Mellor sería estar calado... Pero case sempre acaba un facendo malas dixestións de tragar tanto aire...

4.1.17

Arredor da lingua e mais un premio

Hoxe volveume entrar gana de escribir algunha cousiña arredor da lingua. Moitas veces cando o penso seriamente aturrúllome moito. Porque a pesar de que leo artigos de xente que sabe máis ca min, non acabo de atopar ningunha solución que "entre suave" na sociedade.
Para min a solución pasa por facer cumprir, en primeira instancia, a lexislación en materia lingüística, e sen despropósitos nin concesións. Agora, as estratexias para logralo xa poden ser múltiples e variadas, e, se houbese unha fórmula máxica, estou segura de que alguén xa a tería posto a andar.
Eu non a teño nin para a miña casa.
Agora que as nenas fixeron seis anos por fin podo dicir que son galegofalantes. Si, poñen o pronome como lles cadra, non fan as contraccións case nunca, pero quitado esas tachas (e algunha outra), a súa lingua ten relativa calidade e é a súa primeira opción á hora de comunicarse.
(e si, o castelán tamén é de boa calidade e úsano sen problema, poden vir velo, aínda que a familia é monolingüe as coitadas criaturas saíron bilingües, e mesmo deron aprendido catro cousiñas do inglés que lles enchufan na escola, é certo que unha cousa non quita a outra, señores e señoras)
E como o conseguimos? Supoño que axudou que pasasen máis horas entre galegofalantes. Véxase familia e véxase o ambiente en que se desenvolveron o curso pasado.
O caso é que este curso son a resistencia no cole "da city".
Así mo fixeron saber os mestres, entre marabillados e abraiados que cando cobren os encrucillados de Xuntos (o libro de texto que teñen en galego) as nenas ven un esquío e poñen ESQUÍO e ven un raposo e poñen RAPOSO.
E elas, orgullosas, recoñécense como "somos boas en xuntos", algo peores en educación física, plástica, lengua, inglés...
Non é broma, na miña casa xa interpreto a canción de Juan Pardo para desestresar e non mostrar a miña ira. Á fin e ao cabo, son crianzas pequenas, non vaia ser que provoquemos hostilidade se algún día soltan un discurso combativo na aula, que aínda non teñen ferramentas nin argumentos para se defenderen da que lles poida caer. Así que mami sorrí, di que moi ben por seren boechiñas en Xuntos, que me dá moito orgullo e que ademais, así os outros compañeiros tamén ven que se pode ser boa xente, divertida e falar en galego. E que non saen cornos, nin rabo nin nada...

(...claro, como su madre es de gallego... pues claro... no le parece mal... claro, claro, claaaaaaro...)

O caso. Nestas últimas semanas animei os meus alumniños de primeiro a presentárense a un concurso de microrrelatos que "aceptaba" tamén o galego como lingua.
A calidade do resultado non a vou comentar aquí, obvio, non é o lugar, pero si que se xerou un sentimento de superación. A pesar que o premio non lles chistaba (algo que me sorprendeu infinitamente), case todos puxeron o seu mellor empeño.

Serviume un pouco para aclararme cunha idea que me rolda sempre na cabeza, é certo que apenas son capaces de improvisar un discurso en lingua galega (si, non vos minto, tristemente), pero cando se esforzan son capaces de remexer aí dentro e facelo ben.

E a que vén isto? A que a cada paso noto unha deterioración máis fonda. Cada vez esa concentración para sacar unhas liñas ten que ser máis longa no tempo, máis meditada e necesita máis ferramentas (si, refírome a correctores, dicionarios e axuda docente). En lugares hostís para a lingua, cada vez as xeracións teñen unhas destrezas comunicativas en lingua galega (a todos os niveis) de peor calidade.

Creo que Xuntos colabora niso (xuntos é unha metáfora, para quen a queira entender). Se o trimestre se reduce a facer encrucillados de vocabulario e o uso da lingua é testemuñal... xa me dirán.

Por agora son a resistencia, só por agora. Non é a primeira vez que no parque reciben algún comentario. Como aínda non entenden esas ironías ou ataques non se ofenden. O caso é cando os entendan. Os iguais, ao final, son o referente máis importante.

