Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.4.14

Abandonei o ciclo

Por se alguén aínda non se decatara...
Superou amplamente a miña capacidade de aguante de desidia e de materiais ruíns.
Pregúntome eu se os contidos que lles van ofrecer aos centros estes modernísimos da consellería de educación van ir por ese nivel... porque de ser así xa poden ir presignándose os que digan SI ao proxecto, así ás cegas e confiando no bo facer deste goberno en materia educativa (sen saber exactamente cal vai ser o proxecto, a metodoloxía, o material...).
Ordenador á última, tableta á última, encerado á última, plataforma á última... contidos que arrepíen ou dean mágoa, ou parciais, ou pouco pertinentes, ou non vidos ao caso, ou non adaptados...  (ou os  cutre-pdf que nos proporcionan a nós, que che fan sangrar os ollos só con velos).
(ou é que se contratou un batallón de pedagogos, psicopedagogos e especialistas de cada materia na consellaría?????, se cadra, estou falando demais... -oxalá)

Eu como nai non quero para as miñas fillas un centro en que durante 6 ou 7 horas non se desapeguen dunha pantalla. Non lles deixamos nin cheirar un móbil, como para entregalas a ese sacrificio voluntariamente!!! Se lles tocase o caso... podo negarme? Vou ter que ir pedindo un certificado médico para que non mas sobreestimulen e mas deixen pitoñas a golpe de primaria? Garantiranme praza noutro lugar máis ao xeito en que non vexan que só as TIC valen e onde se faga un uso racional e axeitado para a súa idade? Avalarame algún estudo???? Ai... éntrame canguelo só de pensalo, iso que son fan absoluta das novas tecnoloxías!!
Por que diaño non se reivindicará que aprendan a sachar na horta e a cheirar as plantas e as flores no canto de chantarlles un FarmVille diante? Por que non poden contar as herbas do patio en vez de ter que contar as accións da bolsa? Por que non constrúen un vehículo autopropulsado coas súas manciñas e en equipo en vez de calcular en soidade os traxectos que fai o metro nunha gran cidade? Por que non aprenden a compartir a merenda e a empatizar co compañeiro como un igual, en vez de potenciar que saiban o valor (relativo) do diñeiro no mundo e a asumir roles para o mundo neoliberal que nos meten ata polos ollos?

Estou desolée... eu non quero que mas usen de cobaias neste plan sen moito sentido. Eu quero que se fagan as cousas ben, que se expliquen, que se razoen, que me digan cal é a xustificación, a viabilidade e a trazabilidade dun xiro así. Se non, que non conten coa miña complicidade, a min non me deslumbran os cantos de serea, que cantas máis novas tecnoloxías, máis espabiladas me sairán e máis triunfarán... a min non me pasa iso por bo, vaiche boa!

Os contidos da fp xa foron fonte de moitas discusións, e protestas, tanto por parte do alumnado coma do profesorado. Se alguén quere botarlle un ollo, eu teño moitas unidades no ordenador, son coma para velas. Espero que non asinasen contrato con esta mesma xente, que ten como referente único para explicar todo o que pasa no mundo á selección española de fútbol.
Dáme rabia abandonalo, máis que nada, pola frustración que sinto de que a ninguén lle importe a razón. Nin á titoría, nin á dirección, nin á xefatura de estudos... xa non vou ir a máis.
Só me serviu para entender un pouco mellor certas cousas, que espero non esquecer para cando volva á docencia.
Pensando moito en volver, a verdade, inda a pesar do panorama.

Volvendo ao tema, pregúntome eu, se en moitos lugares en que se comezou a traballar só con contidos dixitais xa quedou demostrado que non conduce a un nivel maior de excelencia, e que en moitos casos incluso se produciron efectos pouco desexables... cara a onde camiñamos nós? Non sería mellor observar, introducir pouco a pouco, ir probando vías, facendo convivir diferentes opcións que se poden complementar...?
Aquí a saco! Máis papistas ca o papa, a poder ser. Somos máis paletos...

