Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

28.2.13

O que estea libre de pecado...

... que tire a primeira pedra.
E Ferrín será un señor e recuperaremos un grandísimo poeta, pese a perdermos un grandísimo referente como director da Academia, e porque será un señor, non vai botar por fóra.
Imos cambiar os ollos polo rabo. E se non, ao tempo.
Se calquera tira de hemeroteca saen de aí tíos, irmáns, sobriños, curmáns e demais familia.
Ten certa razón Manuel Rodríguez cando fala de "filoparentela" no seu artigo no Galicia Confidencial: http://www.galiciaconfidencial.com/nova/13389.html. Non fai falla tirar moito de hemeroteca para que iso se vexa.
Así que non sei por que razón esta tolemia de tráfico de influencias, que, non, non está ben de ser certa, e non, non por tradicional debe ser continuísta, pero o de ver a palla no ollo alleo e non ver no propio o fungueiro é demasiado.
Non me entusiasma que a filla de Ferrín poida ter máis oportunidades ca min por ser filla de quen é, pero polo menos recoñézolle que, á parte de ter unha formación probablemente semellante á miña, a súa bagaxe cultural daralle mil voltas á miña, porque meu pai poñía ladrillos e non facía reunións literarias no salón da miña casa. Quero dicir que, en calquera caso, se funcionou o enchufismo (que non o sei), non se enchufou unha zopenca sen dous dedos de fronte.
Noutros casos si que hai zopencas que foron enchufadas no seu momento e que, por non saber, non saben nin que no galego hai que realizar sete vogais, aínda que se escriban cinco. Aprender literatura a golpe de que che doian os oídos é desagradable por demais. E hai que ver como se lle enche agora mesmo a boca botando por fóra co tema e autoadxudicándose o ser abandeirada de preitos pobres (en fin... para ir mexar e non botar gota).
Non é nada estravagante que a metade dos traballos se consigan por contactos, cando non todos. Iso quitado que sexa un posto de función pública, que xa xoga con outras normas, ou que se trate dun concurso público, que xa non é ético. Pero non é novo que a maioría dos traballos que exercemos todos é porque a alguén lle gustamos para ese posto, porque coñece como traballamos ou como podemos afrontar iso en particular. E o mesmo nas publicacións, nas exposicións, etc. Ás veces é estar no momento preciso no lugar preciso, outras, que alguén te recomende, ou que pense en ti.
Se é xusto ou non pois nunca se sabe.
Cando leo algunha novela ou conto e vexo que foi premiada ás veces dáme dor de barriga. Tiro de google, vexo quen foi o xurado e voilá, a merda envolveita en celofán grazas ao aval dun amigo ou dunha amiga.
E quizais haberá xente á que non só lle doia a barriga, senón moito máis.
Pero outros aplaudirán e darano por bo.
Di meu pai, que aínda que pon ladrillos ten sentido común, aínda que lle falte o das reunións literarias, que de todo ten que haber neste mundo. Que a cousa está así montada.

Sei que mesturo, que é demagóxico o meu discurso, que non dou datos concretos, que non sinalo cara a onde teño que sinalar abertamente, pero é que non me sae, porque as cousas son como son e foron como foron. Puideron ser mellores e tamén peores. O meu consolo é que todos os enchufes aos que eu non puiden acceder no seu momento, polo menos foron ocupados por persoas que o fixeron ben, e que o están facendo ben. Así que iso doe moito menos, onde vai dar. E esa é a miña experiencia.

Para min é unha gran perda o de Ferrín, e tamén me amola este estar nos medios diario, este cainismo que desgasta de novo a lingua. Ao final todo se reduce a cuestións políticas. As cuestións lingüísticas, pedagóxicas, etc., impórtanlle un carallo a case ninguén.

E entrementres, as vítimas seguimos a ser os/as de sempre. Os que por oficio ou por vontade temos que dar as explicacións do que outros ditan ou fan.

E quen queira saber máis, Cibrán, no seu blogue Carta Xeométrica, xuntou ligazóns e ordenounas, para que máis opinións sexan lidas e consideradas. Eu linas todas, dalgunhas gustei, doutras un pouco menos, con algunha xente incluso me gustaría quedar para explicarlle o cuatro esquinitas tiene mi cama...
http://cartaxeometrica.blogspot.com.es/2013/02/demision-de-ferrin-recompilacion.html

26.2.13

Que diga a verdade, pero con cautela...

Porque non sempre unha pode dicir abertamente o que pensa, aínda que o pense, por iso do risco de parecer o que non é, ou parecer que non é aínda séndoo.
Polos datos que vou xuntando e dos que xa dispoñía vou abrindo claros por entre as nubes negras...
Lin hoxe nun blog que, o bo de non adscribirse e non militar en ningún partido é que tes a posibilidade de ser libre.
Ser libre hoxe en día é un luxo.
Non era libre onte a señora Cospedal atrapallándose na súa incapacidade lingüística e moral para explicar e xustificar o que non é explicable nin ten xustificación. Calquera militante de base, dos poucos críticos, estaría aplaudindo desde o seu sofá inda sabendo no seu interior que non estaba entendendo nada. É o que ten non ser libre. Que che extirpan iso que se chama capacidade crítica.
A min o da Academia dame moito que dicir.
A verdade é que si.
Moita xente xa sabe o que opino e cantas veces expliquei a miña visión de moitos asuntos.
Por sorte, algunhas cousas vivinas cos ollos inocentes de acabada de saír da facultade. Hoxe sería ben diferente o asunto.
Creo que máis dunha vez expliquei a miña visión daquel hotel no que atopaba o recepcionista pola mañá para deixarlle a chave, chegaba ao bus e era o guía, chegaba ao comedor e era o camareiro e pola noite desde a ventá víao limpando a piscina e recollendo o xardín. Pero á mañá seguinte servíame o almorzo, facíame a cama e limpaba as fiestras...
Cando lle preguntei se era el só ou tiña varios irmáns que se lle parecesen, o sorriso iluminóuselle e explicoume o da súa xornada e as súas funcións. E incluso o seu soldo.
Pois ben. O do don da ubicuidade parecíame algo case surrealista, e despois indignante ao coñecer os porqués.
Pero hai outra xente máis afortunada, que ten o don de parecer que vive na ubicuidade, e xa sabemos que o paranormal aínda está por demostrar, pero cun soldo algo máis arrombado e cun éxito social algo máis amigable ca o do camareiro-recepcionista-guía-xardineiro.
En fin.
Só é un falar por non estar calado.
Como sempre hai quen diga, e moi ben, ideas que unha pensa, máis ou menos, vou deixar varias ligazóns que me gustou ler, ben pola coincidencia de opinións, ben pola súa expresión, ben por achegar datos ou ben por confirmar o que intuía. E o resto, cada quen, que pescude...
Velaquí os deixo:
http://montealto.blogaliza.org/2013/02/25/un-espectro-percorre-a-academia/
http://www.sermosgaliza.com/artigo/cultura/o-mundo-da-cultura-reacciona-apos-a-demision-de-ferrin/20130225185042011643.html