Ao tempo que se xestaba a idea do microrrelato nas miñas aulas, as resistentes traballaban a eito na súa carta para participar nun concurso de Nadal. Calcaron a silueta das bases porque entenderon que tiñan que facelo así (non era así), pedíronme que lles fixera unhas liñas para facelo dereito e que lles refrescase ideas de como era o Nadal dos avós.
O tema do polo, das laranxas, dos lagostinos, de xuntar a familia... Iso xa se falara máis veces (agora todo é vicio, todo son regalos, hahahahahaha, o discurso que todas as xeracións escoitamos e o que lles queda ás vindeiras!).
En Xuntos xa deberan ver os nomes do parentesco, así que as rapazas optimizaron os seus recursos, digo eu.
A min deume moita risa a súa idea, así que colaborei a ensobrar e enviar (e por deformación profesional nunha delas ata puxen os acentos gráficos, ata que me decatei e na outra xa non o fixen :D).

Hoxe chamáronnos para dicir que gañaran, xunto con outros compañeiros. E puxéronse tan contentas e querían encherme tanto de orgullo que me champaron:

Ves, mami? Falamos tan ben galego, facemos tan ben Xuntos que nos deron un premio!!!!

(e así é como o meu corazón, a miña cabeza e os meus argumentos se aturrullan e pelexan e me mortifican e me alegran e todo así sen orde nin concerto)

E oxalá algunha das miñas alumnas, ou dos meus alumnos, gañe tamén o dos microrrelatos, e lle dea por virme agardar ao corredor rebordante de alegría e decidida/o a poñer todo o seu empeño por facer tan ben Xuntos que cando acabe o curso me dean o premio á entusiasmadora do ano!




1.1.17

Revisando os danos e a polo 2017

Un sempre quere que veña o mellor, que haxa un cambio, un disparo de neve...
Pero a verdade é que iso non adoita suceder, case sempre todo é continuidade de inercias, de rutinas e de vicios.
O ano que foi tróuxonos de todo. Bo, malo e pichí-pichá, como din as miúdas.
Rir, rin moito e moitas veces.
Chorar só máis ben pouco ou apenas nada. Porque me fixen menos chorona e tamén porque a resilencia cada vez acompaña máis. Ao final, os problemas do primeiro mundo vanse relativizando e só se chora cando algo doe moito de verdade.

Para o 2017 pido amencer tantos días (ou máis) ca este catro nunha cama. Porque esa caloriña que só se sente neses momentos entra por todos os poros e é algo así coma a verdadeira felicidade.

Eu intentarei non procrastinar e poñerlle máis ansia aínda para chegar con ben á meta. Pero non quero deixar nada importante polo camiño. Ás veces hai que ser consciente que a todo non se pode chegar, non pasa nada, hai que recoñecer as limitacións con humildade e boa disposición.

E quero ler, ler, ler e volver ter a mesa de noite con moreas de novelas comezadas.

Agora mesmo, volvendo revisar a Doris Lessing. Despois deste nadal así daquela maneira batín hai uns momentos co parágrafo que di exactamente o que me viña dicindo de volta no coche a min mesma:

Esiximos demasiado. Rexeitamos sempre comportarnos segundo as regras. Por que, daquela, nos alarmamos cando o mundo non nos trata conforme a elas? Iso é o que acontece.

E si. Se é que hai consecuencias, hai que aceptalas.

Que vostedes teñan fortaleza para asumir as consecuencias das súas opcións. A madureza é un estadio que eu nunca dou alcanzado de todo, talvez este sexa o ano de esforzarse por iso.

Que a vida lles depare risas e calor, ao final, o amor é o que move o mundo.

29.12.16

A que ando...?

Pois ando a mil cousas, para variar, claro que si.
Este curso está sendo totalmente diferente do anterior, por varias razóns, non é nin mellor nin peor, pero si ben diferente.
Para comezar, durmo e xanto na casa (á hora da merenda, pero vaia), e iso xa é unha tranquilidade, aínda que teña que exercer de automobilista forzada parte da miña xornada laboral.
O alumnado é moi diferente, son rapaces da cidade, castelanfalantes en todos os ámbitos e circunstancias, en moitos casos con bastante prexuízo, noutros sen prexuízo pero con moitas dificultades para as destrezas básicas da lingua, pero, por outra banda, son rapaces que manexan as tecnoloxías, teñen moita cultura xeral, case todos están preocupados pola súa formación e implícanse nela.
Así que refacemos os esquemas, reformulamos os obxectivos, cociñamos coa LOMCE unha estratexia decente para todos e dándolle duro.
Recoñezo que os pequenos de primeiro este ano son a miña gran felicidade, porque me seguen en todas as miñas propostas. Sempre van máis alá das miñas expectativas, sorprendéndome co moito que se implican en todo canto se me ocorre propoñerlles. Son entusiastas e apaixonados, algo que xa pensei non ver máis ca en fabas contadas.
En canto ás relacións, este ano xa non se dan as circunstancias do anterior, así que paso máis tempo traballando ao meu, non teño tanta ansia por socializar. Ía dicir que estaba mantendo o perfil baixo, pero iso en min, xa só polo ton de voz de gaita que gasto, é difícil ou imposible. Así que tenteando aínda o terreo e ensarillándome tamén un pouco, non podo mudar así do día para a noite, o ensarille ten que saír por algures.