23.4.14

Feliz día do libro

Oxalá sempre vexa as pelouras cun libro entre as mans no tempo de vagar.
Oxalá topen neles tantas historias e tantos mundos que lles entre unha ansia incrible por percorrelos e coñecelos.
Oxalá os que (des)constrúen país non poidan máis ca os que tratan de construílo.
Oxalá nunca deixe de enorgullecerme coller entre as mans un volume arrecendendo a novo.
Oxalá a miña humilde contribución sempre sexa para ben e nunca para mal, nin para regular.
Feliz día do libro para todos e para todas!!!!!

22.4.14

Perdendo a lingua...


Miña prima a chosca marchou vivir á cidade. Ultimamente non falamos nada, xa se sabe, un bótase ás cousas cotiás e vai enchendo o tempo case sen darse de conta. Cando te decatas, perdiches o costume das confidencias, das quedadas, do tempo de lecer divagando…
O caso é que o outro día mandoume unha carta, porque ela é moi antiga e moi súa,  que me deixou fondamente impresionada, así que, co seu permiso, transcríboa, porque me pareceu interesante nos tempos que corren.


Querida prima:
Mis vástagos han llegado a casa con unos informes y unos documentos. No puedes imaginar cuál fue mi estupor al leerlos, y no por su contenido, sinó por su redacción y su calidad lingüística.
A mí la ley y las circunstancias, como bien sabes, me obligan a delegar buena parte de la instrucción de mis retoños, como a todo buen ciudadano que se respete y que respete el estado de derecho, y como pequeña parte del engranaje, he querido confiar siempre en el criterio de las persoas encargadas de tan ardua tarea.
Pero el sistema me ha decepcionado.
Mis coetáneos han perdido su lengua y su pudor por desconocerla, ay, y yo sintíendome culpable todo este tiempo. Quizás habría podido hacerlo mejor. Quizás debí protegerme de estas situaciones cambiándome a vivir a una aldea remota en la que todavía conjuguen los verbos compuestos, como Nebrija manda… yo, y mi tozudez por querer mantener nuestra burbuja en un medio hostil… Estaba escrito lo que acabaría sucediendo.
Y eso que la tele no se escucha en lenguas vernáculas, para no ayudar a establecer modelos a imitar.
Los iguales, ah, los iguales… Esos no me preocupan, ¿recuerdas?, yo también he coqueteado con otros lenguajes a lo largo de los años por ser una más del rebaño. He llenando la boca de palabras y expresiones que no había escuchado nunca a mi madre, pero que eran el canal elegido por mis iguales, con los cuales yo me identificaba y a los cuales me quería parecer, pero aprendía y me defendía con total normalidad en todas las lenguas en las que convivía en diferentes contextos. Afortunadamente, los nuestros fueron otros tiempos, no vivimos con esas reinvindicaciones que se escuchan ahora, donde se lucha a voz en grito por restarles conocimientos a los que nos sucedan, como si temíesemos que nos comiesen el terreno si llegan a ser más cabales y racionales que nosotros.
En nuestra época estábamos ávidos de saber más, de aprender más, de empaparnos de contenidos, lo normal era hacerlo en varias lenguas, todo sumaba, no sabíamos lo que era A y B con esas connotaciones tan negativas, una falta era una falta y la benevolencia con ella era de igual calibre en cualquier documento…
Al acabar de leer, volví a hacerlo, con la esperanza de que mis ojos y mis presentimientos me estuviesen jugando una mala pasada. Pero no, no era así.
Laísmos, loísmos, dequeísmos, faltas de ortografía, barbarismos, extranjerismos, agresiones sintácticas, redundancias, mezcla de lenguas… todo, todo estaba representado cual burda broma de un sistema operativo malvado que no fuese alfabetizado de manera correcta.
Me apresuré a denunciarlo ante el grupo. Me parecía inaudito e inconcebible que socialmente se pudiese consentir tamaño maltrato a la lengua en nuestra propia tribu. No podía permitirse que el desarrollo del lenguaje de nuestras futuras generaciones se encontrase en manos de personas de nivel lingüístico semejante al del koala o de rozadeezpaña.
Pensé en darle difusión, publicarlo, twittearlo, enviarlo a los medios, escribir una carta al director, ponerlo en conocimiento del valedor del pueblo, de la real academia de las letras…
Pero mi honda sorpresa fue que no llamaba la atención o, si lo hacía, nadie más se esforzó en demostrarlo. Era una falta menor, totalmente asumible. Nuestra lengua, y ya no hablemos de su calidad, no preocupa en ninguna instancia, ni alta ni baja, al menos en mi escueto círculo.
Entonces mi estupor se convirtió en dolor. Lo que venía intuyendo era una realidad, aquello de lo que había oído hablar tantas veces a otras madres y padres e incluso a especialistas tomó cuerpo y se mostró ante mi. Estamos condenados a perder la lengua y, en ese viaje, a soportar todas aquellos vapuleos a los que quieran someterla, cual viacrucis en el que, en lugar de escupirle al penitente, se le escupe a la gramática, a la fonética, a la sintaxis, a la morfología…
A nadie le importa la lengua, ni siquiera a aquellos que yo suponía que debían ser guardianes y modelos de ella y en quienes deposité mis esperanzas y confianza.
Ay, si Nebrija levantase la cabeza…
¿Se ha perdido el juicio o es que la filología se me  ha enquistado en el cerebro y nubla mi raciocinio? ¿Está usted perdonado de antemano por redactar ustez escrivir que aller huvo una reunión y que se trató temas inportantes? ¿Su sola buena voluntad lo avala para defraudar de este modo?
No doy crédito. Yo ya he perdido la fe en la gente instruída. He continuado mi investigación y decididamente mi lengua es mía y solo yo puedo ocuparme de ella. Nadie va a venir a revisármela, ni a darme profilaxis para poder soportar el dolor de que me la vayan amputando poco a poco.
Nadie parece por la labor de crear una entidad, grupo, especialidad o qué sé yo que la cuide y la trate como se merece.
Dicen los de la tribu que es lo que hay… y que hay que roerlo (ups!, yo ya empiezo a notar como se me va escoando, a los pocos…).
Querida prima, ya sé que tú no piensas como yo, y que tú eres una radical y que estarás disfrutando con ver llegado este día, en el que se condene abiertamente a aquel que parece un analfabeto en la lengua que tú amas y perdonando, amortiguando y siendo paternalista con aquellos que destrozan la mía… pero me darás la razón con que es igual de imperdonable, porque sé que en el fondo, eres una persoa razonable e instruída, ¿o acaso me equivoco y también eres de las de todo vale? Si es así, estoy desahogándome en la almohada equivocada y te pido que me disculpes.
Un beso y espero que nos veamos o que hablemos pronto.


