Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

31.10.12

Eurovegas, love cataluña, banco malo, malo, malo e chaparretas a Wert

Xa sei, ultimamente todo é un remexido de ideas e non o que adoitaba facer, de centrarme nun tema e comentar por riba (ou por baixo) o que penso del.
Pero agora tanto che frego un piso á maneira antiga, como paso unhas pezas a man, como pinto unhas pedras, coso unhas camisetas ou fago un flan de ovo.
Unha trapallada para ocupar o tempo. Así que a cabeza vai acorde co tema.
O de Eurovegas xa o comentei en varias ocasións. Paréceme de vergoña allea pelexar por establecer no territorio un ocio de puticlub, alcoholismo, ludopatía e mafias variadas.
Nin sequera que me digan que vai traer algún posto de traballo me convence.
A min o de pan para hoxe e fame para mañá non me gusta nada, nin me vexo de crupier en Eurovegas, nin llo desexo a ninguén.
Nun lugar no que se menospreza a formación académica, non se inviste en i+d+i e se cae unha e outra vez no mesmo erro de planificar a economía sustentándoa na masa e no ladrillo, non podía deixarse escapar o tanto de Eurovegas.
De verdade?
Pois si. E cada vez vas vendo como lle emendan a plana máis abertamente: incumprimos as leis de solo para ceder un sitio, a lei antitabaco para que se poida fumar, eximímolos de pagar impostos como IBI ou IAE, lavámoslles os cartos para que de negros pasen a brancos, negros e vermellos, en formas de fichas do Monopoly.
De verdade?
De verdade. De verdade da boa.
E despois de cabrearme co tema vexo o vídeo promocional do PP para a campaña en Cataluña, onde saen uns cantos (Cospedal, Rajoy, Pere...) dicindo que que bonita é Cataluña: sus gentes, sus paisajes, sus costumbres, su gastronomía... PÁRTOME MOITÍSIMO.
Quedei pensando no argumento este que se usaba tanto no inicio das campañas de normalización do galego: hai que quererlo porque es nuestro, es muy bonito, tiene mucha tradición, es muy melódico, tanto te vale para hablar del carro como de la vaca, y la de formas que tiene para llover, que eso en castellano no lo hay...
En fin. Para ir mexar e non botar gota.
Pregúntome se a algunha xente lle parece serio ou todos opinan coma min.
Para combater un argumentario, da índole que sexa, non me parece nin ético, nin responsable, nin intelixente, facer un vídeo dese calibre.
Pregúntome se non o farán á mantenta, sabendo que só o dirixen para o seu electorado, que o teñen asegurado, tanto fagan un vídeo de paisaxes coma de patronaxe con videotitoriais. Patético non, o seguinte.
E para rematala observo con estupor que Wert nin sequera se presenta á súa propia reprobación. As maiorías absolutas é o que teñen, que por unha banda ínchanlle os papos a quen as exercen e ínchanlles as pelotas ao resto da cidadanía.
Pregúntome en que punto ambas pelotas e papos rebentarán e se monte a de San Quintín. Confío en que pronto, mentres non me pille unha do revés e non poida saír nin á rúa.
E o banco malo sigue portándose mal, mal, mal.
E o que pasa é que ninguén lle vai ir dar unhas chaparretas ata que chamen a Súper Nanny dos bancos. Disque traballa nalgunha canle das que tamén están manipuladas.
Acabáramos.
Así non vai haber deus que poña orde neste estado de cousas.
E o peor parece que inda está por vir. Pois... ao final vou ter que opositar a crupier, porque o que é a profesora xa é un horizonte demasiado afastado...

30.10.12

O que a lei de educación quere dicir...

...é que non se necesita unha masa crítica xestándose nas aulas.
A única maneira de vencer un inimigo, pensan algúns, é debilitándoo para que non ataque.
Despois de ler este artigo, paga a pena lelo, aínda que só se vaia lendo a marxe dereita ou se salte algo que alguén crea que non vai con el ou con ela.
A min paréceme unha vergoña e a estas alturas vou comezar a estudar seriamente o tema da educación na casa. Polo menos que non lle coarten saber quen somos, de onde vimos e para onde imos, o único que me parece fundamental para que a ignorancia non sexa un mal endémico neste país da pandeireta, do touro, do sol e da festa.
Aí deixo a ligazón e agradecerlle á miña colega Vilasó, xa que me fornece de trendingtopics un día si e outro tamén : D. Así dá gusto, aínda que ás veces me poña coma unha moto!!!

http://soypublica.files.wordpress.com/2012/10/lomnce1.pdf

27.10.12

O Samatroido

Non é difícil deducir que é unha mestura de Samaín e Entroido.
Na escola das nenas pedíronnos colaboración para adornar o que vai ser a festa do Samaín a próxima semana. O que cada un boamente puidese.
Así que case todos recorremos ao das cabazas. Nós xa nos adiantaramos e tiñamos as cabazas case listas.
O venres cando chegamos xa había moitas achegas supoñemos que doutros pais, tíos, avós, nais, tías, avoas, irmás.
A maioría cabazas.
Unha era unha cabaza paiaso.
Outra un señor potato.
Un marcianiño.
Unha cabaza alongada travestida de persoa.
Outro paiaso.
Un espantallo.
...
...
...
Supoño que non hai por que coñecer a tradición, nin sequera o Halloween que xa nos venden por todos os cornechos.
Que digo eu que se aínda fose colaborar co día de muertos mexicano, alguén podía soltar o artista que leva dentro e darlle cor e máis cor ao tema...
Igual que no Arde Lucus atopas tanto un Asterix e Obélix, coma un par de carvernícolas, unhas cantas damas de época, un Luís XIV, uns cantos gregos, fenicios, mesturados cos celtas e coas puti-romanas con peiteado do rococó, xoias do romanticismo e minisaia de facer a ruta, a ver a santo de que no Samaín hai que cinguirse aos morcegos, as candeas, as luminarias, as bruxas, a santa compaña e todos eses seres terroríficos que comezan a introducirse no imaxinario infantil.
Podendo poñer un Ronald MacDonald non se vai poñer un home do saco.
Podendo poñer un papá noel non se vai poñer un apalpador.
Podendo poñer a Mickey Mouse non se vai poñer unha donicela.
Despois diso chegaron as mochilas viaxeiras cos libros supostamente preferidos e elixidos polas nenas (teño que dicir que se iniciou unha batalla case campal con lanzamento de libros, mochilas e acusacións porque ningunha aclaraba cal elixira cal, e nin sequera querían abrilos).
Un era unha especie de caderno de fadiñas tipo Campaíña que se titula Aprender a ser agradecidos con las haditas (ou algo semellante).
Ten unhas 20 páxinas, letra e contido para lector xa adestrado e a explicación e a convicción é para ir mexar e non botar gota.
O outro é un libro de animais da granxa con sons.
O porco é unha cocha relucente cunha perruca loira longa.
A vaca leva un sombreiro de palla, un colar de perlas e é de pintas brancas e negras que non é nin frisona, nin rubia galega nin nada que se lle pareza.
A cabra e a ovella parecen as do anuncio do Caserío e de Norit respectivamente, e levan cadanseus adornos de fantasía, tipo colares, tiaras e pendentes.
Encantáronme os libros e arrepentinme de obrigar as nenas a reconciliarse e a asumir as súas eleccións coma meditadas e xuizosas. E tamén me alegro de ter traído da biblioteca o xoves os libros de Antón vai ó parque e un Mesi e o camión de bombeiros.
Onde van dar a pesar de que Antón xogue nun "estanque" cunha ra, merende un pastel e volva só á casa coas chaves (a pesar de ter uns 4 anos) e de que Mesi e a súa amiga Flor sexan un rato e un esquío que salvan un gato dun tellado.
Non sei que cara vou poñer cando me pregunten se a fin de semana traballei coas nenas e cos libros, supoño que me agocharei detrás das cabazas e direi: BUUUUUUUU!!!!!!!

