Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

31.5.13

Mais uma recomendação...

Hoxe quería recomendar un libro, pero a verdade é que me pareceu un pouco ousado pola miña parte. En realidade non ten moito de especial, só que me gustou a min. Máis nada.
Pero si que non podo deixar de pasar a ocasión de recomendar un disco, dunha rapaza brasileira espectacular que descubrín grazas, como non, a Radio3 e a Sonideros.
Que é a banda sonora que me acompaña acotío mentres me perdo na enredadeira da palabra escrita...
Paréceme un disco bo dos pés á cabeza. Non o merquei, porque xa se sabe que iso do Spotify ten o bo e ten o malo, pero creo que nalgunha ocasión heimo autoregalar.
Non deixedes de escoitalo. Deixo a carátula porque lle estou collendo o gusto a iso de facer entradas esteticamente bonitas, ou polo menos vistosas... Que a enredadeira de palabra, á fin e ao cabo, é moitas veces igual de dura para min ca para os demais.
O dito. Para acompañarvos, María Gadú e a súa fermosísima voz.


29.5.13

Gústame...

...que as bonecas falen en galego.
Oxalá non tivera que usar outro tempo verbal e puidese usar o presente.
A seguir soñando.
Gustaríame poder incluír as fotos dos González, por espectaculares, do topmodel de Bueu e das miñas dúas riquiñas Mónica e Anxos, pero non me dá nestas horas para andar pedindo permisos...
Outro día sumo as deles, se me deixan.


A cita do día

Á parte da que teño cos meus amores a partir de certa hora.
Unha que atopei hoxe inserida nun libro ben, ben, ben interesante: El lectoespectador, de Vicente Luis Mora.
Ultimamente volveume dar por ler intensamente (que deixar de ler, en realidade, nunca deixei, inda que houbo etapas de barbeito). Estou collendo carreira con textos que teño a man para as horas de bus e de pre-caer-redonda, sempre historias lixeiras que me engolen desde que abro ata que pecho, de Maruja Torres, de Elvira Lindo, de Millás... (a colección Alfaguara que me observa a xornada completa ás miñas costas mentres lle dedico as neuronas á produtividade), que combino con outros textos tamén interesantes que vou collendo na biblioteca.
Encadeando uns con outros. O da intertextualidade fai que de cada lectura teña que anotar catro, cinco ou seis títulos máis que van engordando a lista de pendentes. Maldita intertextualidade que me fai desexar unha tarxeta de crédito infinita coa que plantarme na primeira libraría decente que me deixe botar a tarde folleándolle e cheirándolle os andeis todos!
Pero ao que ía, a cita de hoxe, que me entusiasmou:

Os campos pechados son para o gando. De George Steiner.

Non vos parece marabilloso?
E outro descubrimento, remexendo por entre a páxina do ilustrador Leandro Lamas (leandrolamas.blogspot.com) descubro esta ilustración, que inclúo como divulgación e que me fixo sorrir. Xa sabedes o porqué.
Tiña no caderno de "aquí si que hai que gastar os cartos" o novo libro de Magín Blanco, A nena e o grilo nun barquiño. Non sabía que o ilustrara Leandro porque non o vira aínda fisicamente, así que agora a obrigación é máis obrigatoria ca nunca. Tamén está o tema da premura dos espectáculos por Compos, que temos que nos poñer ao día por se nos cadra ben achegármonos...
E hoxe, como última curiosidade xa, atopei un cancioneiro que precisaba para outros temas en Calameó de Pablo Díaz, da zona de Bergantiños e nos que sae el noviiiiño, noviño, noviño...
Fíxome graza realmente o cativiño que é este mundo. Sempre nos encontramos todos unha e outra vez.
Parecería un círculo se non fose un xeoide.
(o chiste malo é porque xa é tarde a neurona non dá para máis, xa bo fixen con poñer círculo e non poñer directamente redondel ou que sei eu...)
Aquí deixo a imaxe, para que me alegre o día e o blog.