25.2.13

todo é gate, gate por todos os sitios

Hoxe vexo a noticia da renuncia de Ferrín, non só como presidente da RAG, senón que tamén deixa libre a súa cadeira.
O que quere dicir moito. Un pode desposuírse dun cargo, pero desposuírse de ocupar un lugar concreto no mundo son palabras maiores.
Non sei que opinar, porque descoñezo todos os datos, e viría alimentar a estupidez humana que se bota a facer comentarios nos medios facendo insulto-demagóxico gratuíto.
A min a lea de poder a estes niveis xa me parece demasiado.
Tamén teño opinións, pero como son persoais e debidas unicamente á miña experiencia concreta, mellor vounas aforrar, porque, insisto, non achegan nada máis ca un falar por non estar calado.
Non sei se o seu foi obrar mal, pero desde logo o que non é de recibo é que o cegue acuse o chosco de non ver ben.
Sempre acaba falando o que menos debe. É coma unha lei universal que impera ultimamente.
O que ten o historial máis ao rebente, é o que se permite os luxos de levantar o dedo e acusar. Eu ás veces non sei se rir ou chorar, é difícil decidilo.
Eu o único que sei é que as miñas nenas están comezando a falar e xa non son eu, xa son yo. De luns a venres son yo, suben e bajan, son mío e tuyo e as cousas son pequeñas e grandes, e só contra o final do domingo se volve oír o eu, o subir e baixar, o meu e o teu e o pequenas e grandes...
E por riba teño que escoitar como se escarallan do meu pequeno drama persoal con frases do tipo estache ben, mira que che van saír castelanfalantes, non hai soberbia que non se pague...
Eu teño que dicir que nin respondo. A verdade é que fago que nin oio.
Porque un, non me parece soberbia ningunha o pretender que os teus fillos falen a túa lingua materna, sexa galego ou chinés. Creo que igual que os alimentas, os educas e os coidas á túa maneira, tamén vai implícita a cuestión da lingua. Para min é unha maneira de ver e entender o mundo. E nunca dixen que fose a mellor. Só é a miña e a que quero ter e conservar.
Dous, en realidade, ¿que é o que me está ben? Eu nunca dixen que o coñecemento non sume. Quen me coñece sabe que eu non desprezo ningún tipo de coñecemento, desde como se fai un enxerto e se rapa unha besta, ata a física cuántica, as linguas amerindias e a historia de Grecia e Roma. Penso que o lema saber máis é positivo podería tatualo nas cachas e non me daría problema.
Se "me" saen castelanfalantes pois agardo que sexa por decisión propia. Que non sexan tan parviolas de pensar que as linguas teñen ese falso poder de mover nada. Unha lingua é unha ferramenta de comunicación, o resto son connotacións e farei todo o que estea da miña man para que as súas cabezas non estean cheas de prexuízos estúpidos, nin cara as linguas, nin cara as persoas, nin cara ao mundo en xeral.
Insisto. Quen me coñece nunca me oiría desprezar, humillar, criticar ou sequera mencionar unha opinión sobre unha persoa pola súa opción lingüística.
Só en momentos en que teño que falar de lingua, aprenderlle lingua a alguén ou dar a miña opinión sobre a calidade dun texto ou dun servizo, etc. porque é o meu traballo, é que falo de lingua. E cando insto a alguén a repensar unha opinión ou a reconsiderar unha acción ou xesto, fágoo de maneira respectuosa e argumentada. Ou iso intento.
O resto resérvoo para os meus círculos. Igual que non falo de nenos con todo o mundo, ou de deportes, ou de relacións persoais. Cada cousa no seu contexto.
Así que me toca a moral todo este tema de cotas de poder.
De adhesións ou non a un decreto, ou contra un decreto.
Eu o que en realidade desexo é que as miñas nenas non teñan que comezar a desenvolver as súas habilidades lingüísticas deste xeito, entre liortas e decretos sen sentido que só benefician a algúns e prexudican a moitos. Está claro que o meu drama persoal impórtalle merda a todo o mundo.
É o que me toca de merenda.
Pois é o que me toca.
Está visto que non podo facer nada...

