Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

25.11.15

O positivo, sempre

Estes días lin un libro que se titula Como é linda a puta da vida, de Miguel Esteves Cardoso.
Collino na biblioteca simplemente porque me gusta o autor, a súa axilidade nos artigos que leo de cando en cando en publico.pt.
Todos os artigos que reúne neste libro xiran arredor dun tópico, que é o seu sentimento fronte ao cancro que lle diagnostican e lle tratan á súa compañeira da vida.
O libro suscitoume unha mestura de sentimentos xa que, sen caer no sensacionalismo, consegue transmitir a frustración que se sente na vida cando che cae unha desas no camiño sen contar con ela. E todo o que parecía importante cae da punta da pirámide e refás todos os teus horizontes e todas as túas expectativas.
Ultimamente a percepción sobre o ensino tamén me está virando de arriba para abaixo. Estou moi involucrada lendo blogs, artigos, conferencias, vendo vídeos e proxectos docentes de persoas que levan anos traballando aspectos que van moi ao fondo en cuestións como a forma de relacionarse, as expectativas vitais, os conflitos en todas as súas versións, os prexuízos, o sentido crítico fronte ao que acontece ao noso arredor...
Cando tes pensado explicarlles algún contido e cos textos que usas descobres que máis dun rapaz ou dunha rapaza remexe na cadeira e acabas decatándote de que está mandándoche un sinal (ou un millóns deles se estás atenta), é algo para o que non te prepara ninguén en ningunha facultade.
Cada día penso máis en serio que nun futuro non moi afastado teño que poñer as pilas e estudar psicoloxía ou psicopedagoxía, ou algo que me proporcione as ferramentas que necesito cando non me chega só coa miña intuición ou experiencia e co meu sentido común.
Por iso me dá tanta carraxe cando me falan de reválidas que hai que pasar. Reválidas que me obrigan a obviar parte deses sinais, que non podo atender durante as miñas escasas horas e o meu numeroso alumnado, porque teño tanto por facer para chegar a uns mínimos que non permitan que no papel se me cualifique de mala docente que perdo o realmente importante.
Ás veces, cando leo ou escoito algún discurso sobre como debe ser a educación, ditado desde un despacho que non lles deixa ver a realidade, gustaríame que se erguesen comigo un luns e acabasen a semana coa cabeza tan chea coma min. Non sei por que non lles chama á atención que onde eles ven bosques, sen tan sequera biodiversidade, nós vemos árbores únicas, que dan froitos únicos, que medran nun terreo único e que terán unha traxectoria única.
A burocracia estupidiza a profesión, aínda que desde as altas instancias se considera que non. Non vou facer corporativismo, porque na docencia, coma en todas as ramas, hai xente máis e menos boa, mellor e peor comunicadora, máis ou menos implicado ou máis ou menos interesante, pero aínda me quedan por ver eses malos docentes que só pensan nas vacacións e que só tiran de libro de texto e clase maxistral, como tantas veces retratan a profesión. Alguén haberá, pero será a excepción, seguro.
Estes días estou traballando a violencia de xénero cos pequenos. Poñéndolles vídeos, mostrándolles lemas de carteis, iniciativas doutros centros, debatendo ideas... é marabilloso velos reflexionar e á vez dá vertixe ver como se recoñecen en certas situacións. Hoxe fun un paso máis ala, e puxen a curta titulada Convidados de pedra (https://www.youtube.com/watch?v=Lp7r2a7muEA), gañadora dun premio recente, que é marabillosa, e cando pitou o timbre, podíase cortar o aire cunha tesoira...
E mañá escribiranme a súa percepción nunha narración chea de faltas de ortografía, sen estruturar en parágrafos e coas ideas desorganizadas... pero co tempo iso poderei traballalo. O outro non... o outro é agora ou despois pode ser tarde... Non sei se a burocracia se decata diso...
Eu sempre positiva e en positivo, e despois coa lei e coas reválidas... xa veremos que é o que sucede.


17.11.15

Asi se pudesse nao cantar...

Estou namorada do portugués e quero falalo ben e liberarme do grande inimigo dunha lingua cando es filólogo... a propia vergoña de saber que o estás a facer mal. Iso de estar oíndote e ser consciente de que un erro vén atrás do outro...
Gostaría imenso falar bem... tenho de treinar e de ir a aulas e de manter conversas e de ler...
Oxalá o tempo me dese máis tempo... El será que no Natal terei vagar para canto me propoño?...
Non sei se alguén no mundo non coñece a Ana Moura, pero se fose así, ten que coñecela... non pode perderse unha xoia coma ela nesta inmensidade.
Gosto dela tanto, tanto, tanto...




7.11.15

Canto tempo sen pasar por aquí!

