Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

17.11.14

As relacións auténticas


A verdade é que chega un momento na vida no que te decatas de que a xente vai e vén, acompáñate por momentos, despois desaparece, volve aparecer ou xa non o fai máis nunca. E iso non é malo nin ten por que selo.
Os camiños son así, ás veces solitarios e ás veces multitudinarios.
Con todo, manter relacións auténticas ás veces vólvese moi complicado.
Ter fillos ou fillas cámbiache o taboleiro do xogo e incluso as normas de xogo. Veste na obriga de manter relacións, ás veces superficiais, arrastrados polas súas propias. Ás veces esas relacións afondan e derivan nunha amizade ou, polo menos, nunha simpatía, e ás veces obrígache a gastar horas de maneira demasiado superficial. De todo hai.
Agora que se achega o nadal, moitos dos meus amigos e amigas volven pasar uns días pola terriña e volvemos quedar, atoparnos, vernos, falar cara a cara e deixar á parte outras canles de comunicación, que axudan, pero que non deixan de ser frías. Mirar aos ollos á xente axuda moito a determinar se o que están dicindo é sincero, auténtico, pose, ou se só o di para deixarte tranquila.
Ás veces unhas cariñas de moita risa nunha pantalla só son un SOS disfrazado dun ei, podo con todo, non te preocupes por min
Eu ben sei que as miñas circunstancias cambiaron, e mal que ben, vouno asumindo. Xa non podo andar de noite por aí (nin tampouco me apetece máis que de cando en cando, todo sexa dito), e que moitas tardes quedar comigo supón levar unha certa dose de parque infantil ou similar, e que mellor xantares que ceas, mellor espazos abertos que pechados, mellor avisarme antes ca no momento, para que poida planificar…
E inda así, intento adaptarme tamén ao que foi, para que non todos teñan que facer o esforzo por min. Eu tamén podo/debo/quero facelo polos demais.
Ás veces penso que o consigo e outras penso que non. Se non, non explicaría por que algunhas persoas me exclúen dos plans sen consultarmo.
Ás veces véxome intentando xustificar por que nin sequera hai un intento de inclusión. Non así con todas as persoas, loxicamente, se non, pensaría que de verdade algo pasou, hai moita xente, por fortuna, que aceptou os cambios, que os asumiu como naturais, que facilita as “quedadas” ou que, polo menos, continúa enviando as convocatorias tamén “de adultos” para que, se pode ser… que por preguntar que non sexa. E cando pode ser, é marabilloso e produtivo. Teño que dicilo, esas conversas que rematan ás tantas da mañá son tan proveitosas que nin dun máster intensivo sacaría tanto.
En cambio, noutras ocasións, cousa que me desconcerta, cóntase comigo noutros ámbitos e despois, á hora de facer o que era tan cotián… pois non.
Xa digo que me desconcerta, porque eu si que sigo facendo mil cousas, e si, tamén necesito desconectar do diario, dos arrefriados, das merendas, dos comedores, das extraescolares, do cole e de todas esas conversas de “puntos comúns” con xente coa que te ves na obriga de interactuar.
Sígueme interesando a lingua, a política, o ensino, as vidas persoais das persoas que me importan e que quero, a música, os concertos, os festivais, saír pola noite, as novidades literarias, as exposicións, as feiras culturais, o cine, a sociedade en que vivimos, a vida en xeral e nada en particular…