21.2.13

Contacontos

VOS vou a contar un conto...
O conto chámase  A INCOMPETENCIA.
O señor que conta o conto recibe subvencións públicas, traballa facendo xiras por concellos e cobra entrada. NOS PROMETE que tivo que aprender a tocar o acordeón para facer un bo espectáculo.
MIGUIÑO, DE PASO QUE PAGACHES POR UNHAS CLASES DE MÚSICA, PODÍAS INDA QUE FOSE FACER UN CURSO BÁSICO DE GALEGO ON-LINE GRATIS, QUE VIVES DA LINGUA, Á FIN E AO CABO.
Non entra na cabeza.
Onte volvín picar. Pero polo menos onte era gratis, dentro do malo, só me doía a cuestión do tempo, da inmoralidade, os oídos polo fondo...
Boh. Estou máis chea co tema. Eu non pido perfección, pero un mínimo de calidade para os mestres, animadores, contacontos, etc., etc. que vén ser a súa ferramenta de traballo, rediola!!! É ás veces, eu con toda a miña man esquerda, paciencia infinita e experiencia na vida de xa ter oído de todo, non podo deixar de dicilo, escribilo ou reclamalo.
Quixera ver todos os pais dos espectáculos se comezase: niños, voyvos contar una hestoria mucho bonita, de un marinero que pegábanle todos y maltratábanle hasta los peces del río...
Non me vou quentar.
Xa estou quente co pouco que conseguín ver do estado da nación. Todo se obvia. E a oposición é máis ruín ca a carne do pescozo. Aquí fano mal abertamente uns e mais os outros.
Estes si que tamén nos contan uns bos contos. Dos que ademais de expresalos mal, tamén dan medo.
Trapallada...

20.2.13

Debate da ración

Supoño que iso é o que nos vén enriba. Falta apenas unha hora e desta volta creo que non o vou poñer de banda sonora da mañá.
A metade do que se di non ten ningunha credibilidade para min.
Que o mundo estaba mal repartido xa o sabía. Pero o malo é que agora clama ao ceo.
Como din as señoras maiores cando están vendo Gente: antes os homes non lles pegaban así ás mulleres.
Non hai memoria histórica. Pegábanlles pero non estaban os de Gente para poñer a airealo ao público. Quedaba no ámbito familiar.
O malo do chouricismo actual é que está deixando de quedar no ámbito familiar e estase aireando. E por desgraza, coma noutros moitos casos, parece que tampouco aquí a intervención vai resultar atinada e efectiva.
Parece que todo escandaliza e nada penaliza.
Porque digo eu que si, que quizais Ana Mato só viñese ser a muller floreiro do seu home, e non soubese nin de onde lle viña o aire, e non teña culpa ningunha da merda que se lle acumulaba na casa... pero aínda que non incorrese en ilegalidades (que non o sei), miña filliña, para onde vas? A min non me poñen a mandar en ningún lado se teño as destrezas e as habilidades dunha cabuxa, pois muller, o mesmo. Non é discriminación negativa, nin machismo, nin acusacións infundadas, nin nada estraño. Como llo podería dicir sen ferir sensibilidades... vou tirar de refraneiro, que eu son bastante sanchopanza para estas cousas: que non vales, nin pa dios nin po demo. Así que a buscar outra cousa que se axuste mellor ao teu currículo e á túa intelixencia emocional, porque o que é da outra, parece que escaseamos unha miga, xa só polo feito de querer estar por riba do ben e do mal amarrada a un cargo público que, claramente, che vai grande.
E a novela do señor electricista mangante do Códice tamén dá para unha risa. A sordidez do ambiente eclesiástico xa a ve quen a quere ver, non di nada novo, pero que saia nos medios e veña dálle encántame, é coma o socio de Urdanga, deitando píldoras de realismo sucio a cada pouco. Perfecto. Están os dous aí, aí disputando a miña admiración pola que están montando.
Xa que o sistema non funciona e non hai mecanismos para paralos serios, polo menos pan e circo, que o Bárcenas traxeado indo esquiar a todo trapo fai menos graza, estes dous cando menos son os teleñecos que animan as páxinas dos diarios coas súas percepcións do mundo ao que quixeron acceder e do que foron expulsados.
Ou xogamos todos, ou tiramos coa pelota ao río.
Panda de desgraciados.
E os políticos honrados, que tamén os hai, irán un a un dimitindo e deixando os seus cargos, porque unha cousa é a gana de mirar polo ben común, e outra ter unha nómina do salario mínimo interprofesional, no mellor dos casos.
Acabaremos vendo nos plenos só mulleres e homes floreiros (mantidos polos seus homes e mulleres e familiares de boa familia para que dediquen o seu tempo a sentirse importantes), xente con intereses á vista (construtores, máis que nada, supoño) e pouco máis.
Ou moito muda o sistema, ou camiñamos cara a iso.
Que medo...

19.2.13

Encóntrome na difícil tesitura

De decidir que noticia me gusta máis hoxe, se as cochambrosas que teñen que ver co submundo eclesiástico en Compostela, as do lumpem político chamado con nomes de debuxos animados ou seguir sendo fan absoluta do socio de Urdangarín.
A verdade é que entre toda a porca miseria á que asisto como espectadora o único conforto que teño é que a monarquía, a igrexa e as altas instancias da política corrupta están sachando a brazo partido o seu propio burato.
Xa non me teño que desfacer eu en argumentos, eles mesmos se desvirtúan día tras día. Roubando ofrendas, escribindo material tan sucio para as súas reais bocas, espiándose, chantaxeándose...
Ai. Xa o din os vellos. Non te metas no pozo negro, que despois non hai quen te vaia sacar del!!
Agora só quero confiar que disto se vai aprender.
Antes de que nos acaben de desmantelar o sistema educativo de vez.
Estoume facendo tan cínica, que pasei de cagarme en todo mentres me informo a rirme en plan bruxa avería pensando na masilla que deben estar cagando nalgúns reais váteres...
Ultimamente pásame cada cousa, pequena, que me fai pensar iso de que "arrieritos somos...".

18.2.13

Imos lá!