26.10.12

Anteproxecto da nova lei de educación

Despois de lela, algunhas partes por riba, outras a fondo, quédame esa sensación de que a ver por que cona a xente non abre os ollos e ve con obxectividade o que está pasando, o que quere facerse, a que nos coan con total impunidade e descaro...
É que me indigna moitísimo.
Cágome nos totalitarismos e nas maiorías absolutas.
Son velenosas e nocivas non, o que vén despois!!!!
Xa non se trata de subvencións. Nin de falar do matrimonio homosexual ou da Constitución española. É que se silencia totalmente a historia, a lingua, o peculiar, o diferente, o definitorio, o...!!!!! Quérese aleccionar un rabaño de ovellas, e cando digo aleccionar digo ben, así vaia o verbo vincularse directamente coa españa una, grande y libre.
Redúcese o currículo que cada vez é máis uniformizador e máis curto de miras.
Fálase ao comezo desa declaración de intencións, que, se obviamos toda a literatura e prestamos atención aos datos o único claro é que somos un país avanzado que fracasa totalmente en educación.
Que aqueles que falan alegremente pasen, non digo máis, uns meses en cada centro, vivindo o seu día a día e que vexan que é o que se pode facer.
1- cando as tecnoloxías das que se fala están no rocho porque non hai nin formación para empregala, nin medios técnicos para poñelas a andar, nin chega a banda larga, porque un ordenador de mesa xa se colga.
2- cando o persoal está tan desbordado que nunha aula ten que atender meniños con necesidades educativas especiais (da índole que sexan), impartir o que lle marca o DCB, usar o libro que decidiu o claustro ou departamento, cubrir papeis e máis papeis, controlar que a lata de sardiñas non reborde (entre mobiliario e humanos ocupan nunha aula ás veces ata o último metro cadrado) e un longo etcétera.
3- cando a desmotivación provén dun desprestixio que traballan a diario os medios de comunicación, a propia administración e a sociedade, frustrada e que dirixe o seu odio ou culpa a aqueles que manteñen o seu posto de traballo (vendido como a panacea, panacea á que pode optar calquera seguindo as canles que están ao alcance de quen o desexe, por outra banda).
4- cando ves o cativo orzamento que tes para organizarte e subsistir mentres o colexio de curas ou monxas do lado nada na abundancia, e non precisamente de pasar a bulsa os domingos.
...
...
...
Unha das cousas máis escandalosas, e que xa non sei se comentar porque igual busco a miña propia ruína, está na páxina 33, no que se refire á dirección e á potestade que esta ten.
Se a dirección se vai designar a dedo desde o ámbito político está claro que non é só para poñela. É para algo... e cada quen que deduza o que queira. Probablemente todos coincidamos.
Aquí deixo a ligazón, para quen guste...

http://www.educacion.gob.es/horizontales/dms/ministerio/horizontales/ministerio/campanas/lomce/20120925-anteproyecto-LOMCE.pdf

O que vale unha vida humana...

Porque xa se desdebuxou que as persoas, independentemente da súa raza, sexo, relixión ou poder adquisitivos son persoas e non animais.
Onte unha patera á deriva levaba dentro 14 mortos, varios graves e xa contabilizaran 40 desaparecidos.
En total, 54 ou 55 vidas de persoas coa súa historia mortas.
A portada da Voz de hoxe era unha grandísima fotografía cun pé que daba entrada a unha noticia dun xogador da ACB. O da patera ía na marxe inferior esquerda só co título e unha entradiña.
A portada do País polo menos situábao na marxe superior esquerda e algo máis destacado. Pero a portada era Javier Marías.
Pregúntome onde o situarían se o que naufragase non fose unha patera senón un barco de recreo saído dalgún porto deportivo español.
Xa non digo se fose un cruceiro de pijos descocados celebrando a festa que sei eu, salvemos los perrillos sin pedigree...
Porque onte quedei parva vendo esa especie de mini-campamento de ricos patrocinado por LandRover e Hunter (aínda que tivese a pasta non mercaría ningunha desas marcas, nin unhas putas catiuscas a prezo de zocas de coiro cosidas a man), coa finalidade de recadar fondos para os animais en perigo de extinción. Pártome. Facendo probas tipo ir montados nun carro empurrados por outros (que non eran pijos) e ese tipo de situacións entre o traxicómico e o patético que deixaban entrever as imaxes. Despois unha festa á altura das circunstancias, obviamente, que ser solidarios é moi duro de diola.
A culpa é toda miña por adormecer coa 1 prendida e espertar con ese panorama.
Teño que ler máis sobre o de Javier Marías antes de pronunciarme, pero apláudolle a congruencia, se o fai para vender máis ou ser máis popular pois seguro que o consegue, aínda que non creo que lle faga falla. Paréceme estupendo que alguén que vai ter cota de pantalla denuncie a miseria á que están condenando servizos como as bibliotecas municipais.
Estes días andei pola do meu concello e os libros dos pequenos están divididos a partes iguais de letra, ilustración e fixo/pegamento. E aínda menos mal que hai partida de cartos para eses útiles de oficina, se non, habería que levar as follas soltas na man e compoñelo na casa en plan ONG salvemos os libros infantís.
Creo que é complicado fiar todo o que penso nada máis comezar o día de hoxe.
Só parabéns a Javier Marías, non só por levar o premio, senón por rexeitalo e dicir o que pensa abertamente. Parabéns ás bibliotecas que siguen traballando a pesar de ver que o irmán rico (véxase a cidade da cultura) sigue engordando e engulindo pasta mentres elas van quedando cada vez máis achicadas e desprotexidas.
O meu pésame á humanidade, que só presta atención cando no titular se di que desapareceron, afogaron, estrelaron, embarrancaron, atentaron... e morreron, e desapareceron, e feriron... entre eles a un turista francés, alemán, español, unha familia europea...
Alguén non viu Babel? Eu, a pesar dalgunhas tachas que lle podo poñer, recórdoa como un hostión de realidade, sensibleiro e manipulado, si, pero realidade á fin e ao cabo. Terei que revela anos despois, a ver que opino, pero no seu momento pareceume ben.
E vese o que vale unha vida humana. Tanto tes, tanto vales.