O resto que segue xa son outras cuestións persoais. No fondo, dáme mágoa a súa situación, porque podo empatizar con ela. Ten que doer ver chegar os documentos de maneira impresentable, pero si, en algo concordo, vai ter que roelo!

21.4.14

Bron/Broen

Esta ponte, por fin! Puxémonos coa serie Bron/Broen, que tanto me recomendaran e que, curiosamente, se traduce como "ponte".
Estanos gustando moito, a verdade. Incluso véndoa en versión orixinal (danesa/sueca), e incluso coas faltas que supoñemos dos subtítulos (ás veces pérdese algunha cousa que despois te deixa pensando).
O caso é que a serie mostra que tamén por eses lugares, aos que ultimamente se nos recomenda tanto mirar, hai cans descalzos, coma en todas as partes.
Sorprende tamén darte de conta de como se establecen as relacións, de maneira tan seca e tallante... algúns dos nosos costumes serían impensables totalmente.
En fin, non vou facer spoiler, coma sempre, só recomendala encarecidamente, porque está moi xeitosa. Xa estaba algo saturada de series americanas, a verdade, agradécese de cando en cando cambiar a perspectiva, a fonética, as impresións...
Tamén me rechifla a canción da entrada, é dun grupo ao parecer moi coñecido por eses lares, chamado Choir of Young Believers. Aquí deixo a ligazón, para quen guste.
E así nos foi a ponte, entre o cotián, o parque, os paseos, os amigos e a calma e o ritmo pausado... tan de agradecer.