Cando me poño a actualizar o currículo ás veces penso que moitas horiñas lle botei ao tema. Houbo meses que enganchaba a mañá co mediodía e o mediodía coa tarde e esta coa noite e seguía facendo cousas.
Houbo unha época que tiña tal capacidade de traballo e atendimento que non sei nin como daba feito.
Para que veñan agora e nos digan que vivimos por riba das nosas posibilidades.
A min deste circo en que vivimos tócame uliscar a merda desde quilómetros de distancia.
Case o prefiro, antes de que me obriguen a asisitir en vivo e en directo, porque non respondería de min.
A era trillicista vaime tocar o seu fin.
Bo por unha parte.
Malo pola outra.
A vida sempre é así, zapato novo, con pedriña dentro.
De calquera xeito. Imos lá ver!

15.2.13

Un trevo

Onte atopei un trevo, así desde lonxe, mentres levabamos as nenas por un carreiro visitar dúas ovellas vellas que viven preto de nós.
Que non pensen que os animais só saen nos libros, en realidade existen, aínda que non os vexan acotío.
Pode parecer unha parvada, pero a miña historia de amor cos trevos vén de moi lonxe. É un pouco traxicómica e chea de supersticións, pero que vai ser a vida se non se lle dá unha pouca marxe á casualidade, á alegría de pensar que existe unha especie de karma ou como queira que se lle chame.
Cando era cativa, moitas veces trataba de atopar trevos de catro follas, e nunca me pasaba. Amolábame cando botabamos horas na súa procura e outros sacaban o trofeo e corrían para a casa metelo debaixo dalgún libro ou secalo entre follas de papel.
E eu nada.
Nunca, nunca, nunca atopaba un.
Así que para autoenganarme, ás veces, pegáballe unha folliña de mala maneira e secábaos a modo de catro, ben abertos entre as follas dalgún libriño que houbese, aínda que ás veces quedaba ben enredado, case sempre acababa desenganchándose e saíndo á luz a miña trampa.
E así pasou o tempo, non sen deixar de lado a teima.
E cando estaba no instituto, unha vez, facendo un xogo destes sobrenaturais que tanto nos gustaban para as tardes de inverno, onde saían a relucir os nosos segredos máis agachados e as nosas esperanzas máis fondas con respecto ao futuro que nos agardaba, alguén, lembro o seu nome, pero non o vou dicir, dixo: no cemiterio, teremos que buscar unha lápida dunha señora chamada X, e alí debaixo imos atopar moitos trevos de catro follas.
Isto é verídico. Non estou inventando nada.
Esa mesma fin de semana pateamos deica alí, buscamos eses nomes e, efectivamente, debaixo dunha das lápidas había trevos de catro follas coma se os acabasen de sementar todos xuntos.
Recoñezo que o impacto non me deixou tempo para botar un ollo ao camposanto en xeral e comprobar que medraban por máis lugares.
Pero ese foi o detonante da procura da boa sorte do trevo.
En moitas ocasións a partir de aí atopeinos. Son unha persoa afortunada, así que non é casualidade que coincidisen con bos momentos. Non vou ser tan inocente de atribuírlle máis poder ca o que a miña mente quere atribuírlle cando lle peta.
Xa de grandiña, unha vez pasoume algo e pensei que xamais ía atopar un trevo. Que todo acabara aí. E por máis que busquei e busquei, durante uns anos non volvín atopar outro.
Pode parecer unha estupidez, pero era un detalle que me roldaba a cabeza con frecuencia, e incluso o teño comentado con xente.
Cambiei de estratexia. E volvín atopar un e outro, e outro, e así unha morea deles.
Agora había un tempo que non me viña ningún ás mans e onte volveu outro. É de novo unha casualidade, pero xustamente algo comeza a cambiar de novo.
É coma se en cada ciclo, cada oportunidade ou cada momento determinante, me trouxera un ao pé do camiño.
Por certo, hai un libro, titulado A boa sorte, que ten como fío condutor o tema dos trevos. Interesante e positiva lectura. Recoméndoa.

Sei que hoxe a entrada vai así, pero é que, coma sempre, a actualidade cada día dame máis gana de obviala, así, directamente.

14.2.13

Chamamento polo galego

Hoxe convídovos a que leades o manifesto presentado por iniciativa dun grupo de persoas, cada un coas súas filias e coas súas fobias, pero coa arela común de defender a lingua galega e os seus ámbitos de uso.
O manifesto podedes lelo aquí: http://chamamento.tumblr.com/post/42952918199/manifesto
Podedes asinar desde aquí: http://chamamento.tumblr.com/post/42952878662/formulario-de-adhesion
Calquera iniciativa é sempre benvida e apoiada por estes lares.

13.2.13

Sabedoría popular

Moitas veces escoitando música tradicional ou lendo e relendo clásicos da literatura galega ou literatura popular atopo pequenas sentenzas, frases, xiros, etc. que me fan pensar e que gravo na cabeza.
Un retrouso dunha canción róldame ultimamente porque o escoito con relativa frecuencia, aínda que pareza que fale de amor, e probablemente o faga, serve para moitas outras cuestións. Cada un/unha que o aplique como mellor lle cadre. Eu aí o deixo. Hoxe non vou comentar nada da actualidade, porque a actualidade resúmese nun esperpento, para iso mellor deixar os analistas, que lles vai no soldo enfrontarse a contalo...

Se souberas como eu teño
o meu corazón por dentro,
non me dabas unha fala,
non tiñas atrevemento.

Vén sendo fermoso, non si?

12.2.13

Habemus papam!!

