Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

30.11.12

Run, Forest, run!!

Unha parella de anciáns mátase e suicídase (neste caso teño que usar matarse, porque matar non se axusta á realidade) para non ser unha carga para a súa familia.
Os directivos que cobren unha paga de máis dun millón de euros terán que tributar unha porcentaxe máis alta. Acabáramos.
O goberno non actualizará co IPC as paguiñas do Nadal, nin as que seguen.
Parece que Novacaixagalicia vai ser vendida ao mellor postor.
Non estou segura se as trenzas das infantas llelas fai Letizia pola mañá ou se teñen unha peiteadora para a ocasión. O caso é que ocupan portadas co modernas, altas e guapas que son.
Na gardería das miñas pequenas xa non falan o galego.
Os tribunais din que nanaina de facer unha enquisa vinculante, que pero que é iso?
Valentín é o valente detractor da (des)política lingüística. É ben certo que outros virán que bo te farán, penso isto mentres leo as chorradas que saen pola súa boca cando fala de que nunca a enquisa enfrontou a ninguén. Este debe vivir no país da piruleta e do algodón de azucre. Se xa tiña malas referencias súas, agora xa non pode tocar máis fondo.
E os señores do meu banco pásanme a factura polo descuberto e dinme que definitivamente que me dean polo saco, que non mo solucionan e punto pelota.
Se eu me sinto estafada e con carraxe que me abrasa, non quero pensar nos estafados polas preferentes.
Unha señora con demencia acusada que morreu deixou unha herdanza incrible metida en preferentes e outros valores que amablemente lle foi movendo o director de Novacaixagalicia. E din as veciñas que a señora aínda pedía o pan en pesetas, ela nunca chegara a incorporarse ao euro.
E os discursos políticos soan tan baleiros, falsos e cheos de mentiras que che dan gana de vomitar.
E a bronquite tennos atrapados entre catro paredes desde hai xa logo unha semana.
E non podo pechar a conta porque me deben unha pasta uns desgraciados que sei que nunca ma pagarán. E que tampouco podo reclamar porque as taxas serían máis custosas ca o propio beneficio (digo taxas, e non custos). E entrementres van saíndo descubertos por anotacións xa dadas de baixa.
Aquí o máis tonto é o que fai aeroplanos.
E a miña comunidade perdeu o norte e queren facer derramas para cuestións que se lle meten entre cella e cella a uns cantos.
E así seguimos.
Neste estado de cousas.
Mentres o meu colega Carlos está sendo xulgado por dicir que un xuíz incumpría e incumpre reiteradamente a lei. Un xuízo que non ten xeito nin traza.
E se isto fose unha peli, alguén diría con bastante desesperación: run, forest, run...
E outro máis egoísta pensaría: sálvese quen poida, este barco xa vai á deriva!

28.11.12

A era postfacebook

E vaia por diante que as valoracións sempre son parciais, obviamente, por iso se chaman valoracións. E eu non son socióloga, nin psicóloga, só acabo en -óloga pero non está moi ben visto, así que aforro en afondar máis.
O caso é que houbo unha temporada que tiven un facebook raruzo. Outra temporada pecheino. Volvino abrir para ter só os amigos que non podía ver en persoa. Despois volvino pechar. Despois volvín ter outro polos rapaces, pero vin que non había necesidade, así que tamén o quitei.
En fin. Que ao final non tiven ningún máis.
O negativo, o único negativo, que si que en realidade hai información que perdo e que me podía gustar sabela e tamén deixo de estar en contacto con xente coa que non me vou poñer con correos e chamadas un día si e outro tamén.
O positivo, bufff, demasiado positivo para contabilizalo todo. Para empezar, non me poño ao día do que en realidade non vai comigo, non me achega nada e non teño por que coñecer.
Unha vez lera unha historia por aí de alguén que corría cun díxome-díxome ata outra persoa e esta díxolle: antes de contarme nada, necesito que o que me vas dicir pase tres filtros. O primeiro creo que era se o que ía contar era veraz e o sabía de primeira man, o segundo se era algo que lles incumbía ou eran parte interesada e o terceiro se iso prexudicaba a persoa. Ben, ao mellor non era así exactamente, pero por aí ía.
Está claro que con moita xente fas o xogo de contar o que queres, contar a medias ou o que sexa, pero con outra ata che resulta perturbador.
En fin, o de sempre, o de ollos que non ven, corazón que non sente; en boca pechada non entran moscas, etc., etc., etc.
O resultado do meu cativo experimento é que agora o teléfono sóame bastante máis, quedo máis coa xente, a xente vén máis á miña casa botar un conto, non me afectan as pequenas "parvoíces" de amigos e coñecidos porque non estou ao tanto, e tampouco estou collendo en mentiras recorrentes a ninguén.
Porque ao final isto de mentir co facebook polo medio era case unha película de ficción científica. Ao final teñen razón as series barateiras de que un mente máis que fala.
En resumo, que poñendo na balanza positivo e negativo, pesa máis o positivo, así que me cunde abandonar o facebook, iso que desde que o pechei este blog perdeu visitas a esgalla.
O que tamén me serviu para comprobar que non é de interese xeral ou xeneralizado e que moitas das visitas só resultaban ser un clic, e non un verdadeiro exercicio de lectura.
Unha vez un amigo convidoume a ir a unha terapia de grupo para o autocoñecemento ou algo así. Tiven intención de ir pero finalmente xurdiume outra historia nesas datas e non puido ser. El dicía que era un xeito de aprender a aceptar parte de nós e non sei cantas lerias máis.
Despois lin un pouco sobre o tema. A todos nos custa aceptar certas cousas e é síntoma de madureza ilo facendo.
Non sei se é polos tempos que corren que me deixan tanto oco para remexer e reflexionar, pero creo que cada día acepto mellor os fracasos e as frustracións.
Iso ou que realmente a miña vara de medir travestiuse de tal xeito que xa nin a recoñece nin a nai que a pariu.
O bo da era postfacebook é que os pequenos momentos, os pequeniños, son moito máis significativos ca todas as maiúsculas e posteos do mundo. E dio alguén que acaba de tomar o café coa última galletiña que lle mandaron de agasallo nun precioso tarro de cristal.
Xa o dixen en moitas ocasións, pero non me hei cansar de dicir que nesta cabeza envurullada están ben anotados os nomes de todos e todas os que seguiron e seguen aí, de preto ou de lonxe, pero que sei que están aí, sen necesidade de máis. A todos e a todas eles e elas (que son moitos, polo que non deixo de sentirme afortunadísima) obrigada!!