27.5.13

Venres concertazo ContraMINAcción

Os de ContraMINAcción non paran de intentar visibilizar por todos os medios o saqueo ao que nos queren someter coa connivencia de poderes públicos, (des)gobernantes e medios de prensa, sobre todo locais e folletíns parroquiais.
Que lles vai moito no asunto.
E aos demais, así nos vai.
O caso é que non deixan de convocar marchas, conferencias, roldas de información, folletos, vídeos e moito máis. Entre as moitísimas iniciativas, destaco este concerto onde estarán, entre outros, os grandísimos Sés e Leo.
Son fan de ambos os dous, e se por riba soben ao escenario para seren as caras visibles da negativa ante o que nos vén enriba, mellor que mellor.
Onte, falando do asunto, soñabamos con poder prender lume na maquinaria toda se isto non frea moito antes.
Coma nalgún tempo. Todos botándose ao monte.
Para que o camión de ouro non lles saia rendible coa maquinaria estragada un día si e outro tamén.
O caso dramático do asunto é ese ir casa por casa ofrecendo emprego onde saben que non o hai.
Ao final, a demagoxia e o enfrontamento estará enriba das mesas de cada casa de cada lugar canda o pan de cada día.
O pai, a nai, o tío, o avó, o fillo... todos saberán que non está ben, pero estarán consolándose con que é o prezo que hai que pagar por asegurarse un futuro.
Por desgraza, en moitas situacións, é complicado que a xente sexa capaz de mirar máis alá. Pásanos ao común dos mortais. Non é só cousa de pouca xente.
En fin.
Oxalá este despropósito se pare antes de que sexa tarde.
Achego o cartel por se alguén aínda non estaba ao tanto do asunto.
Venres concerto. Sábado romaría na carballeira. Domingo manifestación por Compostela.
Aí nos vemos.


Achego tamén o vídeo que xa circula pola rede e por outras canles. Para min fáltalle un detalle importante, pero non por iso vou deixar de darlle difusión. Velaí queda:


24.5.13

DOMINGO 2 DE XUÑO

Digamos NON á explotación descontrolada, abusiva, agresiva e contaminante dos nosos recursos mineiros polas rúas de Compostela.
Dáme vergoña propia e allea ver medios como a Voz de Galicia, que se vai esperar, obviamente, distribuíndo folletíns a toda cor resaltando as bondades da minaría en Corcoesto. Só hai que investigar un pouco quen é quen nas dúas empresas para ver que debaixo só hai un ánimo de lucro por riba de todas as cousas.
Dáme vergoña propia e allea escoitar e ler as palabras que o alcalde de Coristanco vomita pola súa boca. Faiche ter idea de que a catadura moral e intelectual dalgúns políticos, por lles chamar dalgún xeito, non sempre está á altura das circunstancias.
Por unha presa de empregos precarios xa vendeu outras cousas, estas tamén son moeda de cambio que a el nin lle van nin lle veñen.
Deberían aprender desas rapaces e desas rapazas da súa vila que mostran o seu desacordo e a súa mágoa por medio de cartas á dirección ou manifestacións públicas.
A miña forza e o meu ánimo a todos os que gastan as súas horas e os seus esforzos mirando polo ben común e intentando evitar aberracións e agresións que nos afectan a vida de todos nós.
O día 2 alí nos vemos!


23.5.13

Percepción e realidade

Na maioría das ocasións, a percepción e imaxe que un ten apenas se corresponde coa realidade, ou modifícaa ao seu antollo.
Suponse que é un mecanismo de autodefensa e de supervivencia. Simplemete, supoño. Eu non sei nada de psicoloxía.
Só que de cando en cando, como diría Maruja Torres, a vida agárrate así polos pelos.
E entón caes da burra.
Simplemente.
Ás veces mellor. Ás veces peor.

