Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

27.5.14

Porque inda se han poder mudar as cousas

E iso sempre é motivo de ledicia, como non.
Quedo parva cos mass media e as súas reflexións post-electorais... aiiii.... así nos vai.
Sigo estudando a fondo o tema do currículo de primaria. Xa teño unha lista boa de cousas para achegar (como a duplicación de temas en dúas materias, o difícil encaixe dalgunha cuestión nunha materia, o difuso que está o tema da lectoescritura nos primeiros cursos... -vexo que se supón que xa veñen de infantil (unha etapa non-obrigatoria) "aprendidos" e que aquí xa poñen en práctica iso da planificación, execución e revisión dun escrito) e algunha outra cuestionciña máis que debo estudar máis.

Síntome contenta porque por fin, alguén SI que me REPRESENTA no parlamento europeo. Persoas que considero sensatas e que falan tamén, coma nós, do ben común, da felicidade, do amor e de todas esas cousas que fan que nos chamen "hippiosos" ou "soñadores", no mellor dos casos.

Hoxe participei nunha desas conversas nas que non achegas nada e estás pensando "pero almiña, polo menos non llo digas a ninguén"... Hai xente que non é máis ruín consigo mesma porque tería que arrincar lascas de si mesmo para a merenda, que se non... A min estas cousas fanme ver que, así e todo, ¿como non vai triunfar certa ideoloxía? Ten que triunfar por forza...

E como hoxe vexo máis preto aínda esas minivacacionciñas que imos vivir a tope, deixo unha canción alegre, que é do que me dá gana!


26.5.14

Optimismo contido

Despois dos resultados electorais de onte inúndame un optimismo contido.
Polo resto, botándolle tempo a estudar por onde respira o mundo. Porque polas canles polas que o ten que facer, así e todo, non o fai.
En breve, tomamos un descansiño e todo iso.
Así que nuns días, isto vai estar máis morto ca vivo. Coma moitas outras cousas neste país.
Niño de caciques, conexións, alertas...
En nada, todos os coitados conversos en suricatas.
E o resto, en preeiros e predadores salvaxes, que é o que lles vai.

Pode ser que algo comece a cambiar? O meu positivismo quere escachizar o "peeeeero...", pero non lle deixa. O pero é moi forte de diola, leva moito tempo adestrando.

17.5.14

Varias cousas boas

Unha delas, incrible, o vídeo que acabo de coñecer dunha canción espectacular. Quen a canta é un rapaz, Gabriel Blanco, inda que eu o coñecía por Monchi, co que puiden compartir moitas horas nun curso de monitor de tempo libre.
Sabía que chegaría moi lonxe, porque vale moitísimo, augúrolle un futuro prometedorísimo, non só como actorazo, que o é, senón tamén como cantante. Dáme a min que axiña o vai petar.
Deixo o vídeo coa canción. Moita sorte, meu!!!! O seu grupo, Plan Siberia.



Outra máis, a páxina dos Bandullo Azul. Quedoulles espectacular, encántame.

http://www.bandulloazul.com/

E a última, as miñas pocholas, xa tan grandes, tan grandes... Véxoas e penso que non podo ser máis afortunada. Hoxe fomos de manifa, por mil primaveras máis!!!

Un raio de sol para dous soles!


14.5.14

O outro texto

Pois velaquí o texto do premio, de novo o segundo, de novo no meu concello de adopción, que é onde me presentei... A ver se así, co ego subido, me dá por poñerme ao choio e escribir algo máis extenso. O xurado, composto por Charo Pita, Begoña Caamaño e Carlos Negro, así que, en realidade, é como para que che suba, non é?
Un bico grande aos que me acompañastes o outro día, sei que é algo moi humilde, pero non deixa de gustar que os que te queren cho fagan saber, oxalá eu tamén poida estar á altura cando me precisedes (intentareino). O 16, nun acto no Milladoiro, recollo "premio"...