Pregúntome se esa panda de adolescentes que se xuntaron diante da almudena (creo) a rezar rosarios espontaneamente e a falar do santo barón ratzinger-z e a rememorar o seu lúdico-festivo-erótico-petting-diostesalvemaria JMJ patrocinado por chuzacola e bebeuvecalimotxo con bágoas nos ollos, tamén asinou as follas para a lei anti-deshaucio que hoxe se vai debater (ou non) no congreso.
Ou é que a oración xa os exime do mundano.
E saíron en todos os medios, sen necesidade de cantar un pueblo es cunha guitarra no youtube. Iso tenche o seu mérito.
Eu opino que as perlas nas orellas acaban afectando o cerebro. Habería que facer un estudo.
Ai, non sei se poderei con outra canonización. Din que cada xeración só chega a ver un santo, pero a min xa me tocaron varios e cada un que chega aprécioo máis...
Pero que ben lles veu que os xornais enchan as 10 primeiras páxinas de efemérides e os informativos practicamente todo o seu tempo. Agora entrevistamos cardeais, agora catecúmenos, agora beatas, agora adolescentes, aquí opinións do mundo, aquí vista de paxaro do Vaticano, retrotraemos a juanpablosegundotequieretodoelmundo, un pouquiño do papa teólogo estudoso iluminado...
E veña daaaaalle, que a mandangada toda aproveita para ir comprar destrutoras de papel ao Lidl cos cartos en negro que lles quedan no colchón. Calderillas.
Como ben diría Curros n'O divino sainete (poño os anacos que me cumpren e non sinalo os que eliminei, para quen quixer ler o poema enteiro pódeo tirar da rede sen problema).

Os dous agardando a hora
de ir xantar co Santo Padre,
botamos do tempro fóra,
E pra poder aprecíalos,
fomos ver as galarias
da exposición dos regalos.
Canto en sigros dazanove
o temporal poderío
ten arrapiñado ó probe;

Canto se ten apropeado
a garra cardealicia
i o ventre do episcopado,

Alí está, en montós xigantes
de oriental magnificencia
-dende as peiras i os diamantes

Hastra a prata e ouro fino-
enormes bostas guindadas
do católico intestino.
Diante daquela cruxía
de exprendores, onde o mesmo
loce xunta i a porfía
Toda a pompa i a riqueza
que encerra o mundo do arte
ou garda a naturaleza,

Acordeime dos que fozan
na térra, dos que non comen,
dos que non ríen nin gozan;

E cun amargor sin nome:
-¡Cantos sudan neste mundo
-pensei- pra que folgue un home!
***
I aquí o Papa, outro traguiño
botando, excramou: -¡Que tempos!
I Añón responden: -¡Que viño!

-No medio de loita tanta
sóio hai paz -tornou León XÍII-
no seo da Igrexa santa.

¡E chamádesme tirano
a min, triste prisioneiro
na cárcel do Vaticano!

-Perdóneme súa mercede
-dixen entón-; pero coido
que mentres a Santa Sede

Os bens temporales ame
e insulte coa súa riqueza
os que se morren de fame;

Mentres o Papa, que o trono
das almas herdou somentes,
queira ser do mundo dono,

I a peí do pascoal Carneiro
trocando en coraza, trate
de convertirse en guerreiro,

A obra papal será impía;
non de paz, de turbulencia;
non de orde, de tiranía.

De Cristo a místeca esposa
fixo nefando adulterio,
i a súa falta vergonzosa

Non terá perdón divino
senón cando a Cristo torne
dos brazos de Costantino.
***

Quédese a rabia pros lobos:
¡Cristo era bon, era homilde!
i a humildá cautiva ós pobos
***

Tal falei. Anón estaba
páledo; volvín a testa
e vin que o Papa... choraba.

-¿Que ten, señor? -¡Esto é feito!-
repricoume; e naquel punto,
erguendo o busto escorreito,

Marmurou: -Ide e anunciade
que o Papa renuncia a Roma
pra vivir da caridade.

Dende hoxe a miña facenda,
todo o que eu teño é dos probes;
que as naciós poñan en venda

Canto for meu; ¡desto en pago
non quero máis, se me dades,
que unha coviña en Santiago!-

Sentinme entón conmovido
tamén; o Papa marchouse,
i eu de Añón sempre collido,

Botei fóra do palacio
e respirei fortemente
o vento libre do espacio.
***
Aquela noite saimos
de Roma eu i o vate. Apenas
os dous no vagón nos vimos

De volta pro chau paterno,
díxenlle: -Mestre, ¿que pensas?
-Que é un gran viño o de Falermo.

-¿Dudas dos votos formales
do Papa? -¡Nunca se compren
os programas liberales!-

Logo de chegar a España,
Añón tornouse ó comando
da súa Santa Compaña,

I eu, do que vin parvo e mudo,
desde entón creo.. ou non creo...
pero dudar, ¡xa non dudo!



Nin máis nin menos, por aí ha de andar a cousa... ou non... pero dubidar, xa non dubido!!!

11.2.13

Da sensibilidade que non abunda...

Constatar o que xa sabía sobre os incrementos patrimoniais dos políticos en tempos revoltos non me achega moito. Unha pouca indignación máis, pero máis nada.
Confirmar que as privatizacións avanzan a pasos axigantados e que o que hoxe é río revolto mañá será ganancia de pescadores tampouco achega nada novo. Só che abre os ollos unha miga máis.
O da lei de educación xa non ten desperdicio... pregúntome se o ano que vén a xunta andará na procura dun cole privado para que as miñas fillas poidan estudar en galego... ¿cal guetizarán por esta comarca? Los del gallego todos juntitos para que sean endogámicos y acaben extinguiéndose...
De ser así prometo xuntar todos os meus recursos e aforrar coma unha desgraciada traballando toda a miña vida para que estean á altura das infantas á hora de proveerme de netos, polo menos.
É brincadeira.
Ou non.
Confío en que si.
Xa espero calquera cousa neste país de despropósito.
O panorama cada día está máis fino e o meu máis agudo.
Cada día abro as ofertas de emprego que os portais me seleccionan. Pregúntome para que me molesto en afinar o currículo, se total chégame desde cirurxiá plástica ata docente nativa de swahili, sen discriminación. Iso si, sempre acompañada da oferta dun millón de cursos de formación que me poden interesar.
Creo que me vou desapuntar de todos. Ao final só é un motivo máis de cabreo ao longo da mañá, por colapsarme o correo, os avisos pitando ao móbil e os millóns de anuncios publicitarios que me inundan. Aínda non teño claro cal é o mecanismo que non lles funciona para ofertarme chirimbolos para mellorar a miña vida sexual a base de pastillas que axudan aos problemas de erección.
Nalgunha ocasión teño soñado que amenzo coa bandeira ergueita, pero creo que me furrulaba o asunto bastante ben. Non podería valoralo. Chegarían a espiar tamén no meu acervo de soños tan atrás...?
Vou empezar a emparanoiarme...
É brincadeira.
Isto si.
O outro non.
Igual me apunto a ir vender tabaco negro a Eurovegas. Malo será que a xente inda non teña as planadoras no galpón e etcétera, etcétera...