21.5.13

Unha de nenos

Vou recomendar algunhas lecturas, que xa levamos moitas, que me gustan especialmente. Non todas son polo contido, algunhas é pola ilustración, que me parece bonita ou suxestiva, e iso é moi importante nos "lectores visuais", ímoslle chamar así. Vounas poñer un pouco ao chou e comento o que me parecen.
Para cantar
Un dous tres, este encántanos por moitas razóns pedagóxicas ou non. O libro son palabras debaixo de imaxes, unha especie de pictograma. Pablo Díaz, en Tic-Tac musicouno, así que o contamos cantándoo e sinalando co dedo conforme se vai avanzando na lecto-cantiga. Partímonos moito cando as nenas intentan reproducilo, xa case o saben de memoria, cantándoo para non perder o compás e atropelándose coa sinalización ou coas imaxes. Recoméndoo encarecidamente.
Para antes de durmir
Da mesma ilustradora é Viaxar en pixama, que tamén nos rechifla para ler antes de ir durmir. Dá para moitísimo este libriño.
Caracol bonito
Para dicir adeus á chupeta
Caracol e caracola, nas súas diferentes aventuras, son outros dos preferidos. Son situacións simples que se resolven de maneira natural. Caracol toma consciencia de que a autoimaxe é diferente da imaxe que proxectamos, a amizade entre os dous e a súa adaptación ao medio... Ás nenas gústalles moitísimo cada aventura que vive Caracol e a súa amiga Caracola.
As aventuras cotiás
Caracol e amigos
A lúa ladroa gústanos porque alimenta o imaxinario que axuda a madurar e a ir abandonando hábitos que socialmente teñen que ir deixando atrás, coma a chupeta. A historia de consolar a lúa cada noite para que non chore é máis bonita ca a de veu un can e roeuche a chupeta, a verdade.
Os chibos chibóns e a nova versión de Garavanciño gústannos moitísimo. Os chibos chibóns porque é graciosa e resolutiva e Garavanciño porque acaba de maneira moi simpática. Recomendamos os dous moitísimo.
Os graciosos chibos
A escatoloxía ao poder!
O peido final é o máis!
Abaixo o individualismo!
A toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza. O rollo escatolóxico gústanos aos grandes, pero os pequenos contáxianse da nosa risa e da graza coa que contamos esta historia. Paréceme estupenda.
Viva a mestura e a variedade!
E as últimas adquisicións, regalo de Moni e Anxos, que nos están gustando moito. A primeira titúlase Cerca e fala da (in)comunicación e da maneira de vivir tan solitaria e individualista que nos rodea e a segunda Gatiño e a neve. Esta última historia é ben bonita e reflicte á perfección moitos dos valores que queremos transmitirlles ás nenas. Gústame moitísimo.
Por último, Nariz de ouro é un relato un pouco típico estereotipado, a imaxe que dá da nai é un pouco rancioso, é unha reformulación do Parrulo feo, pero gústannos moito as ilustracións, son ben bonitas e vistosas e gústanos miralas e imaxinar a vida que leva o rapaz.
Bailar nas nubes tamén nos gusta moito por esta mesma razón. Aínda que a historia inda non a comprenden, as ilustracións son fermosas e diferentes do que perciben acotío.
E hai moitos máis... por fortuna encántalles ir á biblioteca, elixir libros, levalos para a casa, follealos, que llelos leamos, volvelos follear... Así que temos unha ristra de títulos.
Si teño que mencionar que, inda que se lle deu moita relevancia e publicidade, pasaron sen pena nin gloria polas nosas mans A cebra Camila e Coelliño Branco. E Lobo feroz deulles un medo impresionante, auténtico arrepío, e mira que a min gustoume ben!
Veña. Outro día, máis. Hoxe a entrada desmárcase, inda que non chegou a primavera nin ten traza de aparecer, viva a cor e a alegría!!!