26.11.12

Unha alegría

Que só me rende satisfacción persoal, pero no tempo que corre xa bo é.
Resulta que hai un tempo unha persoa contactou comigo para que lle axudase cun texto que estaba escribindo. É unha persoa de fóra, que non foi escolarizada en galego e que o fala máis ou menos (comigo sempre facía un esforzo grandísimo e moi loable). O caso é que foi construíndo a súa idea coa axuda de dicionarios, correctores, fillos e moita forza de vontade, para poder pasarme o texto o máis limpo posible. Pois ben, onte chamoume todo contento para dicirme que era finalista nun premio literario bastante importante e que estaba que non cabía en si. Chamoume a min antes ca a ninguén.
Quedei contenta e como estamos en pleno proceso vírico con todo o que iso implica, despreocupeime de eleccións nin de caralladas.
Creo que vou centrarme máis no micromundo e pasar algo máis do outro, que só me dá dores de barriga.
Acabei de coser todas as camisetas pendentes. Míroas e non sei se rir ou se chorar.
Chasco dime que teño que alegrarme de estar facendo cousas chulas, aprendendo portugués e esas cousas ás que me dedico por necesidade de encher horas, pero a verdade é que seguramente terei que estar asfixiada de tempo para poder aprecialo.
Por agora véxoas e penso, mecagonodemo, que maneira de rañar o cu e espiñar os dedos todos!
De calquera xeito, aquí deixo a ligazón, para que botedes un ollo. Mellor iso ca zapatearme vendo series día e noite comendo hamburguesas... ainsss!!!
http://reciclaxemaridaxe.blogspot.com.es/

25.11.12

A vida molaba máis cando che contaban un conto e non tiñas que facerlle a comprensión lectora

Supoño que estaredes comigo. Escoitar por escoitar. Oír por oír e despois cada un xa vai vendo ao longo da vida como calou a aprendizaxe.
A min ás veces asfíxiame o de ter que estar lendo e facéndolle a comprensión lectora a todo. Se o xornal é de aquí ou de acolá, a que intereses responde, de quen vén sendo, quen é o que asina, é un editorial ou é un comentarista libre, que é o que di, que é o que quere dicir...
Estou desexando que chegue a noite e ver que é o que pasa definitivamente en Cataluña.
Non é que me preocupe en exceso, só é que na miña cativa cotidianeidade agardo que algo se mova, que algo pase e que non sexa sempre malo, sempre virando cara a dereita.
Ando dándolle voltas ao das taxas e paréceme tan escandaloso.
Se un tarado ou tarada vai a por ti, despídete de velo ou vela nos xulgados, a non ser que vaias sobrado.
Se tes un accidente e queres reclamar a indemnización que che corresponde.
Se mercas un piso e comezas a velo cheo de defectos.
Se o banco che roubou todo canto tiñas.
Se un veciño di que a túa leira é súa.
Ou a túa casa é súa.
Ou a túa vida é súa.
Se te despiden inxustamente.
Se te divorcias xustamente.
Se queres cambiar un réxime de visitas...
Todo. Todo. Absolutamente todo queda nas mans de quen máis ten.
Vamos, que a igrexa se xa o viña tendo o que se di fácil para quedarse con propiedades e paguiñas dos vellos, agora xa non quero nin pensalo. Inmatricular non, o seguinte.
O que só vén favorecer de novo que non se denuncien certas actitudes, prácticas, etc. abusivas cos de sempre.
Por exemplo a semana pasada pasáronme un recibo que non debían nunha conta na que apenas teño cartos. Fixéronme un descuberto, así que tras devolvelo, o banco pasoume a súa persoal factura por terme adiantado eses cartos. E a resposta é que eu non o des-domiciliara, así que eles non podían saber se estaba ben ou non. A culpa foi miña por deixalo en mans alleas, o tema, quero dicir, porque o de non ter pasta vén sendo que non é culpa miña (de todo). Total, que se quero reclamar teño que pagar como sete veces máis de taxas. Toma moreno! Así que a miña conta pendente coa administración por esa tangana que me fixeran recualificándome o piso vai quedar en nada. Para a administración os meus 700 euros son porca miseria, poden seguir axuizando o tema ata que me aburran...
E agora é cando lle empezo a facer a comprensión lectora a todo, e xa non acabo de gozar de nada.
Estou temendo a escolarización das nenas e que teñan que entrar nese mundo das comprensións lectoras, onde non estarei eu para dicirlles un día que o lobo é peludo e rabudo, outro día que é un carnívoro agresivo, outra que come papas de arroz, ou que só quere xamóns salgados, por iso non papa os porquiños. Un lobo bo e outro malo, sen cuestionar a idiosincrasia do lobo, que é lobo á fin e ao cabo.
Despois será un lobo mamífero, carnívoro, con nome, que sempre procede do mesmo xeito, que comerá os porcos porque é a súa natureza depredadora. O primeiro porco será o de menos idade, o segundo o irmán do medio (que sempre é o máis prexudicaco nas relacións paterno e materno filiais segundo a psicoloxía familiar), o grande o máis sabio porque ten máis mundo e tamén unha diplomatura en arquitectura de interiores e sabe distinguir o pladur do ladrillo, ademais é espelido e constrúe sen licenza de obra maior no medio do monte, porque sabe que alí o Sixpac vai ver dende o satélite un galpón para ferramenta, e iso en terreo cualificado como rural está permitido.
Total. Benvidos ao mundo da comprensión lectora.
Iso si. Mal entendida.
Cando fixera un curso xa non lembro de que, fixeramos o triste experimento de abordar tres ou catro comprensións lectoras de diferentes manuais sen termos lido primeiro a historia. O 90% das preguntas resolviámolas só con ir co dedo debaixo do texto.
Para ir intelixentizando os meniños. Que non lles voe a imaxinación demasiado.
Que prexudica este socialrealismo que lles encanta aos políticos que nos gobernan.
En fin... para ser domingo non está mal a vea mala que me está saíndo coma un sarabullo no cu.