25.10.12

Apocalipse NON!

Estes días non se me dá moito por pensar no social, ando un pouco mirando para o meu embigo.
Ao meu arredor parece que se instaurou unha especie de apocalipse, na que a xente queda sen traballo e comeza o proceso que iso trae consigo: primeiro época de contención, de aforro, despois época de retorno á casa familiar, quitar de onde non hai para seguir mantendo casa e coche, un ir deixando todas as actividades de lado...
Ben, as miserias que xa todos van coñecendo, porque se non é un familiar é un amigo ou é unha reportaxe que le na prensa ou ve na tele.
Agora a pobreza é o almorzo de cada día.
As listas da miña especialidade están paradas. Non sei se é unha man negra. Que agora din que os profesores son coma os cesteiros, que o que fai un cesto fai un cento, e usan o mesmo recurso humano para explicar o medio, a lingua nai, a estranxeira e a cidadanía. Optimización din algúns. Probablemente os que non teñen os fillos vivindo esa optimización.
O caso é que esa vía está descartada.
A outra está escangallada.
Ata agora íase tirando, unha changa aquí e outra alá.
As empresas vascas e catalás coas que adoitaba traballar non me deron o pésame pero case.Encantados de haberte conocido, oiga, una chica muy seria y lo simpática que pareces y lo joven que eres.
O de guapa non porque sempre me pillan pola webcam con chicho-chándal ou bata de guatiné esfiañada, dependendo da hora.
Eu non nacín para ser unha directiva moderna, supertraballadora, superarreglada e supervivente.
Eu nacín para currita.
E nunca me deu medo botarlle a man a calquera cousa. Mira, se teño que ir esfolar coellos pois tamén vou, que alguén terá que facelo.
O caso é que este estado apocalíptico a min, persoalmente, quítame o sono.
Así que eu creo que ata que atope novas frontes cara as que mirar vou estar un pouco calada, non quero converter o asunto nun egoblog ata que estritamente sexa necesario.
Para iso teño o outro!!!! É que hai cousas que non poden cambiar, así veñan os xinetes da apocalipse anunciando que o galego volve ser unha materia, non unha lingua vehicular para máis nada e teña que pechar o chiringo e dedicarme a vender pipas de cabaza secas en bolsas de todo a euro e garrapiñadas de mandarina no parque.
Velaí unha afección para non ir perdendo o norte. Prometo non engadir trucos de limpeza, de hixiene persoal e de aforro de enerxía, eses resérvoos para queimar a familia.
http://reciclaxemaridaxe.blogspot.com.es/

24.10.12

Queridos Reis Magos

Xa sei que por ser republicana sempre me andades castigando, pero eu por probar...
Este ano quería pedirvos un Kindle, pero creo que tal como vai a cousa xa sei que me vai caer un Kinder, que tamén é sorpresa, pero non ten nada que ver.
A ver se lle ides poñendo un pouco de freo ao asunto e así seguro que a xente deixará de pedicharvos tanto, anda o mundo bastante asfixiado.
Só quería insistirvos en que vos fixedes nos códigos postais, e que obviedes algúns deles, é un pedir por non se ver cheo, en realidade. Poñédelle algo máis de afecto nos códigos que xa sabedes que aínda que choran, non dan mamado.
E mandade sentidiño común en todos os paquetiños, que parece que non abunda moito.
Eu paso co Kinder se fai falla...

Vurullo

Hoxe non sabía se dar a miña opinión sobre o acoso das mulleres no mundo, porque onte andei por aí á pescuda do que pasa tras a primavera árabe. É incrible que o 80% dos mozos e homes exipcios recoñezan que acosaron (moitos violaron) mozas e mulleres.
Non sei se vistes como na praza, que resultou tan significativa no seu momento, rodeaban xornalistas mulleres estando incluso en antena e as van empurrando ata conseguir afastalas para violalas.
Paréceme unha atrocidade do peor.
Onte zapeando quedamos vendo un anaco de Un mundo sen fin, a suposta continuación dos Piares da terra. Alí, coma en todas as obras de ficción ambientadas en épocas supostamente medievais, reflíctese a brutalidade sexual que se supón que existía nese ficticio momento histórico...
Teño moito que dicir sobre o tema, pero calquera persoa razoable teríao por demais, obviamente. Só digo que habería que ver a lexislación e a actuación dos gobernos se fosen os homes os acosados, humillados e violados de man das mulleres.
Vén sendo o de sempre. A descompensación por razón de sexo, tan sutil na nosa sociedade avanzada e moderna (o de sutil vén sendo ironía) e tan esgazadora nas sociedades máis "tradicionais" ou atrasadas... dáme arrepíos pensalo.
Tamén me daba gana hoxe de falar un pouco de Espe, porque xa me andaba a mosca atrás da orella sobre se xa tomaría posesión da súa praza de funcionaria, he, he, he, he, se andaba gastando os moscosos para vir tocar o nabo por estes lares, he, he, he, he, e se tamén lle quitaron a paga do Nadal aínda que cotice por ela á Seguridade Social (co que os agasallos de Nadal lle quedarán necesariamente máis cativos ao ver reducido o que cobraría incluso normalmente en decembro), he, he, he... A min toda esta farsa esperpéntica que se montou arredor desta señora xa nin me indigna, pónseme o rictus de risa parva e mirada de mátame camión...
Pero o caso foi que lendo publico.es parei a ler o artigo de Escolar no que fala das 5 mentiras sobre o retiro de Esperanza Aguirre e alí xa queda todo dito. Non hai máis que engadir.
As eleccións en Galicia continúan resultándome un vurullo moi grande, aínda que hoxe lin con agrado as noticias que xa empezan a saír sobre datos presentados de maneira máis imparcial, tamén se explican os cómputos, as porcentaxes, etc. algo, algo, algo imos indo. Non todos os titulares van ser apocalípticos e escuros/manipulados.
Total, que un vurullo de ideas, así que o que me dá por facer é poñerme a baleirar as cabazas para o Samaín, que a estas alturas de merda de crise quédame tempo ata para ser a nai estrela que prepara os traballos manuais coma se lle fora a vida niso.
Calquera día poño un vestido clariño estampado (primeiro unha faixa redutora de corpo e pernas, claro), fago unha permanente, convértome ao catolicismo, amplío a familia ata o infinito e abro un blog para contar o bonito que é o mundo cando a túa familia (da que es unha abnegada coidadora) é o teu universo e a túa casa (chea de flores, marcos de fotos, espellos e con madalenas no forno) é o teu reino...
Ou iso ou poño as pilas e topo algo que facer serio á de xa.