18.5.13

Tic Tac en Compostela

Onte fomos ó concerto de Pablo Díaz, que era gratis no auditorio, así que IMPRESCINDIBLE asistir.
A min o disco de Tic-Tac encántame por varias razóns, a primeira, e a máis decisoria, porque non estupidiza os rapaces. As letras son bonitas e intelixentes, graciosas e ben pensadas.
Iso de primeiro. O que non supoñan nenos e nenas ranciosos ou revellos ou princesas ou heroes xa me entusiasma.
De segundo e non menos importante, que o galego de Pablo é estupendo, marabilloso... É o que ten que ser, un léxico galego, cunha gramática e unha sintaxe galega e unha fonética galega.
A min, por exemplo, tamén me gusta Magín Blanco, pero ás veces ata me doe escoitar esa fonética tan castelá que gasta. Porque os erros de léxico e ata de sintaxe, se cómpre, perdóanse, pero o da fonética tan ruín vaiche molestando aos pouquiños, ata que deixas de oílo.
É así. Non me pasa a min soa. Ou é que o resto da humanidade dá por boa a música do Koala opá, vamo hacé un corrá... non, verdade? pois a min pásame o mesmo. Que son filla da xeración Xabarín e xa mamei o de e logo lle regalei un perfume de Chanel... entre outras cousas. De pequena, co meu galego ben mamado, pensaba eu na miña ignorancia de adolescente: e estes de que zona de Galicia serán?, os que din cho xuro... despois xa souben que non era por zonas o tema, era por outra clase de razóns.
Pois iso, que certas licenzas ou carencias inda se consenten, pero para levar no coche así, a todas as horas, pois non, para iso, polo menos, un algo de calidade, que son moitas veces de darlle a repetir, moitas, moitas, moitas...
O dito, que onte fomos ver a Pablo Díaz e non defraudou nin a grandes nin a pequenos. Démolo todo, cantando, bailando, aplaudindo e non lle tiramos flores porque non as levabamos.
Avanzou que axiña estará o seu segundo disco á venda. Temos claro que será unha adquisición ineludible.
Moitos parabéns e moitos éxitos para Tic-Tac!!!!

16.5.13

Criticalia

Que o meu nome saia en Criticalia dáme uns pulos para esta tarde e para o que me resta de semana que case me quita o alento.
http://armandorequeixo.blogaliza.org/2013/05/16/a-proposito-do-x-certame-literario-concello-de-ames/
Son destas cousas que che suceden e que apenas cres. Un blog que segues na distancia acotío, aí, agachada atrás da túa pantalla, vendo o que outros fan ou recomendan e de súpeto, o teu nome, aí ocupando media liña... Miña nai!
Hoxe non me cabe unha agulla polo cu (falando mal, que é o que mellor se me dá).

15.5.13

Merena (a merenda do ShinChan)