As nenas volveron ao seu cole. Estou descontenta. Profundamente descontenta. Por todo en xeral. E oxalá as circunstancias nos tivesen obrigado a envialas a un cole menos masificado. Eliximos este por ser o próximo, o dos veciños e veciñas, e cada día que veñen con historias para non durmir del voume envolvendo máis e máis na caca de decisión que tomamos matriculándoas nel.

A súa rutina redúcese a facer cola para entrar. Entrar. Traballar nas materias a partir de libros de texto. Saír ao recreo. Entrar. Seguir traballando. Saír.

A cuestión da lingua galega é para ir mexar e non botar gota. Iso é un feito. Se teñen un plan de normalización queda na cartelería que hai polos corredores. Non hai outra implementación del.

E doutras cousas xa non vou falar, pero parece que se conxurasen os deuses para xuntar a fame e mais a gana de comer da docencia aí dentro. En fin.

Ao final nin considerei o do preparador nin teño ansia por preparar.  As oposicións, se asoman, colleranme entre a impotencia de ver un sistema que me expulsa cuns exames de "chapatoria" absurdos e a mala conciencia de saber que en ningún momento debín baixar a garda. Creo que no fondo do meu corazón xa asumín que mentres o sistema non pase por avaliarme o meu traballo na aula e me avalíe a miña capacidade de tirarlle o po a uns apuntamentos xa esquecidos vou ser a eterna interina ou substituta, no peor dos casos. Iso si, creo que vou estudar maxisterio, polo si ou polo non, penso que o meu espírito vai máis acorde coa docencia en niveis máis baixos, penso que eu podería facelo mellor e que iso sería bo para todos. Iso si, íase acabar o puto reggeatón nos festivais dos centros polos que pasase.

Ais, acaba o ano e o meu blog desatendido pasa polas súas horas baixas. Creo que para o ano que vén voulle remozar a cara, cambiar de temática e todo. O descoido non é só desidia, é que a miña listaxe de tarefas calquera día bota mans e arréame unha losqueada. O de procrastinar dáseme de carallo e medio.

Hoxe está un dos rebentos pochiña. Houbo que botar o freo ás ceas, comidas e quedadas variadas. A min se hai algo que me guste para poñerlle o ramo ao ano é ver a xente que me presta. E botar con ela un conto. E, ao final, saber que non estás soa cos teus pensamentos, que hai moito quen pensa de maneira semellante.

Este 2016 saíu así daquela maneira en moitos planos, confiemos que no que entra, polo menos, arredemos de cousa mala. O resto irémolo xestionando como se poida.

Un bico a tod@s, espero poder estar para vós cando me precisedes.

24.8.16

Realidade versus realidade

Agosto toca fin. Xa sei, estou ata a rabiza do tema de que por fin se nos acaban as vacacións aos que nos dedicamos á docencia (canto boto a faltar os memes con cara de noxo na vida real). Non vou expoñer aquí un alegato a favor do corpo docente. Quen non o quere entender, non o entende.
Só digo que nesta vida, nada é regalado.
Vou aforrar tempo en todo o demais, outro día con máis gana explico aquí a parte que esa xente non ve ou non quere ver.
O caso é que ao final pillamos as tres mulleriñas da casa algo que aínda non sabemos o que é. Empezou como tose, arrefriado de verán, farinxite, larinxite... e seguimos probando tratamentos porque non hai xeito de sacalo de enriba.
Así que non acampamos, por non saber se iría a peor, ou se a noite se faría máis longa fóra da casa e quedando sen respiración a cadora.
Así que non descansei nin durmín ben. Obxectivo 1 sen cumprir