E a vida mudou e púxose do revés e patas para arriba e patas para abaixo... e como se adoita dicir, cando pecha unha porta, quizais se abra unha fiestra.
E así, pola miña ignorancia e mala praxe, vinme envolta nun destino que non contemplara nos meus plans, e en 24 horas tiña casa nova, cole novo, traballo novo e case vida nova, sen dar tempo a dicir ai!
Así que agora andamos polo sur, aproveitando o clima e a vida tranquila coa que non contabamos.
Os comezos, coma todos os comezos, un pouco difíciles, pero parece que todo se vaia asentando.
Mil veces teño a sensación de que lle faltan horas ao día e tempo ao tempo para poder facer todo. Mil veces ao día repítome que teño que esforzarme máis, traballar máis, ver as cousas con outra perspectiva ata que atope a fórmula que me permita "salvar" a todos e a todas os meus raparigos, e comprométome a facelo así, en canto xa todo se encarreire.
Eu non quería ser titora. Porque ao final implícome ata o infinito e non me conviña nestes tempos, pero tocoume, e iso faime levar doses de humildade intensas e acotío. A miña empatía ten que ir a máis por forza, iso é así.
Millóns de anécdotas que non son para contar nun blog, claro, pero coñecéndome xa as podedes imaxinar. Algunhas veces ríome tanto que me saen as bágoas. Teño claro que, por moi duros que parezan ao comezo os rapaces e as rapazas, son simpáticos e boa xente canto queren e máis. Gústame traballar con eles e aprender deles, aínda que ás veces me sinta saturada de tanta dispersión e tanta cabeza tola.
O cambio foi positivo, teño unha flor no cu, iso é un feito.
O cole das nenas é marabilloso e estupendo, unha unitaria rural, con poucos rapaces e cheo de mestres e mestras que os acariñan, os collen no brazo no recreo interminable mentres vaia bo tempo e lles dan todos os bicos que precisan. Tamén poden ir os bonecos cando a noite non foi boa ou se bota de menos a calor do que se deixou atrás. Apáñanse castañas, fanse festas e pódese ir disfrazado. Os pais e as nais agardámolos ao pé da porta da aula e falamos cos mestres a diario. Somos, sen querelo, case unha familia grande, unha tribo, educando os cativos.
Carmela axuda moito os pequenos de tres anos que acaban de entrar no cole. Axúdaos coa roupa e a recoller no sitio as cousas.
Icía bota de menos o traballo máis intenso, pero empezou a relacionarse moito mellor, está máis alegre e máis despreocupada ca nunca. Alí ninguén pega, ninguén é "mandón", ninguén vai máis guapo ou máis guapa, non hai princesas nin trangalladas da tele... non ten que medirse nin compararse con nada.
Este é o seu cole: http://cramestremanuelgarces.blogspot.com.es/
Para nós é o mundo que buscabamos para crialas. Paseamos na bici, imos ao monte facer camiñadas, aprendemos os nomes das plantas tocándoas coa man... o que debería ser normal e que non atoparamos...
Eu aproveito ser arraiana para (por fin!) practicar portugués, vou a aulas á EOI e cruzamos o río para confraternizar cos veciños, que teñen tanto que ofrecer (sen ser toallas a quilo...).
Por sorte, alí xa tiña xente que non fixo máis que acollerme con alegría, algo que agradezo profundamente, que me presentou outra xente estupenda e, desde logo, uns compañeiros e unhas compañeiras de traballo que me sorprenden para ben, totalmente. Tan profesionais e tan respectuosos, traballadores e implicados que non me queda máis que quitar o sombreiro ante eles e o seu labor.
E hoxe viñemos á casa, para un cumpreanos dun antigo compañeiro, e podíase ir disfrazados. Mentres a recua de princesas ía entrando na casa de bólas do cumpre, Carmela puxo unha braga na cabeza, porque era un coello ao que lle ían saír as orellas aínda, e Icía unha camiseta cunha carapucha de Frankenstein...
E a min o orgullo case me rebenta a caixa do peito! Nin fadas nin princesas...




26.8.15

A ruindade

Cando pensas que a ruindade humana xa non te pode sorprender máis, hai algo que che vén quitar a razón.
Poderiamos ser nós, os nosos pais e nais, os nosos avós e avoas, os nosos fillos e as nosas fillas...
Dáme noxo o mundo en que obrigamos a vivir a algunhas persoas. Dáme carraxe que se perdese a humanidade.