23.10.12

Inmatricular

E non me refiro a esa opción que sempre me rolda pola cabeza de non escolarizar as nenas ata que me leven presa...
Refírome a algo moito máis abraiante.
Ben, de todos é sabido a miña aversión a esa especie de homes e mulleres que non son homes nin mulleres ao uso e que aínda así saben e opinan máis de todo ca ninguén. Si, curas, monxas, monxes, freires, bispos, arcebispos... toda unha xerarquía para darlles de comer á parte.
Así que vai por diante que os prexuízos me acompañan case sempre en todo o que se refire a esta especie raruza anacrónica que xa non ten ningún sentido nos mundos en que estamos.
Con todo, sigo buscando, e o peor, atopando, datos e datos que me fan reafirmarme nas miñas ideas e apuntalar esa máxima de "con la iglesia hemos topado" cando algo non ten nin xeito nin traza.
As inmatriculacións. Fortísimo.
Inmatricular consiste en inscribir un inmoble ou un ben no rexistro da propiedade por primeira vez.
Todos aqueles que tedes algunha propiedade sabedes o longo do proceso, a esixencia de pasar por un notario e todas esas cousiñas que se supoñen que impiden que alguén se apodere de algo que non é lexitimamente seu.
Coma sempre, a igrexa desmárcase.
Eles mesmos poden dar fe administrativamente de que algo é seu só porque o digan eles.
En serio!!! Non só dan fe católica, tamén dan fe notarial en canto aos bens se refire. Para ir mexar e non botar gota.
Isto en que se traduce, en que calquera casa da xuventude, centro social, parroquia, casa do cura, igrexa, ermida, casa da escola, etc., etc., etc. pode ser rexistrada por eles e pasar a formar parte dos bens inmobles (numerosísimos) que posúe a igrexa como institución e que están exentos de pagar o IBI.
Toma moreno!!!!!!!!
E o mellor de todo, despois poden vendelo ata por medio dunha inmobiliaria ao mellor postor, como lles saia da gana e a canto estimen oportuno.
E o que me veña co labor social que fai a igrexa direille que coa pasta que reciben, cos privilexios que se lles dá e co longo etcétera xa fodería que por riba non fixesen pola sociedade nada de nada.
Para min ese labor social está claramente copado por eles porque llo permite o sistema, de non ser así, concorrerían coma calquera outra ONG á hora de pedir subvencións para desenvolver o seu traballo no ámbito que se determinase.
Son da firme opinión de que se non estivesen eles, estarían outros, e darían menos a brasa.
A ver a santo de que se continúan facendo algunhas cousas.
Que na transición se lles dese privilexios para pecharlles a boca e calmar ánimos case o entendo, que o PP llos ampliase case o entendo tamén (non esquezamos que son fieis votantes e polo tanto facilitadores de poder mentes lle vaia ben a vaíña), pero que o PSOE non fose quen de parar iso dáme un argumento máis para asegurarme de que a esquerda é crítica e castigadora.
Tócame a fibra bastante o asunto.
E das eleccións galegas xa falarei, porque agora mesmo estou demasiado cabreada cos titulares fachorros. Só un par de apuntamentos:
1. Se o señor feijoo se desvinculou das directrices do partido e non usou nin símbolos, nin siglas, nin se prestou a fotografías con pesos pesados para vender que el ía por libre, agora que non me veñan co rollo de que é unha ratificación de que por aquí si que imos ben. Iso chámase fraude, pero a iso xa estamos afeitos.
2. Ben por AGE (ague, non aje, como se repetiu ata o infinito), alegrarame escoitar de novo a voz do señor Beiras no parlamento e tamén me alegra a oportunidade de representación de esquerda unida. Un voto de confianza para todos eles, confío en que fagan unha oposición madura, combativa e con sentido común.
3. Galicia non é representativa do resto do territorio. Calquera con dous dedos de fronte pode facer unha cativa análise sociolóxica para ver que non temos moito que ver coa maioría do resto de comunidades. E se non preséntolle a miña familia, e a ver se se parecen en algo a unha de salamanca ou de cádiz, por poñer un exemplo. Así que extrapolar os resultados galegos ao resto é moito extrapolar de diola.
4. Case fai ben o señor Mas en deixarnos fóra desas autonomías históricas que van dar traca, porque aquí a máxima traca que se dá é coas bombas da festa o día do patrón. Aínda hai moita cultura de imos quedar con estes para non arriscarnos a poder ir a peor, e iso demóstrano os datos: as aldeas, as vilas aínda continúan na dinámica de carretar votos para a dereita (no meu colexio electoral debía haber polo menos 15 ou 20 interventores do PP para recibir a xente con palmas no ombreiro, chocar de mans, chiscadela de ollos, unha vergoña do peor), fronte aos poucos e xustos do resto de partidos, que estaban sentados tranquilamente anotando e supervisando... Desmárcanse as cidades, que me deixan a porta aberta a pensar que algo, algo, algo imos cambiando.
5. A longa noite de pedra comezara xa non timidamente, senón descaradamente agochando por detrás as contas da calculadora e vendendo as da vella, pero agora xa non haberá nin falta diso. Botémoslle peito ao asunto, porque vai para moito...
E mañá máis... que agora marcho que teño que marchar...

22.10.12

Ouh Galicia, boi de palla

Como non teño palabras e as que teño dóenme ata ao saír pola boca, hoxe voume retrotraer a 1862 e voulle ceder as novas tecnoloxías a Xoán Manuel Pintos, que probablemente se ten un buratiño para estar vendo o que pase andará a murmurar polo baixo estas letras:

Ouh Galicia, Galicia boi de palla
Canta lástima tèn de ti o Gaiteiro!
O aguillon que che menten è de aceiro
E con el muita forza te asoballa.
No lombo teu zorrega, bate e malla
Fasta o máis monicreque ferrancheiro,
E calesquer podenco forasteiro
Te vafa, de vergonza sin migalla!
Agarima alleeira eses ingratos
Ou vívoras que postas ò teu peito
Co ferrete che rompen mil buratos!
Si o sangre teu refugas do teu leito,
Malas novas, madrasta de insensatos,
Dos fillos teus ò amor non tès dereito.

E do resto xa falarei cando vaia dixerindo estatísticas, datos e pactos. Só podo dicir que a TVG deume máis asco e mágoa ca nunca,  VozTV fixo unha análise máis seria e tiña sentada na mesa de debate persoas máis capaces, con ser unha canle infinitamente máis cativa, a 6ª enganchaba máis e o follonero e Artur Mas deixábanse ver moito mellor ca unha telegaita cutre, chea de sorrisos e de congratulacións e que dosificaba os datos coma se estivese cocendo unha empanada de millo. Patético.
E para acabar de poñerme de mala hostia vexo o programa Que dios te lo pague... aínda non sei como dei enganchado o sono.

18.10.12

Vai a vella morrendo e vai aprendendo

E o que agora se chama patchwork e crochet é o coser, calcetar e facer gancho de toda a vida.
O que agora é trending topic é un estar na boca do mundo de toda a vida.
Non teño whatsapp, así que cando quero quedar teño que recorrer ao timbre e ao café e ao botarlle un conto de toda a vida.
Alégrome un pouco diso, aínda que chegue tarde a case todo.

