Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

27.8.14

Vou arrasar

Non fixen promesa ningunha ao cambiar de ano, así que as fago agora.
Este ano vou arrasar. Voume poñer a escribir para canto concurso haxa (este ano si que si). Vou facer o máster coma se fose a alumna máis pelota acabada de licenciarse. Vou ir á piscina, para tratar de non acabar de foder o lombo e anexos.
Vou ter paciencia infinita cando ao rematar o día a pequena rebelde diga: hoxe porteime moi, moi, moi, pero moi mal... pero ao final moi ben, non? Porque ao final só quere dicir cando xa está dentro do sobre e o día foi mooooooi longo :D
Vou ter paciencia infinita cando me sinta puteada non, o seguinte.

Señores editores, señoras editoras, estou en oferta. Centos de historias amoréanseme na cabeza. Fáltame un aquel de confianza (en min, en xeral) e na industria (en particular)...

Veña. Que coa volta ao cole, igual volvemos con máis cousas tamén: paciencia infinita e escrita infinita.

26.8.14

Son fan de María Fumaça

Moi fan. Desde que os vin en directo, con esa alegría de vivir, esa que me gusta que me contaxien a min.
Hai xente así, tan vital que te atrae.
A min gústame poñerlle sempre forza ao tema, inda que por veces custe.
Nestes últimos tempos pasaron moitas cousas desas que te botan para atrás, que che minguan os folgos, que che baten na autoestima, que te fan entrar no bucle do estar mal e non saber exactamente por que, ou sabelo e non poder escapar.
Por sorte, tamén hai moitos outros elementos, circunstancias, persoas e sensacións que che fan volver amar a vida con toda a intensidade.
Sei que hai pequenas mudanzas polas que hai que traballar arreo. E pequenas coirazas que unha non debe descoidar para que non poida ninguén vir tocar onde non debe.
A piques de rematar agosto e aínda me quedan moitas caras por ver, moitas conversas por manter, moitos lugares por percorrer. Pero vou quedar co bo das que xa vin, das conversas amables que tiven a sorte de ter, coas vivencias auténticas e sen artificiosidade que puiden compartir con quen quero e con quen me quere.
Hoxe vaille así a entrada porque opinar do que pasa no mundo, máis alá dos meus metros vitais dáme preguiza.
Hai moito que me enerva, que me provoca repulsa, malestar... Eu non quero un mundo coma o que estamos colaborando a crear e síntome impotente por non poder cambialo.
Así que deixo unha (máis) canción de María Fumaça. Non é a súa "alegría", pero di moito con pouco.


25.8.14

Este verán vai tocando fin

E as vacacións, como di o outro, duraron ese tempo relativo, en que un computa de maneira diferente... o relativismo poñéndose de manifesto en todo o seu esplendor.
Non ben comezou, non ben rematou.
Resúmese en tres palabras: churrasco, fritangas e pan.
Non nacín no ano da fame, pero coma se o fixese. Que ardor me dá só de pensalo.

Continúo pasmada co tema de Gaza, entre outros moitos.
O tema das violacións, do sexo consentido, do non é non, as declaracións machistas de dirixentes políticos, a merda de sensibilidade da sociedade en xeral... Cara a onde é que camiñamos?
Lin algúns consellos de pais rancios que me recomendan educar as miñas fillas pensando que os homes son todos uns porcos saídos que as van violar en canto as teñan a tiro. En fin...

E moito máis. Hoxe aterrando no de sempre. Por veces éntrame desasosego.
Deixo este vídeo de María Fumaça. A canción non é deles, pero si esta versión tan fermosa.

A min a intolerancia cara a todo, cada día dáme máis carraxe. E xa non sei se teño fe nos que van vindo, xa desconfío. Eu poñerei o meu gran de area. Teño firme propósito.