Hai un lote de cousas que non me gustan para merendar, pero teño que roelas de igual xeito.
Canto máis leo, e ultimamente é moito, máis consciente son das contradicións deste mundo e do fráxil que é o sistema todo en que nos obrigamos a vivir.
Onte lin, na mesma páxina, como un rapaz investigador galego non podía volver traballar en Galicia porque o rexeitaron, argüíndo o desaxuste do seu currículo ao posto. Acabábanlle de dar un prestixiosísimo premio polo seu labor investigador. Mentres, un rapaz das novas xeracións do PP, de apenas 25 anos, faise cargo dun instituto de non sei de que, designado a dedo e cobrando uns 50000 euros anuais, así, por dedocracia. Ao igual ca unha miss, licenciada pola CEU (ollo, con dobre titulación!), vaise de secretaria persoal ou asesora non sei de que cargo, tamén do PP, cobrando por aí o mesmo. Non digo nada porque sexan listos e guapos, só digo que o seu perfil, sen experiencia profesional, nos dous casos, non parece moi axustado aos requisitos dos seus postos, que, por outra banda, son creados ad hoc, algo que incha bastante a vea mala.
O mundo está cheo de antónimos e paralelismos crueis por todos os cornechos, parece. E  merenámolo como podemos.
Hoxe estou lendo sobre a coeducación e a investigación que se fixo nalgúns centros e cabréame tanto. Mentres exercín a docencia cabreábame desde o punto de vista de educadora. E en non poucas ocasións vinme alentando as nenas a reivindicar os seus espazos no patio, o xogo mixto ou colaborativo, outro xeito de relacionárense sen empregar esas desafortunadas persecucións tirándose da roupa ou acurralándose para tirar do chicho ou arrincar un lazo, ou fornecendo de lecturas que lles rompesen os estereotipos sexistas, os roles marcados, rebaixando o nivel de agresividade ou masculinidade que tanto esgota os rapaces... Que sei eu!, pero agora que o vexo desde o punto de vista de nai, imaxino e recreo as miñas fillas facendo as súas mariolas marxinais nas esquinas a onde non pode chegar o balón con toda a súa furia, ou sentadas nas escaleiras dos laterais falando das súas cousas de chicas, emparellándose nos traballos coa súa mellor amiga de falsete e nunca cun compañeiro porque o considera un bruto e enfeeeeeeeeeeeeeeeeeeerrrrrmo!!!!!
INTERVENCIÓOOOOOONNNN!!!!!! NINO-NINO-NINO-NINOOOOO!!!
Estou impaciente e nerviosa agardando ver quen vai ser o mestre ou mestra que as vai titorizar na escola durante 3 anos, que confío e desexo que se volva o noso ou a nosa cómplice e colaborador ou colaboradora, e non o antagonista do protagonista que intentamos alimentar e alentar na casa.
Nenos pipí, nenas pachocha, pero quitado iso, non queremos que haxa máis nada que permita segregación obxectiva...

14.5.13

Gañei un premio!

E estou infinitamente contentísima por iso.
Presenteime un pouco animada por algunhas amigas, que por amor de amiga me instan a que mova o cu e faga algo, en vez de pasar a vida rosmando contra o que hai publicado e en contra dos premios literarios e toda a tarambaina.
Así que mandei un textiño que tiña escrito, entre os poucos que vou conservando en miles de carpetas con miles de títulos de posibles grandes bestsellers futuros que quedan niso, arquivos en carpetas. Así que un pouco movida por iso e un pouco movida porque é verdade, hai que deixarse de destrución e facer máis construción. Polo menos intentalo.
Gañei o segundo, que me reportará 210 euros (viva!) e a publicación do texto en papel (viva!, viva!, isto alimenta o ego, o outro vaime pagar a factura do gas e da lus!!).
Total, que é un premio humildísimo, como corresponde, patrocinado por Feiraco, o leite mola! e a entrega de premios dáme tentación para moitas aduanadas que se me cruzan pola cabeza. E que a ver como levo a semana, igual cae algunha...
O caso foi que chegou nun bo momento. A miña autoestima por veces vai quebrando nalgúns asuntos que non levo demasiado ben, sácame moita enerxía mantelos a pé. Así que inda que só sexa por iso...
Ligo a información da rede. Para unha vez que me cae algo así coma do ceo, teño que airealo todo e máis.
Viva, viva, viva!!!!
http://www.concellodeames.org/nova.php?noticia=9863&idioma=gl&sec=32

13.5.13

Teño que tomalo todo menos en serio.

Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.
Teño que tomalo todo menos en serio.

A ver se copiándoo cen veces acabo por asumilo... así, á máis pura pedagoxía antiga... Non sei se co CTRL C CTRL V tamén pasará por bo ou teño que tirar de lapis e papel...
Vida esta...

