Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

31.1.13

I have a dream...

E nel non existen señores e señoras corruptas que nos levan a todos polo camiño dos despropósitos, obrigándonos a irmos agachados carretándoos para que non se lles lixen os pés.
Nin hai urdangaríns, nin infantascristinas, nin pobriñamiraparaelaqueéfeaperoveseboarapaza, nin mataelefantes, nin raíñassubmisaspolacontaquemeten, nin monarquía que protagonice conto ningún.
Onte cando chegamos buscar as meniñas á escola unha estaba disfrazada de bombeiro e a outra de princesa... aínda hai salvación, polo menos se seguimos tirando ao 50% algo amañarase o mundo.
Quédame o consolo de que polo menos a princesa non ten aínda asumido que non pode mudar o físico para que o vestido lle campe e mangou tres anacos de empanada de carne despois de ter comido o primeiro e antes de lle meter a sobremesa.
Seguiremos traballando no asunto.
No soño a xente con dedicación ao público e ao privado é honrada e pensa que hai que vivir e deixar vivir, e valora máis ter unha tarde para gastar no parque dando a comba que facendo horas para cobralas en negro. E todo é posible.
Que mágoa que os soños queden aí.
Que nada se vaia depurar. Que de nada se vaia aprender.
Que todo siga como estaba onte, e antonte, e antes de antonte... 

30.1.13

Game change

Onte vin este filme sobre a campaña presidencial dos EUA en 2008 e como o equipo de McCain seleccionou a candidata para ser vicepresidenta, Sarah Palin.
Ata o de agora, a idea que tiña de Palin era que non tiña moitas luces, unha persoa normal que chegou á política upada por certo éxito na política local, onde lle funcionaba o face-to-face e o discurso nacional-relixioso para que as masas a adorasen.
A película deixoume ver unha imaxe semellante á que xa tiña, pero agrandada.
Creo que algunha vez xa falei da serie Newsroom, que sigo con interese, e que nos mostra como se manexan os asuntos de política (e outros) nos EUA.
Non vou facer, coma sempre, spoiler, e contar vicisitudes do filme, só que o recomendo, máis nada, porque vén confirmar o que moitos pensamos sobre como chega certa xente onde chega.
Pero a diferenza do que acontece por aquí, alí os media e a poboación máis ilustrada non anda con mindundadas, á parte do esaxerado de furarlle a súa intimidade e de deostala mordazmente (algo que tampouco me parece o ideal), danlle a traca que merece. Entrevistas, debates, comparecencias públicas... todo o que sexa preciso para que un candidato demostre que, á parte de ser unha estrela mediática, tamén é intelixente e sabe onde está e cara a onde quere ir (o que pase despois xa é fariña doutra muiñada).
Ben, por botar un conto.
Pregúntome que acontecería se no canto de se chamar Sarah Palin se chamase Ana Botella, Cristina Cifuentes... ou personaxes masculinos que tampouco me parecen moi lúcidos, coma Federico Trillo, Ángel Acebes... e podería nomear mil máis. Deses que cando os oes ou les declaracións súas pensas: ai mimáaaa...
Envéxolle aos americanos ese sistemiña de poñer a proba abertamente os políticos. Inda que despois voten xente que cre que os terremotos son os arrotos que bota o nososeñor cando ve que os adolescentes practican sexo...
Polo menos o que hai está á vista.
Non me estraña nada que despois da experiencia a mulleriña se unise ao Tea Party... ten que estar resentida non, o seguinte. Por certo, entrei na súa páxina e está recadando diñeiro non entendín ben se para demandar a produtora ou para conseguir parar o imparable, porque creo que ata premios colleitou o tal filme...
En fin.
Do xornal de hoxe quedo cun anuncio no Correo Gallego (é que hoxe só tiña libre o folletín parroquial cando baixei tomar un café), dun ximnasio ou empresa ou non sei exactamente o que, que ofrece as últimas prazas para aprender a xogar ou para perfeccionar o pádel en inglés.
O summum.
Nin en soños imaxinara tal deleite, xogar a pádel mentres o instructor me anima co go, go, go, up, up, up, stonger, stronger, stronger...
Isto meréceme un grandísimo MÁTAME CAMIÓN.
E do resto, todo igual.

29.1.13

Un país de chiste sen graza

Estaban un francés, un alemán e un galego...
Se non fora que ao final o chiste sempre é prexuizoso e cheo de tópicos que non fan graza, acabaría de escribilo.
A min Fátima Báñez e todo canto sae pola súa boca paréceme de chiste ruín sen graza ningunha. A verdade é que cada vez que vexo unha imaxe dela en calquera medio axiña lle visto cofia, delantal, plumeiro e lle poño na boca un señoriiiiiiitoooo...
Estou comezando a confirmar que calquera mamarracho ou fantoche con liñaxe ou con débedas de favores pode acabar tendo na man o teu futuro.
A min hai cousas que me parecen escandalosas, pero hai outras que xa están ao nivel de que che quiten o fígado para facer foie. A virxe do Rocío debe ser a que está agora dálle que te pego á cabeza para sacar do manto contratos que poñan a xente nova a currar. Por catro perras e sen dereitos, non vaia ser que cheguen algún día a alcanzar unha vida ideal de coche a letras, casa hipotecada e fillos aos corenta porque antes non dá nin para prever e ter no colchón para eses posibles infortunios chamados cueiros, leite de fórmula e garderías (sen ir máis lonxe).
Ai, Fatimiña, se a xente adoita caer do guindo, ti caeches dun pexegueiro, deses que só dan pexegos cativos, duros e peludos, que máis parecen carolos e non froita. Un día que poida facer de tripas corazón póñome a investigar a santo de que chegou esta muller a ser ministra.
E mentres a realeza castiga a Urdangarín e quítao da páxina web. Pobriño, seguro que está desolado, que a fama mediática estalla xogando de mala maneira... ains. Eu a monarquía máis ou menos ao nivel de Fátima Báñez. Por aí, por aí...
Pero a nota chistosa de hoxe atópoa nesa asesoría con visión empresarial que imparte cursos a directivos e propietarios de empresas para pescudar, segundo a súa situación, como lle sae máis barato desfacerse dos traballadores. Non queriamos emprendedores? Pois non se pode acusar de que non aproveiten o nicho de mercado, eu non teño nada que dicir.
Se o que se quere é que se emprenda, eu propoño emprendela con todos eles. Xa non me vou pronunciar sobre as canles e os métodos, porque me quento e perdo os papeis, cada un que xulgue...
Eu non sei se alguén se decata de que ao final, emprender vai equivaler a ser autónomo e traballar para quen traballabas, só que máis barato, máis horas, sen dereitos e inda pensando que polo menos tes a opción de ter unha tarxeta de crédito no banco. Para ir tirando.
O dito. De chiste.