As miñas fillas non saben distinguir entre as flores do campo e do monte e as cultivadas. Así que van atacando os xardíns e os tarros con flores que adornan as casas. E o que é peor, queren arrincar os mostrarios das tendas de xardinaría e as florarías que imos atopando.
Temos que ir reforzando todos os días que hai flores coas que se pode xogar porque son de todos e outras que hai que respectar porque son dunha persoa concreta, aínda que estean na rúa á vista de todos (das leccións de ecoloxía ímonos encargando aos poucos, todo non se pode xunto).

En política non soportamos que nos falen mal "dos nosos", por falar mal digo a dicir verdades. É unha pena que xa non sexamos coma os nenos e saibamos querer aprender que as flores poden ser de moitos tipos, ata as hai cheironas, que saben ben, que saben mal, que son vistosas para seren engados...

Ai, cantas leccións habería que darnos e cantas deberiamos aceptar!

Un vídeo

Hoxe en Cabrafanada vin este vídeo. Non di  nada novo en realidade. Só para reflexionar.

17.10.12

Nunca máis

Non podo estarlle facendo o seguimento que me gustaría ao xuízo que por fin, dez anos despois, se está facendo do caso Prestige.
De todo isto só teño que dicir algunhas cousas:
1- Que isto se produza 10 anos despois xa di moito do que nos preocupa o mundo en que vivimos e o que imos deixar en herdanza.
2- Que comecen a desclasificar algunhas conversas e informacións nas que se fala con sorna e alegremente de a quen se fode ou se deixa de foder paseando no barco é de vergoña allea.
3- Que o banco dos acusados sexa un acusar a alguén porque alguén ten que ser acusado tamén deixa bastante que desexar.
4- Que as persoas que naquel momento eran as responsables políticas non só non teñan que depurar responsabilidades, testemuñar ou sentar no banco dos acusados, senón que aínda conten hoxe con máis cotas de poder das que daquelas xa tiñan (véxase o señor hilillos de plastilina, que hoxe é nada máis e nada menos que o presidente do goberno, ou o delegado de goberno daquel momento...), en fin, para ir mexar e non botar gota. Premiamos o de sempre, a ineficacia, a ineptitude... é así.
5- Que nos medios lle dediquen 1 minuto de tempo a unhas imaxes dun "resucitado ad hoc Nunca Máis" e 10 ou 15 a facer reportaxes do ben que nos veu o Prestige para as "humildes villas marineras" dáme gana de cantar aquela cantinela de Pinto de Herbón de "paviméntame Xosé Cuíña, paviméntame"..., que foi o que pasou, que parece que se aproveitou o galipote para xuntalo cunha pouca masa e facer beirarrúas, pasarelas e camiños para "percorrer a costa da morte a pé"¿?¿?¿?¿?

Xa case non sei se estou mellor sabendo ou non sabendo.
O do tema de Wert e os seus amigos xa non o vou tocar, porque xa alcanzou o calibre de chiste e eu teño unha retranca das dolorosas, non das de chiste, non sabería que dicir sen ferir sensibilidades.

15.10.12

Café con comentarios

Ás veces era mellor estar calado.
Pero é algo que non todo o mundo sabe.
Ter que tomar o café oíndo as trapalladas que di o dono do bar, partidario de castrar os cataláns para que deixen de reproducirse, pouco menos, faiche saber que é luns, que o mundo está revolto e que aínda queda moito por oír e por rañar esta semana.
Eu polo de pronto voume apuntar aos meus traballos manuais, a ter a casa empatenada, as nenas coma cromos dos chicles, a Big Bang Theory, a Walking Dead, a Dexter, a Tremé e a ver se non me dá por rever toda a temporada de Modern Family, Newsroom ou o que se tercie.
Paso de máis nada, no café só quero oír a Beyoncé con All the single ladies, así que de agora á fin de semana nada de eleccións, nada de economía, a única prima que quero coñecer é a teño en Soria perdida e os mercados só visitalos para a cesta do caldo, que agora que arrefriou o tempo xa vai apetecendo...

11.10.12

Wert o pirómano

Señor Wert, vexo que lle gusta a vostede máis a polémica ca un larpeiro o chocolate.
De calquera xeito, déixeme recordarlle que os tempos das misións e da evanxelización das colonias xa queda moi lonxe e está superado.
Teñen razón os que din que en lugar dun ministro con acceso a datos e a estatísticas obxectivas parece vostede un tertuliano de baixa estirpe que repetise os argumentos dos pasquíns máis retrógrados.
Déixese de predicar e póñase a facer o que ten que facer, ou mellor aínda, déixese asesorar por quen saiba o que hai que facer e poña vostede a cara para a foto, caladiño, iso si.

9.10.12

Eu non vin o debate

Porque algo que é pactado non é un debate.
Para min un debate é un moderador que vai sacando temas e cedendo a palabra aos participantes, que argumentan a favor ou en contra, que rebaten os argumentos dos que non pensan coma eles de maneira razoada, crible, apoiada en feitos, en estatísticas...
Para algo lles aprendemos nas aulas aos rapaces e ás rapazas non só a metodoloxía, senón a ética que acompaña un debate, o construtivismo, a empatía, a lóxica, o sentido común...
Para min o outro é propaganda.
Un lóase a si mesmo e vólvese loar. Ofrece inconsistencias, vólvese loar, gábase outro pouco, descualifica por descualificar...
O outro y tú más.
Como odio o y tú más, é que me pon a bile a mil por hora.
Os debates que non son debates había que prohibilos, na cámara, nos medios e onde cumprise.
Eu o que quero ver é as verdades, e non que teña que andalas buscando coma se fose Sherlock Holmes procurando o asasino.
Para min hai cousas que non se sosteñen.
Non se pode permitir que alguén que prevarica, malversa, rouba ou defrauda a ollos vista poida acceder a cargo público ningún.
Isto é así.
O do señor Mario Conde é máis propio dunha novela de Valle Inclán ca dunha realidade.
O das adxudicacións a Eulen, os incumprimentos da lei electoral en plena campaña e outras miudeces (miudeces!!!) sangrantes tiñan que estar en primeira páxina e abrir as noticias todos os días.
E xa non vou seguir porque aquí hai para todos.
Onte cando lin que a maioría da poboación considera os políticos o principal problema de España caeume a alma aos pés. Pero en fin, por fin deixan de dicir que a gran preocupación era o tema do terrorismo (que me gustaría asexar a ver en que porcentaxe de casas falan de terrorismo nas sobremesas e en cambio en que porcentaxe falan da actuación política, sexa local, comarcal, nacional ou europea). A manipulación e o oportunismo no tema do terrorismo parece que vai tocando o seu fin, que sen falta non era.
Agora a ver se se dan por reprendidos os políticos... que non creo.
Á vista está.
Un borra o logo do partido dos carteis para parecer máis independente pero o único que consegue é dar máis pena ca gloria.
Tamén teño que dicir que pese ao que admiro a persoa e a personalidade do señor Beiras, ese cartel cheo de xente que parece que van sacar os paus de detrás da gabardina tampouco me entusiasma demasiado.
É o de sempre. Os que viramos máis á esquerda, á parte de sermos críticos con eses, tamén o somos con estes, con aqueles e cos de máis alá. E máis castigadores.
E no fondo para a lei electoral tan marabillosa que gastamos é unha pexa máis ca outra cousa.
O de intentar mover ao non voto válido, ao voto en branco ou á abstención paréceme unha estupidez. Nada se vai gañar dicindo que non nos gusta e que así non, porque a lei é como é, e os fieis xa se sabe tamén como son.
Ao cura pederasta deostarano na taberna, na praza da vila e nos foros, pero as beatas perdoarano, e seguirá saíndo baixo palio, e aínda haberá funcionistas que se maten por pagar a cera e os foguetes...
Que hai de todo no mundo, pero o dos fans incondicionais había que erradicalo.
Digo eu...