Ademais, enfangueime cun choio que pensaba que me levaría pouco e ao final faime facer xornadas laborais bastante intensas. Tiña moita máis "chicha" da que prevía e estame levando moito do tempo que ía dedicar a ler.
Así que non lin por pracer todo o que teño na cola. Obxectivo 2 sen cumprir

Non vou esquecer que coa lectura ía acompañada unha boa hamaca á sombriña no noso futuro lugar de felicidade. Ao final o lugar de felicidade segue sendo as mesmas pedras estragadas e cheas de humidade e a mesma tella con amianto. Nada que ver coas fotos de Pinterest que xa proxectara sobre el.
Obxectivo 3 sen cumprir

Tampouco me deu moito tempo de quedar con ninguén. Tal como está o tema tose, non vou embarcarlle as churumbelas a ninguén por aí. Xa dabondo teñen. Tampouco eu estou con moita gana.
Obxectivo 4 sen cumprir

O meu firme propósito de ser boezinha por riba de todo estame custando un carallo cumprilo. Eu son rabuda por natureza, inda que me empeñe non selo. As cousas que me fan mal vénseme na cara e tería que facer un intensivo de teatro para que non se me notasen. Hai xente que non merece que a queira, aínda que vexa que xa dabonda penitencia están carrexando con ser como son e co que lles pasa na vida. Ais. Este obxectivo non sei se continuar intentándoo ou riscalo da lista, que total, ao final as que se queiman son as miñas enerxías e xa unha vai sendo señora maior...

Inda con todo, a realidade anódina déixame conversas marabillosas con xente estupenda, ver como van razoando as churumbelas, con todas as súas ocorrencias, os meus sobriños coa vida toda por diante e con tanta enerxía desde a mañá á noite, os amigos que van asomando de cando en cando por diferentes vías e pequeniñas cousas que te fan sentir viva e con  ganas de vivir.

E os obxectivos, os que se poida, ímolos procrastinando... Que o inverno é longo e tampouco é apuntar tan alto.

Iso si. Creo que vou tentar o das opos. Así que se algún preparador me le e me quere guiar... Acepto propostas de bo grao. Prometo non procrastinar.

8.8.16

Provisionalmente provisional aprovisionémonos!!

Xa temos destino provisional, a ver se con sorte non piora e este curso durmimos na casiña todas as noites, bra-va!!!!
Teño o blog moi descoidado, seino, e moitas outras cousas tamén, comecemos polo propio pelo que medra polo corpo (cabeza, tronco e extremidades) e acabemos por moitas outras cousas que nin nomeo porque me dá o arreghicho.
Síntoo moito xentiña do mundo, son unha prosma de baixón. As forzas que me acompañaron para moitas outras frontes abandonáronme coma un cadáver a mercé dos preeiros que me veñan furar a barriga.
Pasan os días e o inmobilismo aquí me ten presiña, empalmando un día con outro sen outro horizonte que vivir, que xa dabondo é.
Xa sabedes que me pasaron moitas cousiñas do nososiñor nestes últimos tempos e que en fin, iso tiña que pasar a factura nalgún momento.
Estou facendo exame de conciencia para poñerme a andar e no que resta de vacacións dar máis mostras de que non me aparasitei definitivamente.
As pequerrechas están feitas dous conguitos, todo o día na praia e na auga. Iso si, contaxiáronse do meu tuzarismo, agora xa nin saúdan a xente pola rúa. Estamos nunha batalla que imos perdendo. Canto máis nos amola, máis o fan. Xa non queren falar por teléfono, saír en vídeos, saír en fotos, dialogar con alguén que non sexa do seu estrito interese... Dúas terroristas sociais é o que son ultimamente. E nós teremos que roelo. É o que hai.

E pouco máis que contar. Facendo as contas da vella para o curso que inicia, intentando malabares coas circunstancias de que probablemente non teñan bus escolar e con total seguridade non teñamos comedor, unha delas entrou na escola de música, a outra non... E así todo :____________
Problemas do primeiro mundo, como di o outro. Que se o pensas, dá vergoña contalo.

Un bico a tod@s, oxalá o verán vos estea proporcionando bos momentos. Lembrade que se vos volvedes zulús, non manquedes a ninguén polo camiño, ou, polo menos, poñédelle remedio en canto teñades a ocasión.