28.1.13

Conversas de café

Antes xiraban que sei eu, arredor de calquera cousa. O tempo, os rexoubeos do barrio, as rebaixas do inverno, a familia, os amigos, as espectativas.
Agora xa todo mudou. Agora fálase da prima de risco, da vida política, de tal ou cal lei, das preferentes, da ética no traballo, de por que se chegou onde se chegou, das perspectivas vitais no futuro, de emigrar con ou sen ganas...
Non hai mesa na que non se estea comentando esta viaxe aos infernos á que a maioría da xente se ve sometida.
Quizais nalgún momento a xente folleaba os xornais buscando a programación, os deportes, o horóscopo ou as noticias locais.
Agora case toda a xente fai unha análise polo miúdo, e vive atenta a como enfocan os diferentes editoriais os temas máis actuais.
Esta crise, á parte de ser unha merda espetada nun pau, está conseguindo que a xente comece a ser máis crítica, máis consciente do mundo en que vivimos e máis solidaria co do lado.
Se podo sacar algo en limpo de optimismo é precisamente iso, que parece que algo máis se vai aprender. É unha mágoa que vaian aprender os que a pagan (unha vez máis) e non realmente quen tiña que saber a lección de pe a pa (unha vez máis).
Hai temas que son un asco, pero do peoriño.
Inauguramos semana. A ver se no Entroido, aproveitando a inversión dos papeis, algún dos que tira proveito empatiza e se viste de choqueiro e vén ver o que acontece por aquí.
Polo de pronto, na cuestión da lingua e da educación, parece que a xente vai tomando conciencia e dicíndolle a quen corresponde que ata aquí chegamos. O de invisibilizar agardo que vaia tocando o seu fin. Quero confiar.

25.1.13

Recomendações...

Hoje ja não vou pegar na política, nem na gente que há parada, nem na indignação pelo mundo em geral, hoje vou fazer uma recomendação.
Tanto treinar, afinal acho que posso melhorar o meu português, fico contente com isso...
O dito.
Primeiro recomendo que todo o mundo estude portugués. Obviamente por ser unha lingua irmá (máis que irmá), porque che fai ter unha visión do galego máis optimista, ser máis crítica co que viñeches metendo na vea desde os tempos da facultade (como eu digo, a piques de me pasar ao lado escuro, polo que iso implica, non por causa das linguas, que, insisto, non teñen culpa de nada) e outras moitas cousas que acontecen nas cabezas e nos corazóns, pero que tampouco son para espallar por aí diante.
O caso, vou recomendar que antes de se botar ás gramáticas e aos dicionarios e aos exercicios que se ofrecen nas aulas, sexan presenciais ou virtuais, a xente intente ler ou escoitar, para comezar con esa sensación de que o éxito está garantido.
Non creo que ninguén galego non entendese o 80% do que escoite nunha radio portuguesa, vexa nunha canle lusa ou lea nun xornal ou novela. É así. Por iso ver que se avanza axiña anima a continuar.
Esta semana lin Hotel memória, de João Tordo, facilitado por María e recomendado por unha rapariga da Serra da Estrela (se non me trabuco). Gustoume moito, moitísimo. Unha mestura de xénero realista-policial, non é nada espectacular, pero vén sendo unha historia que engancha. Recoméndoo encarecidamente para iniciarse na lectura.
Tamén vin unha película que se puxo de moda nestes últimos tempos e da que se fala nos xornais, que foi estreada en cine europa con moito éxito tamén. Chámase Tabu e é dun director apelidado Canijo. A película vén relatar a vida en África dunha muller e a súa historia de amor. Non vou facer spoiler, así que non afondarei no argumento. Está filmada en branco e negro, por veces parece unha película muda, deixa moito ao espectador, etc. A min gustoume moito, aínda que che deixa o pouso amargo do curiosa que é a vida e do fácil que é equivocarse ou atinar só por azar. Se xa era consciente de que todo é circunstancial, este filme pono de relevo aínda máis. Teño que dicir que non lle dou un 10, nin moito menos, pero polo menos a estética, o diferente, o pausado... gustoume, xa case non estamos afeitos a filmes dese tipo.
Teño que dicir que ao meu compañeiro lle pareceu horrible.
Así que para gustos. Eu aí o deixo.
E máis nada. Nesas estamos, a mirar cara os veciños do sur e quizais para alén do océano. Ninguén sabe.

24.1.13

Os señores de Facenda

Teñen que estar flipando non, o seguinte.
Eu sempre lle tiven unha especie de amor/odio a facenda. Desde o día de "se cada español diera una pesetilla" da Faraona, comecei a comprender que era a espada de damocles que todos, absolutamente todos, teriamos constantemente ao longo da nosa vida.
Despois xa fun agrandando e vendo que non era tanto así.
Con todo, a pesar do que se me acelera o pulso cando chega unha carta con xustificante de recepción de facenda, creo na solidariedade e no que supón pagar impostos.
Iso a pesar das moitas caralladas ás que me vin sometida pola súa ineficacia e ineptitude nalgúns casos.
Pero agora só me espertan simpatía.
Sobre todo desde que estou ao tanto de que en realidade non fan máis porque non poden. Están vendidos pola lexislación arbitraria dos políticos e pola escaseza de recursos de que dispoñen.
Poden mandarme cartas a min, pero non a Amancio (amancio é amancio ortega, por se alguén non sabe que xa lle chamo directamente polo nome de pía).
O caso é que se ofrecen voluntariamente para revisar as contas e as contabilidades dos partidos. Creo que non se aceptou a súa proposta.
Case creo que se ofrecerían para moitas outras cuestións que sempre acaban nas mans de grandes empresas como PWH e outras moitas que se dedican a auditar, e que non deixan de ser empresas privadas que alguén paga.
E xa se sabe que ao final, o cliente sempre ten a razón.
É unha cuestión básica.
Pero a verdade é que o xefe que teñen nestes últimos tempos tenos que ter a todos cos ollos coma pratos. Mesmamente coma se fose o rei nu e todos tivesen que ver os vestidos ricos e aveludados.
Onte mentres comparecía (pártome) e explicaba (repártome) o da aministía fiscal (ai, ai, que mexo por min), eu, que non son moi dada ás contas, pensaba, como de tantos millóns a recadación queda tan cativa... ou as miñas matemáticas realmente son ridículas ou as contas non me daban.
Hoxe xa vin a explicación. En realidade o do 10% era para o diñeiro posterior a 2007, pero como non había que xustificar nada, a xente dixo que era anterior, a maioría, e outro pouco posterior, perfecto, así o que se recada é o 3% e non o 10%, porque iso que lle chaman prescrición (e non médica) xa se aplicaba con premeditación e aleivosía.
MÁTAME CAMIÓN
Foi unha xogada, como di o outro, redonda.
E por riba pon cara de "i'm the fucking boss", rise e afirma que é ridículo que se cuestione a política do sobre, do branqueo e de non sei canto máis.
A min por veces dábame gana de esganalo.
A miña solidariedade cos traballadores de facenda. Os traballadores da educación temos un xefe ignorante, incapaz e bastante cazurro, pero o seu faille a sombra á perfección.
A próxima vez que vaia facer a declaración voulle dar unha aperta de condolencia a quen lle toque facerme as contas, seguro que mo agradece e aínda podemos tomarlle un vaso mentres me canta as cifras, regodeándonos na nosa maldita mala sorte...