Foto: ROBERT ATANASOVSKI / AFP


O soño no soño

Sempre tiven a capacidade de lembrar case á perfección os soños que teño. Que son moitos e moi variados. Ás veces useinos para resolver temas pendentes, para repasar o estudado, para analizar algunhas cuestións con perspectiva, para proxectarme en situacións, para empatizar sentíndome na pel do outro... En xeral, é unha habelencia, ou unha capacidade ou calidade que me axudou en moitas circunstancias a tomar decisións ou a ter en conta outros puntos de vista que, doutro xeito, probablemente pasaría por alto.
Unha vez comentei isto cun psicólogo e díxome que aproveitase ese recurso, que non todo o mundo tiña. En realidade, tal como o vexo agora, é como ter dispoñibles oito ou nove horas de axenda sen interrupcións a maiores. Que, nos tempos que me corren, é estupendo.
Como contrapartida, ás veces os soños son tan reais, tan vívidos e tan cotiáns ou simples, que dou por feito que sucederon en realidade. Simplemente conversas, ou reunións con persoas, ou circunstancias tan normais que poden pasar por boas... Así que non poucas veces me atopo pensando se algo sucedeu en realidade ou se o soñei.
A primeira vez que asumín socialmente que a miña vida estaba dividida en dúas partes, provocou non poucos comentarios, aínda que ao final, mesmo houbo recoñecementos sobre a potencialidade de tal asunto.
Nos días previos á selectividade a verdade é que estaba eu neses procesos de namoramentos que me tiñan sempre no aire. Co tempo, facéndome lectora ávida, descubrín que moitas veces a realidade é tan cativa e tan ruín, que se poñen en marcha mecanismos de ficción que che fan a cousa máis boa de levar. Pois nesas andaba eu, namorada da vida en xeral e dalgunhas persoas en particular e con pouca gana de dedicarlle as horas do día ao que realmente tiña que facer.
Así que, para non descoidar o asunto, co sol papaba moscas e coa noite afanábame no temario, pero o ritmo non era fácil de levar. Así que cando adormecía, xa de madrugada, tiña soños que me colaboraban, sobre todo de temática histórica, que era o meu talón de aquiles e o que máis me preocupaba daquela.
Así, descubrinme inmersa na primeira revolución industrial e tamén na segunda, participei nunha cadea de montaxe, traballei arreo para conspirar cos luditas, tirei máquinas abaixo, puxen a andar un ferrocarril, un barco de vapor, incorporeime ao mercado laboral, vivín os abusos de traballar no sector primario, padecín o crac do 29... e así noite tras noite, mesturando ideas, conceptos e vidas que vivía non sendo miñas, pero que me axudaban a periodizar e a interiorizar conceptos que precisaba reter.
Ese día en que o compartín, algo antes de entrar ao exame de historia, o profesor que nos acompañaba dubidou se me pasara cos cafés, coas horas de estudo ou realmente estaba algo pirada. Prométovos que os soños eran tan realistas e tan ben recreados que podería facerme guionistadunha serie ambientada en calquera período da historia moderna naquel mesmo momento.
Esta estraña rareza tamén me impulsou a ser consumidora ávida de series, documentais, filmes e novelas de variado nivel, temática e autorías. Porque non quería quedar sen recursos á hora de soñar. Soñar abriume un mundo marabilloso, porque non só era capaz de lembralo todo, de visualizarme participando, senón que tiña certo poder de conducir os feitos por onde quería e mesmo de secuencialos. Nalgunhas épocas as noites convertíanse en auténticas series de ficción e no punto en que remataba unha acción unha noite, continuaba a seguinte. Isto é serio e en serio.
Pero nestes últimos tempos, co meu exceso de todo, sobre todo de preocupación e estrés, deixei de recordar os meus soños. Só volvín soñar estando enferma de gripe, e o soño tornábase pesadelo, porque nel intentaba resolver o que tiña pendente, liquidar a axenda. Repasaba currículo, cotexaba actividades, cadraba pregos, contaba páxinas, resolvía actividades, consideraba imaxes, escribía correos, xustificaba opcións, estudaba temas... e todo se tornaba un eterno retorno porque nada quedaba resolto, así que o soño non era soño, era pesadelo e cheguei a confesarlle á médica que me estaba emparanoiando moi intensamente, así que só podía atribuírse á medicación que me subministraban. Ao final si, algo tiñan que me viraba o sentido nocturno de mala maneira, non compensaba o ben que me facían polo mal que me sentía. Así que me rebaixou a medicación e a enfermidade prolongouse no tempo.

E volvín perdelo de novo. Ata agora. Estes días de vacacións, daquela maneira, volvo soñar. Durmo tantas horas e tan a pracer que volvo soñar. E soño coma sempre. De todo.
Esta noite soñei algo que non recordo ter soñado nunca, o soño dentro do soño. Soñei que durmía na praia e mentres o mundo ao meu arredor seguía bulindo e unha historia continuaba desenvolvéndose. Chegaba a noite e eu seguía alí, soñando e, ao tempo que recreaba unha historia no soño, a historia ao meu redor mentres durmía seguía decorrendo e vida continuaba sucendendo. Un soño dentro doutro soño. 
A miña técnica ensoñadora vaise perfeccionando por momentos.
E o soño dentro do soño tróuxome unha persoa que quixen moito, moitísimo e que admirei durante moito tempo por moitas razóns. O caso é que nos tocaba compartir cuarto e en canto puidemos abrazámonos e choramos durante moitos minutos, supoño que cadaquén choraba polas súas contas pendentes, polos seus asuntos sen resolver e quizais sen ter conexión ningunha coa realidade que percibiamos unha sobre a outra. E adormecemos así. Adormecín no soño soñado na praia mentres durmía pechando un ciclo que non podo pechar na vida real por moitas circunstancias, entre outras, polas formas que sempre se deben gardar.

Ao final espertei na praia. Espertei na cama. E pensei no soño. Quizais desta volta non me axudou a nada, só a confirmar o que sabía. Que hai persoas que me custa deixar atrás, perdelas despois de querelas tanto, pero ao final... a vida é así, e supoño que hai decepcións que doe demasiado perdoar na vida real, inda que nos soños eslúan nunha longuísima aperta.