16.7.16

Resurrection Fest

E fun ó Resurrection. Non son eu fan do hardcore, pero moitas veces cando saio das aulas teño que poñer o volume a tope e ir tronando a tope.
As estrelas eran os Iron Maiden, pero eu en realidade fun por Offspring. Quen me ía dicir a min nos 90, cando era tan seguidora deles, que vinte anos despois os vería nun festival. Paseino ben, lóxico, foi un dejá vu en toda regra, agora... velos vestidiños tal cal hai vinte anos foi como un pouco de guasa, as cousas como son.
O meu ránking queda así:
1. Bad Religion, moi dignos e xeniais, había como millóns de anos que non os escoitaba e gustoume moito.
2. Offspring por divertido o concerto, pouco máis.
3. Volbeat, para min a gran revelación. Xa son fan deste grupo, gustoume moitísimo o seu directo e agora non deixo de poñelos na casa.
4. Iron Maiden. Si, o espectáculo ben, e cantaron algunhas das míticas, pero creo que debían algo máis. Había alí un lote de incondicionais que, facendo un concerto máis revival ían mexar por eles, debíanllo ao público un pouco pero vaia...

O resto tamén o pasei un pouco cos tapóns postos nos oídos e oíndoos desde a praia, que me chegaba ben. Xa son unha señora, estes festivais e durmir na furgalla xa me rebenta o corpo. Iso si, leveino con máis dignidade da que esperaba :D

Déixovos unha ligazón, para os que gostedes:


15.7.16

Facendo sombreiros de papel con fado de Ana Moura de fondo...

Miña nai educounos a golpe de Juan Pardo, Rocío Jurado, Isabel Pantoja e Julio Iglesias... dous fillos saíronlle fans de Combo Dominicano, outras dúas non seguiron esa esteira.
Inda con todo, moito xogo dei eu nos karaokes, coa miña voz de galiña choca pero sabendo a letra da primeira á última.
Así que cando teño as nenas pola casa ao meu arredor, sempre procuro poñer música variada e diferente que lles poida gustar.
Agora mesmo temos unha chea de revistas vellas abertas, e estamos facendo gorros e barcos de papel... Ben, eu fago e elas pegan gomets e desfán un pouco o choio...
Onte merquei parte dos seus libros de texto do ano que vén... Teñen elas máis libros en primeiro de primaria ca a miña titoría de 1º de ESO, que só tiñan 3... Aquí ímonos a 8...
Vaia, pasamos dunha unitaria en que aprendían a bailar, cantar, relacionarse e traballar por proxectos que eles mesmos ían construíndo a 8 libros de texto, bravo polo cambio!!! (é ironía, claro), iso que eu aprecio e valoro o traballo (moitas veces excelente) que hai detrás dun libro de texto.
E sei que os cartos que custan están en boa parte xustificados (o resto é para manter a industria, o que tamén é lexítimo), hai moitos autores, correctores, editores, ilustradores, deseñadores, tradutores, etc., que poñen o seu labor diario para facer un material xeitoso e ben pensado.
Iso si, tamén me encantan os macarróns ao forno e miña nai inviste horas en cociñalos e non os comería 5 veces ao día 7 días á semana... Enténdeseme, non?
Sei que a LOMCE é un despropósito. Sei da terrible ratio nas aulas de primaria (e nas de infantil, e nas de secundaria!), sei do precario traballo en cadros de persoal que se moven de curso para curso... Ben sei de todo iso e por iso non digo nada, que a sorte nos acompañe.
O meu disgusto é co despropósito de educación que se preconiza desde a administración. É así.
Estes dous pelouros que non saben ler, escribir e que debuxan coellos que parecen churros e persoas que parecen alieníxenas mirándose a espellos da risa... E agora vexo ese tocho de libros que deben pesar 4 quilos e as horas que se supón que van investir sentadiñas facéndoos e cáeme a alma aos pés.
Roubámoslles a infancia, apurámoslles contidos que teñen moooooito tempo de adquirir e que non son significativos aínda para eles...
En fin. Ao que ía. Mentres fago gorros de papel e barquiños adornados, poñemos de fondo un pouquiño de Deolinda. Non vou poder ir ao concerto, así que cantamos na casa. E elas pregúntanme, mami, estes cantan que parece ás veces galego e ás veces inglés :D :D :D, en que cantan? E falamos de mil cousas e despois póñolles pequenas peciñas que adoro... para ir creando o pouso. E ao resto, sobreviviremos.