23.11.12

Quieto todo el mundo!!!

Nos próximos tempos quédame por ver nos programas de opinión e debate a miña prima a chosca, que só vive da sabedoría popular e do refraneiro tradicional.
Se chove diche que nunca choveu que non escampara, e se non chove diche que ha ter que chover porque o ceo ovellado trae auga asegurado.
Miña prima a chosca é coma sancho panza, que tiña sempre a dose de realidade concentrada en aforismo, refrán ou dito para matar a imaxinación de don quixote.
Así que non o pensei máis e fíxenlle un currículo bonito, coa súa foto do lado bo e unha carta de presentación para mandarlla a diferentes canles, non vaia ser que ao final a parva que pensamos que acabaría atropelada (por ese costume que ten de non arredar dos coches cando veñen polo camiño), pero inda nos ha sacar a todos de pobres coas súas ideas.
Ela é moito de pensar coma a corrente que está de moda. Non é nada moderna, aínda que despois faga o que lle peta. Ela está á dereita da dereita e se ten que usar medios punitivos para alcanzar os seus fins non se corta. Ademais, como non as pensa, di o primeiro que lle vén á boca, así sexa a atrocidade máis grande.
Tamén ela sempre foi moi fan de Tejero. De pequenos xogabamos moito ao Quieto todo el mundo! e tirabámonos no chan atemorizados.
Era unha mágoa que ningún adulto nos explicase que houbo quen non se tirou, iso houbo que sabelo despois co tempo.
O caso é que miña prima a chosca desde que saíu Tejero falando de "Arturo Mas" está que lle ferve o sangue. Eu expliqueille que non era autoridade moral ningunha, e que as súas opinións eran tan ruíns, cutres, infundadas ou prexuizosas coma a de calquera outra persoa normal e corrente desas que opina de todo aínda que non saiba de nada.
É Tejero, nena, díxome ela. É unha autoridá.
Estes cataláns...
Eu despois de todo o circo que se está montando e desta cruzada persoal que montaron os do Mundo (que como sexa verdade pois haberá que actuar do mesmo xeito que habería que actuar con tantos e tantas outros e outras), pero como sexa mentira é para darlles ata no carnet de identidade.
Pois iso, que despois de todo o circo dáme gana ata de censarme en Barcelona e facerme independentista non, o que haxa máis arriba aínda.
Que maneira de botar pola boca, é unha billa aberta botando xurro a feito, sen cortarse nada xa.
Pero bueno, todo sexa por sacar unhas perrillas, mandamos a miña prima e a ver se non se converte nunha contertulia con éxito toda aquela na que se presente.
Tamén quería que a adoptase Tejero, pero cando lle ensinei a foto da praia e o viu tan desmellorada creo que dixo que mellor de secretaria persoal, que xa é moi maior para ser adoptable.
Eu non sei se debaixo da súa capa de muller inconsciente pero botada para adiante non haberá algunha ansia de vinganza. Esta éche moi teimuda. A min aínda me cobrou hai poucos anos aquela vez que na praia a tirei da lancha de goma. A pouco máis non a conto. Estabamos no porto de Malpica e arrimeime á beira para ver como os muxes se arremuiñaban e ela empurroume con todas as ganas.
Cando asomei a cabeza, era outono, xa ía frío e non hai idade xa para estas cousas a plena luz do día, díxome que ma debía pola vez que case a afogo. E pasaran máis de vinte anos.
O caso é que cando escoitou o tema da suba das taxas de Gallardón empezou a pensar no seu tema e a preguntar se agora se lle complicaba o asunto da demanda do seu.
O seu é o de moita outra xente, os pais metéronlle a paga nas preferentes e mais os aforros de vender a cota do leite. Ben, seus pais non, exactamente, en realidade pensaron que os tiñan nun prazo fixo, que lles recomendou a directora, que é veciña de toda a vida.
O caso é que agora non están nunha situación moi alá e recuperar os cartos xa case o ven imposible, pero outro veciño que é avogado xuntou uns cantos veciños para animalos a denunciar no xulgado.
El dixo que só cobraba se gañaban, xa case é unha vendetta persoal, porque os seus avós (un xa morreu) están no mesmo caso.
Pero agora con isto de Gallardón, aínda van ter que pedir un empréstito persoal para pagar as taxas, que a algún alcánzalle os 5000 euros, iso se non hai tres chanzos que subir na escala xudiciaria. Vamos, que o banco resistirá e recorrerá contra todas as sentenzas que poida, iso é obvio.
Eu non sei se miña prima a chosca quedou tocada co tema e aproveitou a leria de Tejero para pedirme o do currículo. Eu fíxeno de boa fe, pero agora que o penso mellor, igual xa non é tan boa idea.
Mesmo se presenta en teletorito para botar por fóra contra o aborto, contra os nacionalismos periféricos e a loar a personaxes máis papistas ca o papa, as faes, o foro da familia, os parlamentarios retrógrados de Bruxelas e acaba sacando a escopeta de caza e montando a de san quintín.
Porque unha cousa si que ten, que primeiro vai ela e despois o común.
Ai mamá, creo que me metín nunha boa!