8.5.13

A perspectiva

A perspectiva é algo moi complicado de traballar, pero que hai que facelo, hai que facelo... A perspectiva é importantísima, tanto como a autoestima, a capacidade crítica, a educación en valores...
Creo que xa comentei nalgunha ocasión que as miñas clases de "Plástica e pretecnoloxía" foron sempre escasas e cutres, así que nunca aprendín o da perspectiva así abertamente. Máis tarde tampouco me cadrou estudar a teoría da relatividade de maneira global, así que non foi ata chegado os últimos cursos do bacharelato que se me abriu o mundo coa filosofía (grazas infinitas a eses docentes que sempre querían ir máis alá da teoría e do texto difícil de dixerir) e cando lin El árbol de la ciencia, La colmena e outras lecturas obrigatorias que che poñían sobre a mesa, abertamente, datos que despois se comentaban na aula. As aulas de literatura española de 3º e COU, hei de recoñecelo, foron o meu primeiro club de lectura verdadeiro, aínda con todas as súas tachas.
E digo que o da perspectiva é importante porque, moitas veces, perdémola, ou xulgamos desde o presente, coas normas do presente, actuacións do pasado, ou xulgamos desde o noso etnocentrismo condutas ou actuacións que categorizamos axiña e á lixeira.
Hai cincuentamil maneiras de vivir e de facer e non necesariamente seguen os nosos principios ou os nosos esquemas. Afortunadamente a diversidade está aí.
E afortunadamente, canto máis reflexivo, cauto e parcial intentas ser, máis consegues afinar as túas relacións persoais, que son o día a día, á fin e ao cabo.
A min quédame inda moito que facer, pero traballo no tema sempre que podo. Todo o máis a fondo que podo.
Hoxe falei moito do tema das redes sociais. É algo que me suscita amor-odio. Eu son moi prole novas-tecnoloxías, novas maneiras de facer, de mostrarse ao mundo, de visibilizar cousas que, doutro xeito, resultarían invisibles... Unha fiestra ao mundo. Pero o mal uso ou o abuso tamén me bota bastante para atrás.
Cando vía algunhas amigas colgar alegremente as súas fotos en traxe de baño ou semiespidas, pensaba eu, mira, Beyoncé tamén se mostra e aí está, non todo vai ser recrearse con Beyoncé. Pero andado o tempo descubro que Beyoncé está noutro nivel, xoga con outras regras, e só se mostra así no personaxe de Beyoncé, e o diñeiro que iso lle reporta vai, en certa maneira, parar a protexer nunha mansión construída nunha fortaleza á persoa que hai baixo Beyoncé.
Un amigo meu ten un blog e moitas veces quero deixarlle recados nas súas entradas, pero non deixa esa opción, e acabo chamándoo ou facéndollos chegar doutro xeito. Un día díxome que quitara esa opción porque era a opción de "que me lea quen queira, pero que me opine quen me importa" ou "que me lea quen queira, que opine quen queira, e que un día teña que empezar a hostias coa xente".
As fotografías ao modo Beyoncé ou as opinións tiradas fóra de contexto e convertidas en virais poden acabar coa autoestima dunha persoa.
Dicía non recordo quen, que o bo do twitter é que te poden colocar no olimpo e levantarche o ego ata o infinito, ou que poden darche a traca que mereces por botar por fóra sen meditalo. É un sistema premio-castigo moi potente, á parte doutras moitas cousas...
A perspectiva axuda, no fondo, á autoestima.
Algunhas das miñas ideas poden non ser boas, o meu traballo pode non ser bo para alguén, pero en principio, só é para alguén. Outra persoa. Con outra visión da vida. Con outra maneira de traballar e de facer. Se o sabes ver con perspectiva, non che acaba minando a autoestima. Doutro xeito, acabaría desgastando a calquera.
Ao final, volvemos ao de sempre, sentido común.
E hoxe como xoia, xa que a entrada non vale moito, deixo un lipdub que coñecín por medio de Cibrán, de Carta Xeométrica, que sempre é ilustrativo e que utilizo, sempre para ben, para descubrir por xunto o que doutro xeito me levaría meses ou anos descubrir por acaso. Afortunadamente, moita xente usa os seus blogues para que esa fiestra ao mundo bote raíños de sol tamén, e non só sapos, que é o que nos ofrecen os medios.
Velaquí a ligazón:
http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2013/05/moana-summit-2013-o-pato-lip-dub.html

7.5.13

Pernas pra riba, pernas pra baixo...