8.10.12

Salvados!

Varias cousas.
A máis importante, que un programa de suposto entretemento sexa o programa no que máis claro se fala de política manda moito chover na Habana. Parece xornalismo de investigación.
Por moi parcial que sexa, ou por moi nesgado que resulte, para min son dos poucos que cantan e fan cantar claro.
Iso si. Despois de velo pónseme o corpo todo revolto.
Non sei se alguén o viu onte, pero o que me quedou claro é que os alemáns o teñen claro. Claro non, clarísimo e non agochan en absoluto que o que queren é recuperar o seu investimento, e como o fagamos ou de que dependa impórtalles (desculpen a palabra) merda.
E que o adorne como queira a "clase política".
Neste inicio de campaña quedo co silenciamento dos descontentos a base de paus, xa sexan sindicatos do naval, afectados polas preferentes ou estudantes que ven minguadas as súas posibilidades de futuro.
Dáme vergoña allea ver certas actitudes que despois son carne de tertulianos aos que lles resulta fácil xulgar desde os seus cómodos asentos. Dicímolo sempre, o falar non ten cancelas...
Quedo tamén coa iniciativa, din por aí que dun exdirector de xornal dixital descontento, da contracampaña feijoo2012.com. Está ben verlle as dúas caras á moeda. Despois xa... cada un que faga como vexa.
A páxina pareceume non só xenial polo simple, senón xenial polo pouco ornamentada que está, e incluso poderiamos cualificala de pouco demagóxica. Non é máis ca "isto foi o que dixeches, isto foi o que fixeches", despois o porqué ou o por que non que o pescude cada un na súa casa.
Cando vin os carteis circulando por aí xa quedei parva.
Despois das hostias que se están repartindo pensei que os meus ollos xamais asistirían nesta campaña a "cousas" tan abertas e tan públicas. Pensei que todo quedaría nos foros, páxinas, xornais, etc. que sempre frecuentamos os mesmos, á fin e ao cabo.
Hoxe quédome coa frase do señor economista asesor de Angela Merkel (J. Donges, creo que se chama), que dixo camiñamos cara a un mundo desigual, e que é iso ou nada. E que eles o teñen moi claro, ¿e nós?

4.10.12

Que a ignorancia te acompañe...

Esta debe ser a frase na que algúns ministros e ministras e delegados ou delegadas do goberno deben xurar ou prometer (sobre a Biblia, mamma mía) ou sobre a Constitución (un libro deses que non hai por que coñecer, aínda que se diga que non coñecelo non te exime de ter que cumprir o que nel se di).
O caso é que o señor, voume permitir chamarlle Werter's para facermo un pouco máis amable, máis doce e máis dixerible, alá onde vai faille xustiza á ignorancia e aínda con todo seica é o ministro de educación.
Un ministro que non ten como libros de cabeceira nin a lexislación, nin os DCB, nin os informes de avaliación, nin as estatísticas por comunidades, nin o informe PISA (probablemente se preocupe máis por prisa ca por pisa, que total só leva unha letra máis e é máis entretido e para el, pensará, máis perigoso).
Non hai cartos para os Erasmus, nin para as calefaccións, os comedores, os transportes, o material escolar, as bolsas universitarias, as taxas, as facultades, os programas de i+d+i, os investigadores... e ao moi papaverzas ocórreselle dicir que vai financiar escolas para garantir o estudo exclusivo do castelán... ai porfavore, señor Wert, iso xa se chama instituto Cervantes e xa está máis que amortizado cos programas de Callejeros Viajeros e Españoles en el mundo...
Como dixo efectivamente xa non o señor Artur Mas, senón calquera pai, docente, estudante, etc. catalán, a media en lectura, comprensión e expresión oral e escrita do alumnado catalán é bastante máis alta ca a de Castela ou ca a de Salamanca...
Non sei se o señor Werter's sabe que o coñecemento suma, que nunca resta. Un neno que sabe de mates, se lle engades a química non o volves máis parvo. O que probablemente aconteza é que sinta máis curiosidade tamén pola física, pola ciencia en xeral, polas diferentes linguas para poder comprender máis e mellor...
O estraño suceso sería que restase... ou acaso que que restase beneficiara ou beneficiase (ollo, isto só se pode facer se se utiliza a retranca, señor Wert, aínda que a vostede lla traia ao pairo, estes dous verbos en galego non son intercambiables!!!) un sistema que camiña ou quere camiñar a pasos axigantados ata a uniformización das masas (e non falo do que lle fixeron aos olímpicos, de uniformizalos á moda rusa, falo de facelos unipensantes, anticríticos, monotemáticos...)... xa non sei que máis inventar para intentar transmitir o que creo que pensa o Werter's. Ás veces é complicado ter empatía.
Señor Werter's, se lle serve o meu caso de exemplo, a miña lingua materna foi o galego, faleino ata a idade de escolarización, onde comecei a padecer iso que algúns chaman bilingüismo e eu chamo diglosia, porque para min a lingua A era claramente unha e a outra era B, non había isto da eficiencia coma nos electrodomésticos de AA+. Nunca tiven problemas para expresarme nunha ou noutra, tamén estudaba as materias nunha ou noutra indistintamente. Fallei nas ciencias porque a literatura xa ocupaba todo o meu tempo (ademais dos amigos, os novietes, as cousas propias dos adolescentes). Despois aprendín sen problemas algo de inglés, algo de francés (abondo para estar enganchadísima a millóns de series en versión orixinal subtitulada, a moverme pola rede en varios idiomas e esas cousas que se conseguen cando xa che resulta fácil ir adquirindo máis idiomas porque xa tes unha base firme sobre a que ir tecendo os intríngulis das gramáticas, das fonéticas e das sintaxes), portugués sen problema e incluso ousei falar catro cousas de italiano só a partir de ver a miña película favorita (Cinema Paradiso) unhas cantas veces en versión orixinal... Aí é nada, eh, señor Werter's, gustaríame saber cal é o seu currículo para que fale con esa boca tan grande sobre o bilingüismo.
Aïnda que claro, quizais os seus argumentos, aínda que disfrazados, só se resuman no odio ao diferente, vamos, que é unha especie de fobiolingüismo, en realidade o que o amola é pensar que alguén por falar galego, catalán, vasco, valenciano ou bable xa non vai pensar coma vostede.
Non sei se tampouco sabe isto, que é basiquísimo, pero unha lingua non ten ideoloxía, non é un ser vivo, non vive máis que nas frases, nos discursos e nos pensamentos das persoas.
E non teño necesidade de dicirlle que estupideces dinse en todas as partes, en Cataluña, na Coruña e en Cuenca.
Estoulle supoñendo un coeficiente intelectual moi cativo?
É que é a sensación que me dá, que hai que empezar a explicarlle o asunto desde moi atrás, pero se me equivoco, rectifique vostede e xa eu me poño ao día tamén.
E non sei se estudaron xuntos, pero a señora Cifuentes tamén me dá que deixa bastante que desexar en canto aos seus xuízos e razoamentos...
Eu véxoa máis ben como colaboradora de Ana Rosa Quintana, así tan amañadiña ela dicindo o primeiro que lle vén á cabeza, que total, hai de todo na viña do señor, a alguén digo eu que lle gustará esta muller, aínda que sexa só á súa familia...
Aiiiiiii, canto test poñía eu antes de ir xurar cargo ningún!!!