18.7.15

I will survive

Non sei por onde escoaron estes primeiros días de xullo... pffffff... váiseme o tempo que é moito.
Dos poucos propósitos que tiña apenas cumprín ningún.
Sigo tendo pendente quedar con vagar cos amigos antes de que cadaquén colla o seu camiño no tempo das vacacións. Desta semana que entra non vou deixar que pase, poño a furrular a maquinaria en canto poida. Non se pode empezar as vacacións sen botarlle, polo menos, unha tarde de contos coa xente que queres.
Festival... estame pasando por diante o Resurrection, Ortigueira (por que non?... en fin, xa sei por que non)... e creo que vou quedar tamén sen Nordestazo. Este ano que pasaba de estar en Compos o 25 de xullo de boa gana para ver a Sés e a Siniestro e chéirame que hai un plan máis mundano á vista...
Pero o bo é que se me van as horas coas pequechas e iso é moito.
Pelexan coma nunca e todo é NON. Desde que me teñen ao seu dispor son máis rabudas comigo, probando a ver ata onde podo chegar, desafiando ata se cruzamos polas raias negras ou polas brancas.
Pero aínda me río con elas.
Teño mil cousas pendentes e perder o tempo, cousa á que non estou afeita, enérvame. Pero ao final, veñen elas para explicarme que non é perder o tempo, é vivir.
É certo ao final. As horas de parque e de piscina non me computan para nada, só para a vida.
Así que aí lle andamos, sobrevivindo e a ver o que pasa...
E agradecidísisisima con todas as persoas que me botan cables de todos os tipos. Sobre todo, por eses de confianza tan solidarios que me chegan ultimamente.
Non sei se os merezo, pero vou facer por merecelos. Ao final, sempre pasa coma nas cancións, o urxente non sempre é o importante.
Bo verán aos que teñades vacacións e aos que vos saian as tarefas polas orellas moita forza. E vivide!


7.7.15

As Sisargas

Moito me gusta miralas e remiralas. De lonxe, de preto. Con néboa, con chuvia, pola mañá, pola tarde, caendo a noitiña... E nunca fun deica alí!
Supoño que é unha imaxe que nunca se podería borrar da miña cabeza, unha desas que está aí ben dentro desde os tempos dos tempos.
Ao final volvo sempre ao mesmo punto. Agora de novo no punto de ter que inicialo todo, de ter que buscar de novo un sitio.
Ao final... péchase unha porta, ábrese unha ventá, aínda que a porta pechase dun hostión que me comeu os dez dedos das mans e as dez dedas dos pés. Hai que roelas.
Preguntábame unha compañeira se aprendera algo nestes últimos tempos que considerase sobre todas as cousas. Aprendín moitas cousas, moitísimas, case todas boas, e aprendín, sobre todas elas, que nesta vida hai que traballar con humildade, honradez e man esquerda.
Faltando calquera desas cousas, todo se desvaloriza.

Agora por diante moitos días de Sisargas e de esforzarse por unha versión mellorada de min mesma. Niso andamos. Creo que definitivamente este verán terei que embarcar ata as Sisargas! Merézoo!

E deixo un vídeo, porque ao final, a pesar de todas as pedras do camiño, de todos os atrancos que van xurdindo, ás veces naturalmente, ás veces con toda a mala hostia, eu sigo estando namorada da vida, sempre hai algo que che faga sorrir ata no máis inoportuno ou no máis inesperado.


28.6.15

Voume...

Nestes últimos meses sen actualizar amoréanse as cousas.
O cole acabou... déixao ir, e de regaliño quedáronnos piollos que se estenderon axiña e que non hai cousa que os extermine.
As nenas empezan a estar máis relaxadas e máis contentas e xa van pola rúa cos seus saltiños de sempre (que se botaban de menos), cantando o que lles veña ao acordo e cada día sendo menos túzaras.
Os últimos meses xa se lles fixeron moi costa arriba, todo hai que dicilo. Por diante agardan os días de praia e de non facer nada, só estar a velas vir, que é o que presta de cando en cando.
Boteime, por fin, a usar un lector de libros electrónico, e teño que dicir que me entra un non sei que de fachenda cando carrexo na mochila unha pantalliña cativa na que van trescentos ou catrocentos libros que estou desexando ler... Sigo alternando o papel, porque claro, ese cheiriño a papel e a tinta de imprenta é case coma o cheiriño dos amorodos ou da sandía no verán, suxestióname demasiadas cousas boas como para darlle de lado.
E definitivamente decidín volver ao ensino. A conciliación constato e certifico que é puto papel mollado, así que elixo a opción que me deixe, polo menos, os mesmos días libres ca as miñas churumbelas, que non van volver ser pequenas nin necesitarme tanto coma agora.
Non por iso deixo de ser muller moderna, pero deixo de ser superwoman. Non. Non podo con todo aínda que pensase nalgún momento que si.
Pasei tantos momentos de estrés que non sei como cheguei ata hoxe enteira. Perdín o sono. Enchinme de sarabullo. Caeume o pelo. Somaticei de todos os xeitos posibles e ao final, deime de conta de que o único que facía era arrastrar a frustración día tras día de non poder chegar a todo.
Na miña casa son tan riquiños que de min só merecen sorrisos e boas palabras. E non o troll que lles chegaba pola porta todas as tardes.
Ese é o obxectivo. Agora que o teño claro, só preciso firmeza e decisión para levalo a cabo.
E máis nada. A partir de agora, amigos meus, búsquenme polas praias da costa da morte, polos chiringuitos menos glamurosos e onde se vendan os xeados máis ricos e as cervexiñas máis frescas. E cando acabe o verán, de volta ás aulas. Teño o firme propósito de facelo o mellor que poida.



