Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

26.6.13

Ter calleiro

Cando alguén se ve metido nunha situación vergoñenta e a asume tan dignamente e sen inmutarse, en contra do que cabería esperar, dise que ten moito calleiro.
Tamén se di positivamente da xente que aguanta carros e carretas para saír adiante.
Pero este non é o caso.
Despois de ler esta noticia quedo con sentimentos enfrontados. Por unha parte, a aprensión de saber máis datos persoais dos dramas que non son números, senón vidas reais. Por outra, o orgullo de ver como todos eses números se plantan nunha reunión para demostrar que son vidas e con ese xesto, doloroso, porque non é fácil expoñer a intimidade, sábeno ben os que inda van ás caladas polas oficinas bancarias para ver se o seu ten algunha solución, sufríndoo para si, visibilizan cada día máis este gravísimo asunto; e por outra banda dáme carraxe toda a clase política, os grandes empresarios, os grandes defraudadores, os grandes directivos, e toda esta xente que ten calleiro para non se inmutar e aguantar estoicamente que os insulten á cara.
Se eu fose Wert ou fose calquera destes personaxes tería que ir apañando a miña autoestima cun recolledor atrás de min alá onde fose.
Será que os cartos de verdade o poden todo?
Deixo a ligazón á noticia. Cómpre lela polo miúdo, aínda que sexa sensacionalismo, é indicativo de que a ola de presión, cada día ten máis presión e menos escape.

http://www.eldiario.es/economia/directiva-Bankia-enfrenta-propietarioslos-preferentistas_0_146986183.html

25.6.13

Que curiosa é a vida

e a cantidade de voltas que dá.
A festa pasou e parece que por fin se achega o verán.
A ver se é verdade e comezamos a poder mergullarnos en auga con sal, que xa vai facendo falta.
De entre as moitas curiosidades, porque sempre é curioso volver á patria e ver como o tempo vai pasando e como vai sucedendo a vida.
Agradécese tamén ver caras amigas e un poñerse ao día rápido, como non.

Fun ver Sex Museum, que actuaba tras non poder facelo o ano pasado. A verdade é que saíron tarde e ía frío coma o demo. Unha xa é unha señora que non está para estes trotes. Pero con todo, estivo bastante ben.
Dezaoito anos antes, alá por 1995, víraos un verán en Arzúa, nunhas festas dos Botes que me interesaban máis por outras cuestións ca polas musicais.
E alí estabamos, 18 anos despois, as mesmas dúas persoas, cos mesmos intereses máis sólidos, e con Sex Museum como protagonista secundario. De novo.
Máis vellos, todos nós, noutro escenario, pero sempre mellor.
É curiosa a vida ou non é?

21.6.13

Imos de FESTA!

Que xa vai tocando.
Ao grande.
Con orquestras, garrapiñadas, mazás de caramelo, roupa de estrea e barracas.

Tantos momentos que lle veñen a unha á cabeza.

E sempre para mellor.

Gana de ver os amigos outra vez, inda que o tempo non acompañe.

E de todo o resto xa me acordarei o martes.

Que vostedes atopen un San Xoán que os acolla tan ben coma a min.

18.6.13

o portal da lingua

celebro calquera iniciativa

de verdade

pero un lingüista a tempo...



Despois de ler, ler, e ler, e ler... pregúntame un colega que que tal.
E eu dígolle: hai de todo.
Moita broza.
Tamén do outro.
Somos un espazo reducido. Non van saír escritores e escritoras de calidade e con ideazas ata de debaixo das pedras.
E do que se publica.
Pois mira.
Xa non sei se é mellor ou peor.


Como dicía Manquiña (que me cae mal), pero que fixo un papelón nesta película: si hay que ir se va, pero ir pa ná, es tontería.

Pois o mesmo. Ás veces fas cousas, asistes a cousas, les cousas, promoves cousas, participas en cousas... e ao final da semana dis "cantas cousas". E cousifícalo todo, porque prefires esquecer títulos, autores, nomes, denominacións e demais etiquetas identificativas.

Deixémolo quedar en cousas. Outras virán. Digo eu.

13.6.13

Hoxe ía falar da mina de Corcoesto

E dos intereses que ten certo medio chamado La Coz de Galicia.
Xa o mencionei en varias ocasións, pero como parece que nin a contestación popular (de pobo, non de popular-ghaviota) é coma quen oe chover, coma en tantas outras ocasións, volvo co tema.
Nestes tempos hai tantos temas que me roen nas tripas que a esta altura da primavera xa debía de ter a úlcera sangrando a chorros.
O dito, que ía poñerme hoxe co tema da mina, pero antes deume por ler algúns dos blogues que sigo de preto e vexo que xa outros dixeron o que eu viña matinando, e moi ben dito.
Así que deixo a ligazón e aforro eu de botar bile por entre o teclado.

http://xmeyre.blogaliza.org/2013/06/12/paremos-corcoestro-paremos-la-voz-de-galicia/

Eu A Coz de Galicia xa nin a quero nin para limpar o cu nin en situacións apuradas. Inda estes días cando baixo tomar o café e non hai ningún outro xornal libre, nin lle boto a man. Iso si, as escasas ocasións en que o fago dáme ata vergoña allea.
Sen entrar en ideoloxías e noutras fonduras, que cada quen xa ten os seus criterios, fan un xornalismo de a patacón e os redactores débenos sacar da escola de práctica de malas maneiras. Así, por dicir dúas que me viñeron aos ollos.
Falando sobre un meniño que afogou no río: Sus allegados afirman que era muy listo y le gustaba el kétchup... (relevantísima a opinión); titular: El placer de tocar tu propio órgano a carón da foto dun raparigo con cara de adolescente apoiado en algo que non se sabe moi ben o que. A noticia era dun rapaz que restaura órganos e que ademais é músico, que ía tocar un órgano que restaurou nunha igrexa...
Para ir mexar e non botar gota.
En canto ao de Corcoesto, xa non só o tratamento que lle dá, senón a publicidade, as entrevistas, os folletos e auténticos libros editadísimos que acompañan o xornal os domingos... É un bombardeo constante.
Moitos xa sabemos o porqué. Moitos outros non. Pero deberían, deberían...
Hai xente que por cartos, vendería ata a súa propia nai. É un feito.