9.11.14

Applícate o conto

Por casualidade fun dar con esta aplicación que fixeron unhas mestras para animación á lectura. A aplicación está moi ben, con contos de rapaces, ilustradas por eles... gústame calquera iniciativa de animación á lectura, inda máis se é en galego. A verdade.
Pero ao tempo, suscítame sentimentos encontrados, como xa puidestes ler en moitos outros post que teño escrito neste blogue.
Sempre me gusta ver que hai xente que loita por ir mordendo pequenos espazos lúdicos para os pequenos e non me canso de asistir a contacontos, teatros, presentacións, xogos... nos que a presenza da lingua é un reclamo.
Moitas veces teño que asumir a realidade e engulir fel cando vai rematando e teño que saír cos oídos ou cos ollos botando bágoas e morder a lingua para que non me saia un enormísimo MÁTAME CAMIÓN!
Os atentados contra a fonética, a gramática e a sintaxe son tan frecuentes e habituais que case acabas asumíndoo como o normal e o esperable...
Ao final xa dubidas ata de todo. Acabas por aceptar que aínda que a calidade sexa cativa, polo menos é en "galego" ou "pseudogalego".
Con isto pasoume igual. Co fácil que sería chamarlle Applica o conto, e seguiría tendo o xogo de palabras, xa me bota para atrás á hora de ensinárellelo ás nenas.
Porque non se trata dunha iniciativa persoal así a secas, ou comercial, na que ti podes elixir ou non quedar con ela... trátase de mergullar os nosos futuros galegofalantes na lingua...
A parte de animalos a ler, a contar, a escoitar, a imaxinar... non digo que non se cubra. A de aprender unha lingua de maneira correcta... pois non, a verdade.
E despois aínda temos que oír que somos uns roñóns, que a todo poñemos pega, que somos uns talibáns da lingua...
Quero imaxinar as declaracións dos pais e nais se isto se fixeseen castelán nun colexio, que sei eu, extremeño, e as mestras, con toda a súa boa vontade, sacasen unha aplicación inzadiña de erros de ortografía e gramática, ou usando un nivel de lingua desaxeitado... ían levar que rañar para toda a semana.
Eu non quero sinalar a ninguén, e non podo máis que darlles os parabéns polo esforzo, polo traballo, por querer facelo de maneira ilusionante en galego... Pero un pouco de rigor á hora de usar a lingua penso que non é unha esixencia moi dura, cando estamos falando de "ensinantes da lingua".
A min sábeme mal ter que prender o ordenador e comezar desacreditando a historia: mirade, isto non é así, non se pode dicir "aplícate o conto", é un calco do castelán, en galego o verbo é "aplicar", non "aplicarse" e nós temos unha fraseoloxía riquísima e bastísima que teremos que ir aprendendo (ao parecer, na casa).
Non quero ser inxusta, nin poñer tacha á obra, lonxe de min ese sentimento destrutivo. Só digo que, inda que sexa, que mo pasen a min que llelo reviso nun momento e encantada da vida...
E deixo un deses vídeos que ilustra esa delgada liña entre ben e mal no calidoscópico tema da lingua. Por unha banda, xuntabámonos todos cantando en galego na rúa, galegofalantes e castelanfalantes, por outra, os paleos sentiamos que "o noso" estaba mal porque non era o que viamos no modelo, e os "neos" aprendían unhas pautas totalmente equivocadas.
É unha mágoa que non se puidese estudar que foi o que aconteceu a partir de aí. Agora arrepíame escoitar a tantos "paleos" colocar mal o pronome e usar a conxunción "y" cando se atopan en contextos "formais" e moitos "neos" tan despreocupados incorrendo unha e outra vez en erros facilmente emendables e que todos coñecemos de sobra.
Podería poñerme a meditalo e a falalo seriamente, pero non é o lugar. Hai xa moitas persoas que saben o que din e por que o din. O meu é unha humilde visión parcial.
Velaí o amor/odio cara a Aerolíneas federales, por poñer un exemplo.



5.11.14

A covardía

Nunca reparara en que ser covarde pode ser tan tóxico para os demais como ser hipócrita, ou mentireiro, ou prepotente.
A covardía é tan estraña, tan nociva, tan oculta, que normalmente acabas por ser benevolente con ela.
Teño mágoa dos covardes, que non teñen argumentos nin afouteza para defender as súas opinións nin as súas ideas.
Que teñen que esperar a que se dean as circunstancias óptimas para expresarse, porque teñen que facelo sobre seguro, cando ninguén os ve nin os oe. Pois os seus argumentos quizais sexan débiles, pouco fundamentados, baseados en opinións prexuizosas ou simples maldades persoais.
Os covardes, tan inseguros, tan febles, case me espertan compaixón.
Que mágoa non poder botarlles un cable, dicirlles que non necesitan selo, que non vai haber castigo...
E que difícil é ter que facerse o chosco podendo ver...

4.11.14

Changes are coming

Veña. Optimismo. Que os tempos han ser chegados.
Deixo un vídeo do Bob, que este si que cambiou do día para a noite, e sen se cortar, vaia! (non digo que vaia ser o modelo, nin moito menos).