4.6.15

Foi embora

Moitas, moitas, moitas cousas, a diario a tómbola da vida.
Sei que non comentei nada sobre as eleccións, sobre os pactos, as espectativas...
Teño o blogue descoidado e esquecido e ben que me pesa.
O cotián engóleme.
Ultimamente polo si ou polo non, parece que me volveu a afouteza e o sangue ás veas. Moita dose de realidade levo repartida nestas semanas.
E por fi xa, decisión tomada, fronte aberta... ensino, alá vou! Contentiña aínda que me sinta enferruxada.
E agora, sen nada que ver, deixo unha cancionciña que me encanta. O alenmar ao final é a miña debilidade. Quen non querería un Silvio ou un Zeca ao vivo!
Partillo para quen gostar!


18.5.15

ETIQUETAXE

Logo desta fin de semana constatei varias cousas: que as persoas que me queren, quérenme de xeito incondicional, e alégranse de todo o bo que me pase e máis. Iso non hai cartiño que o pague, é un feito.
Moi contenta por gañar o premio, como xa dixen, por ser en Carballo, e por ver que alí se traballa arreo en prol da normalización. Congratúlame e reconcíliame coa política e cos políticos coñecer os proxectos e as intencións das persoas que miran polo ben común e que, por riba, valoran con sensibilidade a nosa cultura e a nosa lingua, independentemente de partidos e ideoloxías.
Polo resto, un pouco alucinada con algunha entrevista que acabou sendo case un procurar que pola miña boca saíse o que non ía saír de ningún xeito e esa sensación de que, ao final, os pequenos xestos incluso poden acollerse con acritude.
O que penso da política lingüística deste país (así como da liña que segue o neoliberalismo capitalista e a globalización con respecto a moitos outros temas, sobre todo os que teñen que ver coa educación e con outros servizos básicos) é coñecido de sobra polos que me rodean e incluso polos que asoman por este blog.
É certo que son unha humilde persoa, cunha formación académica que non é para tirar foguetes porque non tiven a ocasión, que teño unha visión da vida parcial (supoño que coma todo o mundo) e que, quéirao ou non, tamén albergarei os meus prexuízos, que intento erradicar cada vez que caio neles. Non son estudosa de nada, non son academicista e non sento cátedra. As miñas opinións son miñas e sempre froito da miña experiencia e da miña maneira de entender a vida. Nunca uso palabras inaccesibles para a maioría, nin fago miñas teorías que outras persoas se encargan lucidamente e atinadamente de poñer no papel.
Estúdoas e léoas con interese e collo para min o que penso que podo aproveitar e deixo correr o resto. Nunca pretendín sentar as bases de nada e non creo que o vaia facer nunca.
Danme arrepíos todas esas aduanadas que este ano sucederon co gallo do Día das Letras, porque pensaba que non se podía ir a peor, pero si que se pode.
Eu non son de homenaxes, a miña vitalidade faime apreciar mellor que a lingua non se torne algo testemuñal e os actos festivos "para lo del gallego" danme máis rabia ca ledicia. Hai moita xente que deberiamos estar festexando e homenaxeando e que atopamos a diaro nas nosas vidas. Comezando por todos os transmisores da lingua -pais, nais, avós, avoas, tíos...-, todos os mestres e profes que serven de exemplo e que se esforzan nas aulas xa non só por dar a súa materia, senón por ir moito máis alá -e creo que xa todos saberán ao que me refiro-, todas as persoas que exercen un traballo ou profesión en galego, todas as empresas que elixen vivir en galego, todos os escritores e escritoras que nos fan soñar en galego, todos aqueles rapaces e rapazas que deciden conscientemente non cambiar a súa lingua cando socializan...
Hai centos de cousas que se fan mal, por desgraza, moitas delas proveñen de quen precisamente debería facelo só e unicamente ben, sen fallo, pero tamén hai moitas que se fan ben, inda que ás veces parezan cativas. Co tempo, as cousas cativas poden acabar volvéndose grandes e incluso enormes.
E a solución? Obviamente, para a normalización se existise a fórmula máxica, xa seriamos moitos traballando arreo para aplicala, pero non a hai.
No que respecta ao artigo que eu escribín, os prexuízos, moitas veces creados inocentemente (no sentido de que nos veñen dados polo que nos rodea sen máis reflexión), outras moitas máis intencionados e provenientes de discursos case sempre acomplexados, só desaparecen cando reparamos neles. Cando os analizamos e os cuestionamos. Cando os reviramos e empatizamos. E non só no que se refire á lingua, senón tamén en moitos outros ámbitos.
Aqueles que foron obxecto de etiquetas reducionistas que marcaron momentos das súas vidas saberán do que falo. E aquí si que hai unha fórmula máxica para traballar a sensibilidade cara aos prexuízos e chámase EDUCACIÓN.
É por iso polo que levei a camiseta verde, porque desexo que a educación pública e de calidade non sexa só un lema, senón unha realidade que enchoupe a todas as xeracións que están pasando e que pasarán polas aulas e polas actividades extraescolares. Na sociedade en que vivimos, só con educación, con amplitude de miras, as persoas serán libres. É un feito.
E para mostra... nun dos xornais que publica o artigo, aparece baixo a etiqueta de "nacionalismo"...
Pois éche o que hai...
Velaí o texto e grazas de novo a todas as persoas que o lestes con bos ollos, que me mostrastes a vosa simpatía e confío en que o meu pequeniño gran de area fixese pensar a algunhas persoas... Obrigadinha!!


