Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

27.10.14

Outono

De cada estación, unha aventura.
Sei que tiñamos que estar baleirando e pintando cabazas... pero case preferimos saír ao monte.
Inzadiño de cogomelos e fungos de todas as formas e cores, e camiños cheíños de ourizos co dente regañado.
E mil historias que inventar: de tobos de raposos, de lebres, de esquíos pillabáns, de camiños con trampas e obstáculos, de silvas que te van prendendo para botar unha leria...
O outono é marabilloso! E elas tan dignas cos seus bolsos listos para a recolleita: follas, balocas, landras, castañas, pedriñas...


25.10.14

Desaprendendo

O mundo moitas veces éche curioso, curioso. E ás veces sorpréndete coincidindo con xente que che agrada, da que aprendes ou que sei eu.
Co twitter ultimamente pásame iso, que descubro xente, que non coñezo persoalmente, coa que teño unha coincidencia en moitas opinións, ou que me mostra cousas que me fan pensar.
Debe ser que me fago vella, que ultimamente só me presta rodearme por aquelas persoas que me agradan dun xeito ou doutro. Tanto ten a idade, as circunstancias, se a coñezo ou non e onde nos atopemos. 
Do resto intento fuxir o máximo posible, porque acaba por resultarme tóxico coma andar a chopos de lixivia pola vida.
O caso é que hoxe, así fochicando no twitter atopo unha foto de Niñóns, unha praia de Bergantiños. E sen pensalo púxenlle que era a praia da miña infancia. Éo, definitivamente. E coincidentemente, en datas aproximadas, tamén era a súa praia.
Quizais teñamos coincidido arredor do lume nalgunha ocasión. Eu cativa que nin chegaría aos dez anos e el (ou ela, non o sei) quizais tamén cativo, ou adulto (non o sei tampouco).
Pero en realidade pouco importa. O mundo é de todos, e só te fas consciente cando o pensas seriamente. Se se tivese máis iso en conta, outro galo nos cantara.
O caso é que me trouxo moitos recordos ver esa area, ese regato atravesándoa, ese mar frío coma o demo, ese monte abrigándoo todo.
Tantas veces xogando alí, correndo, apañando cágados, subindo ao monte, durmindo mirando ese ceo, bañándonos de noite, chovendo...
Eu tamén quero iso para as miñas pequenas. Non quero que só saiban viaxar en avión, ou en tren. Durmir en hoteis.
Eu tamén quero que saiban que a praia de noite cheira distinto. Que bañarse mentres chove é marabilloso. E que os cágados escorregan entre as mans coma se fosen pequenas onzas de xabón.
Que o día non acaba aínda que o sol non estea no ceo, e que a pel pode doerche cando a auga está tan fría coma o xeo.
Aprendemos a ir a todos os lados con todas as comodidades. A pensar que os nenos teñen que estar cómodos vivindo nas burbullas. Que non podemos romper as súas rutinas. Que debemos separar o seu mundo do noso. Non transmitirlles as nosas preocupacións, os nosos puntos de vista. Que os amigos que non teñen fillos separan as súas vidas das nosas e só conflúen nas ceas anuais, que as xeracións non se mesturan.
Nas nosas acampadas había avoas, avós, vellos, vellas, xente con fillos, xente sen eles, adolescentes, meniños pequenos, xente que tiña traballo, xente que non, emigrantes que volvían, outros que pensaban emigrar... e comiamos pan con algo da brasa, e bocadillos de chourizo e auga da fonte. E abriamos as portas do coche con música para bailar e cantar todos xuntos.
E por uns días, sen querelo, o feedback valía, sen pretendelo, para o que só hoxe, mirando cara atrás, podemos valorar: o respecto, a admiración, que a vida hai que afrontala como vai vindo, que non se necesita demasiado para ser feliz se queres selo, que no máis pequeno é onde se atopa o acougo e a calma...
Como puidemos deixarnos seducir por pensar que acumular é a solución: casar, traballar, ter fillos, hipotecarte, traballar máis para pagalo, traballar duro e pisando cabezas para promocionar, e crialos dándolles todo do que nós pensamos que carecemos...
Como nos deixamos enganar así?
Ás veces miro ao meu arredor e penso se a xente se está desaprendendo coma min... ou, polo menos, estarémoslles enviando a mensaxe  correcta aos nosos cativos e cativas ou viranlles con outro conto coma a nós?

24.10.14

Fin de semana

Hoxe cúndeme escoitar os Delinquentes...
Danme alegría de vivir.

Aquí volo deixo:


23.10.14

Agora que me vou facendo grande

Vou aprendendo algo máis da vida. Era boa verdade esa sabedoría popular que di que o raposo sabe máis por vello ca por raposo, é un feito.
É algo que veño falando coa xente máis achegada ultimamente, e que, por fortuna, aínda con todos os meus anos de vida, aínda nunca experimentara.
Iso de que alguén teña merda dentro dun bote bonito e por iso deixe de ser merda, e outro teña unhas sementes nun bote, pero o bote sexa máis ben feocho. O do bote de merda será promocionado, loado e recompensado. O do bote das sementes terá que ilas comendo se quere ir tirando.
En definitiva, se teñen vostedes merda e sementes, esquézano todo e corran procurar un bo bote.

22.10.14

Os de Galicia Bilingüe

Son xente, como diciamos de pequenos, parva profunda e en coma irreversible.
E a Voz de Galicia, por lle facer de voceiros, máis parvos aínda, se cabe.
E por riba recibindo subvención de política lingüística... é que, é que... o mundo, por momentos, é un despropósito continuo.
Xa non escribo moito, porque paso a meirande parte do tempo pensando que isto só pode ir a peor, non ha necesidade de afondar máis no tema.
Polo resto. Polo resto, roendo no resto.
Non me matriculei no máster. Fun realista coas miñas posibilidades. Xa non teño gana de vivir contra o reloxo e contra as circunstancias por algo que non sei se me paga a pena e que me deixa os petos furados.
E pouco máis que contar.
Sobrevivindo, coma todo quisque.

6.10.14

o botón de reset

Hoxe ía poñer unha fotiño de la tonta del bote, porque ás veces creo que me identifico.
O meu case sempre é pose.
Que non postureo.
Disto os psicólogos e as psicólogas sábenche moito, dos múltiples e variados mecanismos de defensa que se utilizan para (sobre)vivir feliz.
Despois pensei en poñer algún deses memes graciosos que hai pola rede e escribirlle un pé. Gústame bastante esa idea, pero xa hai tanta xentiña con imaxinación, graza e retranca que o fai, que me parece unha intrusión que non achega nada.
Ultimamente o tema da política tenme desganadiña perdida. Así que o imos obviar.
Se eu fose, que sei eu, Dávila, tería material para tiras a dar co zoco, non deixan de proporcionárnolo día a día os que nos (des)gobernan.
Ao final, pasei, e revisando no twitter atopei unha frase de Manuel Rivas que é algo así como unha máxima para vivir con humildade: exercicio diario, subir ao máis alto do Ego para despois tirarse (ou baixar). Ben, non é unha cita textual, porque non me lembro, nin me dá por aseguralo, sonche así de preguiceira a certas horas.
Paréceme moi, moi, moi, moi boa recomendación.

Despois pensei, tía, non te podes deixar levar polo cotián, polo feo do asunto. Ti persevera.
Teño planeadas cousas moi grandes.

Beffafadkjfnads lkafjndadfadsjfd, que luns mamasita!!!