23.1.13

Amy...

Podía chamarse Manuela, Rocío, Uxía ou Marta, pero non sería tan global observator..., non coñecería tan ben o mundo do cine, da política, da moda, do couché, do glamour..., por iso a bautizaron con Amy, como muller cosmopolita.
Non sei se esta clasiña política que nos desgoberna vería demasiados capítulos de Sexo en NY..., pode ser tamén.
Amólame que se tiren cortinas de fume tan evidentes que case insultan sobre o caso Bárcenas (xa comezamos a estar afeitos ás xogadas de pre-campaña que despois quedan en nada, aos casos que saen á palestra cando mellor convén, aos movementos xogados só para distraer o público... en fin!), pero quitado iso, que calquera é capaz de dilucidar, preocúpame que haxa este tipo de actitudes xa a todos os niveis.
Para min as fundacións dos partidos veñen ser como pagarlles un sobresoldo aos políticos por facer o que xa lles vai no soldo ou o que deben facer se tan implicados se atopan dentro dos seus partidos. Publicacións, cursos, charlas, congresos, estudos...
Que lles paguen os soldos aos xornalistas, analistas, secretarios ou secretarias, conserxes, limpadores, etc. que exercen os seus oficios, pero que non se vaia máis alá.
Non me sorprende para nada que existan falsas publicacións, falsas revistas, falsos estudos ou incluso falsas personalidades, pero non por iso deixa de molestarme.
De verdade todo é corruptela?
De verdadeeee???
Eu por 50.000 euros anuais fágome global observator e bótome a escribir en portugués, castelán, inglés ou francés, así teña que sacar algo para tradutores e lingüistas que me colaboren... e opínolles tanto do conflito en Malí, coma das perspectivas de Hollande e da esquerda dentro da UE, así como das rebaixas estratéxicas dos sitios web de Inditex ou a caída e estampida do pequeno comercio das zonas comerciais das nosas grandes cidades...
En fin...
Este mundo a min cada día antóllaseme máis estúpido, ruín e complicado. Non é?

22.1.13

Eu do que pase na miña casa non podo responder...

Menos mal que sempre nos quedaba o consolo aos que non pintamos nada no mundo de que, polo menos, na nosa casa eramos os reis e as raíñas.
Polo menos na casa á hora de comer coñécennos...
(mellor así)
O caso é que parece que ata iso era unha ilusión.
Hai xente que non sabe o que pasa na súa casa. Agora resulta que Bárcenas, Cascos e outro nutrido grupo de xente son coma eses fillos adolescentes que practican o sexting e as drogas brandas e Rajoy e Cospedal, matrimonio de (in)conveniencia, son os pobres pais vítimas dun mundo que avanza tan rápido que dá vertixe e que non se enteran de nada.
Ao final na casa non hai quen se decate de nada.
Os fillos agachan os porros nos caixóns, fúmanos pola fiestra, inundan todo con esprai matamoscas e os pais aínda chaman o 061 porque alguén entrou na casa e intentou intoxicar os seus pobres meniños.
E o botón do móbil vai só.
É por culpa da putería da interné (di miña nai). A culpa é dos avances, nunca de quen non sabe xestionalos.
...
No caso naseiro caeu o xuíz, no gurtel volveu caer (non o mesmo, senón outro, que parecía moito máis sólido) e neste, que non deixa de ser unha continuación destes dous, coma un monstro de tres cabezas que vai rexenerando o pescozo, vai ti saber se non acontecerá o mesmo.
Uns falan de conspiración.
Outros de xogada a tempo (porque o delito estará a piques de prescribir).
Outros de oportunismo político.
Outros de branqueo de capitais.
...
A min só se me antolla que definitivamente nos toman o pelo a base de ben.
Din que coa auditoría esperan limpar o nome.
Eu só lles podo cantar esa canción xa non sei se dos chichos ou dos chunguitos, que cantaba meu irmán cando probablemente non sabía nin o que significaba a "honra": el cristal cuando se empaña se limpia y vuelve a brillar, ni más ni menos, ni más ni menos, la honra de una mocita se empaña y no brilla más, ni más, ni menos, ni más, ni menos...
Deixando de lado o machistorro, retrógrado e chungo da letra da canción (agora non as hai moito mellores triunfando entre a rapazada, todo vén dar a unha cousificación das persoas, exaltación dun amor posesivo, agresivo e invasor, ataduras infinitas, suicidios por amor, un non vivir sendo un se non hai dous... vaia, para ir mexar e non botar gota, que o da honra superouse, pero co que se superou case me gusta aínda menos). Pois o dito, deixando iso a un lado, por moita auditoría que manden vir, o que xa foi xa foi, aquí ninguén vai crer que somos todos parvos, inocentes e traballadores.
O máis parvo é o que deseña os maletíns.
E o menos, o que os baleira para o seu peto.
Sei que é de mentes curtas o de xeneralizar, pero a mala hostia só me deixa conexións cerebrais contadas, o resto da cachola téñoo ocupado noutros asuntos...