E aquí a ligazón, para quen teña interese, tamén existe versión dobrada, The bridge: http://es.wikipedia.org/wiki/The_Bridge_%28serie_de_televisi%C3%B3n_sueco-danesa%29

15.4.14

Quando arrive a cassa

...vou atopar unha delegación da ONU debatendo se desaloxamos ou non o salón.
Cada vez que alguén trae un paquete e di: "só é unha tontería pequena..." dáme gana de facelo vir recoller todos os días pola noite á casa.
Iso si, non se pode negar que non o pasen estupendo, elas e mais a animalaria toda!


13.4.14

O que nos gusta a praia no inverno

Aos pocholos todos... desexando mergullarse fronte ás Sisargas... xa ole a mar!!!!!!!!


PD. E con iso quedo para comezar a semana con forza.

11.4.14

O panda Pandejuevo


Temos pensado levar as pelouras a unha viaxiña e prometemos ver o zoo (non é que me encante, pero é a súa oportunidade de experimentar ver animais, eu non teño a culpa de sermos uns urbanitas sen confianza con ninguén que teña bicherío, é triste dicilo, pero é o que hai e o que penso sobre os zoos en fin… pois tampouco é a repanocha, pero acórdome a miña primeira e única visita ao zoo e lembro que fun moi feliz).
O caso. Estabamos onte falando do tema e díxenlles: ademais, naceu un panda novo, e seica non ten nome, ao mellor déixannos poñerlle un.
Unha das pelouras, que ten como oso co que dorme e mellor amigo un panda dixo: podemos poñerlle pandoti, coma o meu panda.
Si, engadín eu, ou pandeiro, ou pandeireta, ou superpán
E a outra peloura, que estaba reflexionando solta: ou pandejuevo, pandejuevo é moi bonito e ademais está moi rico

Saltábannos as bágoas da risa. Eu só imaxinar un panda no zoo chamado pandejuevo esmendréllome. Pensar neses pais da capital do mundo dicindo: vamos niños, hoy vamos a ir a ver a Pandejuevo

Non podo coa miña vida.

*nota: pandejuevo é como lle chamamos ao pan de ovo (rosca en moitos lugares) pola miña terra. Non me preguntedes o porqué, porque ninguén di ghuevo, todo o mundo di ovo, pero quedaríalles máis fino ou que sei eu, o caso é que é así de coñecido e ademais moi popular e cómese todos os domingos…

Ai, Pandejuevo, ao final chamácheste Xing Bao, pero para min sempre has ser Pandejuevo

10.4.14

Xa ten, xa ten logo!!!

Esta canción encántame, e ademais, préstame moito escoitala de cando en cando, para non esquecer e ter ben presente moitas das cousas en que creo firmemente.
É moi difícil ser consecuente con todo, pero hai que intentalo sempre.
Mágoa que haxa que tragar a publicidade, pero para quen non a coñeza, aí a deixo. Ademais, cantando a fantástica Ileana, de quen son fan absoluta.


Astenia primaveral, cambio de hora, cambio de regras...

Ultimamente case me resumo así: vivo o seguinte a cansa.
Fáltame enerxía e din que iso é polo tempo... non sei se tempo atmosférico ou tempo cronolóxico, que xa empezo a notalo cando me vexo no espello do ascensor, enrugo a cara e aí están... os anos tatuados, mimá!
A min este último cambio de hora sentoume fatal. Non hai día que non soe a alarma e tire co teléfono embaixo e siga unha voltiña ou dúas máis na cama...
Non hai quen me mova.
E as regras de xogo van cambiando. O cal non é necesariamente malo, a vida é así e hai que ila collendo como vén, xa nos imos afacendo a andar sempre á espectativa en que vai ser o que pase mañá.
Iso que che educan na escola de rutinas para sentirse ben e seguro, ao final acaba por non ter sentido ningún. Se ao final, a estabilidade non adoita darse, nin parece a panacea tampouco.
Onte en conversa de parque a conclusión foi que ás veces tamén é saudable ter que volver comezar, novos escenarios, novas persoas, novas enerxías, novo ambiente...
Que a astenia non acabe connosco.
Eu, por se acaso, xa lle estou petando á xelea real... placebo ou non, aí vai para dentro!

