Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

28.8.12

Vai sendo hora de ir para a casa...

...carolo en mate, a ver quen lle conta, un 2 en historia, esta historia aos meus pais, que chungo é deixar unha panda tan guai!!

E neste mes revolto unha señora colle uns pinceis e converte un santo cristo nun dios bendito, e todos nos partimos a caixa pero no fondo dános peniña a señora, que non quere ser famosa, nin millonaria, nin estar na boca do mundo, só quere vivir a súa vidiña coma sempre, que xa dabondo ten.

E o tempo está coma o demo e parece que estivésemos no outono, cando non venta, chove e cando non, orballa. E así volvemos á casa e volvemos recuperar as caras coñecidas que xa logo tiñamos esquecidas.

E descóbrese que un desalmado fixo un forno para queimar os fillos só por vinganza. Dáme aprensión só pensar que haxa xente no mundo tan paranoica e desequilibrada.

E os políticos recórtannos os dereitos sociais. E o curso que comeza preséntase e anúnciase como negro e duro e na boca de todos está o de "aínda imos tirando, tal como están as cousas"...

E a prensa diaria dá gana de mandala ir cagar de campo e que se perda un pouco.

E adiántanse as eleccións. Se é que hai elección posible. Ou si ou sopas, dicíannos de pequenos.

E eu recompilando música da vida. E intentando saber en que me quero embarcar este curso. Porque o de velas vir é algo que desestabiliza a un fervello máis do soportable.

E chegan por correo as fotos das vacacións. E comeza unha nova xeira. E decidido que algunhas cousas non se poden forzar, se non saen soas é porque non están de ser. As vontades non se deben manipular porque só conduce ao sentimento escuro ese que lle chaman non estar ben e non saber exactamente por que.

The answer is blowin in the wind...


25.8.12

Tres tristes tigres

comen nun trigal...
E así unha di:
Que lle quiten a prórroga do subsidio por desemprego aos que vivan cos pais (porque así a xente nova amólase máis aínda se cabe), facendo que todos pensemos nesas familias de xitanos amoreados, que claro, son cincuenta na casa, pero peso de aquí, peso de alá, non lles imos por riba dar un subsidio.
Ninguén pensa na xente que só tivo empregos precarios durante moitos anos, ou en todos os substitutos de todas as clases (tanto da administración como traballadores por temporadas en calquera emprego: camareiros, en hoteis, campaña de Nadal e de Rebaixas...) e que non dan subsistido sen botar man dos pais. Pois por riba a pedir de novo a paga para poder saír dar unha volta. Para rememorar tempos adolescentes máis aínda.
E di este triste tigre que claro, unha familia media na que entran 4000 euros non pode ser que por riba gasten recursos.
Xa molaba esa media.
O outro tigre di que hai que axilizar o do alugueiro. Perfecto. Só que as medidas de novo fallan.
Ti estás no teu piso, vén un colega con outro colega e di: que chulo, que céntrico, e canto dis que pagas? E ao día seguinte levantouche o piso porque lle chamou ao dono para ofrecerlle 50 euros máis por el. E como vén ser o que se di fácil desmontarche a túa vida porque se atopou un mellor postor, pois ale, a tomar polo saco.
Iso sen meterse en fonduras, que só hai que ver o que acontece coas  hipotecas e cos desafiuzamentos.
Hai que saber distinguir cando se está facendo un mal uso ou un abuso dun alugueiro e cando non é así en absoluto. Para os primeiros casos si que cumpriría medidas protectoras, os segundos veñen sumar un grauciño máis á palleira da desigualdade social e á negación do dereito constitucional máis vapuleado na historia deste paisiño tan raruzo para algunhas cousas.
Que lles amorticen aos de Alba un pouco de solo e que o liberalicen, que cebarse co máis débil é tan fácil que xa resulta insultante.
O outro tigre só veu para contar que estamos nunha cova rodeados de lobos que nos queren papar, pero que o pastor está mirando de buscarnos unha saída.
E aínda que na saída os irlandeses e os gregos ou os portugueses xa nos deixaron notas de: POR AQUÍ NON, PERIGO DE MORTE, parece que imos ir igual por ela. Porque mira, o que foi e volveu contou a feira como lle foi nela, pero cada un é cada un...
Por ir dar unha volta, nada se perde...
O importante é rescatar a banca e subirlle 50 eurillos para unhas chuches para os nenos dos pobres, que tamén teñen dereito a que non lles queden os dentes espetados nas do Lidl a quilo.
E os tres tigres alí dando unha rolda de prensa tan contentas de se teren coñecido. Encantadas de verse e de oírse, porque a cara dos da prensa só levaba escrita unha mensaxe que case, case, case se lía a través das súas calugas: tanto despropósito xunto é máis surrealista ca pouco, pero veña, a encher minutos e páxinas coas declaracións destas e a corrixir as patochadas que contan lendo o BOE polo miúdo... arrrggg!!