22.11.12

Icía

Hoxe vou facer un aparte só para apearme do mundo e contarlle á miña pequena, por se algún día isto sobrevive e chega ela a ser unha adulta interesada polas ideas que poboaron a cabeza da súa proxenitora, que o seu nome é significativo na cultura que nos rodea.
Icía vén sendo o equivalente de Cecilia en castelán, aínda que moita xente lle chame Uxía, Lucía, Cintia (¿?), Mencía... e se pregunten por que estraña razón dous pais inconscientes elixiron un nome estraño para unha meniña e nos pregunten de que é hipocorístico (non con este palabro, obviamente) ou de que lingua vén sendo.
Estraño non é. Hai centos de parroquias en Galicia que se chaman Santa Icía, e unha chispa de ermidas e igrexas teñen santas Icías, aínda que como se di todo xunto xa se perda a noción do mundo.
Unha vez escoiteilles falar mal a unhas señoras do nome de Paio, que non se explicaban de onde diaños saía, e elas eran da parroquia de Sampaio (!!!!!!).
Por iso que non fixemos nin caso nin consulta á hora de elixir, porque o falar non ten cancelas e era cousa nosa. Iso que ata quen nin tiña que opinar opinou (véxase as matroas que me atenderon no tramo final!!).
O caso é que para a relixión católica (nesa na que estamos mergullados queirámolo ou non, que mira, a min moléstanme os curas, o que a historia da relixión e o que iso implica non quero nin debo obvialo, porque se non custaríame poder explicarme desde un retablo ou unha vidreira ata a idiosincrasia de todo canto toco e respiro) festexa hoxe, o 22 de novembro, a Santa Icía, patroa dos músicos, entre outras cousas.
Congratúlame saber que Santa Caecilia de Roma era unha muller intelixente que tocaba o órgano e que compoñía música e non que era unha pirada que levitaba ou alucinaba ben coa fame ou ben coa falta de ter necesidades básicas cubertas (e non vou explicar cales porque cada un sabe das súas).
Pois hoxe teremos festa do gusanito, do floco de millo e fixo, fixo, fixo bailaremos unhas cantas cancións na casa.
Á pequena encántalle cantar, bailar e xa non digo tirar de trompeta, xilófono, pandeireta, frauta e todo iso que lles rechifla aos veciños, pero iso non creo que veña dado polo nome... vén dado pola idade, non vou perder aínda a perspectiva!
Parabéns, pequena Icía!

21.11.12

Dixerindo

O que acontece con Palestina e Israel.
Onte vendo esas imaxes a verdade é que non che presta ningunha outra cousa.
E coma sempre os nenos e a poboación civil en xeral é a máis prexudicada.
Onte era o día do neno e de novo as cifras dos nenos e nenas que viven baixo o limiar da pobreza é escandaloso.
Eu non sei de verdade a que andamos.
Ao final é verdade que homo homini lupus est.
Din os vellos que polo menos hai que botarlle 20 anos para acabar de saír deste burato.
Moita vergoña paso ás veces vendo en que se converteu este mundo.

19.11.12

O último chiste

Por un piso de máis de 160000 euros regalamos un permiso de residencia, e convertémoste nun tris dun cidadán de cuarta ou quinta categoría nun conxénere querido porque colaboras co de quitar o parque inmobiliario de diante.
Agora só podo velo coma un chiste. Máis adiante en canto o pense ben igual volvo ao tema.
Fraude fiscal.
Branqueamento de cartos.
Dación en pago.
Rescate.
Mercado financieiro.
Mercado inmobiliario.
Preferentes.
De verdade é todo un chiste sen graza...

Que me coma o tigre

Como xa esgotei o de "marabilloso, marabilloso", que dito así queda como algo raro, voume pasar a que me coma o tigre.
Canto máis sei do que se corta no mundo da política máis me digo, que me coma o tigre.
Isto é un despropósito atrás do outro.
Cando mellor se vai poñendo o mundo laboral máis me digo, que me coma o tigre.
Eu xa non sei onde imos ir dar.
Cantas máis incongruencias vou vendo por aí adiante, máis me convenzo, que me coma o tigre.
Isto é un non parar.