13.5.14

Cousas do twitter


Con esta ferramenta, que aínda non domino, pasan cousas curiosas, que veñen dar aí no que sempre falamos do que se di, do que se escribe, do ton, do que se entende, do que queres transmitir, do que se interpreta…
Ás veces non acabo de verlle o aquel a algunhas publicacións, ou non as entendo, e o peor, cando o miro no móbil, como non me vai ben, doulle sen querer a favoritos, ou a retwittear, hahahahahaha, vamos, que entre as ferramentas que gasto e os meus desatinos, ando enleada.
Pero ao que ía, por exemplo, o outro día twitteei a noticia esta do apoio a Cela, aos touros e toda esta mandangada por parte da Consellaría de Educación. Que me parece patético e penoso que Educación meta o diñeiro nisto (igual ca en moitas outras cousas que ou non son cultura –directamente-, ou non veñen a conto de nada e só suman despropósitos –coma ese “pseudocamiñocorrelingua” que che obriga a pasar polo centro comercial para participar- (un gran mátame-camión), en fin…).
Eu twiteeino e puxen que non sabía se me dába máis gana de rir ou de chorar, que me parecía penoso (ou algo polo estilo).
E vaise de alí a uns días e alguén márcao como favorito. Alguén que non coñezo de nada, que nin sigo nin me segue. Así que por curiosidade fun ver quen era. Polo que intuín, é alguén que ten que ver coa fundación Cela, ou que promove algúns actos ou exposicións que teñen que ver con Cela. Tamén se vía bastante a favor da “festa taurina” e algunhas outras cousas, pois anima moito a acudir a eventos que por aí se van coma este (¿?).
Quixen poñerlle un fío con algo así como “debícheslle dar co dedo equivocado ao zarangallo este”, pero despois pensei… mira, total, para que!, non ten importancia ningunha… despois empeceime a emparanoiar co tema de que o meu nome campe por algunha páxina pro-fiesta-de-los-toros, que sei eu, igual saio entre o discurso de Esperanza Aguirre, o españolismo rancioso, a boneca faralais vintage dalgún avatar… OMG!!!!!!
Digo eu… supoño que haberá algún motor de busca, buscou por Cela e deulle a favorito a todo twitter en que saía o seu nome… non é? Tivo que ser iso… o meu entendíase bastante ben, non????
Eu xa avancei que isto se me ía dar mal, a ver se me van convidar ir dar o próximo pregón das festas á praza de touros de Cuspedriños, ou me van nomear emisaria de paz da fundación que nin nomear quero…
Hoxe vou twittear criptonita, superwoman e conta bancaria multimillonaria… a ver que pasa…

11.5.14

Gañei un (outro) premio!!!!!!

Veño de saber que gañei un segundo premio nun certame literario, moi contenta, moi contenta de novo.
A verdade é que sempre vou deixando o de ir escribindo e ao final, isto anima moito, inda que o tema estea ben complicado, sempre se pode ir facendo algo, non si?
Como aínda non é información oficial, porque non estou 100% segura de que xa todos os premiados collesen o teléfono, non podo ofrecer moitos máis datos, o que si farei en canto o sexa, texto e todo o temais :DDDDD
O caso tamén é que, coma sempre, o xurado era magnífico, magnífico, composto por persoas que, antes ca nada, admiro moito, así que por iso non me cabe unha agulliña polo cu, nese sentido.
Feliz domingo a todos e a todas!!!!

9.5.14

O debuxo máis bonito do mundo

O outro día as nenas estrearon unhas pinturas que xa as quixera eu na miña infancia.
Son coma acuarelas brillantes, semellante a aquelas pinturas aceitosas que manexabamos nós, pero estas veñen nun tubiño e nin sequera manchan.
O caso foi que enredaron un bo anaco alucinando co ben que "repasaban" como din elas e, man a man, foron facendo as súas cousiñas.
Ao escoitalas verbalizalo, dáste de conta de que o mundo, en realidade, é bonito, o que pasa é que o imos afeando nós mesmos.
Alí estaban elas, cos peixes, co tiburón, cos cangrexos, coa súa amiga non sei quen, coa súa amiga non sei canto, con papi, con mami, na praia, co sol, cunha flor da primavera...
Ao rematar, as dúas quedaron mirando para el un anaco e sinalaban o que fixera cada unha e entón escoitei:
-Non che parece que é o debuxo máis bonito do mundo todo?
-Si... é moi bonito. Hai que poñelo nun cadro.

E aí caes na conta de que ao final, todo ten o valor que se lle queira dar, e veste cambiando a perspectiva como exercicio para que a vida sexa sempre o máis bonita que poida ser.

Velaquí o debuxo máis bonito do mundo:

8.5.14

Wolf in sheep's clothing

O mundo está cheo, debería ser todos os días Entroido, porque lobos con pel de año hainos acotío, rodéannos.
Moitas veces á semana me vén á cabeza, que mal ter que andar a pensar seguido: es máis falso ca un billete de sete, non se poder un fiar case de ninguén...
A min non che me gusta nada esa sensación.
Mundiño este! Debera ser tan fácil e volvémolo tan difícil.

7.5.14

Mimá co tema da lingua...