23.8.12

Ecce Mono


(ou como botar unha risa por primeira vez en anos vendo as noticias)
Porque o resultado do retoque non ten desperdicio, esa especie de mono con toquilla que por fin fixo chegar o turismo á vila.
Por unha parte está a señora beata aspirante a artista (que expuxo en 4 salas do club social, supoño e que vendeu 40 cadros e que está nun ataque de nervios por todo o rebumbio), por outra os fillos do pintor, que din que por aí non pasan (pois mira, que vos pintara o cadro nun lenzo e que volo colgara no comedor, se o fixo na igrexa digo eu que sería expoñéndose a que fose unha obra efémera ou en risco de destrución, aínda que nin nos seus peores pesadelos imaxinaría a unha patroa retocándolle o cristo, iso si, con óleos –y de los buenos, que son los mismos que uso en mis cuadros).
É que me parto moitísimo.
Logo está o concello, que pensa en financiar un restaurador para que veña amañar o xa amañado pero estilo rei da xungla (xa me parecería a repanocha que o concello asumise esa responsabilidade, que a asuma a Igrexa, que para iso foi unha ignorante deixándolle a calquera fochicar onde lle daba a gana).
E finalmente os do bar, que por fin fan un peso grazas a que non saen de alí os medios e a xente peregrina para escachar en vivo e en directo, eu tamén iría se me quedara preto, por ver un Ecce homo de igrexa común non me mataría, pero por ver isto aínda pagaba entrada (simbólica, claro, e se os fondos se destinasen para que a señora puidese seguir coas súas humildes clases de pintura moitos anos máis).
E a xente do mundo mundial, que é que ten máis imaxinación e máis graza, hai xente que moito pensa: ilustradores, lemas, tiras cómicas, camisetas... ¡eu que sei! É que dá para moito o asunto.
A min isto de que a arte se reserve para uns poucos supostamente cultos sempre me deu un aquel. Unha vez lera un cómic que me pasara unha colega que xa nin me acorda como se chama (o cómic, non a colega), o autor é Juanjo algo, un rapaz catalán, e nel falaba coa nai (imaxinariamente) e levábaa polos museos e explicáballe que cada un interpreta a arte como quere, que non ten por que ser elitista o gozar de calquera tipo de arte...
Non podo estar máis de acordo.
Hai cousas que valen millóns e millóns e a min parécenme unha merda pinchada nun pau, e non por iso me considero unha inculta ou unha insensible á estética.
Igual que non podo apreciar un coche tunning (iso que lendo descricións dos coches tuneados dos cárteles da droga mexicanos quedo marabillada do enxeño), pois tampouco podo dicir que catro rectángulos en gamas de cores cálidas me sobrecolla, ou que dea un peso por eles, aínda que sexa un dos cadros máis caros da historia.
O mesmo me pasa con outras artes, non só coa pintura ou coa escultura.
Algunhas cousas que fai o rapaz de Art Attack gústanme máis ca os catálogos de ARCO, a verdade.
Eu sempre quixen poder facer algo coas mans, a piques andei de cursar ebanistería en tempos, ou fotografía, pero a realidade é que son zoupona. Dáseme todo en xeral bastante mal. Non teño moita paciencia para nada.
Ultimamente comprei uns pinceis e unhas pinturas e fedello un pouco, pero non lle chego nin aos cordóns dos zapatos á señora do Ecce mono. O autodidactismo neste caso falla estrepitosamente. Sácasme de catro redondeis de cores primarias e xa non ten xeito.
Onte había dúas rapazas mirando o mar e pintando a paisaxe que se vía e deixábano tal cal, parecía unha fotografía. Envexeilles un pouco a habelencia que mostraban.
Moitas veces teño soñado, supoño que coma todo o mundo, que tiña unha tía (case sempre monxa, non sei por que, será que nos inculcaron sempre o beneficioso de ter un tío, tía, padriño cura ou monxa, que tiñan moitos cartos, aínda que a experiencia demostrou que a familia non vía un peso unha vez morto ou morta), pero iso, que me chegaba unha carta dunha herdanza, en plan película, dunha millonada e obras de arte, que como non me gustaban moito, acababa intercambiándoas: manuscritos, cadros, esculturas, lámpadas...
Ver Pippi Lamstrung non axudou a minorar a ilusión de ter un baúl das marabillas de onde quitar de todo.
Unha vez nun recital de poesía no que participaba un amigo, cando acabou díxenlle que me gustara moito un poema seu e regaloumo. Aínda o conservo dobradiño.
Tamén conservo algunhas cousas de valor para min incalculable por ser algo que alguén fai co seu esforzo: algunha foto, algún debuxiño, unha figura de papel, unha pequena talliña nun pau, un par de marcapáxinas...
Se eu soubese facer algo regalaríallo a todas as persoas que quixera ben. E unha vez que o botas a andar, pois mira... o que o queira tunear é cousa súa, vin afrontas peores!