21.1.13

Materiais da RAG

No tempo que levo traballando coa lingua son múltiples e variadas as anécdotas que me aconteceron co léxico e coa lingua e coa súa solución.
Eu sempre fun moito de queixarme, de roñar, de amolarme tamén polas decisións que me pedían nalgunhas ocasións que fixese ver como miñas. Usar tal ou cal opcións, coutar a lingua do que se percibía como máis "rural", "marcado" ou como sexa.
En fin, dá para mil exemplos, algúns que esquecín, outros que aínda acumulo e outros que prefiro non ter presentes. Ademais, en moitas ocasións son das que penso que non lle hai que poñer tacha á obra, senón traballar para mellorala.
O caso é que ultimamente con esta cuestión dos fondos para a RAG e estas cousas, deixando de lado que é unha institución que ten que sustentarse e dignificarse e da que non se pode prescindir, senón que cómpre modernizala, dinamizala, alentala e todos os verbos positivos que se me ocorren, pero tamén hai que dicir verdades de cando en cando.
Non é precisamente exemplo de traballo pulcro e dinámico. Cómprelle moito que sanear e trazar para resultar e campar.
Non vou dicir moito máis, porque en realidade é o que pensamos moitos dos que traballamos coa lingua, cómprenlle publicacións útiles, enfocadas á sociedade, ao ensino, materiais de uso cotián, que marquen unha liña que seguir, que avalen...
Nos últimos tempos sempre me descubrín optando polas solucións que propoñían os servizos de terminoloxía e non o que ofrecía a rag, porque os primeiros xustificaban e avalaban as súas solucións e os segundos ofrecíana sen máis (ás veces incluso indo contra outras publicacións súas).
Aínda recordo esa época volga en papel, en edicións dixital, o castelán-galego acabado de saír do forno e o vello dicionario da Rag, que tiña totalmente escangallado de tanto consultalo, e ás veces 4 versións de escrita ou de solución para o mesmo... Algunhas inda fun anotando, pero despois tamén cansei de facer do sangue sopa espesa e funo deixando correr. Porque se algo aprendín, é que as dúbidas, propostas ou suxestións ou non se atenden (directamente) ou non se responden (silencio administrativo non sei se neste caso positivo ou negativo, de dar ou quitar a razón, quero dicir).
O caso é que hoxe recibín un whatsapp destes que che envían para remexerche na conciencia, para pasar o tempo con ese pensamento ácido-crítico-desmoralizador-desesperanzador que che fai pensar que igual a tacha no canto de poñerlla á obra, había que írllela poñer a algúns na cabeza, máis ou menos.
Sobre a opinión da RAG e a actualidade, deixo a ligazón ao blog de Bouvard e Pecuchet, porque case todo canto di, subscríboo: http://bouvard.blogaliza.org/2013/01/07/grandeza-e-miseria-da-real-academia-galega/
Do resto, anoto unhas cantas entradas que parecen redactadas por un depravado sexual, no canto de por un filólogo:
gozar
v.t. 1. Aproveitarse do efecto beneficioso de [algo]. Que o goces moitos anos. 2. Realizar o acto sexual con [outra persoa]. Hei de gozar unha rosa coma ti. (podería ser un verso de Pondal, pero se o é, deberían sinalalo, para non quedar tan mal, ocórrenseme bastantes máis exemplos)
conacha
s.f. vulg. Vulva. Con esa saia váiseche ver a conacha. (las visten como putas)
teta
s.f. 1. Órgano glandular dos mamíferos femias que segrega o leite co que alimentar os fillos. As crías puxéronse a mamar nas tetas da nai. cf. chucha, mama, teto . Tenche unhas tetiñas ben feitas. sin. peito, seo (máis formal). 2. Parte correspondente á anterior nos mamíferos machos. Fretoulle as tetas. (é coma o chiste machista, que seica se fretas as tetas con papel do váter todos os días, acábanche crecendo un par de talles, tal como acontece co cu)
foder
v.t. 1. Posuír sexualmente [alguén]. Sempre me fodes e nunca me empreñas...” 2. fig. Botar a perder, causar dano ou prexuízo a. Xa volveu foder o coche. sin. escarallar (pop.), estragar. 3. fig. Causar a [alguén] molestia ou fastío. Ti a min non me fodes. sin. amocar, amolar , enfastiar , molestar . v.i. 4. Realizar o acto sexual con alguén. - Ou María!, comemos ou fodemos? - Como queiras e despois comemos. sin. fochicar (pop.). (aquí non sei se me gusta máis a canción popular, case me puxen a cantar "á miña casa non quero que veñas..." instintivamente, iso que é pola mañá e non estou diante dun vaso de licor café lonxe da patria, ou o chiste de comemos ou fodemos, dáme gana de mandarlle esa resposta que din pola miña terra cando alguén di "cagonacona", que explica que se cagas na cona, despois fodes na merda...).
Polo menos o castelán-galego resulta algo inútil, pero menos insultante, polo menos nos exemplos que teño mirado, aínda que visto o visto, igual tiña que poñer mans no choio...
Así "catalejo" mándanche traducilo como "lente para ver ao lonxe" (parece que é unha palabra pouco común, pois non, traduce ti o diario de abordo de colón con esta gaita); os "palillos" cos que comen os asiáticos son "utensilios para comer que empregan nalgúns países orientais" (grazas, Rag, que faría sen vós!!!) e os "pareos" para irmos á praia son "panos femininos que se poñen arredor do corpo formando un vestido ou saia".
Isto como dicionario bilingüe é moi útil, será por falta de lingüistas, filólogos, terminólogos e outro variado persoal en paro...

E non sigo porque hai xente que ten auténticas recompilacións non con ánimo de facer o mal, senón que me consta que achegou suxestións que, ai, caeron en saco roto (iso que parece que non é o que máis diñeiro debe custar, atender suxestións e corrixir, sendo unha versión dixital non resultaría tan, tan, tan complicado, digo eu, ¿non?).

O dito. Só por verlle unha cara ao dado, non máis. Sei de boa fe que cousas positivas, boas e imprescindibles tamén se fan.