A xente teno atravesado e non hai maneira.
Mira que sempre me digo a min mesma "non entres ao trapo, non entres ao trapo...", pero ao final teño que entrar porque me pode o xenio.
A xente ten máis prexuízos, en realidade, dos que eu supuña. Eu sempre no meu mundo positivo de "non é tanto así, non é tanto así...", pero ao final bato coa realidade e vai ser que me trabuco, polo menos, unha miga.
O tema da lingua ten tola á xente. E os argumentos seguen sendo os mesmos. Eu non sei quen fixo ese labor de autoodio (ben, si que o sei), pero podíanlle dar o premio ao mellor manipulador do século, que o ten ben gañado.
Resúmense case nos dez mandamentos, pero ao final agrúpanse nos mesmos de sempre, e o caso é que eu intento ir rebatendo un a un, dándolles argumentos para que consigan velo desde outra perspectiva: o coñecemento suma, unha cousa non quita a outra, a recente incorporación do estudo da lingua ao ensino fixo que os primeiros anos fosen un pouco "improvisados" ou con materiais "precarios" (cando din que o que estudabamos nós non ten nada que ver, vaia), o plurilingüismo como riqueza, os informes PISA (tan valorados pola xente que non sabe nin o que son) que demostran que os rapaces e as rapazas galegos teñen máis destrezas en comprensión, expresión...
Pois nada. A xente empecinada nos seus mantras:
O galego cambiou un mundo desde que eu o estudei.
Os meus fillos suspenden tal ou cal materia porque non entende os libros, que están en "portugués".
Co galego non se vai a ningures.
As horas de galego podían aproveitarse en matemáticas ou inglés.
Estamos en España.
Os do galego somos uns radicais (radical = nacionalista proetarra).
España está por riba de Galicia (eu nestes casos imaxínoas facendo o amor, para que en lugar de que me inche a vea se me poña cara de parva e me escape o riso, é unha vía de escape que teño).
Que pouco respecto os mestres cos nenos que veñen de fóra (os de dentro non importan, que perdan a lingua, que total teñen moitas).
E así os típicos de sempre, que todos os galego-falantes conscientes ou militantes ou como queira que nos chamen, tivemos que aturar e oír centos de veces.
Despois de escoitar así daquela maneira os meus argumentos, as conversas rematan insistindo de novo nos seus, noutro ton máis cabreado, ou un pouco máis agresivo, ou un "bueno, carallo, bueno, eu non digo que na casa cada un non faga o que queira, pero a escola e o acceso a postos na administración é outra cousa", que unha ten o home opositando para bombeiro e faino todo ben menos a merda do galego, que el non ten a culpa de que o cambien seguido.
A ver que facía o pobre cando lle dixeran "luuuume, luuuuume, vaiche do mato e préndeche nos pés a fume de carozo".
Ardía seguro, meu pobre, por non saberes galego e non entender o  paisano que lle estaba avisando.

En fin. Consoloume saber que as súas ideas sobre a LOMCE son:
a) que fomentan a excelencia e potencian os talentos de cada un ata o infinito.
b) que a FP vai ser a hostia, non imos ser alemáns, pero case, tecnoloxía punteira.
c) o acceso á universidade vai ser máis xusto, porque ao desaparecer a Selectividade todo o mundo vai poder ir á universidade que queira, non coma agora, que non se podía elixir.
d) os nenos van falar inglés coma nativos ou similar.
e) vas poder elixir o colexio que mellor che caia, máis bo, máis bonito, máis moderno, cos profes e mestres máis chuli-chulis e con programas de robótica, encerados dixitais e alemán como cuarta lingua.

Quero dicir. Non hai criterio. Calquera que mire por riba a nova lei, sabe que iso non é así, e que estes poderán ser os titulares do Mundo ou que sei eu, pero non son a realidade (por certo, dos implicados na "discusión", só eu lera unha gramática de español, de galego, de portugués, de inglés e de francés; só eu sabía o número de liñas que ocupaban nun papel os "cambios da norma da concordia"; só eu lera a LOMCE; só eu lera o informe PISA...), pero iso non dá a razón, non digo que a dea, quero dicir que de fútbol, de política, de educación e de lingua todo o mundo sabe máis ca ninguén (incluso ca un especialista ou unha persoa formada especificamente nese tema) e todo o mundo coñece verdades absolutas e incuestionables. Éche un defecto que se ten. E así nos vai.
Ainsssss... moito me queda por roer...

5.5.14

O texto

Velaquí deixo o texto. Vai saír no volume recompilatorio xunto co resto de textos premiados.
O dito, segundo humilde premio, moi contenta, moi contenta, aínda que sei que non é para tanto.
Unha aperta grande a todos os bos e xenerosos que me rodeades.

3.5.14

O 10 de maio

Preséntase o volume que recompila os textos premiados no certame literario do concello de Ames.
http://www.concellodeames.org/nova.php?noticia=11438&idioma=gl&sec=32
Xa enviei información a amigos, amigas e coñecidos, coñecidas... escacho coas respostas, a xente é fonte inesgotable de me facer rir inda cando non teño gana.
O caso, como ben expliquei, como nin a familia vai querer ler o que escribo, dos meus cinco volumes (os dereitos de autor, you know!) vou ter para compartir, iso si, requírese asistencia, non vou gastar por riba en facer envíos, que me queda a cousa en faragullas...
Confiaba no meu público incondicional, pero resulta que cadra cos tres porquiños na haima do lado, e onde estean tres porcos cun lobo rabudo que machacar, que se quite unha humilde lectura dun texto que, a verdade, nin lles vai, nin lles vén, e unha nai que xa teñen máis que vista.
Quería levar o gato para que me aplaudise, pero tamén me dixo que pasaba de alimentarme o ego, se vai calor pensa durmir toda a tarde.
E pouco máis que engadir.
...
...
Os puntos suspensivos, como di a miña pequecha máis enxeñosa, aí debaixo está eso chuli-chuli que quería dicir...