20.8.12

Vivir na ignorancia

Antonte morreu un rapaz noviño da zona. Non imos especular por que ou por que non, porque oímos tantas cousas que non se sabe se se fala de Ulises ou de Al Pacino, depende de a quen atendas.
A cuestión foi que quedei abraiada cando alguén sacou o móbil e puxo as páxinas de facebook dos locais que el e a súa familia tiñan e a súa propia, a dos irmáns........................................
Quedei pálida.
O que a xente escriba, o que se lle vaia a cabeza, iso non se pode controlar.
Pero o que ti podes facer, dicir ou colgar, iso, máis ou menos, creo que aínda é controlable, aínda nos momentos de máis tensión.
Non vou entrar polo miúdo, porque me dá cousa dar detalles. Eu con iso da morte aínda son algo respectuosa, ou moito.
Dicía alguén que isto en nada será o normal, que non chamará a atención.
Non sei.
Hai anos era normal o velorio na casa, o café, as copas, as risas, as prañideiras, as bromas e toda esa mestura de festa e pasamento final pola casa. Hoxe vese estraño e choca e a algunha xente férelle a súa sensibilidade.
É máis aséptica, limpa e rápida a fórmula express de tanatorio ou incineración, sen recibir.
Se alguén ten interese, nos libros Viúdas de vivos e Romeiros do alén, fálase moito da cuestión da morte en Galicia e dos significados de certos lugares comúns.
Parece que o facebook tamén se converteu agora nun lugar común.
Eu véxoo coma se me dese por pasear por alí gravándoo todo, conversas, condolencias, opinións, palabras de consolo, a familia falando...
Danme arrepíos pensar que se eu a palmo alguén comece a colgar fotos e vídeos de min e a mostrar palabras de condolencia e que se poñan a chatear cos meus irmáns mentres estou, como di o outro, de corpo presente...
Ao final o rollo este de televisar funerais de las más grandes  trucou un pouco á xente, digo eu...
Ultimamente coas cousas que vexo que pasan ao meu arredor, cada día estou máis convencida de que ás veces case é mellor descolgarse, vivir na ignorancia.
O do mundo paralelo de moita xente é algo xa un pouco patolóxico.
Mete algo de medo.

17.8.12

Casamos!