Vaime resultar ata difícil e complicado transmitir os valores que quero transmitir, porque me fallan as palabras, os discursos fan augas por todos os cornechos, boicotéanme un día si e para o outro tamén e ao final nin eu mesma creo no que estou dicindo.

Xa comecei o curso de portugués. Non o vou xulgar polas tres primeiras horas. Os comezos sempre son así un pouco estraños. Só podo dicir que creo que resultará menos aproveitable do que considerara nun principio...

E o mellor da fin de semana, á parte dos meus sobriños, un que ri por todo, un que xa razoa e outro que me dá unha de cal a bicos e unha de area a hostias (ao final é o máis sabio dos cinco, que di que si a todo e despois fai como lle peta), foi resolver a papeleta dos agasallos de Nadal, antes de que teñamos que saír na portada da Coz de Galicia co titular de "Ya le he dicho a mis hijos que esta Navidad los Reyes vendrán pobres también".
Como lles gusta aos xornais de media tinta andar de vila en vila buscando familias empobrecidas, "desestruturadas" e con problemas para sacalas na portada. Que digo eu que ben podían atallar o asunto doutro xeito e mellor podían durmir... cousa noxenta, vaia.

Arrinca a semana, levo dadas tantas puntadas que teño os dedos coma coadores, pero polo de agora éche o que hai, iso e revisar o Saramago (ou Sara Mago, como lles gusta aos señores políticos de cando en cando) na súa lingua nai.

Iso e investigar a empresa esta que anda a facerse coa sanidade e que parece que limpa, limpa, limpa non é, por moito que nolo queiran vender. Coma sempre, outra vaca no millo!

Pois a min que me coma o tigre.

16.11.12

Obxección de conciencia

En tempos valeu para que moitos destinados a cumprir o servizo militar non pasasen por iso e tivesen un xuízo, que podía acabar no cárcere, con servizos forzosos, etc. (antes da prestación social substitutoria) segundo o xuíz que che tocase en sorte.
Se era pro-homes varudos ao servizo do Estado tocábache o peor, se eran pro-liberdade de elección saías mellor parado. Como escoitei dicirlle a un xuíz dos pro-liberdade, aproveitando baleiros legais e interpretacións subxectivas, eu non condenaba a ninguén. E sabía que moitos confiaban en que lles tocase eu como xuíz, aínda que os casos se reparten.
Onte vendo un debate sobre a lei para a paralización dos deshaucios que se vén de aprobar, atopei un xuíz que me caeu moi ben. Tamén a rapaza que representaba as plataformas Stop Desaucios, unha muller chamada Ada, pareceume intelixente, desenvolta, boa comunicadora, etc.
O xuíz razoou con bastante excelencia o estado da cuestión, o abusivo que resulta, o que lles custa aos do seu gremio mandar executar sentenzas que saben inxustas e inmorais e non se achanzou ante os ataques que recibía, máis ou menos abertos ou velados, dos compañeiros de mesa, case todos xornalistas ou afíns ao goberno e á súa flamante cabeza pensante.
Fernando Ónega tiña que pasarse xa aos programas do corazón. O que lle vai realmente é facer crónica amarela, rosa ou con tinturas de drama. Este señor tiña que deixar o xornalismo supostamente serio e botarse a escribir novela, tería máis éxito. Aínda que teña unha voz bonita, que llo recoñezo... (ainssssss).
O caso é que explicaban como non podían acollerse a obxección de conciencia. Ten que ser duro non poder facelo.
Algo diso din tamén os policías que cargan nas manifestacións, aínda que á vista das imaxes ben se ve que algún "goza imenso" repartindo hostias aquí e acolá. Que eu ben coñezo uns cantos que no instituto pensabas ti: este máis cazurro non nace, e anos despois párame nun control de tráfico, por dicir un exemplo.
Está claro que xente pacifista e que aprecie os dereitos humanos, o diferente, etc. non ten de vocación servir "las fuerzas del Estado", ou polo menos quédame por coñecer un ou unha.
O caso é que esa mesma obxección de conciencia é a que non puideron alegar os médicos irlandeses que deixaron morrer unha moza india embarazada e co feto de 17 semanas agonizando mentres latexase o corazón do "meniño", porque a lei di que nai e fillo teñen dereito á mesma protección e o aborto está penado.
O feto botou esmorecendo días e a nai esmorecendo a canda el, impotente a pesar de non ser católica e estar actuando de boa fe e de maneira xustificada.
Quero dicir que cando se pasa a un estado totalitario e só se pode actuar segundo o que marca a lei e segundo unha única interpretación e visión do mundo, estás jodido.
A xente que perde a casa porque avalou a outros está jodida, non entra en ningún caso.
A xente que xa a perdeu e sigue pagando, outro tanto.
A xente á que lle dan dous anos pero á que lle siguen subindo os xuros tampouco vai poder saír do burato.
Unha bolsa de vivenda social... vivenda que? Iso xa existía e incluso para acceder a ela os requisitos son imposibles.
O da moratoria só é un falar por non estar calado e casualmente coincide co que os bancos airearon xa hai unha semana, e casualmente non se pacta con ninguén...
Que asco me dá este puto estado de merda en que nos atopamos. Estamos nun autobús conducido por catro tarados que non saben as normas de circulación, pero que pensan que conducen de pingas porque levan o GPS que os mercados lle instalaron no guiador.
E se os de atrás van mareados, enfermos, vomitando, sendo violados, expoliados, etc. tráella ao pairo.
Quédame por ver a puñeteira curia falando máis dos desahucios, da pobreza, do abuso, da corrupción e menos da familia que non saben o que é nin de lonxe, nin das preñeces alleas, que xa teñen abondo con desfacerse das propias...
Hoxe quen me dera ser un antidisturbios, que ben sabía onde ir repartir. Iso si. Ao abeiro da lexislación vixente. Todo correcto.

