooooito tempo de adquirir e que non son significativos aínda para eles...
En fin. Ao que ía. Mentres fago gorros de papel e barquiños adornados, poñemos de fondo un pouquiño de Deolinda. Non vou poder ir ao concerto, así que cantamos na casa. E elas pregúntanme, mami, estes cantan que parece ás veces galego e ás veces inglés :D :D :D, en que cantan? E falamos de mil cousas e despois póñolles pequenas peciñas que adoro... para ir creando o pouso. E ao resto, sobreviviremos.


12.7.16

O demo aínda anda por aquí...

Canto hai que non nos vemos,
máis hai que non nos falamos.
Xa o camiño bota herba
por onde nós paseabamos...

Supoño que logo de tanto tempo sen escribir pasaron tantas cousas que todo parece un pouco sen sentido. Veño de saber do pasamento de Fernández Paz e iso encheume dunha tristura inexplicable, coma a de perder un amigo co que, polo si ou polo non, hai mil anos que non falas, pero que descobres que tiña un sitio no teu corazón máis grande ou máis fondo do que imaxinaras.
Non o coñecía persoalmente, e só intercambiaramos unhas palabras e uns pareceres grazas a este marabilloso mundo dixital que che permite interaccionar cun escritor que sempre citaches, recomendaches e do que gostaches... A vida é así. Marabillosa, por veces estraña e tamén ruín en ocasións.
Consólame saber que sei de certo que se sentía querido por tanta xente que por forza tiña que ser feliz, e iso non é algo que poida sentir calquera persoa. Agustín foi un exemplo de integridade e de amor pola lingua, sentiremos a súa falta.

Por outra parte, rematou o curso, abandonamos o Baixo Miño e alí deixamos amigos, experiencias e momentos que levaremos os catro no corazón. Algunhas fotos que agora revexo das nenas cos seus amigos son para morrer de amor. Tamén levarei a cada un dos meus titorandos na miña memoria. Obrigáronme a avaliar a vida desde 21 perspectivas diferentes cada día. E aínda que foi un esgotamento mental, ao final pagou a pena. Fixéronme medrar máis do que eles imaxinan. Oxalá as súas vidas poidan transcorrer felices e tranquilas, porque todos e todas son diamantes en bruto e poderán chegar onde queiran se conseguen esforzarse por alcanzalo.
Tamén levarei os meus compañeiros nunha axendiña. Aprendín moito de todos eles, compartín moitas preocupacións e, neste ano tan raro e tan lonxe dos meus, fixéronse da miña familia sen pensalo dúas veces.
Foi un marabilloso lugar ao que non quería ir, pero do que me custou partir.

Nesta incerta vida que nos ocupa aos docentes mochileiros, a ver onde nos leva o destino o curso que vén...

De resto... un pouco de todo. Cousas mellores e cousas máis complicadas e difíciles. Como lle contaba a unha compañeira que hai moito que non vexo, é mellor falarmos un día con tempo, a vida dáche algo cada día, ás veces mellor e ás veces peor, pero sempre algo.

Iso si, o esforzo coas linguas pagou a pena. Rematei todos os cursos que comecei, aprobei 5º EOI con boas notas, saquei o B2 por libre e incluso o C1 de lingua. Teño que dicir que tirei mellores cualificacións en portugués ca en galego. Seica non o comprendo moi ben... Sen ánimo de nada, queridos e queridas da EOI de lingua galega... por este camiño só colleitades "odiadores" da lingua, é inexplicable que galegofalantes, licenciados en filoloxía incluso, tradutores, profesores de lingua, etc., consigan certificar en linguas estranxeiras e se dean por vencidos co galego... un pouco de cordura... Nin pasalas todas, nin poñer uns exames tan encerellados que saias deles pensando que calquera das respostas que non sinalaches tamén poderían estar ben... É a miña humilde opinión. Igual ca os sistemas de oposición, tamén cumpría revisar os sistemas de avaliación para certificar as linguas.

E agora o verán por diante. Así. Sen horarios pero con moito por facer. Isto nunca para. Aínda que a auga baixe amodiño, a pedra de moer aí segue.
Como obxectivo, só vivir. E atopar a felicidade no cativo e no cotián. Que diso se trata...