Ultimamente os xoves sempre poño de fondo o programa da galega Casamos! Eu, que servín unhas cantas vodas e que fun tamén a outras cantas, son unha firme defensora de que aínda que penses que a túa é única, o único que hai de único es ti e a túa familia, porque o resto son tópicos e lugares comúns en todas.
Todo, desde as pompas de xabón que che abren a cea ata o último convidado cachondo que vai pedir xustamente o combinado que non hai e que che vai comer a orella para que lle digas ao metre que faga unha excepción e que che sirvan ese ron barrica carballo 15 anos, que total, un día é un día e un só casa unha vez.
Así que me dá curiosidade este programa. É unha boa mostra sociolóxica de moitas cousas.
Ben. Ás veces tamén me dá bastante vergoña allea, todo hai que dicilo.
Pero é gracioso e deixa ver un pouco como moita xente continúa condicionada polos estereotipos e pola educación tradicional máis chunga, sobre todo no que ten que ver coas mulleres.
Onte antes de ir durmir pasei pola canle e deixeino quedar.
Casaban uns rapaces de Celanova cunha historia que me deixou cun sentimento horrible.
O rapaz comezara a mocear con ela cando tiña el 29 anos e ela 14. Que manda carallo, por outra parte. Veciños da porta, el un rapaz dunha familia media-baixa e ela máis pobre ca as arañas.
Agora tiñan 20 e 35, se non me equivoco, e ían casar.
Polo que deixaban ver nos vídeos, el era un humilde vital e bastante cazurro. Non sería o compañeiro que eu elixiría por moita nobreza que se lle vía. Pero en fin, pouco comunicativo, tradicional no peor dos sentidos, sen ningún tipo de formación, cero capacidade para mostrarse cariñoso, para empatizar con ninguén, etc. A súa declaración de amor foi: Quérote porque te quero e quero que esteas sempre comigo.
Para ir mexar e non botar gota.
Pero el non me interesou en absoluto. O que me deixou con mal corpo foi a súa historia.
Aos pais (o pai víase algo chuzas e a nai discapacitada mental) quitáranlles a custodia dos fillos por non poder coidalos e uns tíos fixéronse cargo como puideron deles. Ela estudara perruquería e só traballara unha época facendo unhas prácticas. Quería casar co rapaz este máis tarde, porque non tiñan posibilidade ningunha, sen traballo, sen cartos, vivindo uns días na casa dos pais, outros na dos tíos, rulando por aí. Pero quedara embarazada e entón para "evitar malas linguas" decidiran adiantalo.
A cuestión foi que cando estaba de 5 meses perdera o meniño. El, os pais del e todos falando de "pasou o que pasou", "e foi o que foi", "daquela pasoulle iso"... unhas afirmacións chunguísimas que non creo que axudaran a ninguén. Tratando o tema con ese misticismo tan de cromagnón e case deixando ver que fora un fallo do sistema operativo do seu corpo. E só pedían "que volvera quedar preñada". Coma se falaran do gando, oíches.
Ela cada vez que tocaba o tema botaba a chorar. Víaselle a persoa máis triste co sorriso máis bonito do mundo. Unha rapaza tan guapa e tan humildísima, que cando el lle di que ten unha sorpresa para ela pensa que a vai levar ao cine a Ourense...
Alucinei.
Tiña un concepto e un coñecemento do mundo tan pequeno coma aqueles informantes que se buscaban antes para servir de mostra lingüistica e que eran tan cotizados. Canto menos saísen do seu círculo mellor, se foran á mili fóra ou se estiveran na emigración xa non eran 100% fiabilidade...
Pois ela igual.
E pensei, meu deus, que vida máis triste ten esta cativa e aínda así sorrí e tira para diante "fisicamente ben, aínda que psicoloxicamente... pois... bueno... non tan ben".
Soñei toda a noite con ela.
E decidín que non volvo ver ese programa de merda.