15.11.12

Porca miseria

Indo ao cotián ás veces decátaste de que nun tris a vida pode virarse e poñerte pernas para arriba (e non como di a canción, que aínda non sería para queixarse).
Ultimamente no pequeno club de vecindario que montamos uns cantos para amortecer as horas de parque, limpeza e vida caseira moito aprendo da vida.
Supoño que me faltou vivir unha boa parte de circunstancias que obviaba ou deixaba de lado porque estaba demasiado ocupada sacando adiante outras que me parecían prioritarias.
Que non ten mal ningún, só que é así. Cada un parece que elixe moito pero no fondo non é tanto así, parece que o camiño non sempre o pode ir un trazando conforme lle vaia o día, pero case sempre hai que ir andando por onde che din, por onde che mandan, ou por onde che xorde no momento.
Non está mal levar doses de realidade de cando en cando.
Aínda que che creen ansiedade, tamén che vai dando outros puntos de vista para ir xestionando o que che toque.
Non é unha entrada escurantista.
Só se me ocorreu cando estabamos facendo unhas camisetas, falando de chorradas e botando unha risa, por non pensar que nos atopamos coma nos anos setenta, facendo o que facían as nosas nais e avoas pero por riba pensando que nos estafaron ao contarnos que iso con nós non ía pasar.
Cando te educaron para unha cousa é complicado atopar outra e contentarte con ela.
E entón algo quedou mal e dixen, bah, non pasa nada, que ninguén se preocupe, non vos agobiedes que hai máis material para repetilo.
E soou un, non ho, por iso non me preocupo nin me agobio. Agobiar hai que agobiarse por outras cousas.
E o silencio.
Hai pouco, vendo unha reportaxe sobre o estado xeral da economía das familias pensaba eu que, cando se acaba o traballo e empeza a escasear a pasta, a vida deixa de ser divertida.
Tanto ten se tiñas máis ou menos, se vivías mellor ou peor. O caso é que todo se complica.
Así que pensei que vou ter que aforrar nesa maneira que teño eu de dicir sempre o de non te preocupes, non te agobies, porque cada un xa saberá o que ten que facer.
E así o outro día non sei por que me queixaba eu e unha das miñas pequenas dixo: mami, non te popupes...


Hai que andar con mil ollos e douscentos oídos. Non é?

Folga de consumo

Cando a un o pillan parado e non pode sumarse á folga pois polo menos colaborar coa folga de consumo. E onte non movemos o coche, non mercamos o pan, non tomamos o café en ningures e só gastamos e usamos o imprescindible.
Supoño que é un xesto que se lle ocorreu a moita outra xente que nin puido facer folga por non ter emprego, nin puido acudir ás manifestacións.
Congratúlame que fosen un éxito de participación. A pesar da portada do Mundo e dos comentarios do TDTParty-teletorito... que non sei nin por que lles presto atención, coa mala hostia que me contaxian.
Dáme, iso si, un arrepío pensar neses concellos (todos gobernados polos pepperetos) que prenderon a iluminación pública para que houbese gasto enerxético...
Hai detalles que xa non é que penses que son inmorais, é que che remexen ata o pan do almorzo. Unha baixeza tan ruín que non ten nin explicación. Darlle a cabeza para facer iso é inaudito.
Coma sempre, datos contraditorios e informativos baseados en anécdotas.
O da información pola tele estase poñendo fino, fino, fino...
En fin.
E hoxe coma se fose luns.
Vou comezar un curso de portugués, a ver se así poño as pilas e me presento ao exame do B2, por iso da inmersión na lingua irmá (teño que resarcir vellas feridas de tempos universitarios) e por iso de ir facendo currículo, que xa nunca se sabe...