3.10.12

Horizonte Galicia

Non é o nome dunha novela patriótica ou morriñenta. É unha enquisa que atopei perdendo un pouco o tempo pola rede (atopei outras xoias que é moito!). A enquisa xira arredor das opinións sobre algúns temas e finalmente dáche o resultado, segundo o programa electoral de cada partido, de quen estás ti máis preto. A verdade é que pode sorprender, a min non me sorprendeu, porque me debato entre dous partidos, só que a un fáltalle a cuestión da lingua, aínda que o compensa con outras cuestións que me convencen bastante tamén. Haberá que facer unha longa reflexión.
Ou confiar en que o programa segundo o cal poñen en relación as túas opinións ou pensamentos, chegado o momento chegue a materializarse.
Coñezo uns cantos desencantados que asistiron e asisten ao espectáculo que nunca pensaron ver. Ben, poño a ligazón, para quen estiver interesado e tivese curiosidade por saber se a quen vota é quen realmente o representa ou se a súa intención de voto debería levar aínda un repasiño antes de que chegue o día.

http://www.horizontegalicia.com/

E polo resto, só podo dicir, what about Pemex? Ese lunar que tieeeenes cieeelito liiiindo junto a tu bocaaaa!!!

Os Bolechas, Toni Cantó, Rosa Díez, Mario Conde e o home do saco acompañados por Gayoso e dona Croqueta

Así percibo o mundo e a realidade ultimamente.
Tantas e tantas veces lin historias de Bolechas na vida. Aos rapaces na biblioteca, ao meu sobriño, a quen lle ía mercando a colección, ás miñas fillas, que aprenderon os nomes de Pili, Loli, Sonia, Braulio, Carlos, Tatá e Chispa antes ca os da súa propia familia. Fun fan de Pepe Carreiro e a súa habelencia para mostrar a idiosincrasia galega aos ollos dos pequenos, que aprenden o que é unha morena, un can de palleiro, os castros, unha feira galega, unha rapa das bestas. Vexo os debuxos doutras canles e dáme non sei que escoitarlles aos cativos despois que queren unha casa na árbore, cear tortitas con sirope de arce e toda esa feminidade chunga que destilan a minnie, a daisy e a kitty, que máis parecen árbores de nadal atrofiadas ca personaxes en si mesmas...
Así que o anuncio da materialización dos bolechas en personaxes televisivos, a pesar dos horarios, alegroume moitísimo.
Ai, pero o primeiro desencanto chegoume cando vin que polo medio andaba novacaixagalicia, dando os agasallos por abrirlles contas aos meniños. Imaxineinos coma uns grandísimos maiquel jacksons coas mochiliñas e cos petos para as moediñas na man: ven, bonitiño, que che vou meter os aforriños nuns produtos moi bonitiños, verás que alegría cando queiras ir á universidade e vexas que non os podes quitar, como moito dámosche un crédito para enmerdar máis aínda os teus pais... Que chasco! Para min foi coma se a nocilla a patrocinase o ratibrom, ou as chuches os pensos adulterados que provocan encefalopatía esponxiforme... que todo teña que ter cara A e cara B manda chover na habana... pero en fin, iso sabémolo nós, os pequenos van safando...
Pero desde que empezou están cos mesmos 3 capítulos un día si e outro tamén. Vale, xa sei iso de que aos rapaces lles encanta o mesmo conto seguido, saber anticiparse ao que vai pasar, coñecer os diálogos de memoria, fixarse no que antes non viron pero gustaríame saber se a programación foi asesorada por algún pedagogo iluminado ou é que simplemente pasan directamente de todo e danlle ao play.
E así o luns vemos un, o martes o mesmo, o mércores outro, o xoves o mesmo do luns, o venres o do mércores e o bucle nunca se renova. Estou empezando a collerlles tirria, porque por riba berran e interrómpense coma seis nenos consentidos e ditadores (eu que os tiña por unha familia enrollada e ben levada) e non son máis ca unha guerra de guerrillas fratricida... arrrrggggg!!!!! hai cousas que nunca se deberían facer, coma pasar do papel ao audivisual (por riba non saben que en galego hai 7 realizacións para as vogais...).
Vale, a repunante son eu.
Ou non.
Así que despois paso ao arrepío de Toni Cantó, Rosa Díez e o seu rancioso discurso sobre a lingua e a cultura, galego no peor sentido da palabra, que debe ser no sentido da gana que transmiten de poñerlle de sombreiro un gran bosteiro e que a acompañe durante toda a turnée. E o gentleman de Mario Conde, un señor, porque non rouba xamóns, que rouba millóns, engadindo máis argumentos dos de dar gana de vomitar sobre o tema. E incriblemente nas canles (máis surrealistas das que hai para elixir, todo hai que dicilo) fanlle os coros e apláudenlle coma se da súa boca saíse filosofía e non estupidez... Pero onde queremos ir parar? Que clase de monstrosidade se está xestando neste país no que se lles dá cabida mediática ao mesmo nivel ao señor ao que lle ardeu a palleira, ao que os lobos lle mataron as ovellas, ás corridas de touros e a personaxes co ego subido que pensan que mandan no mundo?
O único que me consola destes personaxes é que poidan prexudicar a propia dereita. Polo menos que haxa sangría entre os seus propios militantes e que teñan que vivir todos no mesmo bote. Quero pensar.
O meu desexo para esta campaña, para min e para todos, é que a información non chegue nesgada, que a xente teña acceso e criterio para discernir a palla da gra e a gra da palla, e despois que faga como lle deixe a conciencia.
Como o de bos e malos xa es esborranchou, non sei cal é o criterio que queda para simplificalo.
Chegarán os meus ollos a ver a Gayoso e a dona Croqueta (personaxe inventado por min pero querido e admirado polas masas) pedindo o voto (para as esquerdas, quero desexar)?
Nalgunhas igrexas xa se fai desde o púlpito (para as dereitas, quero pensar, que eu non vou á misa).
Seica.
Pero son todo falabaratos...
Ai, vou ter que ir ordenando os sentimentos en compartimentos estancos ou vou empezar a padecer iso que se chaman apaixonamento desmedido...