Etiquetaxe

O día que me volvín falante consciente non calculei que iso implicaría converterme en materia susceptible de etiquetaxe variada: catalogadora, simplificadora, descritiva pero, sobre todo, prexuizosa. [galegofalante]
Pola lingua que usaba supúxoseme unha orixe, unha filiación política e unha forma de ver a vida estereotipada. [nacionalista]
O dano que causan as etiquetas baseadas en prexuízos sófrese en moi variados ámbitos e todas mancan dun xeito ou doutro. [minusválido, feminazi, maricalla]
A min foi así como empezou a doerme a cuestión da lingua, sentíndome etiquetada.
A primeira vez que alguén me preguntou por que falaba galego, tras a miña estupefacción pola agresión á intimidade, respondín dando razóns polo miúdo. [prepotencia, intimidación]
E continuei dándoas ata que me decatei de que nunha cuestión en que entran en xogo os prexuízos é moi difícil non ter que estar a rebater falacias de maneira infrutuosa.
Os prexuízos non son racionais, polo que non se dan eliminado axiña, precísase de moito máis ca un argumentario intelixente e cómpre moito traballo de fondo para erradicalos, de aí a tan necesaria a implicación de moitos e moi variados ámbitos.
Cal pode ser o motivo de que calquera persoa racional saiba apreciar que os coñecementos suman, que dominar unha lingua é unha riqueza, e que esta non é un ser vivo que vai facendo o mal por aí… e, con todo, se constate tanta acritude cara a lingua? Como é que conseguen callar eses discursos da imposición? [bilingüismo harmónico, trilingüismo, imposición]
Nunha ocasión, unha alumna moi creativa confesoume que eu non lle resultaba nada gailana. Os gailáns son os pailáns que por riba falan galego. [neoloxismo, gailán]
As etiquetas sempre nos andan roldando aos galegofalantes. Hai por aí unha clasificación popular que acollín con humor, inda que sexa triste, que divide os falantes en paleos (de lingua materna) –entre os que se encontran os que mamaron a lingua pero que a usan de xeito diglósico, e os conscientes–; e os neos (de lingua aprendida) –nos que están os obrigados (radio, televisión, política…), que non o usan na vida cotiá nin se preocupan por un mínimo de rigor –os nonai, os choxuro e os ieu– e os neos combativos. [paleofalantes, neofalantes]
Os paleos conscientes e os neos combativos normalmente son os que máis reivindican os seus dereitos e os que aspiran a unha vida normalizada. [*repunantes]
Coa ampliación da familia decateime de que tamén acaba sendo materna a lingua da escola infantil, dos iguais, da veciñanza… Agora, ás veces cando as fillas me falan penso en como se debían sentir os emigrantes dos oitenta nesas pobres conversas interxeracionais en lingua estranxeira. [lingua materna, diglosia]
No meu caso a comunicación é efectiva, obviamente, pero non afectiva. E con isto gañei outras etiquetas. [radical, intolerante]
Mais inda con todo, o meu discurso cotián é positivo e traballo arreo para esborranchar etiquetas. Cada persoa que reflexiona sobre a súa actitude cara a lingua grazas aos meus esforzos é forza que sumo.
Ao final daquel curso a palabra gailana desapareceu do idiolecto do grupo e a min deume azos para seguir traballando por unha situación en que elixir vida en galego non teña que doer. [etiqueta, prexuízo, daniño]

13.5.15

A forza do amor

Adoro Calle 13 e adoro a Silvio Rodríguez...
O amor móveo todo e fai xirar o mundo e todas as súas dimensións.
Namorada desta canción e deste vídeo.


 Para todo canto me leva acontecido nestas últimas semanas, irá outra entrada, porque merece unhas cantas palabras e reflexións.

6.5.15

E ao final... escribín!!!!!!

Estou contentísima porque gañei o premio de artigos xornalísticos a prol da normalización do Concello de Carballo.
Gañar é moito, pero gañar na casa é moito máis. Se o primeiro serve para alimentar a autoestima e darche azos para continuar escribindo, normalizando e tirando con forza para arriba, o segundo serve para que toda a familia e todo o barrio che inunde o whatsapp e para que túa nai se conecte por primeira vez a internet desde o móbil :D!! (que seica o nome do barrio sempre sae para mal, que por unha vez que saia para ben, trónchome coa retranca dos meus paisanos!!)
Ultimamente moi contenta e ilusionada con iso de escribir. En Ames tamén saíu o volume que recolle os textos gañadores do ano pasado, fixéronme unha interesante entrevista na radio, coñecín xente interesante (que iso sempre se agradece) e pouco máis. Algún día terei tempo para poñerme a darlle duro ás miñas ideas de a patacón, non sei cando, pero teño que buscalo.
E vaia, que non sei que dicir moito tampouco, estou moi, pero moi contenta.
Quédolle agradecida a Anxos, que foi quen me animou a que escribise algo (a miña desidia se non, podería coa ansia) e ao xurado que me valorou tanto para ben (e que por riba foron tan riquiños despois dándome os parabéns publicamente!!).
Ultimamente as miñas entradas estaban sendo un pouco grises e quería cambiar iso, non vai comigo, sempre para diante, e sempre forza!!!!
Deixo unha captura e algunhas ligazóns! O texto, para cando se publique, non vou adiantar nada!

