Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

18.3.13

O corazón dividido


Se a estas alturas tivera que escribir a novela do meu día a día, poñeríalle un título tan rimbombante, telenovelesco e acaído coma este.
Supoño que a todos nos pasou moitas veces, ese ter o corazón dividido, a cabeza dividida e o corpo ready to facerlle a parcelaria. Así a anaquiños, coa súa mellora, os seus marcos movidos e ata os preitos solucionados a sachazos.
Boto en falta as miñas mañás con seis brazos a facer de min unha masa amasada humana mentres non se me desapegan os ollos presos da caloriña de querer alongar a noite un pouquiño máis.
Sempre fun unha grande amiga da cama. Para durmir. Sábeme o defecto ata o señor da xestoría que me chamaba ás 2 da tarde e me preguntaba se non me sacaría da cama e estaría molestando.
Sempre fun curuxa noitebra, a cousa é así. Moitos anos de hábitos nocturnos éche o que ten, que o cambio custa.
Boto en falta que a miña creatividade voe libre sen preocupacións dun cuarto a outro da casa, sen que mo fiscalicen nin mo couten, polo menos así abertamente. Que despois coutar e fiscalizar, toda a vida se fixo.
Boto en falta os cafés de media mañá, felices, inda a pesar de todo o cotián que nos esmagaba a todos. Falando por non estar calados e amañando o mundo sen poder mover nin unha palla nin querendo.
Seica o meu é un raciocinio infantil e infantilista.
Inda falabamos onte das tribos que miden o seu benestar pola felicidade e non polos logros materiais, da índole que sexan. Que procuran o sustento para o día e gastan o resto en lecer de variadas categorías.
Non sei se mudarme a unha tribo.
Abandonar a miña non me presta alá digamos demasiado.
Boto de menos ir cosendo con fíos de algodón e de palabras o pequeno microcosmos en que hei de habitar durante parte da vida.
Din que hei de domear o meu infantilismo.
Eu digo que malditos cartos.
Se non fora por eles, o corazonciño había de telo enteiro e ben abrigado. Con seis brazos, seis pernas e moito máis.
Din que hei atopar o meu lugar, inda que sexa á forza de ceder espazos, eses nos que voaba libre a antedita, e que agora vai ser que amiga, tampouco é que foras morrer de éxito.
No meu interior xa o sabía. Só faltaba que mo dixeran, así, con todas as letras. Aínda que non sexa fácil facerlle a dixestión. Así de entrada.
Prometo volver con outras entradas. Outros mundos. Outra visión das cousas. Estes días todo o que oio vouno metendo ao cartafol do aténdoo despois, porque o meu cotián éncheme todo e máis, non me deixa faragullas para mastigar nos tempos mortos.

9.3.13

Casa da matanza...

Podía deixalo sen incluír máis nada, e o que non teña referencias que pense o que queira.
O resto xa pensa como lle deixa o fígado, que nada máis asociar a Rosalía con Marta Rivera de la Cruz sofre unha dor aguda e paralizadora que lles impide ás sinapses facer semellante conexión, porque o corpo entra en estado de shock.
As pilares por non seren piares de novo volven unha campaña que pretende ser seria nunha trapallada que debe asesorar, con perdón porque non sei quen carallo pode ser a empresa que o deseñe, nuns inútiles que en vez de gañar o pan tiñan que gañar o inferno por ataques contra a intelixencia deste calibre.

Supoño que desde a Xunta están poñendo moito empeño por ir de avanzadilla á lei Wert de silenciamento e ninguneo da lingua e da cultura. Doutro xeito, non se explica.
E para quen non saiba do que falamos, achego ligazóns que xa o din todo...

http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2013/03/marta-rivera-raposa-no-galineiro.html

http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2013/03/plar-versus-pilar-2.html

http://montealto.blogaliza.org/2013/03/09/de-como-falar-de-rosas-fozando-no-esterco/

http://xmeyre.blogaliza.org/2013/03/08/7763/

http://prolinguagalega.org/voces/2013/03/08/rosal%C3%ADa-non-a-admitir%C3%ADa-na-s%C3%BAa-casa


5.3.13

Dilatando...

Non estou enferma, coma a maioría do persoal de por aquí. Quen non ten gripe, ten arrefriado, gastroenterite e de todo.
Será que o panorama anda revolto e o das ganas de trousar e irse pola perneira transformouse en vírico.
Pero non, non é iso.
Agora ando enleada en algo con horario de oficina.
O que me resta vouno repartir a partes desiguais entre as pequenas, o grande e o resto da humanidade.
Oxalá tivese mil brazos e mil vidas para vivir, pero como só teño unha, terei que guiala como ben poida...
Xa contarei máis.
Hoxe o de Corinna, o pouco que acertei a ver mentres estabamos no enfangue nocturno habitual, xa me puxo o pelo crecho...
Que concubinato de elite, señores...
Tamén gustei de Bouvard e Pécuchet, dicíndoo todo sempre tal e como o pensa...
E as miñas entradas iranse dilatando no tempo... porque no espazo xa estaban.
Intentarei abandonar o menos que poida.
Falamos.

1.3.13

Como está o panorama...

Miña madriña. Danme arrepíos ao ler algúns artigos e os seus correspondentes comentarios.
Algúns son certeiros pero outros non poden ir máis desencamiñados... (de boa fe).
E o meu panorama revolto, salvando as distancias. Só que me falla a parte lucrativa do tema.
No mesmo mes nacen e morren proxectos que non chegan a ningures. Pero na conta, no canto de millóns, vou abrindo furados.
Vou empezar a meterme no mundo do enterramento, que me vai saír máis a conta. Proxecto frustrado e enterrado, son 1000 euros, grazas.
E no resto do panorama, se me deixasen empezar a repartir hostias, daba máis ca onte na misa do Vaticano.
Como ben dicía hoxe Millás na columna de El País, aínda que estea mal visto ser mal falado, así publicamente, ao final é o que che vén á boca.
A cona, meus, a cona.