Con este retroceso á infancia

Ás veces non sei se estou escoitando declaracións de políticos e políticas ou estou vendo Barrio Sésamo, onde hai que repetir moito en alto as consignas para acabar de crelas e de asimilalas.
Xa non sei quen deles me dá máis grima.
Ou quen me dá máis gana de arrincarlle pelo a pelo meticulosamente e amodiño, causando molestia e proído para semanas.
Quixera dicir tantas cousas, que se me atrancan xa non entre os dedos, senón na cabeza.
Así que vou quedar calada, porque non habería maneira de picar tan rápido como me ferve o maxín.
E o peor de todo, non ver horizonte.
Para min, iso é o peor.
Non outear nada, por máis que estrique o pescozo.
Empezamos a semana bonita.

18.1.13

En tres sílabas: bar-ce-nas...

BAR, eses lugares que nos encanta frecuentar, porque nos dan familiaridade, acougo, unha dose de barrio ou de cidade cosmopolita, un pincho ou unha tapa que nos acougue a barriga ou unhas areas que nos suban á cabeza e nos fagan ver todo doutro xeito (e non é apoloxía do alcoholismo).
CE, non deixa de ser a terceira letra do abecedario, coma o terceiro irmán que vén ao mundo para ser mimado e o chichí de todos os demais, iso se non o segue outro e para aí a lista. O que leva as portas abertas para facer o que lle pete, bota anos na universidade e perpetúa a súa adolescencia ata os trinta ou máis alá. Vivindo, que non sobrevivindo.
NAS. Que podía ser o inicio do nastideplasti que xa non usa nin o apuntador, pero que a min me recorda á entrada do cine mercada por anticipado para ir ver o sufremamón, pensando que David Summers era con moito o meu ideal de home co que compartir o resto da miña vida, desde os 13 ata polo menos os 130 que penso vivir.
E todas as sílabas inocentes van confluír no apelido do home máis mencionado nestes dous últimos días.
Mentres unha boa parte da clase política nada entre as augas da honestidade e do traballo de ter que demostralo (agora supoño que senten o que sentía nestes últimos anos, por poñer un exemplo, o corpo docente, que tiña que ver como diario estaban na boca do mundo e dos xornalistas preeiros en particular), e outra parte pensa nese saber popular de "cuando las barbas de tu vecino veas cortar...".
A min a metade do que sucede neste paisiño paréceme surrealista.
E que inda por riba se pida austeridade, aforro, comprensión e ombro arrimado é que me deixa parva.
Así que nestes días decido ocuparme do local, que é o que máis me vén tocar a fibra directamente, pero vexo que me deprime case aínda máis ca toda a panda de mangantes que nos desgobernan desde as altas instancias.
O do enchufismo como xa non é novo, non me quita o sono, aínda que ver que tamén anda polo miúdo, polo básico, desmoraliza un pouco, a verdade.
O da mina de Corcoesto indígname, como tamén a lei de costas, a carta branca ás piscifactorías, a esquilmar os nosos recursos naturais e un longo etcétera de despropósitos que levan o carimbo do poder.
O da política lingüística, como me toca de cheo dáme cagarría.
Se tivésedes tempo, lede as estatísticas que ofrece Nel Vidal no seu artigo en Sermos Galiza. A comparación cos gastos de mantemento do iate de Amancio Ortega xa o di todo, non hai moito máis que engadir.
Eu na miña casa prometo que fago o que podo e máis.
Por min non vai quedar.
A política local por estes lares tamén dá para moito. O gran problema do pp nesta parroquia creo que é que fixo fichaxes potencialmente votables sen sopesar que a ignorancia ou o non-saber-ser-politico/a implica que as mentes que fichas non parirán grandes ideas en beneficio da sociedade (ou non coñezo ningún caso), senón que parirán grandes ideas de lucro persoal, e se o xefe gaña mil, eles quererán polo menos novecentosnoventaenove, e se o xefe conduce un A4, eles quererán polo menos un A3, porque, ai, amigo, se estás aí en parte é grazas a min...
Xa o dicía meu avo, aquí ninguén dá pesos a catro pesetas.
Así que agora a pagar as catro pesetas e con xuros, que se de algo sabe aquel que chega a sentar o cu nunha concellería ou nun escano é que os xuros é o que che permite ir engordando a conta, que despois se inviste en negocios grazas ao tráfico de influencias e que comezarán a xerar PASTA en maiúsculas.
O malo de moita política cativa é que o espello en que se miran é o que vemos todos os días nas noticias, o que di que se poden ter 22 millóns de euros nunha conta, regularizalos e branquealos, saír co teu gepeto en todas as canles e vivir nun ático de super-luxo...
Que vida só hai unha, e traballar duro é moi fodido.
Podendo non facelo...
Onte dicía que estaba queimada, hoxe podo dicir que o cheiro a chamusco me embriaga...

16.1.13

O que outros escriben

Ben escrito está.
http://www.eldiario.es/zonacritica/barbijaputa-carromero_6_90350980.html
Tiña que ligalo, porque case todo canto di me parece atinado e, por desgraza, certo.
Aí o deixo, por se alguén inda non o leu.

Son un talento tan grande...

...que boto un peido e mátanse por intentar embotellalo.
E así nos vai.
A min o rollo de cazatalentos cazada para buscar novos talentos que pola súa vez cacen outros talentos...
Talento tamén era unha moeda do tempo de Cristo.
Igual o de cazar talentos vai máis pola vía de pescar pasta grazas ao tráfico de influencias.
E Urdangarín négao todo. Só era unha pobre alma cándida mirando polo ben das súas obras sociais.
E os chalés de 500 metros a nome de empresas dirixidas por testaferros profesionais.
Eu traballo de chapista.
Eu de testaferro, que estou máis ao quente e cúndeme moito máis. Onde vai dar.

Que asco de mundo.