- http://carballo.org/vive/aodia/novas/noticia.php?id_nova=4030&lg=gal

- http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/filologa-luz-cures-premio-artigos-xornalisticos-lingua-concello-carballo/20150505134812037102.html

- http://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2015/05/05/luz-cures-gana-premio-artigos-xornalisticos-normalizadores-concello-carballo/00031430825392021939926.htm

- http://www.quepasanacosta.com/?p=42851


12.3.15

Teño que escribir unhas cantas cousas

Pero ando ensarillada co cotián. Traballo. Traballo. Traballo...
Pero en calquera momento, paro un pouco, remexo pola cabeza e a ver para o que me dá.
Ultimamente cruzada.
É que... en fin...
Unha ten que aturar moito máis do que debera.
O bo de todo, é que non teño tempo para ler, pero si para escoitar música. Pensei en traballar cuns cascos de obra, por iso de minimizar o ruído ambiental, pero a música conforta máis a alma.
Estes días, petándolle ás letras de Don Covay... que grande é!
Déixovos o vídeo. E cando tope o oco de escribir, coa mente desatoada do cotián, e da mala baba que arrastro... pois aí lle iremos.


Bico a toda a xente que non consigo ver para botar un conto. Lévovos na cabeza a todos vós e bótovos en falta non sabedes canto.

8.3.15

Unha árbore

Firme. Rexa. Tirando pola vida cara arriba. Como ten que ser.



Saíu o sol

E as raiolas nesta casa sempre animan moito.
Todo segue igual, quitado que pareza que me fichou wall street e que ninguén me dá visto o pelo. Nin eu mesma. Hai épocas así, ten unha xustificación e a maioría sábeo. Cando volva, volverei con máis enerxía e con máis historias para botar unha risa. Ten que ser.
Ultimamente véxoo case todo con máis perspectiva, iso é bo. E tamén aprendín que non fai falla dicirlle a alguén: estás ben equivocado, para que o estea. As historias son o que son.
Aínda que as cousas ultimamente teñen que ser a deshora e anotándoo na axenda, queda inaugurada oficialmente a temporada das pequenos xestos que nos renovan aos catro.
Onte, paseo polo curruncho que nos leva a lembrar o ritmo pausado, os días longos, o sabor do peixe acabado de coller e de cociñar, o cheiriño da marea cando baixa, o pór do sol, a xente coa que nos entendemos...
As pequechas fanse grandes. Hai que aproveitar cada segundo coma se non fose haber outro.

Aprendendo a querer o que nos rodea


1.2.15

Botarse ao monte

Cada día teño unha tentación máis grande, a de botarme ao monte...
Onte encendinme coma unha moto co tema todo este das relacións sociais dos pequenos. Estaba claro que eu, coma algunha outra xente, non encaixaría con moitas inercias, xa contaba con ese tema.
Para comezar, son unha das poucas (creo que só 2) que non está en ningún grupo de whatssapp "de madres". A min xa só o nome do grupo esperréchame da risa.
Polo que sei, é un fervedoiro de ideas para festas temáticas, sorpresas variadas, despedidas, eventos, memes e noticias que era mellor non saber. Polo que me contan outras nais, conforme avanzan os cursos, comezan a ser foros de discusión sobre "estratexias educativas", particulares, deberes e outras materias que, de novo, é mellor non coñecer. Aí é onde se "desguazan" opinións persoais sobre mestres e mestras, monitores e coles e non sempre de maneira educada e correcta.
Debido a iso, fundamentalmente, e á miña maneira de escapar ao tema "social" este pois case sempre adoitamos estar á marxe en eventos variados.
As miñas pequenas son inocentes. Na casa só hai un par de bonecas. Non se xoga ás princesas. Non temos vestidos, tacóns, perrucas e maquillaxes. Os debuxos que se ven son bastante lixeiros e non temos a banda sonora das películas Disney. As mochilas son de pana, na súa radiocasete soan Pablo Díaz, Magín Blanco e músicas do mundo, os disfraces ata agora eran de animaliños e os xoguetes preferidos varían desde os animais de plástico ata os xogos de mesa. Algo de todo.
Este ano, por primeira vez, tiveron un cumpre compartido vestidas de piratas. Co seu tesouro agochado. E xa me pareceu un exceso.
Pero agora chegan os cumpres e festas temáticos. Onde as nenas se maquillan, poñen vestidos e tacóns e aprenden a adornar o pelo. Cantan cancións de letras estúpidas e rancias e exercen un papel que, síntoo, pero non o quero para as miñas cativas. Négome. Négome a ver nelas dous estereotipos de muller floreiro.
E así unha atrás da outra. E chega o Entroido e repítese. Onde viu alguén que nenas de 4 e 5 anos vaian de puti-enfermeira, puti-princesa, puti-trasno, puti-pallaso... Non lles chegará o tempo cando na adolescencia pasen por esa fase?
Cando antes de ter fillos vía nas revistas eses escandalosos concursos de beleza infantil americanos e me parecían tan lonxanos, non sabería que tería que roer estupideces dese tipo tan axiña. Nin o imaxinara de lonxe.
Pero si. Vexo nais aprendendo decoración para aniversarios, disfrazándose de fadas, aforrando para botar a casa pola ventá nun cumpreanos ou nunha comuñón, cociñando tortas con coberturas de fantasía durante días...
Vale, si. Hai algunha outra que non. Que se tira na herba. Que xoga cos rapaces. Que lles aprende a voar un papaventos. Que vai para a praia cun bocadillo e cun flotador...
Pero estes días rodéame a fantasía... e tenme podre, pero podre, podre...