8.4.14

Imos inventar uns malos... tralará!

Coma en todo bo conto, ten que haber un malo, que faga de antiheroe e sobre o que se descarguen as culpas. Así, o resto de persoal, como catarse, castiga de múltiples maneiras o malo e eleva á categoría de heroe aquela man que infrinxa o castigo e restaure a paz.
Se ETA xa non nos serve, se os independentistas con rabo e cornos cataláns saen nas fotos e xa non son dous gatos, nin uns marxinais, nin parecen a reencarnación do diaño... pois logo inventemos outros malos que nos conveñan.
E así nacen os grupos "de extrema esquerda", "independentistas", "radicais" por exemplo, por estes lares.
Non digo máis pero a eses súper radicais que ameazan a estabilidade e a pax romana, por aquí a policía, en parola distendida da hora do café, denomínaos como "pintaparedes", no mellor dos casos.
A ver se agora é que estamos xa todos tolos ou que.

Eu é que... é que... non flipo máis porque non podo xa.

6.4.14

O twitter e eu, eu e o twitter

A verdade é que as redes sociais acaban por enfastiarme. Ao final acabo sabendo máis do que quixera. Ben, xa o comentei en abondosas entradas.
A xente non garda nada para o corazón. Opina de todo. A idea que tiñas de alguén muda radicalmente. Confúndese a realidade coa ficción.
Iso levoume a non querer facebook.
A desfacerme do fotolog, iso que daba moito de si, moita gana de rir, sobre todo.
Resistín co blogue a pesar das paradas.
E no twitter sempre pensei que era para famosos, ou para xente á que non lle daban comba na casa e tiña moita falta de anunciar cada peido que botaba.
O caso é que agora véxome na obriga de telo para un curso de formación que estou a facer. Iso e máis. Tamén teño que abrir outro blogue con outro formato distinto, con outros contidos, e tamén, e isto si que dixen que non, a facer un facebook.
O caso é que hoxe decidinme a poñerme xa, por fin, ao día, porque non podo adialo máis, e montei algúns contidos, fixen parte do traballo e abrín o twitter.
Inda non sei se me gusta ou se non me gusta, porque non lle topo moito xeito. Teño que ler unhas instrucións básicas, supoño...
A ver se tanto viral non me dá febre e acabo dándolle ao DELETE, DELETE, DELETE...
Como diría o poeta, beatus ille...
Ás veces, sobre todo ás veces cando hai algo encerellándose e xestándose nas redes, é mellor andar alleo, para non ter que dicir as humildes opinións que poden enervar, porque non van na liña...
O dito. A ver como se nos dá ao paxaro e a min esta relación que hoxe comezamos. Agardo non ter que escacharlle os ovos de malas maneiras :D

5.4.14

you can get it if you really want

Algunhas boas noticias por entre a mega-racha das malas.
Ao final, a case todo hai que poñerlle moito, moito empeño para que saia.
Aí deixo o vídeo que me inspira. Boa fin de semana a todos e a todas!