Onte comecei a ver esta serie que levou globos de ouro e que supostamente me tería que encantar. Girls, chámase. Chupei 5 capítulos do tirón, para asegurarme que os premios son por algo e non por nada. En resumidas contas, 4 mozas estereotipadas: a lista-aproveitada dos pais, con formación, divertida, moi empática en xeral e coas amigas en particular, rechoncha e pouco exitosa nas relacións sexuais-amorosas, a guapa e preciosa inmaculada con mozo perfecto que se cansa de vida intachable e que quere mirar máis alá, a estudante aínda virxe á caza e captura de sensacións non vividas aínda e a experimentada e aventureira que parece que é moi moderna, pero que en realidade é unha pobre almiña con carencias afectivas graves que veñen parece que desde a máis tenra infancia.
Un denominador común, todas e case todos viven da moca, en pisos modernos, con vidas modernas e todo financiado por uns pais e nais incautos que non dan cortado a billa (algún vive aínda da avoa). Non é unha actitude de culto ao traballo, nin moito menos. E din dela que son os pensamentos e avatares dun grupo de mulleres a piques de dar o salto á idade adulta (todas andan polos 25).
Non é por mal, pero a esa idade xa se supón que o salto á idade adulta está máis que dado.
As situacións, lonxe de ser cómicas, son un pouco patéticas. O do sexo é inaudito, todos son uns frustrados raruzos con chuzos na cabeza que só se poden explicar se es americano, católico e levas unha vida con demasiadas horas de internet e demasiadas poucas doses de interacción real.
En resumo, unha merda pinchada nun pau.
Se lle deron premios, alégrome, pero deixa bastante que desexar que series boas non, o seguinte, como Breaking Bad e Treme (que si reflicten persoas reais con problemas e vidas reais e tramas serias, responsables, cribles e se me apuras ata realistas) nin sequera fosen nominadas.

Que asco de mundo.

Ou eu son a mosca branca, ou isto está dexenerando a pasos axigantados.

14.1.13

Carromero, o deán extorsionado, urdangarín co cu ao aire...

Diría Sarita Montiel: pero que paaaaasa, pero que invento es eeeeeste?
A min o do caso Carromero cáusame moita curiosidade. Non por nada particular, nin persoal, só que no seu momento que a disidencia cubana tivese un accidente nun coche conducido por políticos "neoliberais" xa me sorprendeu. E despois toda a movida que se montou. E a posterior extradición. E o balbordo da saída, con mediación de Espe en pleno Nadal. E todos os demais partidos calados coma petos. E hoxe xa case traballando de novo no despacho.
Din fontes xornalísticas que se dedica a todo e a nada. Que fala moito polo móbil. Que non é licenciado en nada, pero que asesora ben, e que por iso cobra uns cincuenta mil ao ano. Así sen entrar en máis fonduras. Con 27 anos pódese dicir que este rapaz xa viviu o seu... ¿non?
É retranca.
Ou ironía.
Sorpréndeme que a sociedade apenas sexa capaz xa non de xerar emprego, senón de soster o pouco que ten, e que os carromeros e os agajes da vida atesouren eses postos tan ben remunerados que serven para todo e non serven para nada...
Seica é o dondegentes.
E o raparigo este que intentaba ou extorsionaba o deán de Compostela, que tampouco me quedou moi claro aínda o tema, terei que investigar máis, pero faime graza os veciños, que falen del dicindo que mira que listo era, que chegaba a personalidades moi altas nas súas miras extorsionadoras. O rapaz inda era espelido, que non rateaba polo barrio, poñía os ollos noutros barrios máis abondosos.
Galicia éche sitio distinto.
Ás veces cando vexo algún telexornal da galega descúbrome rindo polo baixo ata da/coa maldade humana. É que algún proceder e algunha metodoloxía é tan de andar pola casa coa bata e as pantuflas que pensas ti, a onde pensa algunha xente que pode chegar?
Ains.
O deán. É outro que teño no meu punto de mira, xunto con Carroñero, perdón, Carromero (é que amigo, xa te me fixeches símbolo de todos os da túa especie, que sodes moitos, que vivides de rillar na prea que outros van deixando polo camiño).
E o caso Urdangarín tamén é outro que pasou de quentarme e indignarme a facerme esa graza amarga, de saber que todo quedará en nada, pero que polo menos se vaia sufrindo publicamente. A min se isto axuda ao desgaste da monarquía, pois case que benvido sexa, se, total, rouba todoquisque, xa pouco máis me ten que sexa político, banqueiro, cacique ou príncipe consorte.
Encántame ese socio extorsionador que vai facendo unha tortura mediática lenta, soltando perlas cando lle cunde e facéndose o longui cando lle cae mellor. E dáme vergoña máis que allea ver que os mecanismos que ten a lei para parar isto son ridículos.
Un xuíz non pode esixirlle que entregue todo canto ten para xustificarse e defenderse ou que peche a boca para sempre.
Así alimentan tamén a prea.
Os que asistimos entre esparavanados e divertidos a ver como a cara de pánfilos vai caendo e se lles vai poñendo a que realmente vesten, a de mangantes, con casas boas, coches bos e de boa familia, pero tan mangantes coma os que saen na galega, que parecen pepesvilluela intentando atracar naves a golpes de comecartos, pero mangüelos á fin e ao cabo.
A amiga do rei, desviación de fondos, pagamentos indebidos... toda unha continuidade de eufemismos para poñer de relevo máis do mesmo.
Ai, é moi entretido ver como nalgunhas canles tratan o da amiga do rei.
Non sei no resto do territorio español, pero aquí cando se fala de que fulanito ten unha amiga, ou que se amigou, xa todos sabemos do que falamos...
Chegarán os meus ollos a ver como se desincha o tema da monarquía?
Niso confío.
No resto teño confianza cero.

13.1.13

Manifestación o 27

Motivos para acudir sóbrannos, polo menos aos que pensamos que o coñecemento é fundamental, a nosa lingua suma e non resta e que o señor wert está desmantelando o futuro dos nosos fillos e fillas, para alén de moitas outras cuestións que cada un xa coñece e valora segundo os seus parámetros.

Agardo que non chova para poder irmos todos.
Alá nos vemos.