8.2.13

Buffff, no sé ni lo que he dicho...!

Isto foi o que dixo a directora da Axencia Tributaria despois de contar unha milonga enredada sobre a amnistía fiscal que parecía tirada dunha novela escrita por un principiante que se pon a vulto diante dun ordenador e veña para diante!
Creo que vou ter que desengancharme dos informativos e dos (des)informativos e deixar de darlle ás noticias tan duramente. Total, só me fan doer a barriga...
Sigo cos meus cursos.
Cos meus libriños.
Coas miñas filloas monstruosas.
E do resto nada. Na dinámica.
Estupendo, oiga.
Por se alguén non viu o vídeo, deixo a ligazón. Dá entre risa e gana de vomitar.
http://www.publico.es/450304/la-directora-de-la-agencia-tributaria-sobre-barcenas-no-se-ni-lo-que-he-dicho

7.2.13

Conversas imaxinarias con...

Creo que xa falei algunha vez aquí da obra de Juanjo Sáez. Un dos seus libros, á parte de gustarme por moitas cousas, gústame por esa idea das conversas imaxinarias, desta vez coa súa nai. Poño esta ligazón porque sae el coa nai nunha foto, paréceme moi bonito o asunto: http://cuentalibros.blogspot.com.es/2012/08/el-arte-conversaciones-imaginarias-con.html.
Total, que supoño que non é algo que só lle pasa a el. De feito, eu creo que toda esta xente que atopas pola rúa que vai falando soa (algo que eu fago moitas veces, incluso conscientemente, incluso sabendo que está mal visto, incluso sabendo que se pode disimular poñendo un auricular, inda con todo iso, fágoo), pois iso, que a xente que vai falando soa supoño que moita irá tendo unha conversa imaxinaria con alguén. Concreto, quero dicir.
Creo que algunha vez xa dixen que tiña unha capacidade inimaxinable de ter soños realistas que recordo ao milímetro cando esperto e que ás veces me fan confundir realidade-ficción.
Isto noutros tempos sería motivo de preocupación e de internamento, pero eu quero velo como a fortuna de vivir unha vida paralela moitas veces emocionante ou interesante, algo que non sempre se dá na outra, na máis real.
Total, que desde hai uns días déuseme unha casualidade destas da vida e desde entón non deixo de soñar con conversas cunha persoa. O caso é que esa persoa éme accesible totalmente, pero non sei valorar se se deben producir ou estaría demais. Que non viría ao caso facelo.
Moitas veces hai temas que é mellor deixalos correr. Tamén hai que deixar cousas para que os psicólogos teñan traballo, non? Seica iso que se deixa correr con desconfianza ao final percorre o camiño cara arriba de novo e hai que darlle outra saída, ou se non enquístase.
Pode ser. Non son psicóloga.
Creo que estar máis queimada ca a pipa dun indio e poñer de banda sonora a José González (http://www.jose-gonzalez.com/) tampouco me está colaborando moito a deixar de darlle voltas ao asunto.
Como din os vellos, se tivera máis que facer!
Que mañá teño que facer filloas para o cole. E só teño 1 tixola. E nunca na vida unha filloa fixen. A min as que me gustan son as de miña avoa, e outras que xa non podo catar por circunstancias da vida, pero non creo que as miñas me gustasen...
Terei que botarlle imaxinación. Igual aproveito as tinturas estas que merquei para a cobertura da torta (que quedou roñosa) e levo unhas filloas deconstruídas de cor azul, rosa, verde... Non sei se alguén querería comelas, pero polo menos sairían vistosas...
Vou acabar de arrombar a casa e sígolle dando ao diálogo interior.

Algo cheira a oportunismo en Spanisharca...

Esperanza Aguirre. Non sei se odiala ou converterme na presidenta do seu club de fans. Esta muller ten a jeta que todo o mundo soña ter, é unha mágoa que o combine cun exceso de falta de pudor, escrúpulos e inmoralidade, se non, tíñao todo para triunfar na vida.
Rosa Díez. Dáme ese medo que un ten en ocasións e que non sabe por onde lle vén, pero que se mete así coma nas entrañas e sobe polo espiñazo, poñéndote en alerta pero sen outear por onde vai saír o becho que te quere engulir. O seu discurso e o seu oportunismo populista aínda lle van facer chegar a onde non querería vela nunca... buffff!!!
Urdangarín. Home, non me fodas, non me fodas. Que se o pobre pon a pasta seica queda en situación de pobre. Terían que poñelo a dar este tipo de explicacións nas reunións de Stop Deshaucios, a ver o que pasaba...
Bárcenas. Buffffff. Mátame camión.
Mariano. Mariano cheira a morto redivivo. Non sei se me dá noxo ou mágoa. Como non fala, non sabes se te quita de quicio ou che dá ganas de soprarlle un discurso polo auricular, para que se lle quite a cara de terror...
Ana Mato e ex... Para que ninguén pense que o/a seu/súa ex é o peor de todos, hainos que se houbese que valoralos, non sabería un por quen decantarse. Estes imposible que dividisen os amigos despois da ruptura, a súa vida tivo que seguir necesariamente enfangada e cun continuísmo de inercia desfalcadora e corrupta, polo ben dos seus fillos...
(é que non temos corazón para velo)
Cospedal. É coma a barbie impasible, non lle cambia a cara nin a pose nin aínda que a quiten da caixa, lle recorten os pés e lle esfarrapen o pelo e os vestidos. Ela aí segue, dálle que dálle.
Feijóo... este polas noites le a biografía de Esperanza Aguirre. Soña con ser coma ela, pero fállanlle moitas cousas, vai ter que estudar o asunto máis a fondo.