12.11.12

Jordi Évole

Sempre dixen que cando me reencarnase, se é que teño esa opción algún día, pedía ser Beyoncé.
Por iso de ser explosivísima, sensualísima, riquísima, cantar e bailar ben e por riba nin ter que abrir a boca para que todas as portas se abran ao meu paso.
Pero a verdade é que estou pensando que mellor prefiro reencarnarme en Jorde Évole e ter a oportunidade de ter cara-a-cara con certa xente que, se non ten pudor para poñerse colorada, que se vexa que eu tampouco para formular preguntas incómodas.
E por riba cun sorriso e cunha cara de estou-pensando-que-es-un-gilipollas-do-peor-pero-quero-que-todo-o-mundo-o-comparta-comigo-mola-ehhhh-?????
Pois si. Ultimamente flipo bastante con que o programa que máis ao día te poña do que se coce no universo paralelo chamado mundo-político-e-da-administración sexa un suposto programa de humor, escarnio e maldizer.
Os debates, aínda que algún sexa aproveitable, ao final quedan en media tinta, porque á xente dálle pudor falar abertamente e cando o fan só é para o recurso aínda non esgotado do e ti máis, e ti máis, e ti máis...
O seu programa Dedocracia de onte non foi máis que poñer á vista co que todos levamos medrando toda a vida, que a filla da costureira empeña os seus pais para estudar ata os 30 e sacar unha humilde praza de funcionaria na que cobra un soldiño digno por un traballo que desempeña con afán e seriedade e os fillos do da fábrica levan entrando e saíndo de concellos e deputacións en coches de alta gama desde que teñen a idade de conducir, facendo non se sabe moi ben o que, pero que lles rende abondo para mercar o piso, facer o chalé e pasar unha vida como se di falando mal, de putamadre.
Quixera ser Jordi Évole para preguntarlle a eses asesores por especificacións técnicas que deberían dominar xa que é o que lles vai supostamente co cargo e insistir e reconducir o tema ata que sobre a mesa quedase ben patente a súa incompetencia en moitos casos.
E preparalles unha cea de confraternización cos funcionarios e interinos que poderían desempeñar exactamente o mesmo traballo pero de maneira máis aséptica, por dicilo dalgún xeito. Unha reunión amable para falar de traballo.
E dicía o presidente da deputación de Alacant, que non lle subían as cores nin á de tres, que eran cargos de confianza, coma eses cargos que se arrastran desde o medievo de asistentes das autoridades.
Enténdaseme, que non é unha criada de confianza do cura, é outra cousa.
É obvio que cando non se trata dunha xestión transparente, unha axenda pública, un cargo sen cargas, precisas que o que teñas para agachar ou ocultar non estea da man de funcionarios honrados, senón de amigos, fillos de amigos e familiares que están na mesma allada ca ti.
Neste caso hai que meter la polla en la olla e compartir olla e polla todos xuntos e revoltos, por iso de que se cae un caemos todos e a ninguén lle interesa caer.
E enténdase que a min me parece ben que se elixa xente capacitada para os postos, non necesariamente todo ten que pasar por unha oposición.
Digo que me pareceu ben o señor este que aparecía que era unha especie de "buscador de talentos" para empresas e administracións (estranxeiras, polo que dixo, nunca estas, que o talento vai na liñaxe).
En fin.
Oxalá eu me reencarne en Jordi Évole, porque tería temas e cara para estar en prime time de luns a domingo e aínda con todo non queimarme.
Señor buda, se me estás lendo, anota isto no caderno, desbórrame de Beyoncé e apúntame con Évole.

8.11.12

60 solicitudes - 1 probable posto...

Onte dúas noticias quedáronme na cachola dálle que dálle. Esta noite soñei tamén un pouco con iso. Centos de persoas durmindo ao raso para esperar que alguén dos 60 primeiros desfalecesen e desistisen do intento e coller o seu posto.
60 persoas sen máis perspectiva ca a de optar a un probable posto.
Que nin sequera está asegurado.
Agora eses 60 poderán acceder a un exame: matemáticas, psicotécnico, conceptos básicos... (espero que non teñan que pagar por facelo, que sería xa o acabouse do asunto). E deses un afortunado quedará nunha lista para cando se precise alguén...
Se isto non é que o país e o traballo está coma o carallo que mo expliquen.
Para algúns só serían imaxes con persoas descoñecidas. Para min foron persoas con historias detrás e coa inestabilidade emocional tatuada. Un drama...
E ao mesmo tempo un señor de 50 anos chama a unha sucursal e dilles aos empregados que saían que vai facer estourar un artefacto.
Nese momento estase aireando as indenmizacións millonarias a directivos, que acoden aos xulgados cos seus traxes, os seus abrigos e bufandas de caxemira, nos seus coches de alta gama e con cara de aquí non vai pasar nada...
E PSOE e PP queren pórlle remedio ao dos desaucios.
Eles, que aprobaron en amor e compañía unha lei de partidos que fai que as súas débedas, contraídas coas entidades para financiar as súas campañas, persoal, etc., sexan perdoadas ou alongadas, ou con-donadas. Supoño que ningún inocente pensará que a cambio de nada.
Se o meu veciño avaricioso sempre me está facendo favores terei por seguro que será porque quere terme debaixo dun pé. Así que a min estas reunións que dan moitos titulares non me inspiran máis ca mágoa, por ver na clase de persoas nas que está o poder.
E saen os veciños do señor da bomba dicindo que se lle tivo que ir a cabeza ao ver como lle sacaban as súas propiedades.
Non coñezo o caso concreto, nin sei o que debe, nin por que. Pero polo que fixo vese que non quería mancar a ninguén.
E se alguén non leu a xustiza pola man, xúntoo neste post e que dea para reflexionar.
Os temas son outros, pero a frustración vén sendo semellante.

Aqués que tén fama d' honrados na vila
roubáronme tanta brancura qu' eu tiña;
botáronme estrume nas galas dun día,
a roupa de cote puñéronma en tiras.
Nin pedra deixaron en dond' eu vivira;
sin lar, sin abrigo, morei nas curtiñas;
ó raso cas lebres dormín nas campías;
meus fillos... ¡meus anxos!... que tant' eu quería,
¡morreron, morreron ca fame que tiñan!
Quedei deshonrada, mucháronm' a vida,
fixéronm' un leito de toxos e silvas;
i en tanto, os raposos de sangre maldita,
tranquilos nun leito de rosas dormían.

―――

―Salvádeme ¡ouh, xueces!, berrei... ¡Tolería!
De min se mofaron, vendeum' a xusticia.
―Bon Dios, axudaime, berrei, berrei inda...
tan alto qu' estaba, bon Dios non m' oíra.
Estonces, cal loba doente ou ferida,
dun salto con rabia pillei a fouciña,
rondei paseniño... (ne' as herbas sentían)
i a lúa escondíase, i a fera dormía
cos seus compañeiros en cama mullida.