20.3.16

Corzinha de Verão

Chegam as férias... e o tempo xa vedes como se nos puxo... Se ao final, os días de descanso non están para plans humildes. Total... había tanto que facer que pasear pola praia era apuntar moi alto, non é?
Pois isto é o que me inspira, gocen vostedes de Deolinda, acho que que vaia un tempo do diaño é o menos malo que lle está pasando á humanidade.
Como diría Mafalda, que se pare o mundo, que eu báixome...


9.2.16

O melhor...

Estes días que supostamente son de descanso, ao final, acabas multiplicándote por mil intentando facelo todo.
A todo non chego. É un feito.
Fago o que podo e, polo si ou polo non, intento priorizar.
Este curso estame servindo para moito, pero sobre todo, para decatarme que tamén é importante dicir NON. E que non pasa nada por non chegar a todos os cornechos. Intentar chegar moitas veces só supón un desgaste persoal que por riba tes que disimular, case sempre.

Continúo sen tempo para ordenar todo canto teño e quero dicir. Aínda que digo máis non ca nunca, sigo con múltiples frontes e tarefas abertas. :D supoño que é un proceso que ten que facerse moi pouco a pouco.

Así que, a falta de cousiñas boas que dicir, que xa hai moito por aí quen fale e fale ben, deixo unha cancionciña. Na miña teima por primorar o meu portugués (o termo está tirado dun curso que acabo de comezar e que me dá que me vai resultar moi xeitoso), xa só se escoita música do Miño para abaixo nesta casa. A ver se así afacemos o oído todos nós.

Que vostedes gocen dela... Deixo a letra por se tamén queren practicar...



31.1.16

COISAS DA NOVA VIDA

Cando tempo vai que non paso por aquí, e é que moito mudou desde a última vez.
Agora andamos por terras do Baixo Miño, en resumo, quitando o negativo de estar a tantos quilómetros da casa e de ter que seguir custeándoa, que xa é bastante, o resto todo é bo ou moi bo.
O novo traballo tróuxome moitas cousiñas, algunhas boas, algunhas moi boas e outras algo máis regulares, pero estas acaban sendo as que che fornecen de máis aprendizaxe, quizais.
Os meus novos compañeiros e compañeiras son para querelos a todos xuntos nun cesto. Non son a única fóra da súa zona de conforto, así que atopei unhas cantas persoas coas que falar, pasear, dialogar, aprender, saír, trazar... Cada unha, ao seu xeito, estame ensinando unha boa parte do que me queda por aprender, e por roer, nesta precaria vida que nos toca levar.
O próximo que me diga que os profes viven realmente moi ben vai sufrir a miña ira si ou si, por antipático!
Traballo moito, moito, pero con moito gusto, a verdade, é unha experiencia á que non lle ves os froitos a curto prazo, pero si a longo prazo, e eses froitos existen, de verdade que existen.
Polo de pronto, mediado o segundo trimestre, xa teño uns cantos neofalantes conscientes que van usando o galego cada vez en máis ámbitos da súa vida, e xa os teño traballando en proxectiños que non podo divulgar pero que, como diría o rei, me enchen de orgullo e satisfacción.
Polo demais, estudando portugués, aínda que apenas vou ás aulas e non avanzo como desexaría, xa contactei cunha moza coa que vou comezar a quedar, para darlle un pulo a isto.
Pensei que o portugués me rodearía moito máis, pero ao final, os poucos que viven a este lado da raia, adoptan o castelán enseguida e non lles chista que lles pidas que falen contigo portugués, e cando atravesamos a raia para o outro lado, case sempre imos un grupo para pasalo ben e acabamos falando loxicamente entre nós.
Un desastre para a inmersión, pero unha alegría para o corpo.
E pouco máis que comentar. A unitaria das nenas é amor, están felices coma tres nun zapato, e iso é o verdadeiramente importante, que no cotián todos atopemos tranquilidade.
Déixovos unha foto das vistas. O paseo pola ecopista que vai pola beira do Miño non pode ser máis fermoso, o Baixo Miño ten lugares marabillosos para alegrar a vista.
Bicos a todos e a todas, intentarei comezar a actualizar máis frecuentemente, por falta de anécdotas non ha ser...