Menos mal que está Ada para darnos un sopro de perfume entre o arrecendo a chotuno que se respira acotío. Diante de todos os mangantes, sacando o valor entre a intimidación para dicirlles á cara que son uns delincuentes, con todas as letras.
Súmome a ela. Coma a maioría da xente de a pé. Que nos sentimos estafados e ofendidos por tanta mandangada como temos que soportar.
E máis nada.

6.2.13

Unha para min!

Hoxe fago 34 anos, aí é nada. E o panorama está como segue:
Pola mañá Icía, Carmela e Chasco puxeron gorros, incharon globos e puxeron grilandas na sala mentres eu quedaba na cama (é o que máis me gusta polas mañás, en realidade) e recibíronme cantando a súa versión de parabéns: puteaaaaanos feeeeelissss (as nenas non sei xa se é que non falan ben porque é cousa da idade ou xa herdaron a miña retranca).
Tiven un regalo (material) que compensou os meus non-regalos do gordo vermello e dos tres-tristes-tigres...
Onte boteille semellante bronca aos da aseguradora que me levan 3 meses coa tele dando tombos que hoxe xa tiña a pasta da indemnización para mercar outra tele nova (ben!).
Estou aí-aí para gañarlle no apalabrados a Ana (hihihihi, é que é imbatible a tía).
Teño no forno a torta máis rica do mundo que vou cubrir de ROSA, por expreso desexo das nenas. A receita collina do blogue de Uno-de-dos.
E aquí vai a outra parte da historia. Hai tempo eu era seguidora da súa páxina e mesmo teño falado por chat nalgunha ocasión coa autora. Despois perdinlle a pista, aínda que seguía vendo o seu blog de cando en cando. Unha rapaza moi riquiña. Onte escribinlle e respondeume. Estou tan contenta de que pasen estas curiosidades na vida!!!!
Deséxolle toda a sorte do mundo porque creo que a merece, aínda sen coñecela persoalmente, dáme boa vibra!!! Pois hoxe, por primeira vez, atrévome cunha das súas receitas (aínda que despois a escachice a base desa cobertura rosa que a saber como vai quedar). Hoxe como excepción, incluirei foto ao final do post en canto a teña lista.
Tamén souben que me colleron no curso de português, así que seguirei treinando para melloralo e tamén aproveito para socializar nese pequeno grupo tan xeitoso que formamos e que tantas risas me veu dando (aínda que asumise o rol de repunante, unha vez máis, típico de min).
Unha morea de xente acordouse de felicitarme, fose por mail, por wasa, por chat, por sms, por correo e en persoa. E todo sen necesidade de redes sociais. Cada día estou máis contenta das redes persoais que consigo conservar!!! Grazas a todos. Agardo ter a oportunidade de skipear hoxe con algúns dos que están lonxe e así xa me sae o día redondo.
Pode ser que hoxe os meus ollos vexan a Urdangarín deshauciado... Isto é unha maldade, pero é que me encantaría ver os embargos a última hora da tarde, que algo comece a cambiar neste país o día do meu aniversario... iuuuuhhhuuuu!!!!
E así imos tirando. Xa non é pouco. Non vos parece?
Un bico de gratitude para todos os que aterrades de cando en cando por aquí, pola miña casa, polo parque, polos bares ou polas múltiples formas en que vos recibo.
OBRIGADAAAAA!!!!

A cobertura rosa foi un fracaso
Pero estaba riquísima de verdade

5.2.13

Impás

Dando unha volta polas beiras dos 34 non vou facer xuízo ningún, porque as cousas son como son e hai que deixalas correr un pouco, para ir vendo o que pasa.
O ritmo acelerado poucas veces me deixou momentos para a reflexión. Mal feito. Hai que reflexionar. Moito. Para non andar ás atoutiñadas. Cómpre pensar sempre.
Do que pase despois unha xa non sempre é dona. Ou case nunca.
Onte vía nunha reportaxe unha compañeira da promoción. Téñoa visto nos seus recitais múltiples veces. Eu sempre son moi fan de quen sabe facer as cousas, ou polo menos de quen fai as cousas como as sente. Por sorte atesouro na axenda unha listaxe de xente que admiro, non só polo seu traballo, senón tamén pola súa maneira de ser.
Teño moita sorte.
Agora neste impás de non saber moi ben por onde tirar pésame que xa non só o que faga me beneficia ou me prexudica a min. Iso é algo raro.
Será que o de converterse en nai de xemelgas non che deixa realmente tempo para moito pensar, e cando por fin, anos despois, ese tempo chega, chega con toda a súa forza.
Xa non é o momento en que son as nove da noite e che entra a angustia pensando se bañarías dúas veces a mesma, ou lle darías de comer todo o día a unha soa porque a outra estivo moi chorona... O día pasaba tan atarefado entre unha cousa e outra, a xornada laboral comezaba pola noite e o día comezaba de madrugada e todo era un, que o de pensar ía quedando relegado a cada paso.
Pero pasa o tempo e o teu tempo comeza a volver ser máis ou menos teu. E entón é cando pensas.
Pasaron tantas cousas en tan pouco tempo que me parece un milagre telo xestionado máis ou menos ben.
Mañá fago 34. Ás veces pasa o tempo tan rápido que dá vertixe.
Preocúpame o que poida pasar a curto e longo prazo.
Preocúpame o mundo que lles estamos preparando aos que xa chegaron ou aos que están por chegar.
E moitas outras cousas, que non son para poñer nun blog.
Cada un xa sabe das súas miserias. Non hai necesidade...