10.6.13

A accesibilidade

O da accesibilidade parece cousa negada só a uns poucos, pero, en realidade, é o pan de cada día de case todo o mundo. Se non é nun ámbito, é noutro.
Hai esferas ou facetas accesibles e outras que non o son, polas causas que sexan.
Estes días ando (andamos) moitos pais e nais preocupados co tema da eminente escolarización dos meniños en infantil.
E entre o como será e como non será hai unha cuestión fundamental na que, ¡menos mal!, todos coincidimos.
A importancia de coñecer os mestres antes do inicio, o lugar, o horario, o proceso de adaptación... e xa non por unha cuestión de quedar tranquilo ou tranquila (que si), ou de ir facendo o camiño cos pequenos na casa (que tamén), ou de ter un primeiro contacto con aqueles e aquelas que van xogar un papel tan importante na túa vida de aquí, polo menos, a tres anos (sobre todo isto). Pero tamén por cuestións de organización e de optimización de recursos (que non todo quisque ten á man recursos para poder solucionar o que lle xurda sen unha previsión anterior).
E non é por desconfianza.
É porque, e non me considero persoa remilgada, desconfiada ou exquisita, é porque é fundamental, creo eu, que un non manda os fillos chegado o día acordado a un lugar coma quen manda un xiro postal. Hai cousas que doen e preocupan e outras que non.
E neste caso doe e preocupa, loxicamente.
Pois cal é a miña sorpresa que entro na páxina do centro para me asegurar das datas de matriculación e poñen que a reunión informativa é o luns que vén ás cinco da tarde.
Menos mal que entrei na páxina, pensei, que se non, pásame e nin me decato (isto porque como chove, non contactas con outras nais e outros pais que teñen outros fillos e outras fillas xa escolarizados e que sempre te poñen ao día nas novidades escolares).
Despois pensei, rediola, ás cinco da tarde, pero se o máis cedo que sae a xente de traballar é ás seis ou ás sete...
Ben sei cal é a xornada laboral e o horario dun docente ou dun administrativo. Ben o sei. E ben sei o que custa prolongalo ou modificalo. Seino porque eu tamén asistín a moitas reunións fóra de horario tendo que quedar a xantar, ou percorrer quilómetros, e un longo etcétera.
Pero tamén moitas veces reivindiquei titorías accesibles para pais e nais, un día ao mes ou ao trimestre no que a xornada rematase máis tarde para que esas persoíñas preocupadas polas súas persoíñas puidesen vir onda min e falar un anaco do que pasa cando saen das portas das súas casas e entran polas portas das aulas.
Porque moita xente, inda que pareza incrible, non ten marxe de maniobra.
Ás cinco da tarde, dos que se van matricular, xa coñezo uns cantos pais e nais que non sei como se van amañar para poder comezar a estreitar lazos.
E despois descargo, inocente, ese libro que editou a Xunta no que se fala felizmente do proceso de adaptación visto por docentes e pedagogos.
Un mundo multicolor onde os nenos e as nenas son recibidos con amor, con disfraces, en ambientes distendidos, falando na súa lingua, onde pais, nais, pequenos e mestres son coma a santísima trindade en comuñón perpetua...
En fin.
Para variar, do dito ao feito... vai un treito!
Que a sorte nos acompañe.

7.6.13

A unión europea

é onde se reúne a cúpula de ETA, por iso lle dan un premio á PAH...

A ver o que tardamos en oír unha burrada que camiñe por aí da boca dos nosos (des)gobernantes.



6.6.13

Un oco

Ás veces atopar un oco é complicado.
Como cando saes co coche, tarde, mal e arrastro e sabes que terás que dar duascentasmil voltas e ir aparcar ao inferno para ter que patear e chegar suando a un sitio.
Pois o mesmo.
Ás veces resulta tamén que xa non tes gana nin ánimo para buscar nada.
E valo deixando correr.
Dando duascentasmilvoltas.
Aparcando no inferno.
E chegando tarde, mal e arrastro.
Moitas veces o tema este da vida é complicado.
Demasiado.
E os ocos, a cada paso, máis escasos e cotizados.
E o ánimo, para rematala, non está para charangas.


Acabando a semana.

5.6.13

REVISANDO OS DANOS

Eu non son moi dada á poesía. Leo pouca e só clásicos ou amigos. Non é que estea orgullosa do tema. É que aínda non tiven a grandeza de poder gañarlle un anaco ao tempo para me recrear nas palabras e no que estas evocan.
Supoño que, inda con todo, leo máis ca a media, que xa bo é. E resúltame algo incongruente en min, porque entre as miñas obras de referencia están varias de poesía... Así que debería ler máis, debería ler máis...
O caso, estes días ando algo a voltas con Lois Pereiro, e dáme por deixar aquí uns versos seus, de entre os que máis me gustan, aínda que sexa difícil elixir. Grandísimo Lois Pereiro...


REVISANDO OS DANOS

A man dereita á dereita do corpo,
a man esquerda á esquerda.

En plenas facultades,
teño a cabeza no centro do mundo
e voulles cambiando os argumentos
aos meus soños escasos e prudentes.