2.10.12

A pluralidade

O da pluralidade ou o da educación plural, ou diversidade, ou atención á diversidade é un puro papel mollado na maioría dos centros. Case sempre pasa pola vontade ou polos recursos humanos e materiais de que se poida dispoñer. E agora seica a vontade vai ser a repanocha. Agora o equipo directivo vai pasar a mans de libre designación.
O próximo partido que proteste pola politización do que estea no goberno dos currículos escolares e pola intromisión nas directrices educativas, ou beneficie a tal ou cal sector máis relixioso, máis privado, máis elitista ou máis a nai de todos os máis e despois faga o mesmo ou peor é para afogalos nun balde de auga.
Eu xa non sei se acabar de enfermar: a policía crecéndose en determinados temas e arreando hostias coma se estivésemos en plena era franquista; os políticos na súa nube de Songoku esperando a ver de onde peta o aire; os sectores sociais privatizándose e converténdose en produtos de luxo; e a educación adoecendo e, en moitos casos, agonizando, e aínda así, inténtase politizala ata o cerne máis duro. Coma se non tivera dabondo!!!!!!!!!!
Dáme aprensión pensar que isto non vaia ter amaño.
Volver aos tempos en que nalgúns centros se prohibia facer murais de Non á guerra ou de Nunca máis. Que iso era facer política... ai, señor, señor! Pero por riba agora as armas non serán cativos argumentos, senón avais gobernamentais.
E entrementres voume poñendo do fígado vendo os tertulianos que pasan polos debates televisivos.
A culpa é miña.
A pluralidade de opinións é un exercicio democrático e de aguante que debo traballar no meu día a día. Fíxeno en tempos nos que a mañá de estudo ou de traballo flutuaba entre os nervios que se me poñían de punta escoitando a Cope e a Losantos e o discurso da Ser, que me daba outro punto de vista. Unhas eleccións vascas e outras catalás recórdoas por esa tensión-distensión de músculo e cerebro.
E agora teño que transmitirlles aos meus rebentos que non todos pensamos igual, non todos actuamos igual, non todos vivimos igual, non todos... e que hai que respectalo e ser considerados, empatizar ata onde se poida... Aínda que iso implique que alguén se porte coma un tirano, coma un ditador, coma un abusón, coma un caprichoso, coma un... bufffffff!!!!!!!!!
Así que planeo o que me dá o corpo polos xornais fachorros, polas teletoritos e, que carallo, polos folletíns parroquiais en que se converteron os medios máis populares (por vendidos, quero dicir, aínda que tamén do outro, tamén, tamén...), e despois de quentarme intento afastarme, pensar friamente, avaliar o tema con calma, autoesixirme prudencia, pensar que ten que haber de todo no mundo, que teño que crer o meu propio discurso ou vou resultar un pouco fraude.
E de fraudes nesta vida estou xa máis chea ca pouco.
Así que convivamos na pluralidade. Aínda que pase por todo iso. Aínda que ás veces no canto de esgrimir argumentos che dea a tentación de esgrimir as técnicas que aprendiches noutros momentos da vida que xa van alá.
Pluralidade. De pensamento. Mentres poidamos e non sexa tamén ilegal...

Douche unha canción

Como gasto papeles recordándote
como me haces hablar en el silencio
como no te me quitas de las ganas
aunque nadie me ve nunca contigo
y como pasa el tiempo que de pronto son años
sin pasar tú por mi, detenida.

Os seguidores de Silvio contámonos a milleiros.
Recordo que me iniciou a miña grandísima compañeira Iria no instituto. Ela tocaba a guitarra e estudaba solfexo. Eu aínda comezaba a abandonar a música que herdaba de meu tío e dos seus colegas, que xiraba arredor sempre dos mesmos, algo que agradecín co tempo, non ser filla dos éxitos que o mercado cuerentaprincipales che metía na vea ata a saciedade. Así que andaba ás voltas con Kortatu, La polla récords, os Ramones, os Suaves, os Kinks, un pouco reggae do menos comercial, marxinalidades coma Manolo Kabezabolo e colegas do estilo. 
Aprendín a cantar antes El papa tiene guantes de lana y se masturba cuando le da la gana ca o Alabaré, alabaré do catecismo, iso que participaba no coro coma todo fillo de veciño.
O caso foi que Iria tocaba a guitarra e coñecía grandes cantautores, que me foi presentando. E aí namoreime de Silvio e das súas letras.
Andado o tempo ía camiñando polos corredores da residencia de estudantes na que vivía e escoitei a través dunha porta a Silvio de viva voz. Detrás da porta estaba o que hoxe é outro grande amigo, Carlos, que non se sorprendeu que me encantase Silvio.
Eu pensaba que era un deses cantautores que só coñecían os aprendices de músicos. Daquelas non había internet, nin a curiosidade que hai hoxe por mirarlle as tripas a todo.
E así souben que o meu amor non era exclusivo.
Que eramos moitos os que cantaruxabamos a Silvio e que unha lexión de xente no mundo se inspiraba nel e gozaba da súa habelencia.
Pasei unha gran temporada escoitándoo só de cando en cando, pero ultimamente volvo a el un día si e outro tamén.
Faime boa falla para sobrelevar o asunto.

Onte lin a noticia do ditame dun xulgado a favor dun demandante das preferentes. Un señor fontaneiro e a súa muller dependenta de comercio, que tiñan atrapados uns 300 000 euros. Alegreime moito de que a xustiza comece a dar mostras de sentido común nesta historia. A cousa foi que acabei de ler a noticia e deille a seguir os comentarios. 
A min isto do xornalismo participativo sen filtro ás veces divírteme moito e ás veces pásame coma cando descubrín o de Silvio, que vexo que entre o batallón tamén hai de todo, que non todo é xente de moral íntegra e comportamento sen tacha. Todos os comentarios xiraban arredor do estafadores que son os fontaneiros, o que cobran en negro, que ai carallo para os cartos do fontaneiro, que menudo paxaro debía ser o fontaneiro para ter 300 000 euros... Ai, para ir mexar e non botar gota!
Que saberá a xente desde que anos leva traballando esa parella para ter ese capital, se o herdaron, se lles tocou a lotaría, se é carto honrado ou carto negro...
O falar non ten cancelas, éche boa verdade. Con todo, a maioría das veces sigo dándolle ao depregable, aínda que cando o pecho penso que quero confiar que a xente alegre, positiva, con sentido común, etc. non é a que máis participa e entra ao trapo, senón a que ten máis mala hostia, a que ten máis tempo, a que vive máis encabronada... algo así coma eses silenciosos que non se manifestan e que segundo Rajoy é porque están de acordo coas súas políticas.
Agardo que alguén publique axiña un estudo sociolóxico dese tipo, para que se me quite a dúbida e a ansiedade e que me confirmen iso da esquerda reflexiva e castigadora cando ten que selo e a dereita guiadiña e fiel ata a morte.
Alguén se acorda de Os santos inocentes? Ben, os que se acorden xa non teño moito máis que dicir sobre o tema...