4.2.13

Será a fin da mediocridade...?

Ou sairá reforzada con novos actores mediocres pero máis espelidos aínda?
Escoitando a intervención de Rajoy-y-los-suyos case che saltan as bágoas e dá gana de comezar a xuntar tapóns de plástico para que non perdan de facer as comuñóns e os aniversarios e de poñer traxes bos. Porque o seu é dedicación. Son a ONG do asunto público. Uns humildes. E así é como llelo queremos pagar... acusándoos infundadamente de mamoneo, chouricismo, latrocinio e outra barbaridade de asuntos de calado gravísimo contra as súas immaculadas persoas.
E entrementres aquí vestimos a capa para ir ata Lalín coma se estivésemos no XIX, que lles faltou a carruaxe pero seguro que non por falta de ganas, porque as cachas de moitos ían aplaudindo, xa se ven na cúspide da rexeneración, polo seu bo facer. No seu momento, como di a Coz de Galicia, o señor Fraga (outro abandeirado da oenegué da cousa pública) xa varreu a Pablo Crespo con malas maneiras e deixoulle a casa aireada a Feijoo. A este último, digo, é ao que lle aplauden as susoditas partes do corpo.
Porque alguén acabará caendo.
Aínda que sexa asubiando o y-tú-más e fungando polo baixo que o facía todo polo noso ben, que polos cartos xa quedaba onde estaba.
Iso entenderíase se fose certo.
Non sendo, e non parecendo selo certamente, non se entende, nin se cre.
Pero volvamos á carruaxe, que non puido saír porque, tal como está o panorama, coa xente soliviantada, e cos carteis das preferentes que lle foron chantar o sábado diante da casa, parecería que o vulgo nos importa menos aínda do que verdadeiramente debería importar.
En realidade importa pouco.
Se non, que se investigue un pouco a vida sentimental-familiar de moitos dos que cortan o bacallau. Para ir mexar e que non caia gota.
Aquí o menos feirante vende a súa avoa e de regalo dáche a veciña da porta. Que sempre foron tan amigas que conseguiu que lle metesen o neto na deputación.
A facer non se sabe o que, pero gañando os seus bos pesiños para irlles comprando as leiras aos veciños, recualificalas coa axuda do fillo de moncha, que é concelleiro de urbanismo, e metendo pendellos por chalés e chalés por casetos para os apeiros.
Así ata que haxa un retiro a tempo, se tire co bloque, se poña un valado de pedra, un sistema antirroubo e a vivir mirando o val.
Atendendo os asuntos por videoconferencia ou delegando en fillos, netos e sobriños.
Que tamén hai que deixarlles comer aos rapaces. Que para iso fixeron os másteres que fixeron polo mundo adiante.
A mediocridade aflora.
E ás veces parece que mesmo flota.
Outras que afunde.
Pero sempre parece que sae algún pescador espelido que turra por ela para arriba.
E ponche cara de carneiro esfameado e fálache da fame no mundo...
E ti xa non sabes se ao final todo vai ser un pequeno circo que calquera día deita abaixo a carpa, recolle en camións e a campa queda como estaba. Un pouco pelada. Un pouco chea de merda. Cheirando algo a merda. Pero aí che queda. Para que ti sigas levando cada mañá o teu can e a fumar o pitilliño coma se aquí non pasase nunca nada.
Teño confianza cero.
Nunca tal vira.

1.2.13

Caixa B, caixa B, caixa B, caixa Beeeee...

É o que ten sermos da xeración Barrio Sésamo. Que hai cousas que, quéiralo ou non, van calando.
Eu non os culpo, a letra B é tan bonita, así tan redonda, que cunde tanto, parece un barquiño de vela, ou un edificio moderno, ou un moletiño de pan, ou un cu visto desde arriba, ou un tres pechado, ou dous olliños a medio pechar...
Ai, letra B.
Dicía Fátima Báñez que eses apuntamentos así eran unha chafallada. Unha vez máis demostra esta persoa humana que na vida traballou en ningún lado. Era como para que todos os negocietes e empresas lles mandasen unha caixiña chea de cadernos de contabilidade en B.
Eu cando me tocou facer caixa B tiña un caderno pequeniño azul e anotaba con siglas. Era pouca cousa, pero ao cabo do mes, sumaba. E gardabámola no caixón, así abertamente.
E cando me vin obrigada nalgunhas ocasións a pagar cartos en B, sacábase unha folliña ou un caderniño destes de libraría e anotábase a cantidade, un "recibí" sen moitos detalles e xa estaba.
A letra B é bonita, pero señora Báñez, é a segunda, non se lle pode dar a relevancia do A. O número 1 e a letra A son os mellores. O que vén despois ten que se conformar cun status inferior...
Ai.
Caixa B.
Que bonita eras cando estabas aí quietiña.
Ti gastabas e parecía que non gastabas.
Era como... como... unha vida regalada! Iso é! Unha vida regalada!
E o que máis me incomoda é que pasará...
Como todo nesta vida, pasará...
(se ata parece unha canción de amor)
Hoxe póñome estupenda e como levo uns días cantándoa, aquí deixo os de Barrio Sésamo facéndolle a homenaxe á letra B. Non sei se estes días tamén pola sede dalgúns partidos será a banda sonora ou terán a suficiente vergoña para que lles dea dor de barriga oíla.