3.4.14

O santo cristo do film de cociña

Paradoxalmente, cando empezo a cheirar a semana santa no ambiente, rezo para que os trebóns e  a chuvia a cachón nos arruíne os días de descanso (aínda a pesar de que me pille a min tamén).
É unha das maldades que me permito para poder poñerme coma unha moto vendo homes e mulleres, probablemente cos seus problemas ás costas, chorando porque santa-cona-de-baldaio (é unha santa autóctona da miña familia) non pode saír en procesión.
Eu é que o do fútbol xa non o soporto diante dos ollos, así que xa non me indigno xa con ese opio do pobo, co pan e circo que contenta a tantos, porque non o vexo diante.
Pero o da relixión é que me pode, pódeme moitísimo. Cada día vólvome máis rabuda co tema, e só son indulxente coas beatas de certa idade que é o único que teñen para agarrarse á vida cotiá.
O resto é imperdoable. Férveme o sangue cos discursos de Rouco, coa intromisión da relixión no sistema educativo, coas misas de doce nas axendas de políticos, coas procesións baixo palio de herdeiros da ditadura...
Así que por min, este ano, que se saque o cristo-do-papel-film-de-cociña ou a virxe-dolorosa-do-chuvasqueiro en cada cornecho deste suposto país laico, para gozo daqueles que asumiron que terán a súa recompensa no reino dos ceos, mentres a de aquí xa a van dilapidando os desgraciados de sempre.

Xa me quento e aínda faltan dúas semanas... ainssssss!!!!

1.4.14

A escrita

Ultimamente moitas veces véñenme á cabeza historias que quero levar ao papel, pero que non dou conseguido plasmar.
Cando me queda un momento entre o que teño que facer, xa me pasou a historia por diante, ou non teño gana de prender o ordenador.
Pensei en recuperar a idea de levar o caderno canda min. Coma nos vellos tempos. Pero ao final era revisalo e atopar un monte de ideas inconexas, absurdas, mal desenvoltas ou que sei eu.
Sempre fun demasiado crítica coa cativeira produción que conseguín ir salvando de ordenador en ordenador, de caixón en caixón.
A verdade é que supoño que iso é o que ten que ser.
Leo cousas por aí adiante, publicadas, que penso eu se non lle dará vergoña propia ao autor ou autora telas no mercado.
É un feito que non todos valemos para contar.
De calquera xeito, de cando en cando dáme gana de poñerme e probar sorte, enviando algún orixinal, ou presentándoo a un concurso.
Presenteime só en catro ocasións a un concurso, e desas catro gañei algún premio en dúas. Pero aí quedou a miña cativa contribución.
Da miña cabeza non saen boas historias.
Andei un tempo remoendo na idea de cruzar historias das que me gustan a min, de xente borderline ou con algún tipo de rareza ou eiva, como se adoitan considerar. Pero ao final sempre me resulta complicado ou non dou aquelado un fío condutor que as poña en relación sen resultar demasiado obvio e estupidizante.
É complicado manexar o que queres dicir como autor e avalialo despois como o que queres ler como lector.
A min non me gusta que me dean moitos datos, que non me deixen nada para completar, ningunha referencia que conectar, ningún momento que me faga voar... E ultimamente abunda o explícito e mastigado, sobre todo na literatura para xente nova.
Eu non sei de que pereira caeu algún dos autores cando presupón que os seus lectores son algo lerdos e precisan leccións de moralidade e un fío argumental simple e ben conexo.
De aí que nas poucas ocasións que intentei algo o deixase case ao comezo. Eu non podería ser politicamente correcta. Sempre me vai a cabeza para o outro, se teño que pensar en inzar as miñas liñas de educación transversal dáme gana de trousar. Penso que para iso xa están outras cousas.
Moitas veces descubrir algunhas lecturas pouco recomendables para a miña idade foi o que me fixo abrir os ollos a realidades que a miña vista e a miña experiencia vital non me alcanzarían a ver nin de esguello.
Os andeis máis altos da biblioteca, coa bibliotecaria facendo a vista gorda, proporcionáronme innumerables puntos de vista e centos de historias que contribuían a que o día a día fose máis emocionante, excitante e rico do que serían doutro xeito.
O caso é que estes días estou remoendo unha historia para unha cuestión. Cando a reviso, de cando en cando, penso que non me acaba de convencer e entón téntame darlle ao SUPRIMIR... pero despois penso que tamén debería deixar xulgar, quizais tampouco é tan ruín como eu a cualifico... De novo téntame o escachizala. Volvo pensar en deixárllela ler a alguén de confianza. Pero a vergoña supérame e a autocrítica faime pensar nun non grandísimo...
A escrita. Que grande proceso. Iso que para algúns resulta tan fácil e para min tan complicado...