16.8.12

Que me agarren o verán por onde queiran

Pero que mo deixen aí ben postiño.
Non quero volver ás mañás de catro capas de roupa antes de saír da casa.
Quero seguir uliscando as algas a secar na beiriña da praia.
E tomando a clara aínda que sexa erguéndome e sentando cen veces co sol dándome nas pernas.
Ás veces penso que debería emigrar a un país máis cálido.
A min o do iodo e o da vitamina D funcióname case tanto coma outras cousas. Case.
Xa empecei a miña novela. Desta vez vou en serio.
Igual merco unha gravadora en plan película e vouna ditando. Porque o que é tempo para sentar o cu e poñerme ao choio moito non teño.
Seguro que será unha trapallada merdeira. Pero por intentalo que non sexa. Aínda que só rule de pendrive a ordenador e de ordenador a disco-duro.

14.8.12

Vacacións

Así como chegaron... marcharon.
Botarei en falta erguerme sen máis obxectivo que botarme fóra da casa, comer ben, tomar o sol, ver lugares que non vin, terracear, pasear pola beiriña do mar...
Xa case me afixera. Ao bo todo o mundo se afai.
Durmir, durmín pouco. O que se bota en falta, a pesar das bondades de todo, sempre é a camiña.
Estou desexando collela por banda. Mañá ás dez da noite penso botarme a durmir...
Levo mil fotos na cámara.
E outras mil na cabeza.
Esta noite mentres durmiñaba e daba voltas escribín un libro.
Este inverno vouno escribir.
Decidido.
Creo que por fin atopei algo que contar.
E á volta máis cousas. Máis amigos por ver. Máis momentos bos que vivir.
Setembro aínda parece que queda lonxe, aínda que estea asexando á volta da esquina.
Para os que comezades as vacacións, que vos presten polo menos, tanto coma a min.

11.8.12

O mundo é de todos

E estes días vendo como os gregos enchen os autobuses e os tres de inmigrantes para chimpalos do país, e como se lles enche a boca aos políticos falando de cortarlles "a billa" da sanidade aos inmigrantes sen papeis cabréome moitísimo.
A ver se por nacer nun sitio, cousa que ti nin pides nin decides, vas ter que foderte nel gústeche ou non.
A ver se aquí só lle abrimos a porta aos colorados que traian camiseta de equipos de primeira división ou veñan con fardos de billetes.
A ver se mañá prendo a tele e alguén dá a noticia de que os empresarios ricos que teñen os ilegais facéndoos máis ricos van ir presos e lles van amortizar as súas propiedades para financiar todos os recursos que se precisan para que a pobreza cada día vaia sendo menos pobre.
E a ver tamén se ás clases acomodadas se lles acaban as internas a tempo completo, os criados en réxime de semiescravitude  e empezamos a vernos os seres humanos uns aos outros como o que somos, seres humanos.
A ver quen é o que pensa que é máis humano ca un humano máis baixo, máis alto, máis gordo, máis fraco, máis negro ou máis branco.
A min é que todo isto xa me asquea.
Que queren fiscalizar, que fiscalicen, pero que fiscalicen como o teñen que facer, partindo que pegar no máis pobre non é a solución a nada, senón que só consegue animalizarnos a todos un pouco máis. Merda de primeiro mundo e merda de capitalismo.
Se queren remedio doullo eu. A ver por que alguén coma min, sen saber moito de nada, sabe que é posible cruzar datos e non permitir o turismo sanitario, detectar usos fraudulentos de tarxeta (a santo de que necesita a terceira idade un tratamento para o acne, por exemplo) e moitas outras estratexias para que isto non faga augas, se é que as fai, que eu xa non sei se non será todo trola.
Estamos na era da tecnoloxía. É simple estar ao tanto de todo.
E carto negro. Dígolles eu mil maneiras de detectalo. Que lle fagan o seguimento a todos os alugueiros que se cobran nesta zona na que estou pasando o verán e que se pagan na man. 4 quincenas a razón duns mil euros por quincena, a razón de dous ou tres pisos por propietario... pois que fagan as contas.
Doulles eu a páxina web onde está a oferta, sinalado en vermello o número de quincenas, rexistro catastral, nome e apelidos do propietario...
Pero en fin. Se queren acabar co carto negro, doulles a solución definitiva, que deixe de existir o diñeiro, e así non é nin negro nin branco.
Xa que non lle deixan a un vivir sen pisar un banco, que vaia todo por aí. Nin un céntimo para un café. E acábase o conto, TPV ata para miña prima a chosca, que vende grelos na estrada de Ordes, a pé de carril de incorporación.
Que o mundo é de todos, aínda que haxa quen pense que é só del.