11.1.13

Desafección

Non creo que sexa que a xente sente que a clase política sexa inepta, ineficaz ou que non mereza os privilexios que ten.
É que tantísimos casos claman ao ceo que é difícil non xeneralizar e metelos a todos no mesmo saco.
Teño compañeiros funcionarios que viron reducidos os seus soldos, os seus complementos e minguadas a súa autoestima, a súa vida social, a súa estabilidade emocional, grazas a esa campaña de "doma y castración" que emprendeu o goberno para soltar esa cortina de fume que agacha as súas andanzas cotiás, e que ven a cotío como se continúan nomeando a dedo "asesores" e outra fauna que é filla, prima, sobriña ou amiga de e como cada xefe de servizo remodela o seu despachiño porque o topa anticuado.
Cada día saltan á palestra novos casos de corrupción.
Eu xa non faría a distinción nin nos titulares, porque uns son caciques, outros corruptos, pero outros príncipes consortes, presidentes de caixas, empresarios emprendedores de renome e éxito social, outros políticos de carreira... Directamente simplificaría, todos e todas aqueles que pasen de "presuntos", que sexan directamente ladróns.
Cabréame enormemente que o rapaz de Vigo que pillaron en tempos pasando unhas papelinas acabe entre reixas por un nada, anos despois e cando xa non vén a conto porque non só está totalmente limpo, senón que por riba é un axente que colabora coa reinserción social para outras persoas que rozan a exclusión, por marxinación, por adiccións ou polo que sexa.
E pola contra a outros ladróns que causan moito máis dano á sociedade, moito máis irreparable ca unhas papelinas, aplícanlles o terceiro grao ou indúltanos directamente.
A min que me digan que a desafección non nos conduce a nada, pero isto cansa. Cansa bastante.
De feito, aínda non me explico como non estamos todos coma no far west, ao que se salve quen poida...
Eu xa ando mirando polo miúdo o de emigrar.
Fáltame un tris que me convenza de que é unha opción boa.
De seren as cousas doutro xeito, habería xa meses que estaría mandando postais.
Desafección, dinlle.
Eu non sei se "hartazgo" ten unha opción boa en galego para min, porque "ata a cona" ou "ata o carallo", que é o que se usa pola miña terra, non soa moi ben así escrito. Que tamén para mostrar o cheo que está un do mesmo ten que ser correcto.

9.1.13

Jungle Drum

de Emiliana Torrini.
Ultimamente sempre me apunto a todo tarde, pero tarde, tarde, tarde...
Aínda coma quen se di acabo de saber que morreu Manolete.
Pois iso, seguramente esta moza e esta canción xa foron super éxito ou que sei eu, non penso buscalo porque tampouco me interesa. O caso é que me encanta, a súa voz, o seu estilo e todo. Póñoa moito de fondo. Comecei pola canción Jungle drum e fun buscando entre os seus discos para oír máis. Paréceme moi boa.
Eu moderna, o que se di moderna...
Desconecteime un pouco de Breaking Bad. O mundo é  bastante ruín xa sen velo na ficción, indo todas as noites con esas imaxes e esas sensacións para a cama non facía máis que ter soños inquietantes. Retomareina, claro, pero quizais cando consiga poñer máis distancia.
Tamén vou retomar un pouco o das lecturas. Aínda non conseguín darlle comezo ao Emily on the road do meu amigo Ramón. Quero atopar o momento para non ter que lelo de corrido ou con sono. Tamén teño algún libro de distribución gratuíta á cola agardando, pero case todos falan de Europa, de política, de economía, do estado da cuestión, e doutros temas que cómpre abordar con mente crítica, con cautela e atendendo moito ao que se di e quen o di.
Total, que ao final acabo refuxiándome en botar unha risa cos de Community ou con Big Bang Theory ou con Modern Family...
todo por fuxirlle ao sórdido e inxusto que nos acompaña coma unha lacra no resto dos ámbitos.
Hoxe por fin me autoconfirmei que non estou no mercado, por señora maior.
Mesmamente.
Non quero pensar a sensación que terán os que pasan ou chegan, xa non digo máis, aos 40...
Mundiño...


8.1.13

Baltar ou o cacique bo...

Para min o cacique bo é o 500, que ben que me sabe con limón, o outro, ou os outros, nunca deixaron de seren caciques malos, porque todos con cantos me crucei, por moi boas intencións que levaran, no fondo quedaban axiña co cu ao aire.
Vaia, que as boas intencións eclípsanse co ánimo de lucro persoal e familiar.
A min que non me conten milongas os da deputación de Ourense.
En fin. Quen queira informarse do tema, hai por todos os medios anécdotas e efemérides para parar un tren, non me vou prodigar eu en algo que, por desgraza, é esperado, coñecido ou que a ninguén sorprende.
E de novo pasará sen pena nin gloria.
Material para encher uns cantos Informais, un programa do follonero, un pouco dos xornais e telexornais de sobremesa e quizais ata papel couché.
E nós vendo os reporteiros por Ourense adiante preguntándolle á xente se lles parece ben ou mal e a xente dicindo que é boa persoa, que dá traballo, que quitou moita fame...
Ou non.
Tamén haberá moita masa crítica digo eu. A pesar de que se diga que tiña a connivencia de todos os sindicatos, xa se sabe que non sempre todas as mazás do saco están sas, sempre ten que haber algunha podre, aquí e acolá.
A min este paisiño por veces paréceme tirado dunha viñeta, ou da imaxinación dalgún surrealista de ben.
Baltar, o mesmo que diante de Gallardón (ou de calquera outro ministro que inda que non ministre ben, polo menos ten certa cultura), nunha aldea de Galicia, no sobrado dunha casa (ou nun galpón, ou nun polideportivo, o mesmo dá), di que os que están obsesionados con el teñen que ser maricóns, porque se non, non se explica.
"Depende do que entenda vostede por cacique, se é alguén que se preocupa polos seus e por mirar pola xente, dándolles traballo ou axudándoos, entón si que son un cacique, un cacique bo".
Para ir mexar,
e non botar gota.


7.1.13

Déixate ir...

Nadaliño, ou como queira que che haxa que chamar.
Cada quen xa tivo o seu e xa viu o que había.
Non digo máis.
Esta noite soñei que a policía me perseguía e que intentaba matarme. Non sei se é de tanta peli como vexo ou que o outro día me pararon para avisarme de que circulaba cunha roda do coche trillada.
Ha ser polo primeiro.
Creo que xa falei varias veces da serie Tremé, que vou seguindo. Sei que non podo facer spoiler, por iso non conto moito. Pero é boa. Moi boa. Onte nun dos capítulos que vin quedaba á vista a indefensión da maioría que non conta e da impunidade coa que poden actuar as minorías que mandan.
Lía hoxe no xornal que a maioría dos que cortan o bacallau neste mundo saen de escolas e universidades privadas e son de boas familias. E que a selectividade, a universidade pública, o sistema de axudas, estaba axudando a contrarrestar iso mesmo. É certo que existe a mobilidade de mestrados, os mestrados inalcanzables, os intercambios de universidades máis que elitistas, pero cando menos o acceso ao máis básico resultaba máis ou menos xusto.
Nunca o fillo do pobre ha mandar no mundo. Iso din os vellos e parece que por unha vez se lles ía quitando a razón, por fortuna.
Ao final volverase ao de sempre.
Así queren que sexa. O rico máis rico e o pobre máis pobre. O que manda máis tirano e o que obedece máis submiso.
Ultimamente topo pouco que dicir que non sexa abondar no mesmo, porque o mundo parece que bate na pedra, bate de novo e volve bater, e a pedra é a mesma, o que a esquiva é o mesmo e o magoado é o mesmo. Sempre é o mesmo.
Ando pensando que igual este ano tampouco vai cambiar moito nada.
Só confío en que non cunda o desánimo inda máis por estes lares.
...
...