E así che anda o mundo mundial.
Eu creo que como excedín o límite de tolerancia á estupidez humana xa case non me sae poñerme a escribir nada, nin diante do blog.
Hoxe estou remoendo aínda dúas noticias importantes e igual de indignantes.
A primeira é a reforma da lei do aborto, que me pon a vea mala a latexar a mil por hora, e de aquí, coma un saco sen fondo, saen florituras por todos os cornechos: o aborto parécese a ETA aínda que pouco (o da ETA cos do pp xa logo é tan absurdo coma a nosa canción infantil de boys-boys-boys, sabrina es de la ETA, boys-boys-boys, no tiene metralleta, boys-boys-boys, dispara con la teta...). Os da xeración dos 80 xa saben do que falo... pois o mesmo, agora ata vai paralelo o terrorismo da banda ETA e o aborto. Manda chover moito na Habana!
Eu creo que ese empecinamento de certos sectores retrógrados co aborto (que sempre vén da boca de quen menos sabe: igrexa -que xa me dirás que pode opinar a igrexa, que confía na xeración espontánea e na castidade- pero que exerce o sexo con abuso de poder e a pederastia, xente aburrida sen máis que facer que pensa que pode coartar as liberdades e os dereitos dos demais porque lle sae da gana...) En fin. Ultimamente oio e leo cada cousa sobre o tema que me arrepía.
Nas mans de quen estamos?
Calquera día volvemos á cartilla de racionamento e ao rosario diario.
E despois a (des)imputación da infanta..., que mira, ponme negra. A lei é igual para todos... PAR-TO-ME!
A min nestas mulleres políticas, relevantes pola nacenza, etc., que acadan postos de poder ou de favoritismo social e que cando as pillan afirman con contundencia: yo es que no sabía nada (e o mesmo dos homes, eh), dáme unha carraxísima...
Digo dos homes tamén porque non fago discriminacións. Todo me molesta, pero das mulleres moléstame con acidez porque digo eu que xa custa tanto chegar que, oe, xa que estás, lúcete un pouco. Mente, ou dá a cara ou agacha a cabeza, pero facerte pasar por muller floreiro repatéame.
Eu non sei se lles pasa a outras persoas iso.
Faltan referentes en moitas direccións. Faltan referentes masculinos que non vendan valores como o triunfo, o machismo, o éxito social, o culto ao traballo, a competitividade... e que si mostren máis humanidade, máis goce nas pequenas cousas cotiás, no coidado da xente do seu arredor, que non se importe con deixar ver que rompe cos roles tradicionais ou cos estereotipos... E tamén faltan referentes femininos de mulleres que ven recoñecido o seu labor, a súa traxectoria, o seu traballo, que pode ter éxito en ámbitos tradicionalmente reservados para o masculino...
A ver, que me lío. Son das que pensa que para alcanzar a igualdade de xénero non hai que coller precisamente o "peor" ou o que se lle critica ao outro sexo. Nin eu quero verme mexando de pé e sendo brusca ou prepotente cos homes, nin quero homes que necesiten princesas que os salven de caeren nas poutas das bruxas... Igualdade é igualdade, nin máis nin menos, bidireccional. E logo pois xa, a personalidade de cada un...
Por exemplo, unha anécdota. Onte había un meniño no bus, pequerrecho e moi gracioso que non paraba de facer monadas. Moitas señoras, mulleres, rapazas... ao pasar, facíanlle contos, xestos para reclamar a súa atención ou provocar o seu riso. Todo normal. Nunha parada subiu un rapaz, duns 30 anos e parouse co meniño unha chea de tempo facéndolle xestos e tocándoo. Mirouno TODO O BUS, todo o mundo o miraba e incluso alguén comentou: debe ser profesor de pequenos (para xustificalo).
Resultaba anormal e atípico que un rapaz se parase a xogar cun meniño que non coñecía de nada, e non resultaba estraño que o fixésemos todas as féminas alí presentes, cada unha de seu pai e da súa nai...
Explícome?
O caso é que a min, aínda que nin a infanta, nin cospedal, nin ana mato, nin talegón me representen en nada, nin me identifique con elas, que chegado o caso non sexan valentes e digan: yo es que estoy aquí puesta por el estado, pero te soy tontita... repatéame. Arrrrgggg!!!!
Afortunadamente, moitas outras mulleres que tamén teñen moito que dicir non me defraudan: Ada Colau, Almudena Grandes, Elvira Lindo... por fortuna, as outras fantochas axiña caerán no esquecemento, ainda que se lles dea tanta cobertura que me enferma.
En fin, vaia entrada de trapallada.
É tarde. Estou cansa. Vai mal tempo. Teño diaños internos en pugna constante e non os dou calmado. E eu que sei! Esta crise, que me resta folgos e me alimenta a golpe de non dou crédito!