9.8.12

Area Maior Paradise

A praia de Area Maior, no concello de Muros, é unha desas marabillas que atopamos polas nosas costas.
Unha praia de area finiña e mar calmo no que podes estar ata chegar a engurrarte.
A un lado protexida polo monte Louro, detrás a lagoa de Louro ou de Xalfas tras as dunas, co seu medio natural aínda ben conservado, e ao outro lado, o rochedo que a separa de Ancoradoiro, máis brava e menos transitada.
As dunas permiten incluso a intimidade do nudismo, aínda que non é unha praia nudista propiamente.
Fermosa vista mires cara a onde mires (e non digo nas dunas, que haberá de todo).
Tamén unhas pequenas pozas entre as rochas, un perfecto spa para os pequenos, con auga quente e vistas impresionantes.

Coma sempre, sobra o feísmo urbanístico dunhas cantas casas construídas ilegalmente a pé de praia, a medio acabar pero aínda así habitadas (alugadas aos estranxeiros, claro).
E uns cantos madrileños que pasaron pola sección de deportes de auga do Decathlon antes de coller as vacacións (amigos, o surf sen ondas é difícil de practicar, non é que non se vos dea ben, é que falla o medio no que hai que estar).
Tamén se aprecia, coma sempre, todos os ignorantes que atentan contra o medio enterrando as cabichas ou tirándoas na beira, pensando que unha ondiña as desintegrará, os paquetes de todo canto rillan, o levar os coches polas rochas arriba ata practicamente aparcalos nas toallas...
En fin. Algo que, por desgraza, se ve en practicamente todos os lugares turísticos.

Polo demais, paraíso ao alcance de calquera.

8.8.12

Cousas que se oen...


Estando de vacacións. Coa distancia dan algo de risa, no momento déixante pampa.

A primeira escoitámola estando nunha terraza tomando un café. Moi preto de alí hai un establecemento que vende polos asados e outra comida preparada, sobre todo carne.
Unha familia de madrileños (eran madrileños, asegurado) pasaba por diante e un deles, de mediana idade, díxolle ao máis vello: “mira, mira, mira, ya huele a caldo gallego...”.
(os polos asados do Coren, oíches... este non comeu caldo galego na vida, aínda que lle pareza que si)

A segunda foi o día da festa do Mar. Estaban todos os barcos na ría formando rodeando a barca que levaba a virxe. Despois íana escoltando en fileira ata a capela, supuxen, ou ata outro lugar. Moitos mirabamos desde o peirao. Unha familia (tamén madrileños, puiden comprobalo despois máis adiante) miraba con curiosidade e o fillo do medio preguntou: papa, ¿qué hacen los barcos?
¿Qué hacen, los barcos? Pero hijo, ¿no lo ves? Hacen una carrera, una carrera de barcos!
(...................)
Depois de oílo e de pensar, joder, canta ignorancia, pasan aquí o mes e probablemente todos os veráns desde os tempos dos tempos e non se molestaron en aprender nada da idiosincrasia galega. Despois pensei, a saber as explicacións trapalleiras que lles hei dar eu ás miñas fillas cando empecen co das preguntas...!

A terceira insolitez, e esta xa é para indignarse, foi cando entrei na caseta de información para buscar un plano da zona. Non quero perder algo que teña ao lado por ignorancia, se é posible.
Diante nosa había unha parella de leoneses de mediana idade, que acababa de chegar e que ía botar unha semana aquí nunha casa rural. Preguntábanlle ao rapaz que atendía o chiringo que era o que non podían perder, que era bonito para visitar, onde comer... ben, o típico. Esta é a resposta do rapaz, máis ou menos resumida:
Mira, no os podéis perder Cambados, es el pueblo más bonito de Galicia, y después, coméis allí, os dais una vuelta y veis bien la zona. Es todo precioso, yo soy de allí y es otra cosa. Los pueblos son preciosos, desde Villagarcía para abajo, toda Pontevedra en general es muy bonita: ya os digo, Villagarcía, Cambados, La Toja, Combarro, Pontevedra... bueno, para comer marisco, para visitarlo... Es que esto, claro, es las Rías Bajas, pero es otro concepto totalmente distinto, nada que ver con la Lanzada, que es una playa preciosa, o con las playitas de Sanjenjo, que además es un lugar muy turístico. Además, si pueden, vayan a Bayona, lleguen hasta Tui, porque es precioso...