Mireinos con calma, i as mans estendidas,
dun golpe ¡dun soio! deixeinos sin vida.
I ó lado, contenta, senteime das vítimas,
tranquila, esperando pola alba do día.

I estonces... estonces cumpreuse a xusticia:
eu, neles; i as leises, na man qu' os ferira
.

7.11.12

Privatizanding...

Na época Aznar (foi tan longa e tediosa que xa a vou considerar época), a leria da privatización púxose moi á orde do día.
Moitos defensores e defensoras da privatización sinalan que é onde se dá a maior optimización de recursos, tanto materiais coma humanos, e onde máis esforzo do cadro de persoal se traduce en produción.
Iso no mundo ideal claro que se dá.
No ideal, digo, non no real.
A persoa que é traballadora e está motivada co traballo que desenvolve faino ben atópese onde se atope, outra cousa é que haxa ámbitos viciados (concretos) pola preguiza e outros polo estado de semiescravitude.
E falo con coñecemento de causa, eu que pasei por todos os sectores: público, privado, contratada, sen contrato, bolseira, autónoma...
Eu o que apoio firmemente é un sistema de promoción xusto e equitativo. Unhas probas de acceso á función pública ou á empresa privada que valoren na xusta media o axuste do perfil e do posto de traballo, un sistema de promoción ou cambio de posto aberto e positivo...
Un mundo ideal de novo. Non real.
Eu voulles dicir o que acontece segundo a miña percepción nos dous ámbitos.
No mundo do funcionariado hai de todo, pero abunda a xente responsable e traballadora. Non é o mesmo unha oficina do rexistro con ritmo pausado, xente acomodada e directores de servizo postos a dedo (con pouca vocación de sacrificio, equipo ou nada que se lle pareza), ca un colexio ou un centro médico. Coñezo moitos mestres, profesores, directores, etc. que van moito máis alá das súas horas de traballo (e se non busquen os blogs dalgúns coles ou institutos na rede e compróbeno) e médicos, enfermeiras, ats, etc. que cobren máis do que as súas follas de servizo reflicten.
Na época Mariano (que foi breve pero o triplo de tediosa e enfermiza) xa se privatiza sen ningún tipo de pudor.
Din que o cidadán e a cidadá non debe preocuparse porque non terá que custealo (con diñeiro, supoño que queren dicir) e que tampouco é ético pensar que a empresa privada vaia traballar peor ca a pública.
Un colexio público non traballa mellor ca un privado, senón ao contrario (segundo os defensores do privado, quero dicir).
O que non ven detrás da cortina da fachada bonita os usuarios dese centro privado é que lles supón un desembolso por algo ao que xa teñen dereito ao pagar os seus impostos (dereito á educación), tampouco son capaces de ver o estrés ao que está sometido o persoal: docentes (licenciados con experiencia ou sen ela, desempeñando o posto porque alguén os puxo aí, probablemente polo seu currículo, pero tamén por ser da familia, afín ao opus, de familia ben...), explotados ata a extenuación, dando todos os cursos que poidan abranguer, vixiando recreos, comedores, facendo actividades de fin de semana, campamentos, saídas... vivindo por e para o colexio. Comedores que optimizan non, reciclan e recociñan ata o último anaco de touciño e cociñeiras convertidas en gardadoras, limpadoras e conserxes... Probablemente infrapagadas.
Para que todo redunde no beneficio dunha orde, da igrexa ou dunha familia rancia que conseguiu seguir mantendo ese privilexio de impartir docencia só pola inercia...
No público a situación está tensa, si, pero o profesorado accedeu por un sistema de oposicións xustas, cada un é fillo de seu pai e de súa nai, achegan pluralidade de visións e puntos de vista, constrúen a base de pactar e consensuar un proxecto educativo inclusivo, réndense contas en asembleas e avaliacións, recíclanse e póñense ao día para exercer de maneira competente o seu traballo e non conciben o alumnado coma un rabaño que guiar segundo un ideario, senón persoíñas que formar para un mundo cada vez máis agresivo, competitivo e devorador. E todo iso aínda sendo vilipendiados por políticos e medios de prensa afíns (que veñen sendo case todos os publicados en papel)...
Cos hospitais vén suceder o mesmo.
Se eu son traballadora pública serei consciente de que teño uns recursos ao meu dispor para tratar un paciente. Se teño que facer tres probas e non dúas para asegurar un diagnóstico fareino, se teño que ingresalo para observalo fareino, se teño que ir limpar porque vomitou o cuarto irei cantas veces sexa preciso.
Se son un traballador privado e teño un horario terei que cumprilo e se vomita fóra da hora, que teña sorte. Se son o propietario do hospital e podo poñer 3 enfermeiras onde antes había 6 e aforrar (gañar) diñeiro, fareino. Se podo mercar escáner máis baratos e non tecnoloxía punteira fareino, porque así aforrarei (gañarei) máis diñeiro aínda, e se podo dicirlles aos médicos que a proba por paciente e a receita por paciente direillo, porque iso é optimizar (aforrar, gañar) máis recursos...
Que ninguén se leve a engano. Unha empresa privada non é unha ONG, non están aí para asumir o traballo a cambio de nada.
E se non como exemplo as farmacéuticas, que inda prefiren comer as pastillas e coller unha cagarría, antes de mandalas para o terceiro mundo e salvar vidas, aínda que lles supoña perder (deixar de gañar) diñeiro.
Privatizar non é malo...
Pois depende. No mundo ideal non é malo nin bo. É, simplemente.
O caso é que este mundo dista bastantes quilómetros de ser ideal, pero bastantes...