3.5.13

PPPPPPP PEMEX...

Eu xa o vía vir. Eu e calquera que seguise un pouco as noticias. A ver a santo de que ían os mexicanos deslocalizar a construción de nada tendo eles onde facelo e necesidade de facelo. Pois aí está o resultado. Faranse con Barreras, a prezo de saldo, aprenderán o que teñan que aprender de nós, usarán o que precisen e por unha presa de empregos, diremos todos amén que si.
Igual ca Corcoesto.
Así nos nazan os fillos con tres pernas e tumores que os deixen estériles. Para que nos vaiamos extinguindo.
Hoxe xa estou de mala hostia infinita.
A min o Feijoo prodúceme unha repulsión instintiva, desa que é semellante a poñer a man na cara cando ves vir in balón fostiado cara a ti. Igualiño. É evocalo e sóbeme a acidez á boca.
Parece que este recuncho galaico, de folla verde, arume arpado e ben compasado está condenado a rillar castañas no pote e millo moído, e caladiño mellor.
Preténdennos unha involución que me deixa parva, porque o fodido, o fodido de verdade, é que pareza que pouco ou nada se move.
Eu ben sei que a xente está desesperada. Pero tamén vexo que moita outra vai asumíndoo todo cunha resignación impropia do mundo que corre.
Menos mal que están os das preferentes. Á xente tocáronlle os cartos e a vaquiña, e mira, polo menos balbordo fano. Pero todo o demais, que?
Quen vai loitar por que non nos desmantelen a industria? O sistema educativo? As pensións? A calidade de vida? A sanidade pública? O pouco aparello industrial que podemos explotar? O noso sistema cultural? A nosa identidade?
Quizais os meus netos, se chego alá, estudarán as fotos das familias despedíndose nas estacións do tren e nos aeroportos, do mesmo xeito que eu miraba con curiosidade as fotos do parrote de fillos e mulleres que mandaban pais, homes e irmáns a américa...
Chegaremos a ese punto porque os fillos dos ricos, que son os que nos des-gobernan hoxe, terán a mesma catadura moral dos pais, e seguirán deixando en herdanza deputacións e concellos, e sairán estudar fóra aos seus colexios de excelencia educativa; e os fillos dos comúns, pasarán probas mediocres, con estudos mediocres e saídas mediocres para continuar sendo a man de obra barata e eficiente de, quen sabe, as potencias económicas que nos mandarán para aquela hora.
Dáme unha carraxe incrible ler algúns comentarios nos xornais.
Eu hoxe teño tal mala baba que ata me dá gana de dicir cousas que nunca diría...