4.1.13

Bonzo, Baltar e a esquiar!!!!

Que un señor se queime ao bonzo pola desesperación só me fai pensar que xa entramos no sendeiro dos habitantes de Grecia.
Contaba unha señora con bagullas nos ollos que se aparecesen nos medios todos os casos de suicidio, asasinato compasivo e outro tipo de mortes tráxicas, sería para botarse a chorar e non parar máis. A maioría da xente réndese no canto de loitar, porque a loita parécelles demasiado inxusta e desigual.
Por aquí comeza a verse o mesmo. É que obrigarte a loitar cando xa te ves espido non está feito para a maioría da poboación. É así. Simplemente.
Para min é sintomático demais.
Pero parece que ninguén vai atallar iso. Iso parece.
E mentres en Galicia dámolo todo con casos de corrupcións para encher portadas e páxinas de diarios. Que Baltar é un cacique ao grande non é revelación ningunha. Deixar en herdanza unha deputación coma quen deixa unha chousa para min xa é poñer as cartas sobre a mesa e boca arriba. Ninguén pon cara de: pero que me estás contando? Por desgraza, o caciquismo por estes lares é o pan de cada día, e raro é que non haxa en cada casa un ou dous que entraron por esa vía a facer "algo" nalgún momento. Recordo eses marabillosos plans labora que colocaron ata o máis inepto de cada casa nas deputacións e concellos para perpetuarse (os que non se perpetuaron só viviron ese contrato para pasar o ano, coa ilusión de que podía ir a máis, pero só a semente do cacique sobrevive en terra erma, a outra ten que ir buscar terreos máis fértiles nos que darse, é outro feito).
A min as andanzas de Baltar só me escandalizan na medida en que me marabilla que o populismo sexa tan fondo e atraente que inda con todo á vista lle siga pasando coma o rei nu, só que á inversa, el sábese espido, pero é tan manipulador e raposo que consegue que todos os demais o vexan ricamente vestido. Pregúntome que fará a lei nesta ocasión.
Xa non vou afondar no de Urdangarín, iso que hoxe férveme o sangue pensando nesa entrevista que a canle pública vai poñer no prime time, dun rei chocho se vanagloriará coa condescendencia dun xornalista de peso (isto eu cuestiónoo, pero deixémolo en peso pola traxectoria vital)... ai, non sei se velo só para non prender a calefacción en todo o día, porque deixo o ambiente eu caldeado pero fixísimo.
E non sei se onte todo o mundo flipou coma min, pero en todos os informativos introduciron dúas noticias case ao tempo: a detención dunha morea de pederastas e a liberación de case 100 meniños secuestrados polos seus abusadores xunto coa incautación de material para parar un tren (todo dito así, sen aclarar lugares, nomes, idades, canles, etc.) e unha amplísima reportaxe a todo luxo de comentarios sobre as montañas de aramon, que un temporal fixo que se frustrase o de esquiar para xente (pobre de pedir, isto é ironía), e ademais de saír señoras maqueadas, mozos deportistas e efemérides variadas dicindo que menuda jodienda quedar sen esquiar, inda que os trataran moi ben e lles deran a cea e todo, tamén se facía fincapé nos sentimentos desa xente miúda que nas vacacións de nadal vai esquiar coa familia e saían dándolles ao pelo (y papá en la regata, diciamos nós de adolescentes para imitar esta pasta) dicindo con total autoridade: te lo puedes creer? toda la tarde y toda la noche encerrados en un hotel sin poder esquiar, ni deslizarte, ni nada, nada, nada, un aburrimieeeeentoooo... e outro: yo es que pensaba que vendría un helicóptero o algo, pero nos hicieron bajar andando hasta el pueblo, y claro, sin dormir ni nada...
Eu non digo nada.
Somos a educación que levamos.
E actuamos como actúan os nosos iguais.
Só digo que tal como está o asunto, desagrádame bastante que o informativo se reduza a este tipo de anécdotas, a presentar a grandes empresarios como modelos de triunfadores que cómpre imitar, xornadas de moda, anuncios de estreas no cinema, e se pase por riba do que realmente acontece coma se non existise. Supoño que a ética xornalística non é un valor en alza. Só hai que ver o que se consome...
Que mal todo!





3.1.13

Por riba de mel, filloas

No mundo ultimamente é o que parece que pasa.
Non sei se alguén non viu Unha serie de catastróficas desditas, ou pelis dese estilo no que pensas, non, iso non pode pasar, non vai pasar e zaca, pasa. Non sei se comentei nalgún momento a película The chaser, unha xaponesa dun asasino sanguinario, que me poñía máis que nerviosa pensando, non, non pode pasar, e zaca, pasaba...
Ben, pois o mesmo. Pásalle á sociedade e pásame a min tamén un pouco.
Por agora o 2013 estase cebando a base de ben. Podía ser peor. Si, podía. Pero tamén podía darlle un xiro ao asunto e regalarme os ollos, os oídos e a conta, por poñer un exemplo...
Xa teño whatsapp, pero no texemanexe de cambio de móbil perdín unha morea de contactos, agora aínda ando pasándoos a man dunha axendiña por escrito... Ao final media moderna e media antiga. Para non perder a perspectiva.
Creo que esa idea de localización fulltime non está feita para min... A ver o que me dura o chiringuito, ou o teléfono, que é ruín coma a carne do pescozo.
Be patient, my friend... be patient...

2.1.13

2013

A min os anos impares sempre se me deron ben. Así que niso confiamos.
Que polo menos nos traia sentido común, xuízo a quen o precisar e o necesario para ir levando a vida. Que é o que cómpre.
Feliz aniño a todos e a todas.
Teño o firme propósito de quentarme menos.
E de ir á piscina.
E de aprobar o exame de portugués sabendo e dominando o necesario para facelo.
O dito.
Que o ano que estreamos polo menos non sexa peor ca o anterior.
Inda non estando o alcacén para gaitas.