28.1.15

Warriors

Estes últimos días estiven enferma. Había tempo en que non me vía nunha así, pois habitualmente paso por todos os virus que engancho máis ou menos axiña, pero este, que non era virus, senón bacteria, aniñou en min para non querer marchar.
Son mala enferma, seino, pero cando estou nestas horas baixas ocórreme que a mente en vez de colaborarme na reparación case sempre aproveita para dar unha volta. Así paso as fases do sono entre pesadelos, vixilias e paranoias, con situacións case sempre límites en que imaxino o peor do peor. Seica é algo que lles pasa a moitos artistas, que por iso dan creado certas obras que se saen do normal. O conto é que eu non son artista, e o que me pasa é que me angustia non ter as rédeas e verme engulida por este tipo de historias. Quizais debería aproveitar o potencial, pero cando teño as forzas xa enterrei o episodio.
Agora xa vou a mellor, non era sen falta, aínda que tanta metralla como lle metín ao corpo tenme aparvada e co estómago feito unha bomba.
O caso é que había moito que non actualizaba. A realidade a verdade é que é unha prolongación dos soños-pesadelos: Bárcenas, Tsripas, Troika, a extrema dereita, Ciutat Morta, Esperanza Aguirre censora de día, Feijóo cos seus "consejos vendo que para mi no tengo"... todo é bastante desesperanzador, a verdade.
Pero se de algo serviu este ano novo foi para tomar a decisión que xa non podía adiar máis, de volver de novo ás aulas, e ir pensando en preparar nalgún momento as opos en serio. Inda que a idea de ter que facer un comentario filolóxico me quite as ganas... a estas alturas seguimos coa mesma teima de demostrar a capacidade dun futuro docente coa capacidade de chapatoria...
En fin.
Pois iso, que á rosca vida había que darlle unha pequena volta máis, nunca sabes o que vai ser o mellor, é certo, pero hai que turrar para diante con forza e enerxía.

Estes días vexo tamén como as nais e pais dos nenos de primeiro de primaria buscan desesperadas solucións para os seus fillos non lectores. Eu cando falabamos disto no verán botábaos para atrás. Dicíalles que non era o camiño, desprestixiar os mestres de infantil porque non lles aprendían a ler e a escribir aos rapaces, cando non é o obxectivo, cando hai cousas máis importantes, cando non hai madureza abondo, cando a prelectura e a preescritura non se completaron... Despois de ver os 4 e 5 suspensos que traen para a casa os meniños de PRIMEIRO DE PRIMARIA, e a resposta dos mestres é "non sabe ler e escribir, non pode abordar os contidos" e o mellor de todo "it's not my bussiness"... pois teño que ceder ante a evidencia e dicirlles que si, que solucionen a súa papeleta como ben poidan.
Así que asisto estupefacta á proliferación de academias que lles ensinan aos cativos a ler, e co método tradicional, nada de sistemas modernos, xuntando letras seguindo co dediño...
E agora, onde está a pelota? No tellado de quen?
Os de primaria teñen que aterse a un currículo en que se supón que en primeiro xa saben ler e escribir perfectamente para asimilar contidos... aos de infantil, que segue sendo etapa non obrigatoria, nada lles cambia no currículo, así que non teñen por que aprenderlles a ler e a escribir. Resultado, ao chegar a primeiro, mesturan os grupos. Os rapaces dos grupos que aprenderon a ler, avanzan, os dos grupos que non, traen suspensas para a casa e pasan as horas frustrados ata que solucionan o tema.
Infantil non ten a culpa.
Primaria tampouco.
A consellería si.
Os pais protéstanlles aos de infantil.
Protéstanlles aos de primaria.
Ninguén se vai erguer en serio contra a consellaría? Tanto así?
E mentres, a río revolto, ganancia de pescadores...
O mundo está moi maliño...

En fin. Deixo un vídeo que non ten nada que ver con nada, só porque me gusta. É que aínda arrastro o meu desequilibrio febril... E en febreiro, vou ir ver a José González... concertazo, planificado con dous meses... como che cambia a vidiña... Pois si, Josecho, cámbiache o conto.