Ben. O alegato a favor de Pontevedra non me pareceu mal. En fin. Víaselle que varría para a casa e punto. Só lle faltou indicarlles que foran comer ao furancho do avó, que tomasen o viño na tasca dos pais e que deixasen a casa rural de aquí e que tiña el o pisiño de solteiro libre que lle alugaba por un módico prezo.

O insólito da cuestión é que desde onde estamos non é ningún paseo o percorrido que lles mandaba facer, e non vou dicir que vila é, porque non a quero desacreditar por un anormal que non lle dá para máis, pero o que hai preto de aquí son as fermosas praias e paraísos naturais que van de Noia a Fisterra, con todo o que iso implica, e que o lugar imprescindible para visitar desde aquí é Santiago de Compostela, para alguén que nunca viu Galicia e que só vai botar unha semana: vila de Noia, Porto do Son, castro de Baroña, Ponte Nafonso, Serra de Outes, vila de Muros, praias fermosísimas que rodean toda a zona, Lira, Carnota e así ata chegar a Fisterra. E un día para Santiago. E que hai onde comer mariscadas a dar co zoco. E por suposto, outro concepto de Rías...
Mira, eu e miña irmá tiñamos unha cara de non dou crédito... que cando nos tocou a vez só puiden farfullar: dános un plano, por favor (ignorante). E marchamos sen dicir nin de onde eramos, porque igual lle subiamos as cores ao rapaz, se é que ten diso que se chama vergoña.
E pensar que hai xente no paro!

7.8.12

Peixes de acuario

No medio do océano, nótanse.

Señor con zapatos castellanos sen calcetíns e móbil de última xeración é pai dalgunha das tres criaturas pera impecables que están a piques de meterse nalgunha no parque, na praza ou na praia fixo.
Cando alguén levanta algún dos seus do chan cun hostión que acaba de comer, á parte de non darse de conta porque está mirando o horizonte, o Marca, o Mundo ou fedellando no móbil, non o recoñece ata que non lle chama papá... Vese que este mes é a única oportunidade que ten de pasar tempo cos seus rebentos, que o miran entre admirados e alucinados.
Cousas do estrés, da vida moderna e do traballo asfixiante que ten a metade da xente coa que compartimos espazos estes días.
O malo de ser turista en terra propia é que te cabreas cando constatas que o do turismo o levan mal non, o que vén despois. A maioría dos que atenden calquera servizo de cara ao público non ten dous dedos de fronte, por iso intenta enganalos con descaro, fala mal entre os dentes e fan xestos que lle molestarían a calquera, por moi guiri que sexa. En fin. Se eu mandase no mundo tamén había botar man disto.
O mellor de ser turista en terra propia non é a inmersión lingüística en zona de seseo que agardaba con ansia, porque á fin e ao cabo é vila, e de Gadis a Gadis fálase o castelán. Verídico e dito por unha oriúnda.
O mellor é que a dous pasos todo é un paraíso e fuxir da masificación ou das actitudes reprobables está máis que ao alcance da man.
Como diría unha colega, a tiro de pichoca.
E entrementres descubrindo os peixes, os caranguexos, a area finiña, o mar bravo, as bateas, os lorchos, o marisqueo, a de Curro, a galleta de pan, os faros, os barcos no porto, os de recreo, as redes amoreadas e os mariñeiros halándoas na ría, as algas que se converten en cans, en polbos, en perrucas vizosas... e enchendo de momentos esas pequenas cabezas que non paran en todo o día.